Formación integradora para capacidades diferentes
Ás portas dun novo curso escolar, as bágoas dos máis pequenos confúndense cos abrazos e cos nervios dos que xa experimentaron a sensación de compartir por primeira vez un pupitre con outros nenos da súa idade. Todos acoden á clase o mesmo día, aínda que non todos reúnen as mesmas aptitudes ou capacidades de aprendizaxe, unha diferenza que nunha primeira ollada pode non apreciarse, pero que determinará o futuro escolar do menor. A súa inclusión no sistema educativo viviu unha evolución na que foron desaparecendo os sistemas que fomentaban o illamento dos menores con algún tipo de deficiencia física, psíquica, motora ou sensorial, e impedía, na maioría dos casos, que alcanzasen un óptimo desenvolvemento das súas capacidades e do seu proceso de socialización.
Un alumno precisa axuda educativa especial cando as súas dificultades son maiores respecto ao resto dos seus compañeiros na aprendizaxe que se determina no currículo correspondente á súa idade e precisa, por un período da súa escolarización ou ao longo de toda ela, determinados apoios e atencións educativas específicas para compensar as devanditas dificultades. Tamén se inclúen neste grupo os que debido á súa alta capacidade intelectual precisan de actividades complementarias para a súa correcta formación.
Xa sexa por discapacidade física, motora, psíquica, trastornos graves de conduta, ou sobredotación, e segundo datos do Ministerio de Educación, preto de 140.000 alumnos de niveis anteriores á universidade con necesidades educativas especiais aténdense nas aulas escolares españolas, xa sexa en centros de educación especial específica (21%) ou en centros educativos ordinarios (79%). Segundo datos do Sistema estatal de indicadores da educación 2006, o último publicado polo Instituto Nacional de Calidade e Avaliación (INCE), a deficiencia psíquica é o diagnóstico da maior porcentaxe de alumnos con necesidades educativas especiais, un 60%, seguido dunha porcentaxe moito menor de alumnos diagnosticados por autismo e trastornos graves de personalidade, 14%. O resto de diagnósticos non superan o 10%.
Todos os alumnos, sexa cal for a súa condición, deben integrarse no actual sistema educativo. No caso dos alumnos con necesidades educativas especiais (NEE), a súa adaptación debe desenvolverse nun contexto o máis normalizado posible desde o momento da súa detección, o que implica dispoñer de determinados servizos ou axudas pedagóxicas, que van desde as máis ordinarias ás máis específicas, e inclúen axudas temporais e outras prestacións permanentes.
O Real decreto 334/85, do 6 de marzo, de ordenación da Educación Especial (EE), recoñece que conforme o principio de normalización, as persoas non han de recibir nin utilizar servizos excepcionais máis ca nos casos imprescindibles, polo que a escolarización debe realizarse en centros ordinarios, e adaptar os programas ás capacidades individuais de cada alumno. Por esta razón a escolarización en unidades ou centros de educación especial só se leva a cabo cando as necesidades do alumno non se poidan atender nun centro ordinario, é dicir, cando se trata de alumnos con necesidades educativas permanentes asociadas a condicións persoais de discapacidade psíquica, sensorial ou motora, graves trastornos do desenvolvemento ou múltiples deficiencias que requiran adaptacións significativas específicas.
Para iso cóntase con diversos centros de Educación Especial, institucións públicas ou privadas, nos que se poderán escolarizar, logo da proposta e decisión dos Equipos de Orientación Educativa e Psicopedagóxica (EOEP) e en conformidade coa familia, os alumnos con NEE asociadas a atraso mental severo e profundo, a plurideficiencias e a trastornos de personalidade vinculados á psicose e ao autismo.
Límite de idade
A escolarización ordinaria nos niveis de ensino obrigatorio dos alumnos con Necesidades Educativas Especiais permanentes realízase segundo as idades establecidas con carácter xeral para estes tramos educativos. A duración mínima de dez anos pódese flexibilizar de acordo coas valoracións psicopedagóxicas pertinentes e garántese a planificación necesaria para que o alumnado que realiza a súa escolaridade obrigatoria nun centro ordinario poida seguila, nos niveis postobligatorios de ensino, nun centro do mesmo carácter.
No caso dos centros específicos de Educación Especial, os alumnos que cursan ensinanzas da educación obrigatoria poderán permanecer escolarizados ata os 20 anos como máximo. No entanto, autorízase con carácter excepcional e logo da conformidade dos pais ou titores legais a ampliación deste límite de idade, e permítese a escolarización ata os 21 anos, tendo en conta as circunstancias de especial gravidade que se presentan no alumnado afectado por determinados tipos de discapacidade. Terminado este ciclo poden solicitar praza en centros residenciais (ocupacionais ou centros para persoas con discapacidade gravemente afectados).
