Paciencia e orde, elementos básicos
Unha vez que nos decidimos a cambia-la cor das paredes, fundamentalmente temos dúas opcións: contratar un profesional ou intentalo nós mesmos. Se se requiren os servicios dun pintor teremos case garantido un traballo ben feito pero suporanos un gasto arredor das 170.000 pesetas para unha casa tipo de 90 metros cadrados, sempre que non se requiran reparacións na parede e se opte por pinturas estándares. Se nos decidimos a pintar nós mesmos, calculemos uns gastos de equipo de 15.000 pesetas, e por cada 20 metros cadrados pensemos en 3 litros de pintura (a unhas 1.000 pesetas o litro) para cada unha das dúas mans. É dicir, gastaremos (ademais de tempo, naturalmente) unhas 42.000 pesetas, co que o aforro se situará arredor das 125.000 pesetas.
Antes de comezar…
Para que todo resulte máis fácil e práctico, convén aprovisionarse dos seguintes utensilios: escaleiras, unha cinta de enmascarar (400 pesetas o rolo), panos (para cubrir accesorios fixos que non se poden pintar), espátulas (500 pesetas), lixas (100 pesetas), removedor (500 pesetas), necesarios para elimina-la pintura anterior; pinceis de, polo menos, tres tamaños diferentes, ben de sedas sintéticas ou de sedas naturais (máis custosos, duran máis) que custan desde 200 ata 1.300 pesetas cada un; rolos (700 pesetas) para cubrir grandes superficies, paredes e teitos; e por último, os recipientes. Se traballamos con rolo necesitaremos unha bandexa (400 pesetas); se son pinceis e realizamos mesturas, requiriremos recipientes secundarios. Se ofrecen a posibilidade de se pechar hermeticamente, mellor: permitirannos garda-la pintura para continuar traballando máis tarde coa mesma mestura.
Elixi-la pintura
Se non se é un experto, convén deixarse aconsellar antes de elixi-lo tipo de pintura, que se adecuará á superficie e ó acabado que se pretenden. A cor depende de gustos, pero tanto se procede dun catálogo comercial como de adquiri-los tons necesarios que se vaian mesturar, as posibilidades son numerosísimas e hai que pensalo ben. As cores dos catálogos comerciais expóñense en pequenas mostras que, levadas á realidade, tenden a parecer máis fortes e agresivas, polo que, se se quere un amarelo vainilla, máis vale que o seu aspecto no bote sexa dun amarelo máis claro. Ademais, a tonalidade de cada cor cambia de acordo coa luz natural ou artificial. Para calcula-las cantidades necesarias hai que medi-lo ancho e alto das superficies que se van pintar, sen excluí-las aberturas. Convén consultar co provedor cántos metros cobre cada litro da pintura seleccionada e cántas mans deben aplicarse para un óptimo resultado.
- Látex e pinturas para falsos teitos: son de secado rápido, o cheiro no momento de pintar é aceptable e resulta de moi fácil aplicación. A terminación é mate. Recoméndase para todo tipo de superficies, excepto metais, azulexos e cerámicas. Rende uns 12 metros cadrados por cada litro. O seu prezo: desde 1.100 ata 1.500 pesetas o litro.
- Satinol: o secado é máis lento có do tipo anterior de pintura, o cheiro no momento de pintar é moi forte e a aplicación resulta complicada, xa que, se non se aplica en forma parella, poden quedar manchas e chorros, producindo un feo efecto. Non se pode remendar un sector mal pintado: hai que repintar toda a parede. A terminación é brillante. Recoméndase unicamente para superficies con excelente acabado en xeso. Rende 12 metros cadrados por cada litro e custa desde 700 a 1.900 pesetas o litro.
- Esmalte sintético: o secado é rápido, o cheiro no momento de pintar é aceptable e a aplicación sinxela. A terminación é brillante. Recoméndase para superficies metálicas e de madeira (marcos e ventás, pola súa alta resistencia á intemperie). Rende uns 14 metros cadrados por cada litro e atópase desde as 2.400 ás 3.300 pesetas por litro.
- Pintura plástica: o secado é rápido, o cheiro moderado e a súa principal vantaxe é que, unha vez que se aplicou, é lavable. Aconséllase para o pintado de teitos e paredes polo seu bo poder para cubrir e fácil aplicación. Rende arredor de 20 metros cadrados por cada litro e pódese conseguir a un prezo que vai desde as 800 ás 1.100 pesetas o litro. Nalgunhas marcas o tamaño vén expresado en quilos.
