O mesmo permiso de conducir pode custar cinco veces máis segundo a autoescola
Case 16 millóns de persoas teñen hoxe permiso de conducir no noso país, e cada ano que pasa outras 700.000 obteñen o carné B1, indispensable para manexar un utilitario dentro da legalidade. Para obter este e outros carnés de conducir, expedidos todos eles pola Dirección Xeral de Tráfico, o aspirante debe acreditar unha serie de coñecementos relacionados fundamentalmente coas normas de circulación e certa pericia na condución de automóbiles; noutras palabras, ten que aprobar un exame teórico e superar unha proba práctica na estrada. A formación esixida nestes exames impártena en exclusiva as autoescolas. Como a preparación dispensada por estes centros -sempre de titularidade privada- está homologada e controlada pola Administración, as diferenzas entre uns e outros non xorden tanto no “como” coma no “canto”.
A investigación realizada por CONSUMER EROSKI en 200 autoescolas de 18 cidades españolas revela que o desembolso necesario para obter o carné de conducir é moi oneroso: conseguir o B1 á primeira representa un gasto medio de 950 euros, aínda que este custo apenas aumentou nos últimos cinco anos. Pero nunca unha media dixo tan pouco. As diferenzas de prezos entre unhas autoescolas e outras son enormes. O custo do permiso B1 (con 20 clases prácticas en todos os casos) foi de 1.677 euros na autoescola máis cara, situada en Barcelona, e de só 333 euros, isto é, cinco veces menos, na máis barata, localizada en Granada.
Comprobouse tamén que nalgunhas capitais (as máis caras: Bilbao, Pamplona, San Sebastián, Logroño e Vitoria) o prezo medio das autoescolas é de máis do dobre ca noutras (as máis baratas: A Coruña e Granada). O usuario poderíase preguntar, xa que logo, se na súa propia cidade as diferenzas entre unhas autoescolas e outras son tan relevantes, é dicir, se paga a pena molestarse en preguntar prezos e visitar varias autoescolas antes de elixir unha. A resposta é concluínte: si.
Non son poucas as cidades estudadas nas que a diferenza entre a autoescola máis cara e a máis barata para obter o B1 é de varios centos de euros. Tres mostras: en Barcelona esta diferenza supón 953 euros e en Alacant e Sevilla, uns 710 euros. Esta constatación non impide que, paradoxalmente, sexan maioría as cidades nas que demasiadas autoescolas parecen aplicar un acordo de prezos, xa que apenas compiten coas demais nesta cuestión.
A entrada en vigor hai máis dun ano do carné por puntos trouxo canda si cambios que afectaron ás autoescolas. Un deles foi a implantación de cursos para que os condutores que perdan puntos ou mesmo o propio carné poidan recuperalos. Desde xullo de 2006 fóronse sumando os centros encargados de impartir esta formación. Técnicos de CONSUMER EROSKI fixéronse pasar por condutores que perderan 4 puntos e querían recuperalos en 26 autoescolas habilitadas pola DXT para este labor específico; tres delas localizábanse en Barcelona e Madrid, dúas en Málaga, Sevilla, Valencia e Bilbao, e unha no resto de capitais incluídas no informe. A pesar de que xa transcorreu un ano desde a implantación do carné por puntos, só nunha de cada tres autoescolas que imparten estes cursos dispón dun cartel á entrada no que se informa diso. E en tres delas, as visitadas en Córdoba, San Sebastián e Zaragoza non explicaron, ou fixérono de forma incorrecta, as vías para a recuperación de puntos. En dúas de cada dez destas autoescolas, o empregado que facilitaba información sobre estes cursos descoñecía aspectos relevantes do proceso de recuperación dos puntos do carné. Así mesmo, só nunha de cada tres proporcionaron información escrita respecto diso.
Verbo dos materiais empregados durante o curso, o máis habitual é o audiovisual, en sete de cada dez autoescolas, seguido dos libros (no 58%).
