Os estricamentos, o mellor como tratamento e como prevención
Esta porcentaxe elévase nas persoas de idade: estímase que un 90% das persoas de máis de 65 anos padece esta afección. Un colectivo especialmente afectado son as mulleres menopáusicas afectadas de osteoporose. As dores nas costas, amais de afectar a un amplo sector da poboación, supón un grave problema sanitario que xera aproximadamente o 16% das baixas laborais, debidas a lumbalxias, dorsalxias e cervicalxias. E é que baixo a denominación de costas englóbanse tres rexións da columna, con personalidades moi distintas: a columna cervical ou pescozo, a dorsal ou torácica e a lumbar ou cintura.
Os coidados das costas, canto antes mellor
Durante a filoxénese ou proceso de evolución da raza humana a partir dos prehomínidos, pasouse da posición cuadrúpeda á bipedestación, que primeiramente supuxo o endereitamento da columna vertebral e despois a aparición de curvas nela e, sobre todo, a inversión da curvatura lumbar. Este mesmo proceso repítese no desenvolvemento do individuo, no proceso de ontoxénese. Durante o período fetal, a curvatura é coma a dos antigos prehomínidos. Ós trece meses a raque lumbar faise rectilínea; a partir dos tres anos comézase a aprecia-la curvatura lumbar do adulto, que se afianza ós oito anos, e ós dez anos adopta a súa forma e curvatura definitiva. A evolución do individuo é , xa que logo, similar á da especie. Os coidados e a educación postural durante esta etapa de desenvolvemento son fundamentais para un desenvolvemento correcto da columna.
Rixidez e flexibilidade
A columna é o piar central do tronco e debe conciliar dous principios aparentemente contradictorios: a rixidez e a flexibilidade. Apoiado na pelve, elévase ata a cabeza e soporta dúas crucetas: unha a nivel dos ombreiros, o chamado cinto escapular, e outra a nivel de pelve, o cinto pelviano. En tódolos tramos hai tensores musculares e ligamentosos que unen a columna á súa base implantación e que a manteñen suxeita e equilibrada. Para darlle flexibilidade, a columna está constituída por numerosas pezas superpostas, as vértebras, unidas entre si por medio de elementos ligamentosos e musculares, que se articulan unhas con outras. Entre os corpos vertebrais encóntranse os discos que actúan como almofadas, con capacidade de amortecer, expandirse e reducirse. Con esta estructura complexa, a columna pode deformarse e adaptarse e, ó mesmo tempo, permanecer ríxida baixo a influencia das contraccións musculares. Actuando harmonicamente os músculos conservan as curvaturas fisiolóxicas da columna e equilíbrana para mante-lo centro de gravidade do corpo. Coñecer estes detalles resulta fundamental, xa que a orixe dun 60-70% das dores de costas é muscular e non ten relación directa cunha afección da columna, e a súa eliminación require tratalas axeitadamente.
O pescozo
As dores de pescozo ou cervicalxias poden ter orixe nun proceso artrósico, nun antecedente de traumatismo ou, como ocorre nos accidentes de tráfico, nun movemento violento cara á adiante e atrás, pero en moitos casos non hai unha patoloxía clara. E é que a rexión cervical ou pescozo é un espello das tensións e vicios posturais da vida moderna: posturas forzadas durante o traballo que obrigan a mante-la cabeza inclinada cara adiante de forma prolongada, labores caseiros, traballos de administración ou de oficinas técnicas diante do ordenador, manipulación de cargas coas extremidades superiores… Como consecuencia, o músculo tensiónase, tracciónase das súas insercións nas vértebras, xéranse tensións na columna e acaba doendo, mesmo limitando a mobilidade, e, se non se corrixe, a longo prazo poden aparecer procesos dexenerativos articulares.
