Material escolar e o seu custo

Desembolso que trastoca a economía familiar

A pesar de que se relaciona principalmente co mes de setembro, o gasto en material escolar non se limita ó comezo do curso
1 Setembro de 2001
Img temap

El ter un fillo cursando Educación Primaria ou Secundaria (ESO) significa o desembolso de ó redor de 30.000 pesetas só en concepto de libros de texto, cadernos e outros materiais complementarios coma diccionarios ou atlas.

Desembolso que trastoca a economía familiar

Se, amais, o neno ou nena solicitan participar en actividades extraescolares coma judo, danza ou natación, haberá que sumar unha media de 4.000 pesetas máis por actividade para adquiri-lo equipamento básico. E se acode a un centro privado con uniforme, engadiranse 48.000 pesetas máis en caso de adquiri-lo vestiario completo -moi probable tratándose de nenos e nenas en constante crecemento.

O montante final pode, xa que logo, ascender facilmente a 34.000 pesetas por fillo en colexios públicos e chegar ata 82.000 pesetas nos privados con uniforme. Estas cantidades non inclúen clases de apoio extraescolar (mensualidades de preto de 5.000 pesetas) nin un ordenador (que axiña será unha ferramenta imprescindible).

Co fin de recompilar información de primeira man entre os pais sobre cuestións coma a gratuidade dos libros de texto ou sobre cómo se organizan para adquiriren o material escolar, técnicos de CONSUMER realizaron unha sondaxe a 302 pais e nais de alumnos de Educación Primaria e Secundaria de toda España. O 40% dos enquisados afirmaron que non son informados con antelación sobre o gasto que deberán facer en material escolar. Esta información resultaría moi útil para afronta-la volta ó colexio, xa que durante as vacacións de verán os petos reséntense. Pero ante todo, a nosa sondaxe evidencia que preve-lo gasto en material escolar resulta sumamente complicado: o 58% dos pais quedou curto ó calcular, ó principio do curso pasado, o desembolso que efectuarían durante todo o ano e gastaron de media un 28% máis. É dicir, as 31.625 pesetas que esperaban destinar á adquisición do material escolar básico dos seus fillos foron, finalmente, 40.500 pesetas.

Estes elevados gastos que os pais han de efectuar na compra do material escolar de cada fillo traen a colación o debate sobre a gratuidade do ensino obrigatorio. A Comunidade de Castela-A Mancha é pioneira neste aspecto: a Administración Educativa desta comunidade puxo en marcha a implantación progresiva do programa de gratuidade de materiais curriculares. Aínda que este proxecto non será unha realidade completa ata o curso 2003-2004, o pasado curso esta gratuidade afectou ó 1º Ciclo da ESO. Outras comunidades copian xa o exemplo.

Qué é o material escolar

Considéranse material escolar os bens que os colexios poñen ó dispor dos alumnos (mesas, taboleiros, proxectores, etc.) e os que os pais adquiren para os seus fillos (libros, lapis, bolígrafos, etc.). Serven de instrumento e apoio para a educación dos alumnos.

  • Libros de texto e material curricular: Tanto os materiais para uso do alumno coma os de apoio para o docente. Poden ser impresos ou utilizar outro tipo de soporte.
  • Outros materiais: Diccionarios, atlas, libros de lecturas, regras, medios audiovisuais, instrumental científico… Utilízanse a modo de complemento ou axuda didáctica. Tamén se inclúen neste apartado outra clase de obxectos complementarios coma mochila, estoxo, lapis, bolígrafos, pinturas, etc.
  • Roupa e calzado: A indumentaria, tanto a de andar pola rúa coma o uniforme de colexio que se adquire especificamente pensando en ser utilizada para uso escolar. Hai diversidade de opinións en canto á roupa de andar pola rúa e a súa inclusión no apartado de material escolar, xa que aínda sendo un gasto evidente e necesario, non é posible establece-los lindeiros da súa utilidade.
  • Actividades extraescolares: Os gastos derivados do material necesario para levar a cabo estas actividades (judo, danza, baloncesto, natación, etc.).