Ademais, o 42% das academias recorre á metodoloxía en liña e o 38% aos tests.
Os cursos de recuperación parcial divídense en dúas partes, unha primeira na que se tratan materias sobre seguridade viaria, e outra específica, personalizada para cada condutor, na que se afonda nas áreas máis necesitadas pola persoa sancionada. Para iso, en seis de cada dez centros organízanse charlas con expertos en tráfico e tamén se emprega a emisión de vídeos, cuxo fin é sensibilizar o condutor sancionado. Ademais, en catro de cada dez autoescolas os que reeducan aos condutores sancionados son psicólogos. Tamén é habitual que vítimas de accidentes acheguen o seu testemuño ao longo do curso (no 54% das autoescolas), así como unha terapia de grupo (nun de cada tres centros). Por outra banda, as autoescolas deben facilitar horarios que se adapten ás necesidades dos alumnos. En case sete de cada dez centros os cursos desenvólvense os venres pola tarde e os sábados á mañá. Con todo, nunha de cada tres o horario non é o axeitado xa que se imparten os cursos só pola mañá ou en xornadas ou horario laborables.
A maioría de autoescolas ofrecen cursos ao longo de todo o ano; así e todo, nunha de cada tres hai lista de espera, polo que o alumno ten que agardar, xeralmente un mes, para poder asistir ao curso de recuperación de puntos.
Como se fixo
Técnicos desta revista, facéndose pasar por clientes interesados en conseguir o permiso de conducir B1, acudiron a pedir información a 200 autoescolas repartidas en 18 capitais do país: 15 autoescolas en Barcelona e Madrid; 12 en Málaga, Sevilla, Valencia, Zaragoza e Bilbao; e 10 autoescolas en Alacant, Córdoba, Murcia, Valladolid, A Coruña, Granada, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Vitoria e Logroño. A pregunta principal que expuxeron estes clientes en todas as autoescolas incluídas no informe foi o gasto que suporía obter un permiso B1 con 20 clases prácticas e aprobando á primeira.
Todo á primeira
A media das tarifas ofrecidas polas 200 autoescolas ascende a 950 euros, pero as diferenzas entre unhas e outras son máis que rechamantes. As cidades con prezos máis caros son Bilbao, Pamplona, San Sebastián e Logroño. Nestas capitais o desembolso medio necesario móvese en cantidades que roldan os 1.300 euros.
Significativamente por riba da media sitúanse tamén Vitoria (1.217 euros de media) e Barcelona, Murcia e Zaragoza, as tres cun prezo medio superior aos 1.000 euros. Na outra banda, destacan excesivamente os baixos prezos de Granada (505 euros de media) e A Coruña (513 euros), situándose a continuación, aínda que a gran distancia, Madrid (694 euros) e Málaga (714 euros).
Nas autoescolas de Valladolid (827 euros de media), Valencia, Sevilla, Alacant, Córdoba e Oviedo rexían tamén prezos medios inferiores á media das 18 cidades estudadas. O prezo medio da cidade máis cara (Bilbao: 1.358 euros) case triplica o da cidade máis barata (Granada: 505 euros).
E a pinza de prezos agrándase aínda máis cando se comparan a autoescola máis cara e a máis económica de todo o estudo. O centro cunha tarifa máis gravosa (1.677 euros), atopado en Barcelona, cobraba cinco veces máis ca o máis barato (333 euros), localizado en Granada. Así e todo, hai que matizar que a clase práctica nesta autoescola barcelonesa duraba hora e media, mentres que a do establecemento granadino era de só 45 minutos, é dicir, a metade.
- Compare prezos. Paga a pena investir tempo en preguntar prezos en varias autoescolas e comparar tarifas. O mellor é pedir os gastos desagregados (matrícula, prezo por clase práctica e teórica, por xestión de documentos…). Sume todos os conceptos para poder ver as diferenzas entre os custos dunhas e mais das outras. Tampouco vén mal preguntarlles aos amigos ou a antigos alumnos da autoescola sobre a calidade didáctica, os resultados do exame e o trato recibido.
