O prezo dunha residencia pode ser ata sete veces superior segundo a cidade e o modelo de aloxamento
Da análise dedúcese, iso si, que a diversidade de prezos é moi ampla e está condicionada pola cidade elixida e polo modelo de aloxamento: o maior custo do estudo, atopado nunha residencia barcelonesa, é de 1.418 euros mensuais por un cuarto individual con baño e pensión completa. Esta cantidade é case sete veces maior ca os 230 euros dunha residencia avaliada en Sevilla, que só dá o dereito a aloxamento, a mensualidade máis económica do estudo.
Visitáronse 86 residencias e colexios maiores en 18 cidades: Alacant, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, Salamanca, San Sebastián, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. A listaxe inclúe públicas, privadas, concertadas, femininas, masculinas e mixtas. Máis da metade das residencias e colexios maiores estudados eran mixtos, pero aínda perdura a separación de sexos: case o 38% eran só femininas e o 11% masculinas.
Por unha banda, CONSUMER EROSKI solicitoulles información aos directores e responsables de cada centro. Por outra, técnicos desta revista, facéndose pasar por clientes interesados en aloxar nesa residencia a un familiar, visitaron, en xullo deste ano, cada unha das residencias para comprobar sobre o terreo o estado das instalacións e a súa conservación, a limpeza, os servizos ofertados, a accesibilidade, a seguridade e as condicións de admisión ou normas de cada unha delas.
As residencias e os colexios maiores analizados aproban cun pouco satisfactorio ‘aceptable’ o exame proposto pola revista: as de Murcia e Vitoria logran un ‘moi ben’; o ‘ben’ certifica a valoración das visitadas en Alacant, Bilbao, Córdoba, Málaga e San Sebastián; quedan nun pobre ‘aceptable’ os centros estudados en Barcelona, Madrid, Granada, Oviedo, Salamanca, Santiago de Compostela, Valencia, Valladolid e Zaragoza. As peores cualificacións do informe recaen nas instalacións observadas en Pamplona e Sevilla, que suspenden cun ‘regular’.
Por seccións, as 86 residencias visitadas obteñen valoracións positivas en información, limpeza e servizos que lles ofrecen aos seus residentes (o índice medio é dun ‘ben’). Fraquean con todo en medidas de seguridade ante casos de urxencia (apenas un ‘aceptable’) e suspenden en accesibilidade (‘regular’). De feito, menos da metade dos centros estudados dispón de cuartos adaptados para residentes con discapacidade.
O cambio que representa o inicio dunha carreira universitaria agudízase cando implica o abandono por primeira vez do fogar familiar. A busca do aloxamento adecuado na cidade de destino convértese nunha prioridade. As opcións son múltiples: colexios maiores, residencias, pisos, familias ou clubs universitarios. As posibilidades económicas e a primacía da independencia persoal ou a comodidade marcan a decisión final.
- Colexio maior: o principal atractivo destes centros é a posibilidade de establecer relacións sociais nunha cidade descoñecida. O estudante ten todas as necesidades cubertas, pero o prezo que debe pagar mensualmente por iso é máis caro. O punto feble destes lugares é a sensación de continuar nun ambiente semellante ao do fogar, con horarios e normas por veces moi estritas.
- Residencias: este tipo de centros ofrecen unha maior liberdade de movemento ca os colexios maiores. En xeral, as normas non son tan estritas. Ademais, do mesmo xeito ca eles tamén son lugares moi solicitados pola posibilidade de coñecer outras persoas durante o primeiro curso.
- Piso compartido: a busca de aloxamento deste tipo é un labor máis complicado ca a de residencias e colexios maiores. Con todo, é a opción preferida polos estudantes que buscan librarse de ataduras, horarios e normas estritas. Vivir así supón ter liberdade absoluta, aínda que por veces o estudante non é capaz de organizar o ritmo de estudo e traballo coa rutina de levar unha casa. En moitos casos, os estudantes teñen máis gastos imprevistos que terminan descadrando o orzamento.
Canto custa unha residencia ou un colexio maior?
