Obesidade infantil

A mala educación alimentaria

O exceso de peso dos máis pequenos é o resultado dunha ecuación complexa na que interveñen factores xenéticos, ambientais, socioeconómicos e psicolóxicos
1 Setembro de 2007
Img alimentacion listado 423

A mala educación alimentaria

Unha cuarta parte dos mozos españois menores de 24 anos padecen obesidade ou sobrepeso, o que converte a España nun dos países europeos con maiores taxas de obesidade infantil. O dedo acusador diríxese á inactividade física, á comida rápida ou ás mensaxes publicitarias, pero todo apunta a que a causa desta epidemia rampante se basea principalmente nunha inadecuada educación alimentaria.

Non fai falta ollar para outros países para comprobar esta afirmación. En abril do 2007 uns avós asturianos perderon temporalmente a custodia do seu neto, un neno de 10 anos e 100 quilos de peso. O Goberno de Asturias fíxose cargo temporalmente da súa tutela para sometelo a unha dieta de adelgazamento co obxecto de que o menor recuperase un peso normal para a súa idade. Apenas dous meses antes, os servizos sociais británicos valoraran a posibilidade de retirarlle a custodia á nai dun neno de oito anos que pesaba 91 quilos.

Ambos os dous casos poden considerarse extremos, pero non por iso deixan de ser un síntoma de que algo anómalo está a suceder en Europa cos seus hábitos alimentarios. Enquisas recentes corrobórano: España é, por detrás do Reino Unido, o país europeo con maiores taxas de obesidade infantil. As cifras non deixan lugar para a indiferenza: a incidencia de obesidade en nenos e mozos de 2 a 24 anos alcanza xa o 13,9%, e a de exceso de peso, o 12,4%. É dicir, unha cuarta parte de nenos e mozos teñen un peso superior ao que sería saudable para a súa idade, cifra que se duplicou en só 15 anos.

A resolución do caso do neno asturiano é moi significativa porque inclúe unha valoración na que se fixa a verdadeira responsabilidade da obesidade do menor. A medida pretendía, segundo a sentenza, que os avós adquirisen un compromiso real de alimentación saudable para que o mozo se puidese reinserir no seu fogar sen que se vise vulnerado por iso o dereito fundamental á saúde.

Esta decisión tomouse logo de descartar problemas endócrinos ou metabólicos e tras analizar en profundidade o estilo de vida da familia do menor. A análise estableceu como causa directa do exceso de peso unha “mala educación alimentaria” que afectaba non só ao neno, senón a boa parte dos membros da familia.


Pistas para diagnosticar a obesidade infantil

A detección dun exceso de peso é unha tarefa simple, abonda con botarlle unha ollada periodicamente á báscula e estar atentos ao que se entende como peso normal segundo idade, altura ou constitución física. O problema xorde cando este exceso de peso se fai habitual ou tende a aumentar sen que se aprecie a posibilidade de reverter a situación de maneira natural. É daquela cando a familia debe tomar cartas no asunto e acudir a un especialista.

Ante a mínima sospeita de que poida xurdir algunha complicación metabólica hai que acudir ao médico, ou ben ao dietista. En calquera caso, o profesional deberá valorar de maneira integral os hábitos de vida do neno, o seu ritmo e nivel de actividade física e a conduta alimentaria que segue. Pero tamén deberá informarse acerca da maneira de cociñar, do tipo de alimentos, das cantidades que adoita comer o neno, da orde nas comidas (almorzos, xantares, merendas) e dos horarios.

Aínda que esta información resulta esencial, nin é a única nin tampouco a máis importante que se debe identificar: a obesidade infantil é o resultado dunha ecuación complexa na que interveñen factores xenéticos, ambientais, socioeconómicos e, sen dúbida, psicolóxicos. Todo iso forma parte do costume familiar e da relación que mantén o neno (tamén os pais) coa comida. É imprescindible, por iso, a compañía dos proxenitores na consulta dietética para resolver as dúbidas que teña o neno sobre as cuestións que lle poida preguntar o dietista ou o médico relativas á súa alimentación.

O diagnóstico do sobrepeso ou da obesidade é sinxelo e rápido, xa que os datos antropométricos (peso, talle e perímetros de cintura, cadeira, coxa e brazo) se comparan cos establecidos para a poboación infantil. Con eles márcase a diferenza entre sobrepeso e obesidade. Malia que a obesidade representa un maior risco para a saúde do neno, non hai que deixar nun segundo plano o sobrepeso. Este trastorno tamén precisa ser tratado con seriedade dende os primeiros anos de vida. É aí onde, precisamente, radica a dificultade: en coñecer a orixe que levou a que o neno aumente de peso.

Non hai que perder de vista a condición xenética do menor. Non obstante, nos máis dos casos o exceso de peso responde máis a desequilibrios nutricionais e a que non se consumen as suficientes enerxías. En calquera caso, o problema do exceso de peso transformarase nunha constante no neno se a familia toda non se implica nun cambio cara a uns hábitos de vida e alimentarios máis saudables.

