O documento, que tomou o nome da cidade xaponesa onde se asinou, tiña como principal obxectivo a reducción global das emisións de Gases de Efecto Invernadoiro (GEI) un 5,2% respecto ós niveis rexistrados en 1990. Controlar e restrinxi-las emisións de GEI é vital, xa que se acumulan na atmosfera e favorecen que a radiación solar e a calor da Terra non se disipen cara ó espacio exterior, o que ocasiona que aumente a temperatura global do planeta.
Odisea internacional para reduci-los gases do efecto invernadoiro
O empurrón definitivo ó Protocolo de Kioto deullo o sexto Cume Climático, coñecido como Cume de Bonn, que se celebrou entre os días 16 e 27 de xullo de 2001. Desde que en marzo deste ano o recentemente elixido presidente Bush decidise romper unilateralmente o compromiso que o seu país, Estados Unidos, asinara en 1997, o perigo de que o Protocolo non se ratificase volveuse moi serio. Pero tras Bonn, a administración Bush quedou soa no panorama internacional xa que os outros países menos proclives a subscribilo -o grupo paraugas: Canadá, Rusia, Ucraína, Nova Zelandia, Noruega, Islandia, Australia, e Xapón- remataron asumíndoo. Iso si, o custo do acordo alcanzado é alto, xa que as concesións que se tiveron que facer para lograr un consenso foron importantes. Pero só así se conseguiu que Xapón, Canadá, Rusia e Australia, que xeran case un 25% das emisións, se sumasen ó acordo. En caso contrario, o Protocolo afundiríase definitivamente, pois para que entrase en vigor debían ratificalo 55 países que representan o 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro.
Rebaixáronse os límites das emisións
A conferencia clausurouse coa aprobación dunhas vinte decisións técnicas para o desenvolvemento do regulamento, que permitirán a entrada en vigor do Protocolo de Kioto no prazo de 10 meses despois da sinatura. Os acordos definitivos alcanzaranse dentro dun ano, na Conferencia que se celebrará na Haia. A principal concesión, feita no Xapón, foi a total eliminación de sancións ós infractores do Protocolo e do pagamento de multas para repara-los posibles danos ambientais. Pero, sen dúbida ningunha, o maior cambio respecto á primeira proposta do Protocolo é a que atinxe ó límite da emisión de gases: se na proposta inicial, na de 1997, o obxectivo era a reducción global de emisións de gases invernadoiro nun 5,2% respecto dos niveis rexistrados en 1990, en Bonn ese límite rebaixouse substancialmente e fixouse nun 1,8%.
O protocolo
A penas 10.000 palabras conteñen o acordo institucional máis importante en relación ó cambio climático. O propósito é reduci-la dependencia da economía mundial do consumo de combustibles fósiles: petróleo, gas e carbón, cun impacto ambiental que alterou o clima e, con isto, a biosfera e a biodiversidade. O Protocolo inclúe seis gases: gas carbónico (CO2), metano, óxido nitroso, hidro-fluoro-carbonos, per-fluoro-carbonos, e hexafluoruro de sulfuro. O sentido realista marcou 1990 como o ano de punto de partida. Segundo a proposta de 1997, os países asinantes debían tomar como referencia as súas emisións dese ano e lograr que no prazo que vai de 2008 a 2012 esas emisións descendesen un 5,2% por baixo das rexistradas en 1990. No Cume de Bonn ese límite fixouse nun 1,8%, xa que de non ser así corríase o risco de que o Protocolo non se ratificase.
O 20% do mundo emite o 75% dos gases
Estímase que o 75% das emisións de gases do efecto invernadoiro que se acumularon na atmosfera nos últimos 50 anos xeráronse en países industrializados, onde se atopa o 20% da poboación mundial. O 25% restante das emisións producíronse en países en vías de desenvolvemento, que albergan o 80% restante da poboación mundial. Estados Unidos é a principal fonte dos gases de efecto invernadoiro, responsable do 25% das emisións globais de CO2 xeradas entre 1950 e 1990, e do 36% das emisións globais e de todos eses gases suxeitos ó protocolo de Kioto.
Os bosques, clave
Os bosques convertéronse nunha importante compoñente das negociacións internacionais sobre o cambio climático, debido á súa habilidade para absorber dióxido de carbono da atmosfera. É por iso que algúns países, como Estados Unidos, Canadá, Australia, Xapón, Nova Zelandia e Rusia, propoñen que o carbono capturado a través de actividades agrícolas ou forestais teña o mesmo valor e conte tanto como o que se deixa de emitir ó reduci-la emanacións da actividade industrial. Así, converten os bosques en moeda de cambio para non reduci-las emisións coa escusa de que os bosques absorben parte das emisións, esquecendo que en calquera momento eses bosques poden deixar escapar carbono (sen ir máis lonxe, nos incendios tan habituais do verán). Ademais, esa proposta ten o perverso efecto de incentiva-la substitución de bosques por plantacións de crecemento rápido. A importancia dos bosques no equilibrio ambiental queda patente ó analiza-lo ocorrido nos países tropicais: entre 1980 e 1995 perdérono só neses países un termo medio de 13 millóns de hectáreas de bosque por ano. Calcúlase que esta deforestación inxectoulle á atmosfera unha media de 1.400 millóns de toneladas de carbono por ano durante os últimos 15 anos, equivalente ó 20% das emisións globais de carbono á atmosfera.
