Os minusválidos poden navegar pola Rede con páxinas web adaptadas e a axuda técnica axeitada
Non é un problema que se limita ás persoas cegas; os minusválidos motores e os que, sen chegar á cegueira, teñen problemas de visión atopan impedimentos para navegaren polo máis vasto océano de coñecemento creado polo ser humano. E non debería ser así. A tecnoloxía permite que os contidos de Internet sexan accesibles para un amplísimo abano de persoas. Os símiles co mundo tanxible son evidentes. Non é caro nin máis difícil construír unha rampla ca unhas escaleiras, pero non sempre se fai. A transposición dixital da revista CONSUMER que tes entre as mans (www.revista.consumer.es) xunto ás outras dúas webs do proxecto en Internet de Fundación Grupo Eroski (www.fundaciongrupoeroski.es e www.amigos.fundacióngrupoeroski.es) xa puxeron en marcha unha versión accesible para minusválidos. Nesta nova versión os contidos son idénticos, só cambia a forma de presentalos. Basicamente, preséntanse os textos sen ningún tipo de cor nin imaxes.
A versión accesible, en lugar de estar preparada para un colectivo en concreto, nace como unha ferramenta para diferentes grupos de persoas que a adaptan ás súas necesidades específicas. Pero, ¿como poden usa-la edición accesible os diferentes grupos de minusválidos?
Minusválidos visuais
Moitas persoas maiores, ou que simplemente padecen severos problemas de miopía ou astigmatismo atópanse con dificultades para ler na pantalla. A letra nos monitores adoita ser demasiado pequena e non sempre se deseña para consegui-lo maior contraste posible. Afortunadamente, un alto número de navegadores modernos permiten altera-lo tamaño e a cor da fonte para que esta sexa máis visible. Sen embargo, se estes cambios se aplican a webs convencionais o resultado pode ser desastroso: unha páxina completamente modificada na que é imposible ler ningún texto. A versión accesible, pola súa sinxela configuración, permite cambia-la cor e aumenta-lo tamaño do texto tanto como se necesite. Ademais, se estas axudas non son suficientes, existen programas que magnifican unha área concreta da pantalla. O organismo que fixa os estándares do World Wide Web (O W3 Consortium) ofrece na dirección www.w3.org/WAI/References/Browsing unha listaxe dos programas que aumentan zonas concretas do monitor como se dunha lupa se tratase.
Cegos
É o colectivo que máis necesita dunha edición especial para non quedar fóra do ciberespacio. A web, desde os seus inicios, é un modelo visual no que o resto dos sentidos como o oído quedaron relegados a un segundo plano. A inmensa maioría da información reside en textos e imaxes que, tal e como están presentados, quedan fóra do alcance das persoas invidentes. Coa axuda de sistemas específicos, é posible superar estas barreiras.
- Sintetizador de voz: calquera ordenador que teña menos de un lustro é capaz de ler de viva voz os textos dunha pantalla. Este método, ademais de para cegos totais, pódese usar xunto á ampliación de parte da pantalla para que persoas con restos de visión sigan a lectura do documento.
- Liña de braille: é un método bastante máis caro có anterior, xa que require dun aparato que traduce ó braille o texto da pantalla. Os cegos só deben pasa-los seus dedos pola liña que cambia de forma progresiva o seu contido.
Minusválidos motores
Manexar un rato require dunha destreza motora que, en ocasións, se dá por suposta. Hai toda clase de minusvalías que lle impiden ó usuario utiliza-lo teclado e o rato para navegar. Para estas persoas creáronse programas de recoñecemento da voz ou dispositivos especiais que lles permiten navegar polas webs cunha certa soltura axudados por ordes vocais ou teclados adaptados. Pero, para que todos estes sistemas funcionen, é importante que a configuración da páxina sexa sinxela e siga unha orde lóxica. Un deseño con formato de revista, como é habitual nas páxinas web, é un grande impedimento á hora de chegar á información.
A versión accesible tamén cumpre un labor engadido. En dez anos de existencia da web, o avance dos navegadores foi espectacular. As novas especificacións deixaron marxinados boa parte de usuarios que non poden, ou non queren, migrar a aplicacións recentes. Aínda que a inmensa maioría de usuarios utiliza unha serie de programas estándares para navegar, aínda resiste unha pequena proporción de internautas que navega con arcaicos programas como Lynx, que só permite mostrar texto. As versións accesibles son un lazo de unión coas tecnoloxías máis vetustas da Rede e coas que, aínda en desenvolvemento, non se poden axeitar ós estándares máis recentes.
A páxina accesible
Dotar a calquera web dun mínimo de elementos que faciliten a entrada á maioría de usuarios está ó alcance de calquera deseñador afeccionado de páxinas web. Estas son algunhas recomendacións da Iniciativa para a Accesibilidade na Web (www.w3.org/WAI).
- Imaxes: use sempre un texto alternativo para describi-los gráficos, as fotografías e os debuxos. Canto máis precisa e extensa sexa a descrición, máis sinxelo resultará comprende-lo significado da páxina sen elementos gráficos.
- Multimedia: transcriba os elementos de audio e describa o contido dos vídeos.
- Enlaces: os textos que sirvan de enlace a outras páxinas (links) deben ter sentido por si mesmos. Evite expresións como “Faga clic aquí” e substitúaas por outras máis precisas como “Ampliar esta noticia” ou “Ir á portada”.
- Táboas: úseas só se son imprescindibles ó ser lidas liña a liña. Marcos (frames): os marcos permiten unir varias páxinas web nunha soa para ofrecer vistosos efectos. Sen embargo, os navegadores especiais non poden discernir en cál das páxinas está a información principal. Se desexa usar marcos, ofreza unha versión alternativa que non os requira.
- Valide a súa páxina: hai programas específicos que lle indicarán o grao de accesibilidade da súa web. Poderá conseguilos en. www..w3.org/TR/WCAG. Como norma xeral intente ve-la páxina cun navegador que só mostre texto como o Lynx (é gratuíto e conséguese en páxinas como www.tucows.com). Se pode percorre-la páxina con el, é moi probable que a súa web sexa accesible.
-
Bobby
Bobby é un policía que vela en Internet para que as web estean abertas ó maior número de usuarios posibles. Desde a súa páxina pódese realizar un rigoroso exame do noso sitio-web e saber cáles son os punto débiles. -
SIDAR
O Real Padroado de Prevención e Atención ás persoas con Minusvalías puxo en marcha esta iniciativa que promove unha Internet para todos. Ofrece múltiples recursos en castelán para facer de Internet un espacio máis habitable. -
W3 Consortium
A organización que fixa os estándares do WWW (que os grandes navegadores non sempre cumpren), ten un apartado no que explica cómo se deben deseña-las páxinas para que sexan accesibles. -
ONCE
A web da Organización Nacional de Cegos Españois é unha das poucas páxinas españolas que ofrece unha versión para minusválidos. Imprescindible o traballo da unidade tiflotécnica, CIDAT, que investiga a forma na que a tecnoloxía lles axuda ós cegos (cidat.once.es).