Tensión desbocada
A enfermidade cardiovascular, unha das maiores ameazas para a saúde nos países occidentais, converteuse nunha prioridade sanitaria polo seu elevado impacto económico e social. Habitualmente, as estratexias de prevención abordan os factores de risco cardiovascular (hipertensión arterial, hiperlipemia, tabaquismo e diabete) de maneira individualizada, aínda que en realidade é frecuente que se presenten de maneira combinada. De aí que aumente a tendencia entre os expertos de buscar un enfoque conxunto para formular a prevención e o tratamento.
De todos os factores de risco, o control da hipertensión arterial (HTA) é o que está a reclamar maior atención na actualidade. Sen apenas síntomas ao primeiro ou pouco específicos cando se empeza a manifestar, a HTA anúnciase en forma de cansazo, dores de cabeza, mareos ao cambiar de posición ou ao erguerse, zunido de oídos ou alteracións da visión. Co paso do tempo, se non hai control, vai minando a integridade de riles, retina, corazón e arterias. Pode causar unha cardiopatía hipertensiva, aneurismas (rotura de vasos sanguíneos), nefropatía hipertensiva ou accidente vascular cerebral ou ictus. As cifras indican que entre un 10% e un 20% da poboación adulta nos países occidentais padece HTA.
Diagnóstico non tan sinxelo
Aínda que parece simple chegar a un diagnóstico de HTA, na práctica non resulta tan sinxelo xa que, amais da variabilidade das cifras tensionais ao longo do día, poden rexistrarse elevacións ocasionais e transitorias. Para atinar co diagnóstico, realízase unha toma de tensión á semana durante dous ou tres meses, sempre nas mesmas condicións. Se, malia todo, se manteñen as dúbidas recórrese a un rexistro continuo mediante un aparello portátil que rexistra a TA a intervalos de 30 minutos durante 24 horas.
Como norma xeral, acéptanse como límite unhas cifras por riba de 160/95 mmHg, aínda que se fixaron diferenzas rexionais en función de factores ambientais e xenéticos. As cifras tensionais, ademais, están suxeitas a variacións durante o día e teñen un ritmo nictameral, é dicir, son máis altas pola mañá, diminúen lixeiramente durante o día e aínda máis pola noite. O esforzo físico, o frío, a dor, o medo ou situacións de tensión psíquica como conducir, falar en público ou discutir, poden elevar transitoriamente a tensión arterial. Iso sen contar a propia medición: o mero feito de acudir á consulta produce unha reacción de alerta que tende a elevala, que se normaliza tras repousar un pouco e repetir a toma un par de veces.
O coñecemento de que a HTA é esencial (descoñécese o mecanismo que a orixina) ou secundaria é fundamental para o seu control e tratamento. Na secundaria adoita identificarse unha causa desencadeante (enfermidades renais, exceso de función dalgunhas glándulas endócrinas) que haberá que tratar para normalizar os niveis tensionais.
Dieta, exercicio e medicación
O tratamento da HTA baséase nunhas medidas hixiénico-dietéticas básicas: dieta, exercicio e medicación. A dieta está destinada a reducir o peso, incrementar o consumo de verduras, froitas e hortalizas e diminuír o consumo de graxas saturadas e de sal. Así mesmo, un programa de exercicio aeróbico, axeitado á idade e ás circunstancias e sempre despois dunha revisión médica, axuda a fortalecer o corazón, a baixar peso e a controlar a tensión arterial.
A prescrición de medicamentos debe ser exclusiva do médico e é frecuente, ao principio, que haxa que efectuar cambios de tratamento ata atopar as doses e o fármaco axeitado. É común que a HTA vaia ligada a cifras de colesterol elevado, o que co tempo dificulta o cumprimento terapéutico.