O envellecemento ben levado conseiste en gozar facendo o que non se puido, non se quixo ou non se soubo antes de alcanza-la madurez.
Ocio activo para a terceira idade
Envellecer non é sinónimo de enfermidade, demencia senil ou ausencia de desexo sexual. Tampouco o é de carencia de capacidade productiva ou creativa nin dun estado de eterno cansazo que obriga a levar unha vida sedentaria. Xosé Saramago, premio Nobel de Literatura en 1998, comezou a escribir no seu retiro, pero non é o único exemplo de artistas que lograron o seu máximo esplendor creativo a idades avanzadas. E é que o envellecemento ben levado consiste, sinxelamente, en vivir máis e gozar do tempo libre facendo o que non se puido, non se quixo ou non se soubo facer antes de acada-la madurez. Sen embargo, a sociedade aínda non ofrece suficientes propostas para enche-los momentos de ocio dese período da vida e víralle as costas á realidade, a pesar de que dentro de 30 anos a metade da poboación deste país estará xubilada ou en vésperas de facelo. A isto engádeselle o aumento da esperanza de vida, situada nos 76,9 anos, co que tralo retiro laboral quedan aínda moitos anos nos que gozar con actividades distintas ás de coida-los netos ou pasear. E aínda que menos das necesarias, cada vez son máis as alternativas, á marxe das vacacións en temporada baixa, destinadas a estas idades. Estudios universitarios, portais interactivos en Internet ou programas de voluntariado son algunhas das propostas.
Universitarios ós 60 anos.
Ó redor de 35.000 homes e mulleres de entre 55 e 80 anos acoden a diario ás Universidades da Experiencia ou Aulas de maiores. Institucións de ensino como a Universidade de Granada, a de Salamanca ou a do País Vasco dispoñen dunha oferta pensada para os máis vellos, cunha rebaixa de ata o 50% nas matrículas e un proxecto curricular adaptado ós seus intereses, nos que o traballo en grupo, conferencias e debates cobran maior importancia nos manuais e exames. Na maioría dos casos, o título que se obtén despois de finaliza-los estudios non posúe ningún valor académico ou laboral, xa que o obxectivo destes cursos é ben distinto: perseguen promove-la reflexión e a curiosidade polo saber, ó tempo que promoven relación interxeracionais entre alumnos novos e maduros.
O nivel académico dos que se desexan matricular nas Universidades da Experiencia ou Aulas de maiores carece de importancia, e así o perfil dos alumnos é moi heteroxéneo: amas de casa e traballadores da construcción comparten pupitre con doutores ou mestres de escola. Segundo datos universitarios, o 8% dos alumnos destas carreiras non conta con ningún tipo de formación e o 5% cursou unha licenciatura ou un doutoramento.
A gran vantaxe destas aulas é que a experiencia vital dos asistentes, no seu sentido práctico e participativo, posibilita o intercambio de inquietudes, coñecementos non escritos ou habilidades forxadas ó longo de toda unha vida.
O voluntariado, outra alternativa.
Unha fórmula que gana adeptos é a de ofrecer de maneira gratuíta horas do día para colaborar coa sociedade. En numerosos municipios, as institucións e asociacións culturais locais precisan persoas de idade avanzada que queiran realizar labores de guía turístico e así comparti-los seus coñecementos cos visitantes. En Aranxuez, oito xubilados regulan o tráfico tódalas mañás e tardes á saída do colexio; en Valladolid outros tantos pensionistas ensinánlles ós escolares o centro histórico da súa cidade. Pero o voluntariado non se limita a actuacións puntuais, tamén se desenvolven programas continuos relacionados con accións sociais, e para tomar parte nestes os voluntarios reciben formación previa específica. Así, son moitos os maiores que desta maneira altruísta lle dedican o seu tempo a axudarlles ás persoas que necesitan un acompañante, como enfermos, persoas con minusvalía e centros de acollida de menores, os destinos preferentes neste tipo de actividades. Tamén as escolas e garderías encontran neles experimentados contacontos ou narradores de aventuras propias. As ducias de ONG distribuídas pola xeografía realizan continuos chamamentos para que se unan a elas non só rapaces, senón tamén maiores cos que poder contar algún día da semana.
Somerxerse en Internet.
Aínda que os ordenadores poden parecer destinados ós máis novos, unha vez perdido o medo á tecnoloxía, Internet convértese nunha interesante aliada para o ocio. Os internautas que superan os 50 anos representan unha porcentaxe escasa na Rede, pero son, pola contra , moi participativos. Segundo un estudio publicado pola Rede Internauta, os servicios máis utilizados son o chat (charlas a través de Internet) e o e-mail (correo electrónico), por encima da navegación por páxina web. No caso do e-mail, as súas vantaxes fronte ó correo convencional son incuestionables, polo menos, en canto ó tempo de entrega, cantidade e diversidade de arquivos que se podes adxuntar (imaxes, son, texto). En Internet sucédense concursos, como o que busca ó mellor avó ou a mellor avoa do ano, foros de encontro profesionais e de afeccións ou campionatos de xadrez. De feito, as grandes firmas virtuais comezan a percibi-lo filón que supoñen as persoas dunha faixa alta de idade, cun relativo poder adquisitivo e que toman decisións rápidas, e tratan de se introduciren en páxinas específicas que para esta idade empezan a abundar na Rede e contan xa cun público minoritario pero fiel. Unha delas é Jubilatas, portal con contido realizado por e para persoas maiores de 65 anos que non se limita a falar da saúde, alimentación ou consellos. Destaca tamén Maiores, xubilados e terceira idade, portal que ofrece contidos de ocio, saúde, medicinas alternativas, cursos gratis online, ofertas e demandas de traballos, viaxes, cociña, deportes, sexo, amigos, cines, teatros e horóscopos. O último en aparecer en escena é Cara a unha nova xuventude, portal dedicado á terceira idade con contidos interesantes tanto para particulares coma para profesionais do sector e institucións públicas e privadas.