Modalidades de integración
- Modalidade de Integración Completa. A educación dos alumnos que precisan adaptacións pouco significativas do currículo lévase a cabo nunha aula ordinaria.
- Modalidade de Integración Combinada. Os alumnos que requiren adaptacións significativas do currículo reciben a súa educación no centro ordinario, pero teñen o apoio dun profesor especialista a nivel individual ou en pequeno grupo, fóra do contexto da aula ordinaria durante un tempo que non debe exceder do 50-60% do horario lectivo, procurando estar o máximo tempo posible na aula.
- Modalidade de Integración Transitoria. Os alumnos que precisan adaptacións moi significativas do currículo precisan de recursos específicos orientados a favorecer a adquisición de autonomía persoal e social suficientes que lle permitan unha maior integración escolar, así como a adquisición de habilidades e destrezas básicas para a súa vida diaria. Os alumnos que polas características da súa deficiencia requiran atencións e recursos dos que non dispón o sistema ordinario poderán ser escolarizados en centros de Educación Especial.
- O alumno debe ser valorado polo Equipo de Orientación Educativa e Psicopedagóxica (EOEP) da súa zona de residencia ou polo Equipo de Atención Temperá (EAT), se ten menos de cinco anos.
- A proposta de escolarización do Equipo de Orientación Educativa e Psicopedagóxica ou do EAT inclúe a conformidade da familia e o centro proposto que mellor se adapte ás súas necesidades.
- O Servizo de Inspección Educativa tomará a decisión sobre a súa escolarización, que se lle comunicará ao centro e este poñerase en contacto coa familia.
Cualificación dos educadores
Nos centros ordinarios de educación primaria que escolarizan alumnos con necesidades educativas especiais en réxime de integración, o profesorado é o habitual, aínda que contan con profesores de apoio, fisioterapeutas, logopedistas e auxiliares técnicos educativos. No caso dos centros de educación secundaria deben dispoñer dun servizo ou departamento de orientación formado por un psicopedagogo e profesores de apoio especialistas en pedagoxía terapéutica, en audición e linguaxe, e nos ámbitos científico-tecnolóxico e lingüístico-social. Entre as funcións que han de desempeñar estes equipos destacan a atención ás demandas de avaliación psicopedagóxica dos alumnos que a precisen, a colaboración na prevención e detección temperá de dificultades e problemas de desenvolvemento persoal e de aprendizaxe que poidan presentar os alumnos, e a colaboración cos titores no seguimento dos alumnos con necesidades educativas especiais.
Polo que respecta aos centros de educación especial, o profesorado debe dispoñer da titulación requirida para a súa respectiva función: mestres coa especialidade de educación especial e/ou audición e linguaxe, ademais dunha serie de especialistas: fisioterapeutas, logopedistas, auxiliares técnicos educativos, psicólogos/pedagogos e traballadores sociais.
Trastornos de aprendizaxe
Dentro do grupo dos nenos con necesidades educativas especiais hai un subgrupo que sofre atrasos no desenvolvemento das aprendizaxes escolares básicas -lectura, escritura e cálculo-. Padecen, xa que logo, trastornos da aprendizaxe que afectan non só ao rendemento escolar e ás relacións interpersoais dos pequenos, senón que poden ser motivo de fracaso escolar e abandono académico se non se realiza o adecuado diagnóstico e intervención.
Os trastornos de aprendizaxe afectan a un de cada dez nenos en idade escolar, e poden ser detectados a partir dos cinco anos de idade. As súas dificultades poden limitarse a unha área específica da aprendizaxe escolar, ou ben afectar a varias áreas, e o seu principal problema é detectalas xa que, ademais de non seren apreciables nunha primeira ollada, a súa gravidade e as súas características varían en cada caso. Así e todo, en ningún caso se debe pensar que estes nenos sofren algún tipo de atraso mental, xa que o seu nivel de intelixencia, agudeza visual e auditiva, capacidade motora e equilibrio emocional está na media, aínda que non consigan tantos logros coma outros nenos co mesmo coeficiente intelectual.
Tipos máis comúns de trastornos de aprendizaxe
Dislexia. É o trastorno de aprendizaxe máis común e caracterízase porque o neno padece problemas para entender palabras, oracións ou parágrafos, xa que ten dificultades en descodificar as palabras escritas, polo que se aprecian alteracións na precisión, velocidade ou comprensión na lectura. Con todo, non ten problemas coa comprensión oral, porque cando alguén lle le o texto compréndeo perfectamente.
- Disgrafía. Nos nenos con disgrafía aprécianse dificultades para formar correctamente as letras ou escribir dentro dun espazo determinado, polo que os seus textos poden resultar indescifrables.
- Disortografía. O neno sofre serias dificultades para respectar a estrutura gramatical da linguaxe, obsérvanse faltas de ortografía nos textos e nos casos máis graves poden aparecer omisións de sílabas completas, cambios de letras ou confusión entre elas. Estas alteracións adóitanse asociar a problemas de dislexia.
