Por esto, é especialmente importante asegurarlle unha alimentación suficiente e axeitada, co triple obxectivo de satisface-las súas necesidades nutritivas, previr e/ou tratar diversas situacións patolóxicas e crear uns bos hábitos alimentarios. As pautas nutricionais veñen marcadas polas recomendacións e informes técnicos da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO), o Comité de Nutrición da Academia Europea de Pediatría e o Comité de Nutrición da Sociedade Europea de Nutrición e Gastroenteroloxía Pediátrica (ESPGAN), e adáptanse a tres etapas ben diferenciadas:
O primeiro ano de vida, clave para un crecemento e un desenvolvemento axeitado
- Período lácteo. O leite é o seu único alimento, sexa leite humano ou artificial. Desde o nacemento ata os 4-6 meses aproximadamente. Durante este período, o lactante é capaz de succionar e deglutir, pero aínda non desenvolveu a capacidade de dixerir certas proteínas e os seus riles non son capaces de soportar cargas osmolares excesivas (líquidos moi concentrados en partículas: sales minerais, glicosa…). O recén nado non nace sabendo mamar pero desenvolve esa capacidade nas primeiras 48 horas de vida. O reflexo de succión ten a máxima resposta ós 20-30 minutos despois do parto e debería ser aproveitado.
- Período de transición, destete ou BEIKOST. A partir do cuarto mes de vida. Neste período vanse introducindo con prudencia alimentos non lácteos, preparados de forma axeitada en consistencia e cantidade, para non altera-lo ritmo de maduración dixestiva e renal, así como o progresivo desenvolvemento neuromuscular. Esta etapa debe favorece-lo desenvolvemento dos sentidos de modo que se pode pasar da succión á culler, o que permitirá saborear mellor, e cambia-la textura, de líquido a triturado, e cando xa teña dentes a torado.
- Período de maduración dixestiva. A alimentación debe adaptarse á capacidade dixestiva e ó estado de desenvolvemento fisiolóxico e neuromotor, facendo paulatina a introducción de alimentos. A capacidade gástrica do recén nado é de 10 a 20 mililitros (mL) e aumenta durante o transcurso do seu primeiro ano ata os 200 mL, o que vai permitir que o neno faga comidas máis abundantes e menos frecuentes.
Nutrición do bebé
Lactación materna. A lactación é, ou debe ser, a principal fonte de alimento a esta idade, exclusiva nos primeiros meses, xa que o leite de muller se adapta perfectamente ás necesidades nutricionais e ás características dixestivas dos lactantes ata a introdución da alimentación complementaria.
Introducción da alimentación complementaria:
O leite como alimento único a partir dos seis meses non proporciona a enerxía e nutrientes que precisa o lactante a partir desta idade, e ademais, como as súas funcións dixestivas maduraron, deben incluírse novos alimentos na súa dieta, seguindo unhas normas regradas. Non está xustificado introducir novos alimentos antes dos tres meses, aínda que tampouco é aconsellable facelo máis tarde dos seis, porque a falta de diversificación é motivo frecuente de perda de apetito, á vez que se desaproveita unha época moi válida para a educación do gusto e o coñecemento dos alimentos básicos que lle permitirán ó bebé adaptarse a unha alimentación equilibrada, variada e suficiente. Debe irse substituíndo, dunha en unha, as tomas de leite que recibe o lactante polos distintos compoñentes dunha alimentación complementaria (papa de cereais, froita, puré de verdura…), de forma paulatina, con intervalo suficiente para que o neno vaia aceptando os novos alimentos, probando a súa tolerancia antes de introducir un novo e dándolle tempo á adaptación do seu organismo. Neste período é moi importante permitir que a cantidade de alimento poida variar dun día a outro e dunha semana a outra, segundo o apetito.
Introducción de novos alimentos un por un
- Os cereais. Introdúcense ós 4-6 meses. Nunca antes dos catro. Primeiro será sen glute para evita-las sensibilizacións e intolerancias a esta proteína (o trigo, avea, centeo e orxo conteñen glute; o arroz e o millo, non) e a partir dos 7-8 meses poden mesturarse. Os cereais contribúen á achega enerxética, son fonte de proteínas, minerais, vitaminas (tiamina especialmente), ácidos graxos esenciais e hidratos de carbono de absorción lenta, polo que permiten un maior espaciamento das tomas. Non obstante, ó tratarse dun alimento calórico, existe risco de sobrealimentación se se abusa do seu consumo. Para preparar papas debe empregarse o leite habitual e engadi-lo cereal necesario, mantendo así a achega mínima de 500 centímetros cúbicos de leite diarios. Son menos recomendables os preparados que conteñen de orixe cereais e leite e se preparan con auga, xa que é máis difícil calcula-la cantidade de leite usado.