Aloxarse nun colexio maior ou nunha residencia en España supón un desembolso medio de 654 a 574 euros ao mes. Madrid é a opción máis cara, posto que un cuarto individual con baño e pensión completa custa unha media de 897 euros cada mes (a pinza vai dos 1.135 aos 582 euros), aproximadamente 90 euros máis ca un cuarto dobre coas mesmas características. En carestía séguelle Barcelona, aínda que os prezos medios descenden 75 euros dos da capital madrileña: un cuarto individual con baño e pensión completa ascende, de media, a 822 euros, 83 euros máis ca o cuarto dobre con características semellantes.
No extremo contrario atópanse as residencias visitadas en Sevilla: un cuarto individual con baño e pensión completa queda de media en 519 euros, unha diferenza abismal con respecto a Madrid, case 400 euros de aforro cada mes. A cuarto dobre é máis barato aínda: 462 euros. Na listaxe de prezos menos onerosos tamén ocupa un posto destacado Santiago de Compostela: 539 euros ao mes o cuarto individual con baño e pensión completa e 491 o cuarto dobre.
A oferta non se limita ao cuarto individual ou dobre con pensión e baño completos. Entre as modalidades máis comúns tamén están as de cuarto individual e dobre con baño completo e media pensión. Os prezos máis onerosos atopáronse de novo en Barcelona, con 735 e 709 euros.
Tamén é posible contratar o aloxamento sen ningún tipo de réxime de pensión. Esta última posibilidade é a máis alcanzable: o prezo medio é de 357 euros ao mes.
Á parte do pagamento mensual, na maioría das residencias esíxese unha fianza previa en caso de abandono sen causa xustificada, perda da praza ou deterioración das instalacións ou do mobiliario. As cantidades, do máis variadas: desde os 30 e 60 euros que deben aboarse nunha residencia de Málaga e de Pamplona, aos 2.000 euros ou 1.500 que se solicitan noutras dúas situadas en Barcelona e Granada.
Dos servizos máis básicos ás residencias “de luxo”
Un parámetro que fala da calidade das residencias de estudantes universitarios é o dos servizos que ofrece. Das 86 residencias e colexios maiores, tan só o 45% dispoñía de baño completo nos cuartos, é dicir, un aseo que incluía lavabo, ducha e inodoro. O 35% habilitárao unicamente nalgunhas das estancias, e no 20% non tiñan en ningún cuarto. Destaca o caso de Barcelona, onde en 7 das 10 residencias estudadas os baños son compartidos por todos os usuarios.
Máis da metade ofrécenlles a roupa da cama aos seus residentes (no 50% das residencias que non o fan, cóntase coa posibilidade de alugala), e só dúas delas non contaban con calefacción ou elementos imprescindibles como armarios, papeleiras e mesas de estudo.
Algúns dos servizos máis comúns dunha residencia para estudantes universitarios son a recepción, o comedor (presente ata naqueles centros que non lles ofrecen manutención aos seus residentes), a lavandaría (na maioría dos casos incluída no prezo que paga o usuario), salas para recibir visitas e aulas de estudo.
O 100% dos centros que dispoñen de sala de computadores (64 das 86 residencias do informe) contan con internet e tres de cada catro residencias visitadas ofrece conexión á rede nos propios cuartos. Nas salas multimedia, a dotación media de ordenadores é de oito terminais. Para fomentar a integración na vida universitaria, máis do 70% das residencias analizadas organizaba actividades socioculturais durante o curso, especialmente en Madrid, Málaga, Murcia, Santiago de Compostela e Valladolid.
Ante calquera apuro, é oportuno que as residencias dispoñan de polo menos unha caixa de urxencias, como ocorre no 75% dos casos estudados. Algunhas das observadas en Madrid, Málaga e San Sebastián contan con enfermaría. Nalgún dos centros de Oviedo e Pamplona, como ocorre tamén en Madrid e Málaga, dispón mesmo dun médico de forma permanente nas súas instalacións. En canto a infraestruturas deportivas, só se atoparon na metade das residencias visitadas.
A maior parte delas están ben conectadas cos campus universitarios, centros históricos ou principais estacións de autobús, tren ou metro. Aínda que o 95% dos centros estudados non garanten un servizo de transporte propio (si nalgunhas das visitadas en Pamplona, Córdoba e Oviedo), non hai máis de 10 minutos andando, no peor dos casos, desde a entrada da residencia á parada de transporte urbano máis próxima.
