Retención de líquidos / Menú tipo en caso de gastroenterite / Botulismo / Papel de aluminio / Colesterol / Dixestións

1 Setembro de 2007
Img alimentacion 2 listado

Retención de líquidos / Menú tipo en caso de gastroenterite / Botulismo / Papel de aluminio / Colesterol / Dixestións

5 claves para… evitar a retención de líquidos

  • 1. Máis auga. Canta máis auga se bebe, con maior facilidade se eliminan os líquidos acumulados. Convén tomar auga de baixa mineralización ou hiposódica, con menos de 20 miligramos de sodio por cada 100 mililitros de auga. O primeiro vaso convén bebelo con zume de limón e en xaxún para que sexa depurativo.
  • 2. Menos sal. O sal ten sodio. O sodio retén líquidos e entorpece a circulación. Os vexetais frescos apenas teñen sodio. Os alimentos máis salgados que convén reducir son os queixos curados, os embutidos e os afumados. Máis sodio aínda conteñen os alimentos procesados, as conservas ou os produtos envasados.
  • 3. Alimentos ricos en potasio. Axudan a ouriñar máis. Recoméndanse vexetais como as espinacas, a cabaciña e os champiñóns. As froitas como o plátano, a piña, o albaricoque, as froitas desecadas, os froitos secos sen sal, as patacas e os legumes tamén conteñen moito potasio.
  • 4. Infusións para ouriñar máis. Hai plantas diuréticas que tomadas en infusión despois de comer ou entre horas son efectivas para ouriñar máis. Algunhas son: o mexacán, a cola de cabalo, o ortosifón e as follas de oliveira. O consello do especialista é esencial para evitar perda de minerais como o potasio se se abusa delas.
  • 5. Comer sen sal? Dependerá do grao de retención de líquidos. Se é importante haberá que reducir ou eliminar o sal engadido e os alimentos máis ricos en sodio. Ata que os riles non dean eliminado todo o exceso de sodio, o organismo seguirá retendo líquidos.

O dato… 8

É o número de aminoácidos esenciais para o organismo, os que necesariamente se deben proporcionar a través da dieta porque o corpo é incapaz de producilos. Todos eles se atopan nos alimentos ricos en proteínas de orixe animal, como os ovos, as carnes, os peixes e os lácteos.

Menú tipo en caso de gastroenterite

  • Almorzo:

    Té con limón sen azucre, si con sacarina. Pan torrado con marmelo.

  • Media mañá:


    Iogur con bífidus.

  • Xantar:


    Arroz caldoso con cenoria. Pescada con pataca asada ao forno con limón. Pan torrado e compota de pera ou plátano maduro.
  • Merenda:

    Iogur con bífidus. Té con limón sen azucre.
  • Cea:
    Sopa de tapioca con caldo de polo. Tortilla francesa cunha rebanda de xamón de york. Pan torrado e mazá asada.

O truco: Beber uns dous litros de soro oral no canto de auga durante todo o día. Pode ser caseiro: 1 litro de auga fervida, zume de limón, 2 culleradas sopeiras de azucre, 1 culleradiña de bicarbonato e media de sal. Este soro axuda a repoñer líquidos, electrólitos e a evitar a deshidratación tras a diarrea provocada por unha gastroenterite, relativamente frecuente durante o verán.

O abc da nutrición:

Botulismo
Intoxicación alimentaria producida pola toxina da bacteria Clostridium botulinum. Os alimentos con máis risco de transmitir o botulismo son as conservas e semiconservas caseiras. Os síntomas, abdominais ou neurolóxicos, aparecen entre as doce horas e os oito días de consumir o alimento contaminado. Pode ser mortal.

Consultorio nutricional

É apto o papel de aluminio para cociñar ao forno?

O papel de aluminio está preparado para resistir a cocción a elevadas temperaturas sen lle ceder partículas tóxicas ao alimento co que está en contacto. Non obstante, aconséllase empregar o papel de aluminio en coccións curtas (papillote, molde de pasteis) e evitar o contacto con produtos ácidos como a salsa de tomate ou o zume de limón. A reacción do ácido a altas temperaturas pode provocar alteracións na capa protectora do papel, de xeito que o aluminio entraría en contacto co alimento.

É certo que tomar lecitina de soia baixa o colesterol?

A lecitina é un composto graxo presente en todas as células do noso organismo que participa do metabolismo dos lípidos. Entre outras funcións básicas, contribúe a manter en suspensión o colesterol circulante en sangue, impedindo que se deposite nas paredes de veas e arterias. O organismo fabrica lecitina no fígado se a dieta inclúe os compoñentes axeitados (fósforo, ácidos graxos insaturados, oleico, linoleico e linolénico). Estes nutrientes atópanse nos cereais integrais, nos aceites non refinados e prensados en frío, no ovo, nos froitos secos, no xerme de trigo e no fígado. Tomar lecitina de soia pode servir de complemento para previr o exceso de colesterol, sempre que se siga unha dieta axeitada. Se a persoa ten alto o colesterol, o médico estimará se precisa, amais de revisar a dieta, un medicamento para controlar a hipercolesterolemia e non só lecitina como complemento.

Que se pode comer cando se teñen dixestións pesadas, acidez de estómago e moitos gases?

A dixestión é un proceso lento que se alonga cando se consume demasiada comida ou alimentos graxos e ricos en fibra. Revise a súa alimentación e comprobe que non abusa das carnes graxas, dos embutidos ou de alimentos fritos ou guisados. Inclúa con máis frecuencia carnes magras (pavo, polo, coello, filete de tenreira, lombo de porco). Substitúa o café e o descafeinado por infusións dixestivas (macela, regalicia, fiúncho, comiño ou xarxa) e tome auga entre horas, non xunto coas comidas. Para diminuír as molestias da distensión abdominal, a dor, os gases ou a acidez, pode tomar zume de papaia ou piña fresca, xa que conteñen papaína e bromelina respectivamente, uns encimas que axudan na dixestión.