Net Labels / Google Web History / Algoritmo
Navegar á carta
Net Labels
Net Label tradúcese do inglés como “selos de Rede””. Con esta expresión identifícase un fenómeno cada vez máis espallado, o da música gratis e legal en Internet, que se ofrece dende pequenas discográficas con sede virtual nunha páxina web. Sen ánimo de lucro, polo menos directo, a súa intención é máis ben difundir a cultura baixo o amparo das licenzas Creative Commons (unhas licenzas a medio camiño entre o moi pechado copyright e o “libre total”). Tras os Net Labels hai artistas con intención de gañar a vida coa súa arte, pero a súa filosofía de negocio difire da das discográficas tradicionais: non cren nos discos como medio de distribución do produto, senón que se aposta polas descargas gratuítas dende Internet e os cartos conségueno das doazóns ao artista, das camisetas, das chapas (os Net Labels teñen unha grande profusión de “merchandising” moi creativo) ou dos concertos.
- Tokyo Dawn Records
Literalmente os “discos da alba de Tokyo”. É un interesante selo de hip hop vocal e instrumental que se presenta nunha páxina moi elaborada e atraente. Alterna descargas de discos gratuítos coa venda de CD, vinilos e merchandising. A súa especialidade é a “down beat”, un estilo de ritmos lentos que se adapta tanto ao “hip hop” coma aos discotequeiros “house” e jazz electrónico. Ten un catálogo amplo e variado. - Miklataklitim
Selo israelí de Xerusalén especializado no “dub”, un estilo baseado na repetición de sons dixitais con orixe en Xamaica. Nos últimos tempos pasou a converterse en algo máis ca unha discográfica online e definiuse como un colectivo de axitación cultural. Dende a súa páxina pódense descargar debuxos, carteis, manifestos, gravacións dos seus artistas (algunhas están á venda, outras pódense escoitar directamente e outras en descarga) ou contar cun extenso calendario das súas actuacións. - Ideology Records
Selo alemán de “hip hop”” e “drum”n”bass “cun amplo catálogo de artistas que desenvolven o estilo dende as súas vertentes máis escuras ata as máis jazzísticas, con gran variedade de matices e aromas ambientais. O seu repertorio acolle tamén a artistas multimedia do campo do vídeo dixital e mesmo a deseñadores que venden as súas creacións a través da tenda online do selo, con imaxinativas camisetas. Un dato fundamental é que ofrece os seus arquivos multimedia en descarga só no formato libre OGG (máis libre que o MP3 porque non está patentado, pero menos espallado). - Sofasound Records
Netlabel alemán de música ambiental que conta con trece LP no seu catálogo para descarga completa, aínda que tamén dispón de títulos de pop indie. Ademais, ofrece as portadas e o deseño do disco para imprimilos. Tamén conta cunha tenda de venda de camisetas e gorras cos deseños do selo. Como outros selos online, permite escoitar as cancións sen necesidade de descargalas.
O servizo do mes
Google Web History: para lembrar as páxinas web polas que o usuario navegou
É algo que lles acontece constantemente aos navegantes da web. Hai uns días visitaron unha páxina moi interesante, pero non lembran a dirección e non a dan atopado. A solución sería contar cun rexistro de todas as páxinas visitadas cada día, e poder así revisalo. Iso é exactamente o que fai Google Web History. Con este servizo de Google, cada vez que se visita unha páxina ou que se realiza unha busca en Google, esta información queda almacenada nun servidor. Cando se accede, aparece unha lista das páxinas visitadas nos últimos días. Grazas ao calendario pódese ver o historial de navegación dun día calquera, e mesmo ver que días se navegou máis, segundo a cor na que aparezan. O sistema ofrece tamçen unha sección chamada Trends (tendencias), onde se analizan os patróns de buscas que realiza o usuario, os seus horarios de navegación e os sitios máis visitados. Por suposto, é posible borrar páxinas do historial para non deixar rastro.
O concepto do mes
- Algoritmo
-
Algoritmo é unha palabra de orixe persa adoptada do latín que define un conxunto finito e ordenado de operacións matemáticas que teñen como resultado a solución dun problema. Esta expresión saltou dende as matemáticas ao mundo das computadoras, e de aí á fala popular, para resumir o conxunto de accións que fan que tanto un robot como un ordenador realicen unha acción determinada. Por exemplo, fálase do “algoritmo de Google” para definir o conxunto de ordes que segue o buscador para organizar os resultados das buscas que fan os seus usuarios. En realidade tras este termo agáchanse operacións moi complexas e difíciles de definir, o que explica que se adoptase como vocábulo
coloquial.