O 10% destes centros contaban cun gabinete de atención pedagóxica e o 12% cun servizo de apoio psicolóxico para os alumnos que residen nas súas instalacións.
Boa limpeza: unha máxima que se cumpre
Case no 40% das residencias analizadas os propios residentes eran os encargados de limpar os seus cuartos. Con todo, naquelas onde o prezo incluía este servizo, a frecuencia de limpeza era diaria no 18%; cada dous días no 10%; cada tres no 14% e unha vez á semana no 18%.
En canto ao resto das dependencias da residencia ou do colexio maior, a limpeza era a norma nos interiores dos edificios; a pulcritude marcaba o estado dos aseos (as únicas excepcións: cheiros desagradables nunha residencia salmantina, nin rastro de papel hixiénico nalgún visitado en Pamplona e pouco xabón de mans nun único centro navarro e dous de Murcia e Valencia). Ademais, as instalacións deportivas estaban en perfecto estado (non sendo o abandono observado nalgunhas de Valladolid e Madrid).
Así e todo, só había colectores para depositar papel e cartón no 62% das residencias visitadas; recipientes para depositar envases de plástico na metade delas; recollida de pilas nun 53% e lixo orgánico nun 50%.
Murcia, Bilbao e Vitoria, únicos exemplos positivos en accesibilidade
Unha das maiores deficiencias destes centros atopouse na súa adaptación para persoas con discapacidade: un 60% das 86 residencias incluídas no informe da revista non dispón tan sequera dun só cuarto adaptado para estes residentes. As mellores neste campo, as visitadas en Bilbao, Murcia, Alacant e Vitoria. No extremo contrario, as de Pamplona, Oviedo, Barcelona, Salamanca e Valladolid. Ademais, os centros de Bilbao e Vitoria son os únicos do estudo con baños especialmente habilitados con oco debaixo do lavabo para unha cadeira de rodas, prato de ducha sen cortinas e asa ou inodoro adaptado, entre outras medidas.
A situación non mellora nin moito menos no resto da inspección que efectuaron os técnicos tanto do interior coma do exterior da residencia: só en 40% dos casos se observaron ramplas de acceso na entrada para salvar escaleiras; en algo menos da metade as portas non eran o suficientemente amplas como para permitir o paso dunha cadeira de rodas; nun de cada tres centros non había ascensor para subir a outros pisos ou os que se atoparon non eran o necesariamente amplos. Nunha gran maioría, o aparcadoiro non conta con prazas de aparcamento reservadas para residentes discapacitados.
Un último punto salientable neste sentido: en apenas un par de colexios maiores e residencias de Murcia, Sevilla e Vitoria se apreciaron os escasos carteis escritos en braille atopados polos técnicos do informe.
A elección dunha residencia en que vivir durante o curso académico non se debe tomar á lixeira. Non se trata tan só dun lugar onde durmir senón que, por veces, se converte na verdadeira casa para aqueles mozos que deciden marchar a unha localidade diferente do seu lugar de orixe para continuar os seus estudos universitarios. Así, a residencia ou colexio maior ideal debería contar con:
- Réxime de aloxamento: o máis cómodo para os residentes é dispor dun réxime de pensión completa, o que evita gastar tempo e diñeiro en comer fóra da residencia ou ter que facer a súa propia comida. Outra opción é a daqueles cuartos tipo apartamento que dispoñen da súa propia cociña. Para aqueles residentes que deban seguir unha alimentación especial por prescrición médica, o ideal sería que a residencia puidese adaptar os seus menús ás necesidades especiais destas persoas.
- Servizos: todas as comodidades para os residentes: lavandaría, servizo de enfermaría, cafetaría-bar, zonas deportivas, estancias amplas e luminosas para o estudo que estean dotadas de ordenadores, así como dunha rede wifi, e un bo número de volumes na biblioteca; zonas para o lecer ou o descanso (salas de estar, para ver a televisión ou recibir visitas alleas á residencia ou ao colexio maior); servizo de fotocopistaría, envío de correo postal e de fax; aparcadoiro (para automóbiles, ciclomotores e bicicletas); espazos axardinados ou servizo de transporte para ir ao campus, ao centro da cidade ou ás principais estacións de autobús, tren… (ou na súa falta, paradas de transporte urbano a poucos minutos da residencia ou do colexio maior). Ademais, é esencial que tanto as zonas dos cuartos coma as dependencias comúns estean limpas e ben iluminadas.