Cómo se organiza nos colexios a compra dos libros de texto

Hai diversas modalidades:

  • Os propios centros escolares organizan a miúdo a venda dos libros de texto, que se encargan de xestiona-las ANPA (Asociacións de Nais e Pais de Alumnos). Ó tratarse de grandes cantidades de libros, as ANPA conseguen descontos das editoriais e a marxe comercial invístese no colexio (actividades extraescolares, reformas…). Moitos pais son contrarios a este modo de organiza-la adquisición do material, xa que perden os descontos ós que poderían acceder se fixesen a compra pola súa conta. Outros son partidarios desta práctica porque lles resulta cómoda.
  • Ó inicio do curso escolar, os centros facilitan ós alumnos unha lista cos títulos dos libros que cada materia require.
  • Algúns colexios acordan con unha ou varias librerías a venda dos libros de texto.
  • Aumentou o número de profesores que elabora o seu propio material didáctico, consultando varias fontes. Neste caso non queda máis remedio que adquiri-los textos na escola ou no colexio.

De calquera xeito, os pais deben saber que sexa cal sexa o modo no que se organiza a adquisición de material escolar no centro ó que acoden os seus fillos (agás no último caso), contan con absoluta liberdade para compraren os libros onde consideren máis conveniente.

Actividades extraescolares

Supoñen outro desembolso ó que cómpre facer fronte tanto ó comezo coma ó longo do curso, a pesar de que se tende a non considera-los artigos necesarios para as actividades extraescolares como gasto en material escolar. Non obstante, o proxecto curricular dun alumno complétase con estas actividades: tamén nelas aprende e permiten amplia-lo outro currículo, o social, cada vez máis importante. Música, danza, idiomas, informática, teatro, xogos, técnicas de estudio ou deportes son algunhas delas, con custos moi diversos. Mentres que o teatro, os xogos e os idiomas son actividades nas que o desembolso se reduce á compra dun caderno ou libro, nas actividades deportivas o investimento aumenta.

Cada centro ten plena liberdade para organizar estas actividades e para establece-los horarios e os prezos. Velaquí os gastos que se poden derivar dalgunha delas:

  • Fútbol:

    • Botas de fútbol: 1.800 pta
    • Caneleiras: 685 pta
    • Total: 2.485 pta
  • Baloncesto:

    • Zapatillas de baloncesto: 2.150 pta
    • Pulseira: 325 pta
    • Total: 2.475 pta
  • Natación:

    • Traxe de baño: 1.295 pta
    • Gorro de natación: 295 pta
    • Gafas de natación: 895 pta
    • Sandalias: 995 pta
    • Total: 3.480 pta
  • Artes marciais:

    • Kimono: 4.200 pta
    • Cinto: branco 430 pta, bicolor 710 pta, unicolor 610 pta
    • Total: 4.780 pta
  • Danza: Mallot: 2.850 pta

    • Medias: 600 pta
    • Zapatillas: 1.240 pta
    • Total: 4.690 pta

A nosa sondaxe

Técnicos de CONSUMER realizaron 302 enquisas a pais de toda España con fillos que cursan as etapas infantil, primaria e secundariaPreguntóuselles sobre cánto gastaron o curso pasado en concepto de material escolar, qué fórmula lles parece máis axeitada para custea-los libros de texto dos seus fillos, se coñecen con antelación a cantidade que deberán aboar, cómo se organiza a adquisición dos libros de texto no colexio ó que acoden os seus fillos

Resultados da sondaxe de CONSUMER:

  • O 40% dos pais enquisados afirma que non son informados con antelación sobre o gasto que deberán facer tralas vacacións
  • O 58% dos pais quedou curto ó calcular, ó comezo do curso pasado, o desembolso en material escolar que efectuarían durante todo o ano: gastaron, de media, un 28% máis
  • 31.625 pesetas era a cantidade media que os pais consultados por CONSUMER esperaban gastar en material escolar para os seus fillos40.500 pesetas foi a cantidade que finalmente deberon aboar
  • Os libros deberían ser gratuítos e compartidos polos alumnos de cada centro durante varios anos, segundo o 62% dos pais que participaron na nosa sondaxe
  • O 88,7% dos proxenitores estaría disposto a que os seus fillos utilicen libros de texto prestados
  • O 59% dos pais sente que se producen abusos ó compraren libros ou material escolarUn de cada 4 enquisados cre que os abusos proveñen das editoriais
  • O 64% dos pais consultados deben adquiri-los libros de texto pola súa conta

