Avogados 24 horas
Só se bota man deles cando xorden problemas, pero o certo é que os conflitos que precisan a axuda dun avogado ou dun servizo de asesoramento legal aparecen con certa frecuencia. Conscientes de que a necesidade de asesoría legal doméstica é cada vez máis demandada por unha sociedade con pouco tempo para os ?detalles xurídicos e legais?, son moitas as empresas que se crearon nos últimos anos para ofrecer asesoramento legal a familias, sen límite e por un módico prezo fixo ao ano.
Os seus servizos publicítanse como unha alternativa á gravosa contratación dun avogado. No entanto, cómpre estudar polo miúdo as súas prestacións. Unha lectura atenta dos contratos e o coñecemento de cales son os temas nos que se necesitará axuda legal son pasos imprescindibles para non se sentir defraudado na contratación dun destes servizos. Ademais, non hai que confundir un paquete de asistencia legal cun seguro de defensa xurídica, moito máis completo e, tamén, máis caro.
Coidado cos servizos non incluídos
Polo xeral, os novos produtos de asesoramento legal para a familia están enfocados na súa maior parte cara á atención de consultas por pouco diñeiro. Adoitan ser útiles para orientar as persoas en temas legais relacionados con problemas no traballo, a vivenda, a comunidade de veciños… Con todo, o primeiro que hai que ter en conta é que estas tarifas “planas” non implican ter un avogado á disposición do cliente ante cada conflito que se lle presente. Se o que se requiren son servizos máis personalizados, como redacción de cartas de reclamación, contratos ou outro tipo de documentos legais, as exclusións son numerosas. Por iso cómpre ter en conta varios aspectos:
- Sen límite de consultas. Este é un dos aspectos máis positivos. As familias poden consultar as súas dúbidas tantas veces como desexen. No entanto, por veces a información que recibirán será de carácter xeral e non específico do seu caso concreto.
- Asistencia legal, só extraxudicial. Estes contratos non adoitan incluír os gastos que orixina un xuízo. No caso de chegar a tal extremo, a póliza non cubrirá nin sequera o servizo do avogado, que haberá que pagar á parte.
- Defensa laboral e xurídica, con sobrecusto. Todas as compañías din que ofrecen defensa laboral e xurídica nos paquetes de asesoramento legal, aínda que en realidade unicamente o ofrecen se o cliente paga unha sobreprima.
- Temas “estrela”. Os temas estrela que adoitan incluír son os referidos a problemas da vivenda, como conflitos coa comunidade de veciños ou con algún outro propietario en particular, e relacionados co ámbito laboral.
- Veciños e obras. Este tipo de contratos cobre a reclamación a veciños por infracción de normas legais relativas a emanacións de fumes ou gases, hixiene, ruídos persistentes e actividades molestas, nocivas ou perigosas. As pólizas tamén cobren a reclamación por incumprimento de contratos de servizos de obras, reparación, conservación ou mantemento da vivenda e das súas instalacións, sempre que o pagamento de tales servizos vaia integramente por conta do cliente.
- Inquilinos. Este tipo de contratos de asesoramento legal cobre a defensa e reclamación dos seus intereses en conflitos derivados do contrato de alugueiro. No entanto, neste caso tampouco quedan cubertos os xuízos de desafiuzamento por falta de pagamento.
- Infraccións administrativas. Outro ámbito que adoitan abarcar estes servizos é a defensa do asegurado en infraccións administrativas, o que inclúe a defensa do cliente ante as sancións que lle sexan impostas como particulares por presuntas infraccións administrativas. Neste caso, as prestacións da póliza adoitan consistir na redacción e presentación dos escritos de descargo e recursos que procedan pola vía administrativa. Con todo, as compañías non corren a cargo da defensa que implica a vía contencioso-administrativa.
Diferenzas coas pólizas de defensa xurídica
Outro aspecto que cómpre ter en conta é diferenciar ben estes paquetes de asistencia legal dos tradicionais seguros de defensa xurídica, que se poden contratar de forma independente no mercado, aínda que por veces veñen asociados á subscrición dun seguro do fogar ou do coche. Fronte aos servizos de asistencia legal, estes produtos sométense á lei do contrato do seguro e si que afrontan o pagamento das custas dun xuízo.
Con todo, cómpre ler ben a letra pequena da póliza, en especial, en aspectos como a carencia (período tras a sinatura no que o usuario non pode utilizar os servizos) ou a cobertura da unidade familiar. Tamén é recomendable coñecer ben os límites pactados e as cantidades que se cubrirán, que por veces poden resultar insuficientes.
Prezos
A diferenza entre os dous tipos de produtos implica, tamén, unha distinción en prezos. Os servizos de asistencia legal van, de media, desde os 30 aos 100 euros ao ano. Inclúen asistencia legal informativa: resolven dúbidas e poden redactar algún tipo de escrito ou reclamación, pero está excluída a asistencia en xuízo e os gastos que carrexa.
As pólizas de defensa xurídica atópanse desde uns 300 euros ao ano. En función dos límites que cubran de gastos de avogados, procuradores, peritos… a prima pódese incrementar. O prezo é, polo tanto, orientativo, xa que as aseguradoras fan pólizas personalizadas en función das necesidades dos clientes. Por veces, estes seguros adoitan traer asociado un servizo de asistencia legal telefónica que lle permite ao cliente facer todas as consultas legais que precise.
- As pólizas básicas non inclúen nin a asistencia en xuízo nin os gastos derivados dun proceso.
- A duración do servizo é anual, con posibilidade de renovarse automaticamente.
- A defensa en temas laborais e fiscais adoita ofrecerse como cobertura opcional, o que implica unha sobreprima.
- O custo dun paquete de asesoramento básico rolda os 100 euros ao ano.
- O seguro cobre a todos os membros da familia que compartan domicilio.
- Os paquetes de asesoramento legal inclúen defensa pola vía administrativa, pero non pola contencioso-administrativa.
- A duración do servizo é anual, con posibilidade de renovación automática.
- O custo mínimo dun seguro de defensa xurídica rolda os 300 euros anuais.