- As froitas.Empezarase a partir dos 4-6 meses cunha papa de froitas pola súa achega vitamínica, nunca substituíndo unha toma de leite, senón complementándoa. Deben empregarse froitas variadas (laranxa, mazá, pera, uva, ameixa…), para educa-lo gusto, e é preferible evita-las máis alerxénicas como o amorodo ou o melocotón. Adoitan introducirse despois de conseguida a aceptación dos cereais, aínda que pode facerse ó revés, primeiro a froita e despois os cereais. Non deben adozarse con azucre e non se incorporarán galletas ata despois dos sete meses, xa que estas conteñen glute.
- As verduras e patacas. Irán introducíndose a partir dos seis meses buscando a súa achega de sales minerais. Primeiro pode darse o caldo engadido ó biberón do mediodía, despois verduras soas en puré, complementadas con leite. Deben evitarse ó principio as verduras con alto contido en nitritos como remolacha, espinacas, acelgas e nabos, e decantarse por patacas, feixóns verdes, cabaza pequena, etc. para máis tarde introduci-las demais. Pode engadirse unha culleriña de aceite de oliva ó puré, pero nunca sal. Deben cocerse con pouca auga e aproveita-lo caldo da cocción, no que quedan disoltos parte dos sales minerais. Ó inicio, recoméndase evita-las verduras flatulentas (col, coliflor, nabo) ou moi aromáticas (allo, espárragos). Déronse casos en nenos pequenos que consumiron vexetais requentes, nos que a súa pel se volve azulada, debido a que se ve afectado o transporte de osíxeno, un cadro aparatoso pero que non reviste gravidade co tratamento axeitado. Tamén hai risco de que se produza esta situación se se conservan as verduras cocidas na neveira máis de 48 horas.
- Carnes.Preferiblemente as menos graxas, empezando polo polo e nunca antes dos seis meses, nunha cantidade de 10-15 gramos por día e aumentando 10-15 gramos por mes, máximo de 40 a 50 gramos, mesturada e batida a carne coas verduras. Posteriormente introdúcese a tenreira e o año. Achegan proteínas de alto valor biolóxico, lípidos, ferro, zinc e certas vitaminas. As vísceras (fígado, miolos, etc.) non teñen vantaxes sobre a carne magra e achegan exceso de colesterol e graxa saturada.
- Pescados. Nunca antes dos nove meses debido á súa maior canpacidade de provocar alerxia, e se o bebé ten antecedentes familiares de alerxia alimentaria, mesmo ata pasado o ano de vida. A partir desta idade, o pescado pode substituír algunhas tomas da carne. É conveniente empezar por pescados brancos.
- Ovos. Nunca crus. Introducirase primeiro a xema cocida sobre o noveno mes; inicialmente un cuarto, á semana seguinte media e ó mes enteria, engadida ó puré do mediodía, para toma-lo ovo enteiro (coa clara) cara ós doce meses. Pode substituí-la carne, tomando 2-3 unidades por semana. A xema é boa fonte de graxas, ácidos graxos esenciais, vitamina A, D e ferro. A clara proporciona principalmente proteínas de alto valor biolóxico, pero entre elas atópase a ovoalbumina, con gran capacidade de provocar alerxias.
- Legumes. Engadidas ó puré de verduras a partir dos 18 meses. Se se mesturan con arroz ou outros cereais, substitúen a carne, e pódense tomar así ata dúas veces por semana.
- Iogures. A partir do oitavo mes; natural sen azucrar, como complemento ou mesturado coa papa de froitas da merenda.
- Azucres refinados, mel e outros doces. Non é recomendable o consumo de azucre, pois a dieta do bebé ten unha achega axeitada de hidratos de carbono. É moi importante non alimenta-los lactantes con mel nin xarope de millo debido a que estes alimentos se identificaron coma as únicas fontes dietéticas das esporas do Clostridium botulinum e, a esta idade, non teñen a inmunidade para resisti-lo desenvolvemento destas esporas causantes do botulismo.
- Auga. Mentres o lactante recibe só leite materno ou fórmula adaptada, non adoita requirir líquidos adicionais, salvo en situacións extremas de calor ou perdas aumentadas (febre, diarrea). Pola contra, cando se introduce unha alimentación complementaria ó supoñer esta unha maior carga renal de solutos (substancias disoltas en líquido: sales minerais, glicosa…) non basta cos líquidos achegados polo leite e outros alimentos e debe ofrecérselle ó neno auga con frecuencia.
- Leite de vaca. Nunca se introducirá antes do ano, e cando se inclúa na dieta deberá ser enteiro, pola súa achega de vitaminas liposolubles e graxas, salvo que haxa recomendación médica que especifique outra cousa.
- Algúns parámetros antropométricos orientan e serven para comprender por qué as necesidades nutritivas nesta etapa son proporcionalmente tan superiores ás da persoa adulta.
- Peso: Durante o primeiro ano de vida triplícase o peso do nacemento.
- Talle: Pasa de 45-50 centímetros (cm) ó nacemento a 75-80 cm ó ano de vida, mentres que o segundo ano só aumenta uns 20-25 cm, e despois 7-10 cm por ano.