Recomendacións para aforrar


* Libros de texto e material curricular

  • Reutilización: afaga ós pequenos a coida-lo material escolar, xa que así poderán utilizar parte do mesmo durante varios anos.
  • Se un libro que debe adquirir sufriu variacións respecto á anterior edición, bótelle unha ollada antes de descarta-lo exemplar usado. Sopese o número e a magnitude das modificacións, e non dubide en consultar co profesor da materia en cuestión se realmente paga a pena desbota-lo libro usado.
  • Busque o establecemento que ofreza unha porcentaxe de desconto superior. Poderá aforrar unha media do 25% do custo dos libros de texto se os adquire nun hipermercado, un 10% se o fai en grandes almacéns e un 7% se compra os libros en librerías.
  • Acudir a bibliotecas tanto do colexio coma municipais para utilizar libros de lectura ou de apoio ten dúas vantaxes: amais de evita-la compra deses libros, permitirá ós nenos iniciarse na dinámica de buscaren información pola súa conta, hábito moi positivo para os estudiantes.


*Na compra de “outros materiais”

  • Antes de comprar, busque pola súa casa. Seguro que xa conta con parte do material que tiña pensado adquirir, pois ano tras ano requísense artigos de similares ou iguais características.
  • Compare calidades e prezos en distintos establecementos. É posible que non conveña realizar tódalas compra na mesma tenda.
  • Adecue a cantidade de materiais como pinturas, plastilina ou bolígrafos ás necesidades de cada momento (compre só unha caixa de pinturas a pesar de que sabe que ó longo do curso o seu fillo/a necesitará outra máis). Evitará gastos inútiles.
  • Adquirir artigos cunha óptima relación calidade-prezo permitiralle un posterior aforro mediante a reutilización deses materiais, xa sexa por parte de fillos menores, familiares, amigos ou veciños.
  • Non dubide en consulta-los profesores para obter información polo miúdo das características do material escolar que o seu fillo requirirá. Adaptará así o gasto ás necesidades reais dos seus pequenos (un diccionario máis sinxelo fronte a outro máis avanzado que non saberá utilizar), o que se pode converter nun aforro.

*Roupa e calzado

  • Compare prezos en distintos establecementos e complete o equipo elixindo os máis vantaxosos.
  • Gradúe as compras e non espere ata o último momento.
  • Tendo en conta a rapidez coa que crecen os nenos, compre a roupa algo ampla (exceptuando o calzado) para evitar sorpresas de última hora.
  • Faga uso do vello truco de mete-la dobra uns centímetros máis longa deixando a posibilidade de volver a sacala en pantalóns e uniformes, etc.
  • Opte por marcas propias de distribuidor (anteriormente denominadas “marca branca”). Aforrará ata o 50% nalgunas pezas.

Consellos para os pais ante o consumismo dos seus fillos

  • Os nenos son grandes imitadores, especialmente a partir de certa idade. Se quere transmitirlles valores de consumo responsable, aplíqueos primeiramente a vostede mesmo: o exemplo resulta esencial.
  • Racionalice o gasto dos nenos. Non lles permita o gasto inútil indiscriminado en ningún artigo, sexan golosinas, brinquedos, material escolar…
  • Evite o gasto inmediato de calquera diñeiro que reciban. Aprenderán a esperar a ter unha oferta mellor.
  • Numerosas situacións cotiás pódense utilizar para ensinarlles hábitos de consumo responsable: a selección e compra dos alimentos ou roupa, a elección dun galano, o estudio dun catálogo antes de realizar unha compra, o comentario de anuncios publicitarios, a distribución do presuposto familiar, etc.
  • Fágalles ver que o máis caro non sempre é mellor. Unhas zapatillas deportivas de marca coñecida poden ofrecer peor resultado que outras de menos renome e máis baratas.
  • Converse cos seus fillos para axudalos a razoar verbo de por qué se debe ou non comprar un obxecto, se é mellor esperar ou aforrar para adquirir outro.
  • Non lles facilite todo o que piden. Explíquelles que se require un grande esforzo para adquirir algúns productos e trate de que eles tamén se esforcen e aprendan a aforrar. Valorarán máis o que posúen.
  • Paulatinamente, ofreza ós nenos autonomía para realizaren as súas propias compras: regalos de aniversarios para os seus amigos, material para gozar dos seus hobbies, etc. Pouco a pouco aprenderán a axusta-lo seu presuposto.

Bolsas e axudas


*Axudas do MEC en concepto de material escolar

Para este curso académico 2001-2002, o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte convocou 650.000 axudas para libros e material didáctico dos niveis obrigatorios de ensino (Educación Primaria e Educación Secundaria Obligatoria).