Vantaxes da formación para a terceira idade
- Permite permanecer activos intelectualmente, sen descoida-las facultades mentais.
- Aprender proporciona unha beneficiosa sensación de satisfacción persoal e confianza nun mesmo.
- Facilita a relación con persoas da mesma idade, con inquietudes, problemas ou afeccións similares.
- Axuda a vence-la depresión e a seguir activos, xa que obriga a saír da casa, ir á escola, intervir na clase…
- Posibilita un maior achegamento ós novos, cos que se poden manter conversas sobre informática, literatura… permitindo un enriquecedor intercambio de saberes, atractivo para ámbalas dúas partes.
- Mellora-la forma física, xa que en moitos centros tamén se imparten clases de educación física especializada e baixo supervisión médica.
Cursos en centros cívicos.
Se non está no ánimo acudir á facultade tódolos días, concellos e asociacións de diversa índole preparan extensos programas de formación e entretemento, dirixidos a homes e mulleres que dispoñen de tempo para eles mesmos. Estes programas están subvencionados, e se hai uns anos os presupostos respondían ó número de persoas vinculadas ós entón chamados clubs de xubilados, hoxe o baremo para determinar qué axuda reciben estes centros, rebautizados como centros cívicos, depende da calidade e cantidade de cursos que imparten. Habitualmente os intereses inclínanse cara a programas de restauración, informática, pintura, creación literaria, maquetas ou actividades máis dinámicas como a natación, ximnasia e bailes que se ofrecen de maneira ininterrompida durante todo o ano, de balde ou con prezos moi asequibles.
Principios das Nacións Unidas en prol das persoas da terceira idade (1991).
A Asemblea Xeral da ONU, recoñecendo as contribucións que as persoas de idade fan ás súas respectivas sociedades, e a enorme diversidade das situacións das persoas de idade, non só entre os distintos países, senón tamén dentro de cada país e entre as persoas mesmas, consciente de que en tódolos países é cada vez maior o número de persoas que chegan a unha idade avanzada e en mellor estado de saúde do que viña sucedendo ata agora, determinou aprobar unha carta na que se anima a tódolos pobos a que teñan presentes os seguintes principios:
- As persoas de idade deberán ter acceso á alimentación, auga, vivenda, vestimenta e atención de saúde adecuadas, mediante ingresos, apoio das súas familias e da comunidade e a súa propia autosuficiencia.
- As persoas de idade deberán te-la oportunidade de traballar ou de ter acceso a outras posibilidades de obter ingresos.
- As persoas de idade deberán poder participar na determinación de cándo e en qué medida deixarán de desempeñar actividades laborais.
- As persoas de idade deberán ter acceso a programas educativos e de formación adecuados.
- As persoas de idade deberán te-la posibilidade de vivir en contornos seguros e adaptables ás súas preferencias persoais e ás súas capacidades en continuo cambio.
- As persoas de idade deberán poder residir no seu propio domicilio todo o tempo que sexa posible.
- As persoas de idade deberán permanecer integradas na sociedade, participar activamente na formulación e a aplicación das políticas que lle afecten directamente ó seu benestar e poder comparti-los seus coñecementos e habilidades coas xeracións máis novas.
- As persoas de idade deberán poder buscar e aproveitar oportunidades de prestar servicio á comunidade e de traballar como voluntarios en postos apropiados ós seus intereses e capacidades.
- As persoas de idade deberán poder formar movementos ou asociacións de persoas de idade avanzada.
- As persoas de idade deberán poder gozar dos coidados e a protección da familia e a comunidade de conformidade con sistema de valores culturais de cada sociedade.
- As persoas de idade deberán ter acceso ós servicios de atención de saúde que lles axuden a manter ou recuperar un nivel óptimo de benestar físico, mental e emocional, así como a previr ou atrasa-la aparición da enfermidade.
- As persoas de idade deberán ter acceso a servicios sociais e xurídicos que lles aseguren maiores niveis de autonomía, protección e coidado.
- As persoas de idade deberán ter acceso a medios apropiados de atención institucional que lles proporcionen protección, rehabilitación e estímulo social e mental nun medio humano e seguro.
- As persoas de idade deberán poder gozar dos seus dereitos humanos e liberdades fundamentais cando residan en fogares ou institucións onde se lles ofrezan coidados ou tratamento, con pleno respecto da súa dignidade, crenzas, necesidades e intimidade, así como do seu dereito a adoptar decisións sobre o seu coidado e sobre a calidade da súa vida.
- As persoas de idade deberán poder aproveita-las oportunidades para desenvolver plenamente o seu potencial.
- As persoas de idade deberán ter acceso ós recursos educatitvos, culturais, espirituais e recreativos da sociedade.
- As persoas de idade deberán poder vivir con dignidade e seguridade e verse libres de explotacións e de malos tratos físicos ou mentais.
- As persoas de idade deberán recibir un trato digno, independentemente da idade, sexo, raza ou procedencia étnica, minusvalía ou outras condicións, e han ser valoradas independentemente da súa contribución económica.