A cintura
E se o pescozo é o espello dos vicios posturais, a cintura éo da baixa forma física, da falta de adestramento muscular. Aínda que nalgúns casos a lumbalxia é síntoma de artrose ou desviacións, hai persoas que non sufriron nunca un episodio doloroso lumbar e que padecen artrose ou desviacións na columna. Estes últimos casos débense habitualmente á falta de adestramento e de fortaleza da musculatura da cintura (tanto da rexión dos riles, coma da abdominal). Un desequilibrio entre ámbalas masas musculares pode xerar un proceso doloroso lumbar ante esforzos nimios ou posturas que realizamos na vida cotiá. A perda de flexibilidade e de potencia muscular pola vida sedentaria e mecanizada é a causa máis importante de dor lumbar. Tamén desencadean episodios dolorosos os vicios posturais en traballos caseiros e nalgunhas actividades laborais que obrigan a manipular cargas, a posturas forzadas, a movementos repetitivos da columna ou a estar de pé ou sentado de forma continua durante a xornada laboral. E o exceso de peso favorece a aparición e a gravidade deses episodios.
Gasto sanitario importante
Todos estes procesos xeran un gasto sanitario importante, xa que constitúen unha das primeiras causas de consulta médica a nivel de asistencia primaria e especializada. Trátase de doenzas que orixinan unha chea de exploracións custosas (resonancias magnéticas, tomografías, electromioneurografías), a miúdo dificilmente xustificables, que non achegan moito máis do que o faría unha boa historia clínica, cunha exploración física e unha radioloxía convencional. O que ocorre é que o paciente insiste en buscar unha explicación a unha doenza que moitas veces non se traduce neste tipo de exploracións e que obedece única e exclusivamente a unha orixe muscular. Unha coidadosa consulta e exploración física tería que abondar para selecciona-los pacientes nos que se xustificarían exploracións máis sofisticadas.
Tratamento
- O tratamento das afeccións dolorosas da columna orixinadas por desquilibrios e contracturas musculares é relativamente sinxelo.
- Repousar na fase aguda, pero non máis de 3-4 días, xa que se comprobou que o repouso prolongado alonga o proceso.
- Aplicar calor seca na zona que se vai tratar mediante unha manta eléctrica ou similar, un par de veces ó día, durante 10-15 minutos.
- Tomar relaxantes musculares, moi efectivos aínda que producen somnolencia, polo que se tomarán preferentemente antes de deitarse e sempre evitando mesturalos con alcohol. Non se debe conducir nin realizar actividades perigosas baixo os seus efectos. Debe prescribilos un médico.
- Realizar exercicios de potenciamento da musculatura. Hai que efectualos regularmente, a ser posible a diario ou polo menos a días alternos, durante 15-20 minutos. Utilízanse a miúdo xeonlleiras, nocelleiras ou similares para estabiliza-las articulacións, esquecendo que os mellores estabilizadores son os músculos e tendóns que as rodean. En doenzas da columna, tanto cervicais coma lumbares, uns músculos ben tonificados e equilibrados son o mellor elemento de prevención, e deportes coma a natación ou a ximnasia resultan os máis axeitados. En ocasións pode estar indicado un período de rehabilitación dirixida nalgún centro para despois continuar realizando os exercicios na casa.
- Pero se hai algo realmente eficaz para estes músculos doridos e contracturados son os estricamentos, que deberiamos realizar todos nós uns minutos cada día. Os programas de estricamentos son sinxelos de realizar, pódeos facer calquera persoa e non requiren máis de 20 minutos diarios. O mercado ofrece numerosas publicacións ( como “Estiramientos” de Bob Anderson), que indican cómo efectualos. E para quen desexe ir máis aló, o Hata-ioga ou ioga físico constitúe un método excelente para desenvolve-la flexibilidade e a relaxación muscular. Algúns traumatógolos, aínda poucos, recoméndano ós seus pacientes.
Para unha eficaz prevención da aparición de contracturas musculares e, xa que logo, de dores nas costas:
- Observe unha boa hixiene postural tanto na casa coma na súa actividade laboral.
- Realice estricamentos con regularidade.
- Practique unha actividade deportiva coma natación, ximnasia, pasear a ritmo rápido ou andar en bicicleta, pero sen esquecer un bo quecemento previo que inclúa estricamentos. E ó rematar, dedique uns minutos á relaxación muscular.
- Beba abundante líquido, unha boa hidratación contribúe a previr lesións.
- Manteña un peso o máis axustado posible á súa idade e condición, un abdome excesivo desequilibra o tronco e limita a mobilidade.
- Non se automedique e menos con antiinflamatorios e miorrelaxantes. Ante síntomas de dor de pescozo, costas ou cintura, acuda sempre ó seu médico.