- Coidado coas ofertas. Solicite información detallada sobre as súas condicións. Coidado coas promocións do tipo 2×1 ou coas clases gratuítas: lea sempre a letra pequena porque ao final pode rematar pagando máis do que esperaba. E non esqueza gardar a publicidade, ten carácter contractual.
- strong>Profesores. Ten dereito a esixir a credencial do profesorado, expedida pola Dirección Xeral de Trafico. As autoescolas situadas en pequenas poboacións poden contar cun só profesor, pero as que estean en cidades deben ter polo menos dous profesores e un director.
- Pregunte polos horarios. Consulte os horarios da autoescola para saber se se adaptan ás súas necesidades e se pode elixir entre varias opcións.
- Porcentaxe de aprobados. Pida a proporción de aprobados dos alumnos da autoescola: este dato é un dos indicadores, aínda que non o único, da calidade do ensino do centro. Se non llo proporcionan na autoescola, pode consultalo na Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE).
- Contrato. As autoescolas están obrigadas a subscribir un contrato de ensinanza con cada alumno, no que se especifiquen os dereitos e deberes de ambas as dúas partes. Léao polo miúdo antes de asinar.
- Xustificante de pagamentos. Fíxese en que as tarifas e os conceptos que cobran sexan os especificados no contrato. Pida xustificante de todos os pagamentos.
- Validez da matrícula. Nalgunhas autoescolas a matrícula ten un período de validez limitado. Infórmese e non deixe pasar o tempo xa que unha vez transcorrido ese prazo a autoescola podería rescindir o contrato e quedar co diñeiro, agás co das taxas de tráfico.
- Clases. As clases teóricas non se poden basear unicamente na realización de tests. Ten dereito a que un profesor lle aprenda o código de circulación. As clases prácticas non deben durar menos de 45 minutos nin máis de dúas horas seguidas. Han de impartirse en cidade e non se consideran como tales as desenvolvidas en circuítos pechados. O profesor das prácticas debe acompañar o alumno o día do exame, e a proba realizaraa no mesmo vehículo no que aprendeu a conducir, salvo causa xustificada.
- Reclamacións. As escolas de condutores están obrigadas a ter follas de reclamacións. Se non queda satisfeito co xeito en que se atendeu a súa reclamación, pode recorrer á DXT e á Federación Nacional de Autoescolas.
A competencia non parece tan libre como debera
Estas grandes diferenzas de prezos detectadas por CONSUMER EROSKI prodúcense mesmo na mesma cidade. Así sucede nalgunhas das capitais estudadas. En Alacant a autoescola máis cara esixía 1.058 euros cando a máis barata se conformaba con só 348 euros, e en Barcelona o máximo aforro posible chegaba a 950 euros (de 1.677 euros da máis cara a 724 euros da máis barata). En Sevilla, Granada e Málaga o custo da autoescola máis cara duplicaba o da máis económica.
Aínda que estas variacións poden chegar a escandalizar o usuario, o máis razoable é interpretalas como unha oportunidade de aforro. Máis prexudicial para os intereses do consumidor é que os prezos non cambien dunha autoescola a outra: iso apuntaría un máis que probable acordo de prezos entre elas, práctica ilegal (e perseguida polas entidades de defensa da competencia) que inevitablemente tende a encarecer o custo de produtos e servizos.
Ao teor dos resultados obtidos, a diversidade de tarifas e, xa que logo, a plasmación desa competencia de prezos esixible entre as autoescolas, dista de ser aceptable. De feito, dúas de cada tres cidades suspenden neste aspecto. Bilbao, Oviedo e Vitoria reciben un ?moi mal?; A Coruña, Alacant, Murcia e Pamplona, un ?mal?; e Córdoba, Logroño, San Sebastián, Valladolid e Zaragoza, un ?regular?.