Contía individual das axudas: 12.500 pesetas.

Destinatarios:

  • familias de alumnos que as solicitaron o curso 2000-2001.
  • familias que non as solicitaran con anterioridade, sempre que a súa renda no 2000 non superara a soleira mínima fixada polo Ministerio (familias dun membro, 1.072.000 pta; de dous membros, 1.749.000 pta; de tres membros, 2.295.000 pta; de 4 membros, 2.722.000 pta…).

Prioridades á hora de adxudicar axudas:

  • Concédense primeiramente a quen cumpra algunha das seguintes condicións, ordenadas polo criterio de prioridade: ser orfos absolutos, pertencer a familias en que algún dos membros estea afectado de minusvalía legalmente cualificada, a familias nas que o substentador principal se encontre en situación de desemprego ou sexa pensionista, a familias numerosas ou a familias nas que o substentador principal sexa viúvo, pai ou nai solteiro, divorciado ou separado legalmente ou de feito.
  • As restantes adxudícanse por orde inversa á renda per cápita da familia do solicitante. Para a concesión destas axudas non se ten en conta o rendemento académico dos solicitantes.

Prazos e lugar de presentación: Ata o 1 de outubro deste ano. Presentarase o impreso correspondente no centro escolar onde o solicitante se matricule no curso 2001-2002.

Prazo de resolución: Seis meses desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes.

* A Comunidade Autónoma Vasca efectúa unha convocatoria xeral de axudas para estudiantes de niveis non universitarios. Nela establécense axudas para material didáctico do segundo ciclo de Educación Infantil, Educación Primaria, primeiro ciclo de ESO e Educación Especial e resto de niveis.

* Na Comunidade Valenciana, a Administración educativa convoca axudas para a adquisición de libros de texto por parte de estudiantes en ensinanzas obrigatorias de centros financiados con fondos públicos.

* Por último, hai programas de axudas para a adquisición de libros de texto desenvolvidos por determinadas Administracións Locais, en relación con colectivos de persoas desfavorecidas, dadas as súas situacións sociais, persoais ou económicas.

Os libros de texto, en Europa

Gratuítos en toda a educación obrigatoria (desde os 6 ós 16 anos), a cargo do goberno central.

  • Finlandia: Gratuítos en toda a educación obrigatoria.
  • Islandia: Gratuítos en toda a educación obrigatoria (desde os 6 ós 16 anos), a cargo do goberno central.
  • Suecia: Gratuítos en toda a educación obrigatoria, a cargo dos gobernos municipais.
  • Dinamarca: Gratuítos en toda a educación obrigatoria (desde os 6 ós 16 anos), a cargo dos gobernos municipais.
  • Austria: As familias só pagan o 10% do custo dos libros, o 90% restante é subvencionado polo Estado.
  • Bélxica: Gratuítos na educación primaria (desde os 6 ós 12 anos), na educación secundaria as familias deben achegar unha porcentaxe do prezo do libro que oscila entre o 20% e o 40%.
  • Luxemburgo: Gratuítos en toda a educación obrigatoria, e axudas na educación secundaria non obrigatoria.
  • Holanda: Primaria: gratuítos, a cargo do goberno central. Secundaria: pagan os pais e nais. Non obstante, os centros educativos ou ben alugan os libros, ou ben organizan un mercado de libros usados.
  • Reino Unido: Gratuítos en toda a educación obrigatoria (préstamo con posterior devolución), a cargo do goberno central, con algunha achega dos gobernos municipais.
  • Francia: Gratuítos en toda a educación obrigatoria, a cargo do goberno central.
  • Italia: Gratuítos en educación primaria (de 6 a 10 anos). En secundaria segundo a situación económica da familia, as autoridades locais poden fixar reduccións parciais ou totais do custo dos libros.
  • Alemaña: É unha república federal e os estados que a integran (os “Land”) teñen as competencias educativas. En moitos estados os libros de texto son gratuítos (préstamo e devolución), noutros establécese un sistema de préstamo de libros con participación das familias no custo dos mesmos e, por último, hai estados que se rexen por un sistema de bonos para comprar libros, método no que tamén se consideran os ingresos familiares.
  • Grecia: Gratuítos, a cargo do goberno central.
  • Portugal: Non son gratuítos. O goberno luso expresou recentemente o seu desexo de implanta-la gratuidade en educación primaria.