Aforro e xubilación: canto e desde cando
Seis de cada dez españois contratan un seguro de incendios para a súa vivenda, cando é pouco probable que ocorra tal sinistro. Con todo, poucos se preocupan de asegurar o seu futuro tras a xubilación con algún produto de aforro, aínda cando é moi posible que nesta etapa da vida precisen ingresos extra para facer fronte aos seus gastos e ás súas aspiracións. Na actualidade, apenas dous de cada dez cidadáns do noso país contrataron un seguro de aforro ou un plan de pensións que lles garanta unhas rendas futuras o día de mañá, aínda que é certo que o mercado ofrece outro tipo de produtos financeiros para aforrar. Así e todo, co paso do tempo medra a necesidade de buscar alternativas para complementar as pensións públicas de xubilación.
Á falta de tres meses para que conclúa este exercicio 2008, a maioría das entidades preparan xa as súas campañas de captación de novos clientes en plans de pensións e as aseguradoras están máis activas ca nunca na promoción dos recentes Plans Individuais de Aforro Sistemático (PIAS), que naceron o ano pasado, e dos Plans de Previsión Asegurados (PPA).
Estes produtos contan cunha privilexiada fiscalidade que permite reducir impostos ante a próxima Declaración da Renda. En calquera caso, antes de aceptar algunha das rechamantes ofertas cómpre pensar canto se precisa para gozar dunha boa xubilación e canto se poderá aforrar con cada instrumento. Aínda que é verdade que a maior risco, maior é a posibilidade de conseguir grandes ganancias, non todos os aforradores están dispostos a vivir co corazón nun puño. Para durmir tranquilo, cómpre elixir un produto con posibilidades de revalorización, pero adecuado ao perfil de risco de cada un.
Cálculo medio de aforro
Reservar unha parte do soldo, por pequena que sexa, mediante instrumentos privados converteuse para algúns nunha medida de previsión e para outros nunha necesidade, sobre todo ante o envellecemento progresivo ao que se enfronta a nosa poboación. España é o país con maior lonxevidade de Europa, o que implica a necesidade de aforrar máis polo simple feito de que agora se vive máis tempo. De acordo con esta premisa, está comprobado que o aforro a longo prazo é a solución adecuada para garantir o nivel de vida no momento da xubilación e como complemento das pensións públicas, que se irán reducindo polos problemas demográficos do país (menor poboación activa, envellecemento etc.). A forma de calcular as pensións tamén evolucionou: a tendencia é que se calcule en función da vida laboral completa dunha persoa e non só do que poida gañar nos últimos quince anos, como ocorre agora.
Todo parece indicar que a pensión pública da Seguridade Social será no futuro máis reducida porque o aumento da esperanza de vida en España reducirá a súa contía; ao vivirmos máis anos, requirirase maior atención sanitaria e, en definitiva, os gastos aumentarán. Como mostra, en Deutsche Bank realizaron unha enquisa entre traballadores actuais que conclúe que cando se xubilen, ademais dos seus gastos habituais de manutención e outras necesidades básicas, prevén gastar unha media anual de 1.987 euros en viaxes, 620 euros en afeccións, 533 euros en saúde e coidado persoal, 388 euros noutras actividades de lecer, 288 en deportes e 247 euros en aprender cousas novas.
Ante este panorama, analistas financeiros calcularon que para manter o nivel de vida logo da xubilación, o español medio precisaría aforrar uns 100.000 euros. Esta cantidade permitiría contar cunha renda mensual de 274 euros para os homes e 245 euros ao mes no caso das mulleres (a simulación efectuouse cunha estimación do IPC do 3% anual e unha esperanza de vida de 87 anos no home e 90 na muller).
stes cálculos serían válidos para unha persoa cun soldo duns 20.000 euros brutos, que é o salario medio actual, tendo en conta que a súa pensión pública de xubilación roldará o equivalente aos 800 euros actuais, a pensión media que cobran en torno a nove millóns de xubilados nestes momentos (en concreto sitúase en 794,52 euros, segundo datos do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais).
Como conseguir ese aforro?
Co fin conseguir ese capital necesario para xubilarse sen inquietudes económicas, o mercado dispón dunha gran variedade de produtos de aforro finalista (creados co obxectivo de complementar as pensións públicas).
O máis coñecido e masivo é o plan de pensións, que conta nestes momentos con 8,4 millóns de contas de partícipes (non son clientes reais xa que algúns deles poden contar con varios plans de pensións) ou as denominadas Entidades de Previsión Social Voluntaria (EPSV), que son o equivalente aos plans de pensións pero que só se comercializan no País Vasco, en ambos os dous casos con grandes vantaxes fiscais.