Discalculia. Trátase daqueles nenos con dificultades para resolver problemas e entender conceptos matemáticos. Esta alteración é pouco coñecida e infrecuente, o que adoita dificultar que sexa detectada polo contorno do neno, que adoita presentar, ademais, outras alteracións da aprendizaxe como a disgrafía ou a dislexia.
Indicadores da presenza dun problema de aprendizaxe
- O neno rexistra problemas para entender e seguir as tarefas e instrucións.
- Resúltalle difícil recordar o que se lle acaba de dicir.
- Non domina as destrezas básicas de lectura, deletreo, escritura e matemáticas.
- Élle complicado distinguir entre dereita e esquerda (lateralidade) e entre arriba, abaixo, diante e atrás (direccionalidade).
- Fáltalle coordinación ao camiñar, facer deporte ou levar a cabo actividades sinxelas, tales como coller un lapis ou amarrar o cordón do zapato (coordinación motriz).
- Perde ou extravía o seu material escolar, como os libros e outros artigos con facilidade.
- Ten dificultade para entender os conceptos espaciotemporais e confúndeos: “onte”, “hoxe”, “mañá”, “agora”, “lonxe”, “preto”, “antes”, “despois”.
- Manifesta irritación ou excitación con facilidade.
Adaptacións curriculares
As adaptacións curriculares son as estratexias educativas ou modificacións de programa, obxectivos, contidos, metodoloxía, actividades, criterios e procedementos de avaliación que axustan o currículo ás necesidades do alumnado co obxectivo de facer que determinados obxectivos ou contidos sexan máis accesibles a un alumno ou a un determinado tipo de persoas, mesmo prevé eliminar aqueles elementos do currículo que lles sexa imposible alcanzar pola súa discapacidade. Están dirixidas aos alumnos que por diversas razóns educativas, sociais, culturais, por padecer un déficit de calquera índole ou polas súas calidades excepcionais, non poden seguir o proceso ordinario de ensino sen modificar en boa medida o currículo de referencia.
- Adaptacións Curriculares de Acceso ao Currículo. Trátase da provisión de recursos espaciais, materiais, persoais ou de comunicación que facilitan que algúns alumnos con necesidades educativas especiais poidan desenvolver o currículo ordinario ou, se é o caso, o currículo adaptado.
- De Acceso Físico. Limítase aos recursos espaciais, materiais e persoais, como a eliminación de barreiras arquitectónicas, a adecuada iluminación e sonoridade, o mobiliario adaptado, o profesorado de apoio especializado etc.
- De Acceso á Comunicación. Concéntrase en materiais específicos de ensino como Braille, lupas, telescopios, ordenadores, gravadoras etc.
- Adaptacións Curriculares Individualizadas. Son todos aqueles axustes ou modificacións que se efectúan nos diferentes elementos da proposta educativa desenvolvida para un alumno co fin de responder ás súas necesidades educativas especiais e que non poden ser compartidos polo resto dos seus compañeiros.
Dadas as necesidades educativas destes alumnos -asistencia a centros privados, transporte especial, material educativo complementario etc.- o gasto que xera o seu paso polas aulas supón todo un reto para a economía de moitas das súas familias. Para axudar a afrontalo, o Ministerio de Educación convoca cada ano unha serie de axudas específicas destinadas a este alumnado, que este exercicio incrementáronse un 6% respecto do curso anterior e elevaron un 27% os límites de renda familiar requiridos para acceder a elas, de forma que se amplía o número de familias que poden optar a estas axudas.
Dentro das axudas que se convocan para o curso 2008-09 disponse de prestacións directas para os alumnos con necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade ou trastorno de conduta, subsidios por necesidades educativas especiais asociadas a discapacidade ou trastorno de conduta para familias numerosas e axudas para programas específicos complementarios á educación regulada para alumnado con necesidades de apoio educativo asociadas a altas capacidades intelectuais. Poden beneficiarse destas axudas os nenos que cumpran tres anos e estean escolarizados tanto en centros específicos coma en unidades de educación especial dun centro ordinario ou en centros ordinarios que escolaricen a alumnos que presentan necesidades educativas especiais, autorizados pola Administración educativa.
As prestacións ás que poden ter acceso as familias que cumpran cos requisitos establecidos polo Ministerio de Educación oscilan entre os 100 euros (200 euros en bacharelato e formación profesional) de axuda para a adquisición de libros e material escolar, ata os 1.760 euros que pode percibir quen precise aloxarse nunha residencia escolar. Ademais, habilitáronse axudas para afrontar o pagamento da matrícula e das mensualidades escolares (ata 845 euros), para transporte (ata 605 euros se é privado e 302 euros se é urbano) ou comedor escolar (ata 563 euros), entre outros conceptos.