Os pais ensinan, o neno aprende

A razón de que o exceso de peso estea asociado a unha conduta alimentaria mal aprendida e a unha relación pouco sa coa comida débese a que o xeito en que se lle ensinou a comer ao neno non foi o máis axeitado. Por esta razón, é determinante para os pais, avós e educadores descubrir ata que punto eles, co seu comportamento alimentario, a súa disciplina e o tempo e modo que empregan en ensinar a comer, son responsables da conduta alimentaria dos máis cativos.

Ensinar a comer forma parte da educación e transmisión de coñecementos dos pais e nais cos fillos. E como toda aprendizaxe require un esforzo cotián.

Ensinar a comer ben
Onde está o problema da obesidade infantil? Cales son as consecuencias nos nenos? ÀCu?les son las consecuencias en los ni?os?
Pais sobreprotectores
Trátase de proxenitores que alimentan esaxeradamente aos seus fillos como modo natural de lles expresaren o seu amor e o seu coidado, e de calmar os seus sentimentos, case sempre inxustificados, de non o estar a facer ben abondo.
Idea distorsionada da cantidade de alimentos que precisan.
Os nenos satisfán aos maiores admitindo o exceso de comida e afacéndose a el como algo normal. Esta sobredose de comida tradúcese en máis peso.
Pais obsesionados co peso e coa alimentación dos seus fillos
Están continuamente vixiando o que comen ou deixan de comer os seus fillos, e son excesivamente estritos coa súa alimentación.
Rebeldía.
Moitos nenos, como se viron reprimidos de pequenos, manteñen, na súa adolescencia, unha alimentación contraria á que os seus obsesivos pais pretenderon inculcarlles. Non lles transmitiron unha relación sa coa comida.
Premios e castigos coa comida
Algúns pais empregan continuamente os alimentos máis caprichosos para os nenos (lambetadas, doces, chocolate) como recompensa polo seu correcto comportamento. Doutra banda, tratan de compensar as súas longas xornadas laborais concedéndolles aos seus fillos todos os caprichos, como comer habitualmente comida rápida ou deixar que eles elixan a comida que máis lles gusta, que polo xeral non adoita ser a máis sa.
Comida pouco sa para canalizar o seu malestar.
A asociación entre alimentos e emocións é un feito evidente e demostrado. O cerebro asocia o consumo de certos alimentos a unha sensación de pracer e benestar, polo que recorre, xa de neno, xa de maior, a eles como modo natural de canalizar o seu malestar, a súa ansiedade.
Demasiada cantidade?
Algúns pais danlles aos nenos cantidades esaxeradas de alimentos que superan o que o seu organismo dá queimado ou asimilado. Intentan equiparar as cantidades de alimentos dos nenos ás das persoas adultas, ao seu ritmo de comidas e aos seus horarios. A porción de carne para un neno de tres anos non debe superar os 60-70 gramos, e si precisa comer dúas pezas de froita cada día. Ata os dez anos, a cantidade de carne por porción non debería superar os 100 gramos e convén afacelo a que coma tres pezas de froita, e unha manchea de froitos secos decote.
Non regulan os sinais internos de fame-saciedade.
Se o neno está exposto a comidas copiosas, non desenvolve unha resposta natural de rexeitamento do alimento ante o sinal de saciedade. Ensináronlle, e así o aprendeu, que ten que comer moito máis do que sería normal para a súa idade.
Que almorzan? Que levan para xantar ou merendar?
A falta de tempo, a comodidade e a economía fan que moitos pais e nais lles ofrezan aos seus fillos alimentos moi enerxéticos. Trátase de almorzos con magdalenas e galletas recheas, e xantares e merendas a base de bolería, doces e refrescos.
Malos hábitos.
O consumo diario deste tipo de alimentos non só distorsiona as calorías da dieta senón que non se corresponde coa idea duns bos hábitos. Se o consumo é ocasional, e o neno é activo, consumirá as calorías extras. Non obstante, a combinación de malos hábitos e a elección frecuente deste tipo de alimentos tradúcese, a curto, medio e longo prazo, nun aumento progresivo de peso.
Pais e nais activos?
Son moitas as persoas adultas que relacionan o exercicio cun esforzo innecesario que non lles achega ningún beneficio, polo que o tempo que deberían dedicar a moverse, pásano no coche ou fronte ao televisor, o ordenador ou a videoconsola.
Nenos sedentarios.
Os nenos desta xeración gozan de afeccións pasivas: pasan dúas horas e media cada día diante do televisor e media hora xogando con videoxogos ou conectados a Internet. Sentados diante das pantallas comen flocos de millo e reciben ducias de anuncios dos alimentos que menos recomendable é consumir a miúdo.
CONSUMER EROSKI publicou no 2006 a Escola Previr a Obesidade Infantil

O obxectivo desta Escola é fomentar unha alimentación equilibrada entre nenos e mozos e amosar como comer de maneira saudable ten un impacto positivo na saúde evitando a obesidade. Pódese atopar máis información en: http://obesidadinfantil.consumer.es/