As que aprobaron este exame de competencia en prezos son só seis: Barcelona, Madrid, Granada, Málaga, Sevilla e Valencia, e fixérono cun conciso aprobado. O xeito de comprobar o grao de competencia de prezos entre autoescolas dunha mesma cidade foi calcular a proporción delas cuxo prezo final para o carné B1 con 20 clases prácticas difería en menos de 80 euros. Pois ben, só nas seis que aprobaron este exame esa proporción era inferior ao 50%.
Nas tres cidades que peores resultados obtiveron esta proporción alcanzaba ou superaba o 80% das autoescolas incluídas no informe. O panorama desvelouse particularmente negativo en Oviedo, onde a diferenza máxima entre as dez autoescolas analizadas era de 43 euros, cando nas 18 cidades foi, de media, de 382 euros, e cando en catro cidades representou máis de 500 euros. En Vitoria, a situación é case equiparable á da capital asturiana: oito das dez autoescolas vitorianas estudadas movíanse nunha pinza de só 65 euros.
Clases prácticas, máis da metade da factura
No prezo final do carné de conducir inclúense diferentes conceptos (matrícula, clases teóricas, taxas, material didáctico, xestións realizadas pola autoescola, clases prácticas de condución e exame práctico), pero o factor máis determinante é o das clases prácticas, que representan de media o 54% da factura, aínda que na Coruña e Granada só supuñan o 12% e o 34%, respectivamente. O prezo medio de cada clase práctica ascende a 29 euros. Os prezos máis onerosos atópanse precisamente nas capitais con custos finais máis caros: Bilbao (40 euros cada clase práctica), San Sebastián (39 euros), Vitoria (38 euros), Pamplona (37 euros) e Logroño (33 euros). De forma paralela, as cidades onde máis económico sae o carné, A Coruña e Granada, tamén teñen o prezo medio por clase práctica máis barato (12 e 25 euros, respectivamente). No entanto, na maioría dos casos a carestía da clase práctica está vinculada coa súa duración. Alí onde son máis caras, duran unha hora (nunha de cada tres autoescolas), e onde é máis económico redúcense a 45 minutos (en máis da metade dos centros). Se a comparación se basea no custo por minuto da clase práctica, as distancias van desde os 26 céntimos de euro por minuto na Coruña aos preto de 70 céntimos de euro por minuto de media das autoescolas de Bilbao, San Sebastián, Vitoria e Zaragoza.
A matrícula, ao redor de 280 euros
O prezo medio da matrícula nas autoescolas rolda os 280 euros. As cidades con tarifas máis caras neste concepto foron Bilbao e Logroño, con 447 e 420 euros de media, respectivamente. No lado oposto figuran as de Málaga (105 euros) e Pamplona (184). A matrícula nunha autoescola ten, polo xeral, un tempo de validez. Unha vez transcorrido, o alumno ten que renovar a matrícula. Este período é diferente en cada autoescola, aínda que a media se sitúa en nove meses. Nalgunhas autoescolas (como as visitadas en Pamplona) o tempo de validez da matrícula é indefinido.
Por outra banda, nove de cada dez dos 200 centros estudados cobran polo exame práctico e o 25% deles esixe máis diñeiro ca o fixado por unha clase práctica (todas as de Barcelona e nove de cada dez de Madrid, entre outras). Entre as que non cobran polo exame de estrada destacan o 80% das de Granada e o 70% das de Alacant. Outra taxa que debe pagar quen se examina para o carné B1 é a fixada por Tráfico (78,20 euros), e efectivamente nove de cada dez autoescolas respectan este prezo, pero o resto engádenlle un sobrecusto a esta taxa, co que lle cobra ao usuario desde 80 ata 113 euros.
Case nove de cada dez autoescolas lle ofrecen ao cliente a posibilidade de fraccionar o pagamento en varios prazos, pero só en cinco de cada dez é posible o pagamento con tarxeta de crédito.
