Enerxías limpas, pero non a calquera prezo
A extensión das enerxías renovables non garante por si mesma unha mellora do medio. Fontes alternativas, como os biocombustibles, a eólica ou a solar, poden carrexar problemas se se implantan sen unha avaliación previa do seu impacto e sen establecer políticas de aforro reais. A cuestión non é renunciar a elas senón planificar ben o seu uso para que os impactos negativos non superen as vantaxes. Son os pés de lama das enerxías limpas.
Un informe recente das Nacións Unidas (ONU) alerta sobre as consecuencias negativas que se poden producir se a sociedade se lanza a desenvolver unha industria do biocombustible de maneira acelerada. Se se destinan grandes cultivos á produción de biocarburantes no canto de alimentos, di o informe, pódese producir un desequilibrio no abastecemento alimentario mundial e un aumento da deforestación, dada a grande extensión de terreo que se vai precisar para obter biocarburante.
Biocarburantes ou alimentos
A necesidade de espallar o uso dos biocombustibles para mitigar as emisións de CO2 xa tivo os primeiros efectos colaterais. Os biocombustibles, obtidos de cultivos como a soia, o millo, a colza, o xirasol ou a cana de azucre, dispararon os prezos dos alimentos un 10% o pasado ano e ata un 40% no caso dos cereais. A crise desatada en México hai uns meses polo encarecemento das tortillas de millo (un alimento básico da poboación) é consecuencia de que boa parte da colleita de millo de México e dos Estados Unidos se desviou do mercado alimentario ao dos biocombustibles, disparándose así os prezos do millo. A situación, que levou a milleiros de persoas ás rúas e que desatou unha crise política, podería ser só o principio dunha cadea.
Segundo un informe do Worldwatch Institute (O estado do mundo 2006), China podería enfrontarse a unha situación similar. O seu Goberno, que quere reducir o gasto en petróleo, desexa cubrir o 10% das necesidades enerxéticas do país con enerxías renovables no 2020. Para iso incrementará a produción de etanol a partir do millo ata 14 millóns de litros, cantidade equivalente á de Brasil ou Estados Unidos. O problema é que podería non dispoñer de suficiente materia prima, xa que as grandes reservas de cereais do país se reduciron nos últimos anos. Se o Goberno chinés insiste en seguir aumentando a produción de biocombustible, podería verse na necesidade de importar os cereais para alimentar á súa poboación de 1.300 millóns de habitantes e aos animais das súas granxas.
Risco de deforestación
Ante esta dificultade, a solución non pasa por aumentar de maneira descontrolada a superficie cultivable, xa que, como advirte outro informe da ONU, xorde entón o risco da deforestación. Este documento non se opón aos biocarburantes, senón que defende unha implantación que garanta un uso sostible e aceptable das terras. Pola contra, o dano social e ambiental dos biocombustibles pode superar aos seus beneficios.
Os primeiros efectos perniciosos son xa unha realidade. En Brasil, un dos maiores produtores de bioetanol a partir da cana de azucre, os cultivos enerxéticos están arrebatando terras ata agora destinadas a outros usos. De xeito semellante, no sueste asiático, os cultivos de palma para producir biocarburante están a destruír os bosques tropicais. En Europa, expertos británicos calcularon que conseguir biocombustible para só o 20% dos automóbiles do Reino Unido suporía ter que dedicar case todas as terras de cultivo do país. Se isto se estende a nivel mundial, as consecuencias serían catastróficas. Hai alternativas, como obter biocombustible de aceites usados (como o de cociñar) ou doutras fontes de biomasa (como fitoplancto mariño), que aínda deben ser melloradas.
Impacto en aves e ventos
Os impactos asociados ás enerxías renovables non cesan aquí. Dous deles atópanse moi vinculados á enerxía eólica: o impacto paisaxístico e o dano que se lles causa ás aves. A situación dos parques eólicos, en zonas de fortes ventos e cristas de montañas, é ben fácil que coincidan con zonas de paso de aves. Unha vez que estas pasan entre os muíños, o movemento das aspas succiona as aves e acaba seccionando as súas ás. En España, o Grupo de Estudo e Protección das Aves Rapaces (GER) denunciou que se están a instalar parques eólicos nas rutas de voitres leonados. Por outro lado, asociacións ecoloxistas pedíronlle ao Goberno español unha moratoria na concesión de autorizacións ata que se defina unha relación de zonas de interese ambiental e paisaxístico incompatibles cos parques eólicos para evitar a instalación de aeroxeradores en espazos naturais de interese e habitados por especies en perigo, como a aguia real ou o voitre.
Outro risco que non foi avaliado aínda é o posible impacto destas enerxías sobre os propios ventos e o clima. Calculouse que as aspas dos muíños de vento non poden captar máis do 49% da enerxía do vento que pasa a través delas. Un traballo do foro Crise Enerxética calculou que se se quixese obter a través de parques eólicos a metade da enerxía eléctrica que hoxe se consume a nivel mundial, isto suporía a construción de instalacións para interceptar todos os ventos sobre continentes a menos de 100 metros de altura, o que podería ocasionar danos irreversibles no comportamento dos ventos estacionais, nas correntes mariñas que se interrelacionan coas correntes de aire e nas especies que dependen de ambas as dúas.
Algo semellante acontece no caso da enerxía solar. O informe calcula que para substituír a electricidade que se gasta actualmente cómpre ter extensións amplísimas cubertas de placas solares, o que podería supoñer cambios climáticos a nivel local, sen contar co inconveniente da enerxía necesaria que se require previamente para fabricar todas esas placas solares, os equipos auxiliares e o seu transporte.
O informe recoñece que a formulación destas cifras e situacións hipotéticas non é máis ca un exercicio de ordes de magnitude para demostrar que non abonda con substituír as enerxías fósiles cunha ou varias renovables, senón que cómpre cambiar o sistema actual baseado no crecemento infinito, no aumento constante do consumo e do gasto enerxético.
Fronte ás críticas que reciben as enerxías renovables, o consumidor pódese sentir loxicamente desconcertado sobre a bondade destas enerxías alternativas. Non obstante, convén aclarar que as críticas non invalidan as enerxías limpas; o que se cuestiona é a maneira na que deben implantarse. Un voceiro do foro Crise Enerxética explica que, por exemplo, as placas solares nos edificios como fonte auxiliar de enerxía son unha opción moi válida. O problema é pretender substituír todo o consumo enerxético actual baseado en enerxías fósiles cunhas poucas enerxías renovables sen facer unha planificación previa e sen aplicar políticas de aforro. Ningunha enerxía renovable será suficiente para cubrir as demandas enerxéticas do planeta. E aí, nas medidas para reducir o consumo, xoga un papel fundamental a Administración, pero tamén os consumidores.