Unha viaxe cómoda e segura comeza antes de arrancar
Algúns aspectos en aparencia tan elementais como a postura de condución, a distancia entre o asento e o volante, e a altura dos dous son determinantes para conseguir unha posición máis cómoda e segura. Pero estes non son os únicos elementos que cómpre ter en conta: a posición das mans, a regulación dos retrovisores, a altura do repousacabezas ou a roupa que levamos posta tamén inflúen en que a viaxe se desenvolva con ou sen molestias.
Unha postura cómoda e segura
- Sentar axeitadamente ante o volante atrasa a aparición do cansazo e permite responder rapidamente ante calquera imprevisto.
- O primeiro que ten que facer o condutor cando sente ao volante é regular a altura e a posición da banqueta do asento, de xeito que os pés poidan pisar a fondo os pedais e teña unha boa visibilidade.
- Cando se colocan os pés nos pedais, as pernas deben quedar lixeiramente flexionadas para poder dispor de forza abonda cando cumpra premer o freo ou o embrague a fondo.
- Cando solte os pedais, nin os seus xeonllos nin as súas coxas deben quedar excesivamente preto do volante. Se mercou o coche recentemente, é posible que inclúa a opción de regular a altura do volante. Así e todo, teña en conta que non debe obstaculizar a visión de todos os indicadores do cadro de instrumentos.
- Se o asento do seu automóbil conta con axustes relativos ao peso do condutor, conecte correctamente a asistencia pneumática do aire comprimido que os move.
- En ningún caso faga uso de coxíns ou doutros elementos porque impedirían unha correcta suxeición en caso de accidente.
Unha inclinación a proba de costas
- Deseguido, regule o respaldo do asento para que as mans teñan un acceso cómodo a todos os mandos do vehículo.
- Non sente nin moi lonxe do volante (o seu corpo non estaría ben suxeito) nin moi preto (os brazos moi flexionados impediríanlle manexalo con soltura).
- Como referencia, o respaldo debe formar un ángulo de entre 90 e 115 graos co asento.
- Comprobe se a súa posición é a correcta, apoiando os ombros no respaldo do asento e estirando o brazo esquerdo: o pulso debe quedar exactamente sobre o volante.
- Como norma xeral, un volante moi baixo, así como un moi afastado, impiden mover os brazos con axilidade e eficacia.
Cabeza e pescozo resgardados
- Non esqueza que o repousacabezas é un elemento de seguridade pasiva, non de confort. Nunca o coloque de maneira que a cabeza quede apoiada nel.
- Sitúeo o máis preto posible da parte posterior da cabeza. A distancia ideal son catro centímetros.
- Regule a súa altura de xeito que a parte máis elevada do repousacabezas quede á mesma altura que a parte superior da súa cabeza, e que a parte central quede á altura dos seus ollos. En caso de accidente, un repousacabezas demasiado alto ou baixo pode incrementar a gravidade das lesións.
- Asegúrese de que o repousacabezas queda bloqueado: incline a cabeza cara a atrás con decisión. A posición do repousacabezas debe manterse inalterable.
Mans ao volante
- Manteña sempre as mans sobre o volante. Solte só unha delas para realizar as manobras imprescindibles como pode ser o de cambio de marcha.
- Conduza sempre coas mans apoiadas no volante. Non as cruce sobre el e non o colla nin por debaixo nin polo interior.
- Non agarre o volante con forza porque o único que conseguirá será a aparición brusca de fatiga e un agarrotamento das costas.
- As posicións máis adecuadas das mans, se consideramos o volante como un reloxo, son as das “nove e dez”, “nove e cuarto”, “dez e dez” e “dez e cuarto”, segundo gustos. Nunha destas posicións, circulando en liña recta, poderá manobrar mellor ante unha emerxencia.
- En curvas pechadas, coa mesma man do lado cara ao que xira, e seguindo co símil horario, colla o volante ás 12 (se é moi pechada, ás 9) e tire do volante cara a abaixo, mentres abre a outra man (sempre ás nove) para xirar o volante.
Vestido para conducir
- As prendas grosas limitan os seus movementos e diminúen a eficacia do cinto de seguridade en caso de colisión. Para viaxes longas vista roupa folgada e cómoda.
- Evite o uso de luvas, faranlle perder o tacto do volante.
- Préstelle especial atención ao calzado. Se conduce con botas ou zapatos de grandes solas e/ou con plataformas corre o risco de pisar dous pedais á vez; as sandalias abertas ou chancletas pódense dobrar ou enganchar nos pedais, e uns tacóns elevados impediranlle pisar con firmeza e precisión os pedais.
Os retrovisores, os mellores gardacostas
- Antes de iniciar a marcha revise os espellos retrovisores para comprobar a súa correcta orientación.
- Se ten que regulalos, fágao co vehículo parado e en terreo chairo e recto. Mantéñaos limpos para ter sempre unha imaxe nítida.
- Centre o espello interior tomando como referencia o perímetro do vidro traseiro. Non obstante, de nada serve telo ben orientado se un exceso de vultos ou de viaxeiros dificultan o campo de visión.
- Para axustar os exteriores, enfoque a carrozaría e vaia separándoos cara ao exterior, xusto ata o momento en que comece a deixar de verse. Deste xeito, conseguirá eliminar practicamente os ángulos mortos.
- Teña en conta que o tamaño dos obxectos nos espellos lle dá unha idea aproximada da distancia, pero polos espellos exteriores (que adoitan ser convexos) as imaxes percíbense moito máis afastadas ca polo interior (que adoita ser plano). Afágase a calcular a distancia segundo o espello por onde estea a mirar.