Programa-lo traballo
Antes de comezar coas tarefas de pintura, convén aspira-lo ambiente e illa-las salas de correntes de aire que poidan introducir partículas volátiles; se non se fixese así, quedarían adheridas á pintura húmida. A mellor maneira de poñernos a pintar é: primeiro paso: comezar pintando o teito. Pódeselle dar tódalas mans que requira antes de pasar ás paredes. Segundo paso: seguir coas paredes, comezando polo ángulo dereito superior dunha parede. Hai que pintala integramente ata rematar con todo un plano antes de pasar ó seguinte. Tódalas mans de pintura que se lle dean deberán segui-la mesma orde. Terceiro paso: as portas e ventás. Non hai que esquecer nunca enmascara-las partes que están en contacto cos marcos e que non desexa pintar (vidros, bisagras e ferraxe, etc.). Cuarto paso: pinta-los zócolos, cubrindo o ángulo en contacto co piso, para que non se manche.
En mans dun profesional
Se se prefire, polo contrario, deixa-la limpeza de cara da casa en mans dun profesional, debemos ter en conta algunhas cousas. Os dous criterios para fixa-lo prezo son o número de metros cadrados que se van pintar e a calidade da pintura, que pode encarecer, aínda que normalmente non en demasía, o traballo. Un fogar de 90 metros cadrados terá un custo aproximado de 170.000 pesetas e o traballo dos pintores prolongarase durante 3 días. Coas pinturas actuais, o habitual é que non se nos esixa abandona-la casa ningunha noite, xa que a metodoloxía do traballo permite deixar cuartos libres. Si é aconsellable facilitar, na medida do posible, o labor dos profesionais, apartando mobles ou descolgando cadros, xa que desta maneira se reducirá substancialmente o tempo e, en consecuencia, as horas na factura.
Pintar e ser ecolóxico
Despois de pinta-la casa podemos non limitarnos a deposita-los recipientes e utensilios no contedor axeitado. Mentres se pinta e cando se acaba de facelo ben merece a pena intentar respecta-lo medio ambiente. Hai que ter en conta que os materiais son moi tóxicos e nunca biodegradables. Un bo sistema para facelo é utilizar sempre dous recipientes nos que se lavan primeiro as brochas, botes e outros equipos, para despois enxaugalos. Serve para tódalas pinturas de auga e disolvente e as de aceite. Hai que ter presente que co lóxico movemento dos recipientes, os sólidos na pintura sepáranse do líquido, facendo máis fácil dispoñer de cada compoñente.
Despois de pintar:
- Os botes: ó final do traballo límpanse os excesos de pintura que quedan dentro da lata. Para iso utilice material absorbente como trapos vellos, tiras de periódicos ou anacos de cartón. Deixe que sequen as latas e logo deposíteas no lixo da casa.
- As brochas e demais: lave as brochas, rolos e outros equipos nun recipiente con auga con capacidade de 20 litros ou similar. Transfira cada equipo lavado a un segundo recipiente cheo de auga limpa para a enxaugadura final. Póñalles as tampas ós recipientes ou cúbraos dunha maneira segura, de xeito que estean en forma vertical toda a noite.
- Pola mañá a parte sólida da pintura estará no fondo do recipiente, polo que se pode verter. Nunca tire a auga clara deste recipiente en arroios, ríos ou lagos, ou onde a terra poida absorbela. Despois deposite a parte sólida que quedou no fondo do recipiente, para dispoñer dos sólidos da pintura no fondo do primeiro recipiente, raspando con trapos vellos, tiras de periódicos ou anacos de cartón. Déixeos secar, e entón póñaos nunha bolsa plástica para depositalos xunto co lixo da casa. O segundo recipiente pode usarse agora como o primeiro lavado. Use este sistema da rotación ata que complete o traballo.
Séguense os mesmos procedementos en canto ás pinturas a base de auga, pero con estas excepcións:
- Utilizar disolventes para limpa-los equipos.
- Deixe que o primeiro recipiente seque polo menos durante un período de 24 horas.
- Non verta o disolvente limpo na terra ¿utilice un recipiente e gárdeo para o seu uso posterior¿.
- Utilice a menor cantidade de disolvente.
- Precaución. Non permita que a auga ou disolventes químicos que deixan os equipos cando se lavan penetren na drenaxe da auga. Isto pode causa-la reducción do nivel de osíxeno e afecta-la supervivencia dos peixes e outros organismos acuáticos.