Novas tecnoloxías
Practicamente en todas as autoescolas (o 95%) as clases se imparten de modo presencial, cun profesor que lles explica o temario aos alumnos que asisten á clase. Así e todo, son cada vez máis habituais os ordenadores nas aulas e no 40% das autoescolas os alumnos empréganos nas clases. Todas as visitadas en Pamplona contaban con ordenadores, así como na maioría das de Alacant (90%), Zaragoza (83%) e Murcia (70%). Aínda que os tests parecen seguir sendo imprescindibles na preparación do exame teórico (o 94% das autoescolas dispón deles), emerxe a utilización das novas tecnoloxías: a metade das autoescolas xa empregan sistemas en liña para que o alumno se poida exercitar desde a súa casa, proporción que se eleva ata o 90% nas de Alacant, Bilbao, Málaga e Valencia. As cidades en que menos se valen deste recurso son as da Coruña e Logroño (nunha de cada dez), así como as de Granada e Valladolid (dúas de cada dez). Tamén é importante o uso nas academias de material audiovisual, presente case na metade delas. Na maioría das autoescolas os alumnos poden levar material de estudo para a casa; a excepción protagonizárona once das quince visitadas en Barcelona e noutros catro centros, situados na Coruña, Bilbao, Málaga e Sevilla.
En canto ao horario, nove de cada dez autoescolas dispoñen de cando menos dúas alternativas para que o alumno poida asistir ás explicacións teóricas, e esta flexibilidade esténdese ás clases prácticas. En moitas non especificaron a cantidade das opcións, aínda que aseguraron que o profesor se adapta ás necesidades do alumno.
Dotación de automóbiles y táboa comparativa
As autoescolas contan cunha media de tres coches destinados ás clases prácticas. Os centros con menor dotación móbil localizáronse en Zaragoza (catro de cada dez só dispoñían dun único automóbil), aínda que nesta mesma capital unha autoescola indicou que contaba con 20 vehículos (unha das visitadas en San Sebastián afirmou que tiña 30 turismos). Con todo, en máis da metade das autoescolas o alumno non ten a posibilidade de elixir o coche no que realizará as clases. Non é o caso dos centros da Coruña, Córdoba (en todos se pode elixir o automóbil), Bilbao e Valladolid (en nove de cada dez).
25 clases de media, segundo as autoescolas
A media de clases prácticas á que adoita acudir un alumno cando non ten ningunha noción de conducir é de 25, segundo as autoescolas. No entanto, as diferenzas entre as 18 cidades son moi significativas (das 16 de media aconselladas en Logroño vaise ás 30 recomendadas en Madrid e Valencia). A pesar da importancia da información fornecida polos propios centros para que o alumno se decante por un centro ou por outro, no 14% das autoescolas non se ofreceu información escrita ningunha. As escolas de condución que menos coidan este aspecto son as situadas en Bilbao e Málaga (só ofreceron información unha de cada dez). Por outra banda, tres de cada catro autoescolas non tiñan as súas tarifas visibles ao público (ningunha das visitadas nos casos de Bilbao, Logroño, Madrid, San Sebastián, Sevilla, Valladolid e Vitoria), coa dificultade engadida que representa no proceso de información para que o usuario elixa con coñecemento de causa.
Centros con escasa accesibilidade
Se unha persoa con discapacidade quere aprender a conducir custaralle dar cunha autoescola axeitada. Só unha de cada dez das analizadas conta con automóbiles adaptados. A situación é particularmente negativa en Córdoba, Granada, Logroño, Málaga e Valencia, cidades nas que ningunha das autoescolas visitadas ofrecía clases a persoas discapacitadas. Ante esta realidade, non sorprende que case seis de cada dez autoescolas non dispoñan de entradas accesibles para persoas con mobilidade reducida, e que unicamente a metade estean adaptadas no seu interior.