O dominio das emocións, clave no traballo e fóra del
A sociedade identificou tradicionalmente as emocións coa “parte máis débil” das persoas. Así, a capacidade intelectual dunha persoa baseábase case exclusivamente na súa capacidade para a lóxica e o pensamento. Cando as empresas realizaban os seus procesos de selección de persoal, primaban os tests orientados a medir aptitudes intelectuais como o razoamento abstracto, verbal ou numérico, pero non o emocional. Na actualidade, non obstante, constatouse a influencia determinante das habilidades emocionais para tomar a mellor opción das principais decisións, non só persoais, senón tamén profesionais.
Esta capacidade emocional produtiva positiva ten que ver con aspectos como:
- Aptitudes emocionais persoais
- Autoconcepto.Aceptarse e respectarse tal e como é cada un.
- Asertividade. Habilidade para expresarse e defender os propios dereitos, dende a óptica dos demais e procurando non facer dano.
- Actitudes emocionais interpersoais
- Empatía. Habilidade para recoñecer as emocións dos outros.
- Responsabilidade social. Capacidade para mostrarse como un membro construtivo da sociedade.
- Adaptabilidade
- Flexibilidade. Capacidade para axustarse ás condicións cambiantes do medio.
- Solución de problemas. Saber ver, xulgar e actuar ante as distintas situacións.
- Manexo do estrés
- Tolerancia. Capacidade de sufrir e aceptar situacións imprevistas sen virse abaixo.
- Control de impulsos. Habilidade de resistir ou atrasar un impulso.
- Estado de ánimo e motivación
- Optimismo. Aprender a ver sempre o lado bo das cousas.
- Felicidade. Habilidade para gozar e sentirse, en xeral, satisfeito co que se ten e se conseguiu.
O manexo axeitado das emocións é un elemento tan valorado como útil na vida persoal e profesional. De feito, cando o control non é posible, poden xurdir con moita facilidade os efectos perniciosos das emocións negativas, sentimentos irracionais que lastran o individuo e que se transforman en crenzas, moitas delas derivadas de etapas infantís de desenvolvemento e que, polo xeral, actúan de xeito inconsciente, sen que a persoa se decate do seu papel.
Tamén coñecidos como “pensamentos automáticos”, representan as conversas internas que mantén cada un, o autodiálogo que se desenvolve a nivel mental, expresado como pensamentos ou imaxes vinculadas a estados emocionais intensos -como a ansiedade, a depresión, a ira ou a euforia-. A miúdo forman versións subxectivas das cousas que nos acontecen e esvaecen a realidade, creando as chamadas distorsións cognitivas.
Recoñecemento de pensamentos distorsionados
A seguinte relación pódenos axudar a identificar cales son os pensamentos distorsionados que forman parte de nós de xeito inconsciente e que nos están a facer dano:
- Filtraxe. Selecciónase un só aspecto da situación experimentada. Fíltrase o negativo, o positivo esquécese.
- Polarización do pensamento. Os acontecementos valóranse como bos ou malos, esquecendo os aspectos intermedios. Palabras clave para detectar esta distorsión son: “fracasado”, “inútil”, “covarde”…
- Sobrexeneralización. Téndese a pensar que un feito que pode ser puntual sucederá sempre. As palabras clave que se utilizan son: “sempre, nunca, todos, ninguén…”.
- Interpretación do pensamento. É un mecanismo de proxección que consiste en atribuírlles aos demais os propios sentimentos e motivacións. Palabras clave: “xa sei por que é iso, isto débese a… “.
- Visión catastrófica. Adiantar acontecementos de maneira catastrofista para os propios intereses. Se unha persoa escoita que aconteceu algo malo, pensará: “e se me acontece a min”…
- Personalización. Relacionar sen base abonda os feitos do contorno cun mesmo. Cando en grupo se fai algunha observación, pensará: “dío por min”.
- Falacia de xustiza. Valorar como inxusto todo o que non coincide cos nosos desexos. Palabras clave: “non hai dereito, é inxusto que…”.
- Falacia de cambio. Crer que o benestar dun mesmo depende de xeito exclusivo dos actos dos demais. Por exemplo: “o meu matrimonio só cambiará se cambia a miña muller”.
- Culpabilidade. Atribuír por completo a responsabilidade dos acontecementos a un mesmo, ou a outros sen ter en conta outras circunstancias que concorren nos feitos. Palabras clave: “é pola miña culpa, a culpa disto é de…”.
O padecemento psíquico é tan intenso cando se instalan estas emocións e pensamentos irracionais que en ocasións é necesaria a axuda dun profesional para facer un traballo de DETECCIÓN, DETENCIÓN E MODIFICACIÓN do pensamento emocional que fai sufrir.
Emoción negativa | Alternativa |
---|---|
Filtraxe | Desdramatizar e buscar solucións. Preguntarse: Aconteceu outras veces? Foi tan malo? |
Polarización | Graduar a situación. Preguntarse: Entre estes dous extremos hai graos intermedios? |
Sobrexeneralización | Concretar e buscar probas. Preguntarse: Cantas veces aconteceu realmente? Que probas teño para sacar esa conclusión? |
Interpretación do pensamento | Buscar probas. Deixar de supoñer. Preguntarse: Que probas teño para supoñer iso? |
Visión catastrófica | Deixar de anticipar. Centrarse no presente e valorar as posibilidades. |
Personalización | Buscar probas e efectos. Preguntarse: Ter menos que outra persoa convérteme en menos persoa? |
Falacia de xustiza | Escoitar os desexos dos outros. Preguntarse se esa persoa ten dereito a outra opinión distinta da miña. |
Falacia de cambio | Preguntarse: Que probas teño para crer que o cambio só depende desa persoa? |
Culpabilidade | Buscar outros motivos ou razóns para un caso concreto. Preguntarse: pode haber outros motivos distintos aos que achaco a isto? |
- Son diálogos internos referidos a temas moi concretos: Por exemplo, alguén que teme ser rexeitado pensará: “a xente mírame e veme incapaz”.
- Teñen forma de mensaxes curtas formuladas con palabras claves. Quen teme, por exemplo, pola súa saúde nun momento determinado pensa: “vaime dar un colapso”, mentres que a persoa que recorda algún fracaso se di: “todo me sae mal”.
- Son involuntarios. Son reaccións espontáneas ante determinadas situacións, entran de xeito automático na mente e non son froito de ningunha reflexión ou análise.
- Aparecen a miúdo como obrigas que nos impoñemos a nós mesmos ou aos demais. “debería de, tería que…”.
- Dramatizan e esaxeran as cousas. Ante algo obxectivamente sen importancia chégase a pensar “e se pasa algo…”.
- Son difíciles de controlar. Como estes pensamentos non son racionais, non adoitan ser fieis á realidade, aínda que a persoa que os sente os cre con facilidade.
- Apréndense na infancia, momento no que aínda non se desenvolveu a capacidade de análise. Neses momentos asimílanse con maior facilidade e almacénanse na memoria humana esperando a ser disparados por situacións con carga emocional.