Cómpre diferenciar entre os distintos plans de pensións que se ofrecen, xa que a hipotética rendibilidade que se pode conseguir será moi dispar. Na actualidade, as entidades dispoñen de simuladores que permiten calcular canto se pode aforrar cun plan de pensións, facendo unhas achegas fixas durante, por exemplo, 20 anos.
Se temos en conta que o cidadán medio gaña un soldo bruto de 20.000 euros e fai unha achega media ao seu plan de pensións de 300 euros ao ano, o aforro que pode conseguir nese prazo de 20 anos vai desde os 10.120 euros, se aposta por un plan moi conservador (por exemplo de renda fixa a curto prazo) ou os 18.000 euros se contrata un plan de pensións de renda variable (que inviste practicamente todo o seu capital en bolsa) e manteno durante todo ese tempo.
A maior risco, maior xuro
En concreto, segundo os simuladores das entidades, cun plan de renda fixa a curto prazo pódese conseguir unha rendibilidade hipotética anual do 3,08%. Se se inviste en renda fixa a longo prazo, o xuro estimado que se pode alcanzar elévase ao 5,65% anual.
No caso da renda fixa mixta (que inviste entre un 50 e un 75% en renda fixa e ao redor de 125% en renda variable), a rendibilidade anual hipotética sitúase no 6,48%. Por último, os produtos máis rendibles a longo prazo son os plans de pensións de renda variable mixta (que inviste algo máis do 50% en bolsa e o resto en renda fixa) e os de renda variable pura (que destinan case o 100% do capital ao investimento bolsista).
O rendemento anual esperado que se pode conseguir con estes produtos é do 8,24 e do 10%, respectivamente, segundo as entidades financeiras.
Un cálculo sinxelo suxire que para alcanzar eses 100.000 euros necesarios e gozar dunha boa xubilación é necesario comezar a aforrar cun plan de pensións aos 35 anos e facer unhas achegas anuais de, polo menos, 1.500 euros, durante 30 anos. No mellor dos casos (se se inviste nun plan de renda variable), pódese conseguir un capital máis rendementos de 271.000 euros.
Se se aposta polo investimento máis discreto e conservador (renda fixa a curto prazo), o capital final aos 65 anos alcanzaría os 100.019 euros. En calquera caso, hai que ter en conta que ningunha destas categorías de plans de pensións garante unha rendibilidade.
Nos últimos doce meses, por exemplo, os plans de pensións de renda variable perden un 13,40%, aínda que a tres e cinco anos son a categoría máis rendible: gañan un 8,42 e un 11,11% ao ano neste período, respectivamente.
Seguros, novo modelo de aforro
Ademais dos plans de pensións, tamén se pode preparar a xubilación cun dos centos de seguros de aforro. En particular, hai dúas modalidades que están gañando interese: os plans de previsión asegurados (PPA) e os plans individuais de aforro sistemático (PIAS). No caso dos PPA, as entidades están obrigadas a garantir un tipo de xuro, co que, neste caso, non hai posibilidade de perder capital.
Ademais, rexistran a mesma fiscalidade dos plans de pensións. Os PIAS, aínda que non están obrigados por lei, tamén adoitan garantir unha rendibilidade mínima e entre as súas vantaxes está a opción de non declarar as ganancias obtidas sempre que se manteña o investimento no produto durante, polo menos, dez anos.
No suposto anterior, o dun aforrador que comece a achegar a un PPA ou un PIAS con 45 anos 300 euros anuais, conseguiría un capital de 9.800 euros (a rendibilidade anual estimada sitúase no 3%). Se ese mesmo cidadán comeza a investir con 35 anos e eleva as súas achegas a 1.500 euros anuais, o capital final acumulado (xunto cos xuros) non alcanzaría os 100.000 euros. Do mesmo xeito que ocorre cos plans de pensións, as rendibilidades son hipotéticas. En calquera caso, a gran maioría destes produtos ofrecen ganancias seguras (os PPA están obrigados a iso e os PIAS case sempre optan por esta fórmula de rendibilidades fixas).
Modificacións en función do momento
Para conseguir un investimento a longo prazo equilibrado é moi conveniente axustar o plan de pensións ou o PPA á idade do partícipe. A lei financeira permite cambiar de plan de pensións a PPA e viceversa sen ningún custo. Por iso o ideal é que o partícipe comece investindo nun produto de risco, para concluír os seus anos inmediatamente anteriores á xubilación nun PPA ou un plan de pensións de risco baixo. Ademais, é importante saber que se poden abrir tantos plans de pensións ou PPA como se queira.