A picaresca do Protocolo
O Protocolo permítelle ós estados estratexias que se non fose pola seriedade que agachan resultarían cómicas. Pódese comprar aire quente. Kioto asígnalles a cada país unha cota de emisións límite e, así, hai estados como Rusia que xestiona cotas superiores ó que de verdade vai emitir, co que outro país pode compra-los seus excedentes.
O outro xeito de facer trampa consiste en plantar árbores coas que equilibra-la cantidade de emisión permitida. Poténcianse os sumidoiros de carbono (superficies forestais que absorben gases contaminantes da atmosfera) e os países intentan non alterar substancialmente os seu hábitos de queima de combustibles fósiles a cambio de incentiva-las actividades forestais ou agrícolas. Estas prácticas foron e son denunciadas por organizacións internacionais, que confían na redacción definitiva do Cume do Clima de 2002 para eliminalas.
Propostas
Ó mesmo tempo que os Estados Unidos e os Organismos Internacionais determinan e toman conciencia da inmediata necesidade de lexislar e tomar medidas para facer fronte ó efecto invernadoiro, as organizacións ecoloxistas propoñen que se incentive e premie o uso de fontes de enerxía renovables: biogás, gasificación de biomasa procedente de productos forestais e residuos agrícolas, cociñas e estufas eficientes, xeotérmica para calor e electricidade, sistemas fotovoltaicos, pilas de combustible renovable, micro e mini-hidráulicas de menos de 10 MW, calor por solar termia, electricidade solar térmica, cociñas solares, enerxía das ondas, turbinas eólicas, bombeo eólico. Tamén impulsan a concienciación do consumidor da necesidade de optar por tecnoloxías ambientais: electrodomésticos e equipos industriais eficientes e máis respectuosos co ambiente.
Electrodomésticos Greenfree
A principios dos 70, os científicos descubriron que unha clase de compostos químicos do cloro chamados halocarburos eran prexudiciais para a capa de ozono. A tecnoloxía Greenfree foi introducida por Greenpeace en 1992, substituíndo os CFCs que os frigoríficos utilizan como refrixerantes e como impulsores da escuma illante por hidrocarburos naturais (propano, isobutano, ciclopentano…). Hoxe son unha realidade. Os frigoríficos e conxeladores Greenfreeze (sen gases prexudiciais para a capa de ozono nin o clima) avanzan no noso país. A práctica totalidade dos das marcas que se fabrican en España son de tecnoloxía Greenfreeze, e utilizan o nome comercial “Greenfresh”. Tamén o son a maioría dos que se importan. Sen embargo, é posible que non tódolos aparatos desas marcas que se atopan nas tendas sexan Greenfreeze, pois poderían ser modelos anteriores. Para comprobalo, hai que mirar no compresor (depósito negro situado na parte traseira): se leva as siglas R-600ª, trátase de tecnoloxía Greenfreeze, pero se indica R-12 ou R-1354a non.
- Gases de efecto invernadoiro.– Causantes do cambio climático na atmosfera. Os gases citados no Protocolo son seis, entre eles o dióxido de carbono, o metano e o óxido nitroso. O seu nome débese a que aprisionan a calor preto da superficie terrestre.
- Sumidoiros.- Árbores e bosques que absorben o dióxido de carbono da atmosfera terrestre.
- Mecanismos de flexibilidade.- Son os “instrumentos” dictados polo Protocolo para a reducción das emisións asignadas a cada Estado.
- “Grupo paraugas”.- Liderado por EEUU, son os países que se puxeron en contra da ratificación do Protocolo, formado por Canadá, Rusia, Ucraína, Nova Zelandia, Noruega, Islandia, Australia e Xapón.
- AOSIS.- Siglas que engloban o grupo de países insulares que máis insistentemente reclamaron a reducción de gases contaminantes. Kiribati ou As Maldivas aseguran que o crecemento do nivel do mar provocado polo cambio climático levaríaos á extinción.
- G-77+China.- Grupo formado por 132 estados en desenvolvemento exentos de levar a cabo as reduccións impostas polo Protocolo. Dentro destes países atópanse a maioría de estados africanos, un dos máis sensibles ó cambio climático.
- IPCC.- O Panel Intergobernamental do Cambio Climático é un informe elaborado por máis de un millar de científicos e expertos de todo o mundo. Serviu de punto de partida para as negociacións de Bonn.
- LULUCF.- Actividades permitidas polo Protocolo sobre o uso da terra e medidas de reforestación que aumentan a capacidade de absorción do dióxido de carbono.
- Cume da Haia.– Precedente do Cume de Bonn. Nel os bloques foron incapaces de chegar a un acordo sobre o Protocolo.