- Seguridade: cómpre que a residencia dispoña de todas as medidas de seguridade necesarias en caso de urxencia durante as 24 horas do día: persoal de seguridade ou cámaras nos accesos e entradas ás instalacións, así como toda unha serie de dispositivos (en cuartos e zonas comúns) como luces e saídas de urxencia, extintores, detectores de fume/lume, bocas de rega, alarma, mangueiras…
- Accesibilidade: os responsables das residencias deben ter en conta que as persoas discapacitadas son residentes coma os demais e, xa que logo, deben ter cubertas as súas necesidades e comodidades. O correcto sería que estes estudantes non tivesen ningún tipo de problema para poder acceder e desprazarse pola residencia, ademais de contar con cuartos, baños, salas comúns e mesmo prazas de aparcadoiro específicas para eles.
Medidas de seguridade correctas aínda que mellorables e táboa comparativa
O 86% dos colexios maiores ou residencias teñen instalado un sistema de alarma, aínda que nunha ducia situadas en Barcelona, Córdoba, Granada, Madrid, Málaga, Oviedo, Salamanca, Santiago de Compostela e Sevilla aínda non o fixeron (nos cuartos, esa porcentaxe redúcese ata un 60%). Extintores, luces e saídas de urxencia atopáronse na gran maioría das residencias. Así e todo, só un 60% destas saídas estaban correctamente sinalizadas. Unha deficiencia máis: só o 22% das residencias analizadas realizaron algún simulacro de urxencia no último ano.
Normas e admisión, cada residencia é un mundo
Cada residencia ou colexio maior réxese por unha serie de normas propias para o bo funcionamento das instalacións e a perfecta convivencia entre os residentes e o persoal destes aloxamentos universitarios. Así, a ningún dos estudantes aloxados nas tres residencias visitadas na capital murciana, nin tampouco na maioría das examinadas en Santiago de Compostela e Valencia se lles permite acender un cigarro nas súas instalacións ou dependencias.
As residencias avaliadas en Pamplona son as que máis “controlan” a entrada de persoas ás súas instalacións: en ningunha das catro analizadas na capital navarra se permitía a visita de persoas alleas á residencia. Ademais, en dous destes catro centros universitarios é obrigatorio acudir con asiduidade ás actividades que organizan os responsables do centro (algo semellante ocorre en tres das catro residencias malagueñas). Na metade das estudadas en Salamanca rexístranse as horas de entrada e saída dos residentes do centro.
Ante calquera falta de disciplina, a maioría das residencias prefiren solucionar o problema cos propios mozos, xa que desbotan informar os pais do sucedido. Con todo, unha ampla porcentaxe das residencias alacantinas, navarras e barcelonesas visitadas dan boa conta aos proxenitores do comportamento ou do rendemento académico dos seus fillos.
Respecto dos requisitos de admisión, o catálogo é variado. Estar matriculado nunha universidade concreta ou demostrar un expediente académico irreprochable son algúns dos criterios que esgrimen estas residencias para concederlle ou denegarlle a praza a un alumno que desexe aloxarse nas súas instalacións durante os nove meses do curso escolar. Este é o caso da maioría dos centros examinados en Oviedo (algunhas das residencias analizadas están dirixidas para estudantes de MIR ou BIR), Córdoba, Madrid, Salamanca e Zaragoza. Os responsables das residencias visitadas na capital aragonesa, xunto coas avaliadas en Madrid, son os que máis se fixan nas notas logradas no bacharelato e na selectividade.
Todos os centros visitados en Pamplona e a maioría de Barcelona, Salamanca e Valladolid usan, ademais, os resultados da entrevista persoal previa como criterio e en Málaga, ademais, poñen especial atención na renda familiar de cada mozo. No lado oposto, as residencias visitadas en Bilbao, San Sebastián, Vitoria e Alacant presumen de non ter nin unha soa condición neste sentido.