Os erros son tamén motores de cambio

A asunción adecuada dos fracasos persoais é fundamental, porque a súa presenza na nosa vida, en maior ou menor grao, é inevitable
1 Novembro de 2006

Os erros son tamén motores de cambio

/imgs/20061101/img.psicologia.01.jpgEstamos preparados para asumirmos os fracasos e para reaccionarmos axeitadamente ante eles? Tanto os pesimistas como os optimistas, os ledos e os melancólicos deben afrontar na súa vida grandes ou pequenas apostas falidas. Cantas parellas se fan e se desfán? Cantas iniciativas empresariais non se consolidan? Escollemos ben a nosa profesión? É moi común que nos intentos que facemos por cambiar malos hábitos, como fumar, comer sen orde ou mellorar o noso comportamento, acumulemos tentativas infrutuosas.

Dun xeito ou doutro, o fracaso acompáñanos durante toda a vida á vez que o fan os triunfos. Non obstante, non estamos preparados para aceptalos. Nin a pedagoxía social, nin a escolar, nin a familiar, nos adestra de maneira adecuada para asumirmos os erros (tampouco os éxitos) que cometemos. A consecuencia: non aprendemos a responsabilizarnos deles.

Probemos a converter, como fan os científicos, os fallos en motores de cambio. Sen erros non hai avance. Aprendamos, polo tanto, a reaccionar de maneira que tamén poidamos tirar proveito dos momentos menos satisfactorios.

Primeiro

Coñezamos as reaccións menos convenientes ante o erro:

  • – A consideración sistemática, en ocasións de maneira patolóxica, de ser responsable de todos os erros que se cometen desemboca en profundos sentimentos de culpabilidade e de pouca autoestima.
  • – A crenza de que son os demais os que teñen a culpa dos erros significa non facerse responsable dos actos.
  • – A negación do erro sepáranos da realidade e pódenos levar a perder o goberno da vida.

Segundo

Preguntémonos o porqué do fracaso.

  • Un fracaso pódese producir por erros de cálculo nas propias pretensións: esperábase ter máis capacidade da real para acadar a meta.
  • Pode que non se previran dificultades no contorno que podían obstaculizar os logros.
  • Outras persoas poden intervir de modo deliberado para que o fracaso se produza.
  • – Ou o fracaso é unha sensación persoal, produto da convición íntima e secreta de que un se decepcionou a si mesmo.

Terceiro

Aprendamos a xestionar no ámbito social o propio fracaso.

  • Se se oculta, convén que sexamos conscientes de que é unha reacción típica de defensa. Quérese evitar que os demais coñezan os puntos débiles.
  • Se se exhibe, búscase compaixón. A ostentación dos erros é unha fórmula para seducir ós outros.
  • Se se comunican, búscase aceptación e axuda.

A longo prazo, son mellor consideradas aquelas persoas que non tiveron ningún inconveniente en recoñecer publicamente os seus fracasos e puntos débiles cando esa manifestación se fixo de maneira equilibrada: sen agachalo e sen presumir.

Cuarto

Interioricemos os fracasos como parte esencial e necesaria do proceso de evolución persoal.

  • Ante un fracaso, os laios son comprensibles, pero despois convén reflexionar sobre por que se produciu e sobre que consecuencias está tendo na nosa vida. A partir de aí, pódense buscar as solucións e as alternativas.
  • Hai que reivindicar os erros e os fracasos como un dereito do ser humano e como elementos necesarios para a aprendizaxe.
  • Convén adquirir o hábito de facer autoavaliacións frecuentes sobre a propia vida para valorar con xustiza non só os nosos fracasos, senón tamén os logros. O reconto con estes é un factor que axuda a compensar as desilusións.
  • É recomendable buscar unha adecuación xusta entre o concepto que se ten de un mesmo e o que un realmente é. Para realizar ese exercicio adoita ser conveniente contrastar os puntos de vista propios cos dalgunha persoa próxima ou coa intervención dun profesional adecuado.
  • Cando a sensación de fracaso é reiterada, global e tan fonda que sume a persoa na depresión e na falta de ilusión por vivir, convén buscar a axuda de profesionais da psicoloxía.
Non somos o noso super eu

A distancia que hai entre o que un cre que é e o que realmente é representa o enfrontamento entre o verdadeiro eu e o súper eu. Este desencontro é a evidencia de que non aprobamos a principal materia da vida: o coñecemento de un mesmo e das súas potencialidades reais. Só co paso dos anos, a medida que se vai acadando unha certa madurez, e coa resignación propia de quen ve que non chegou nin chegará a acadar os ideais pretendidos, se vai adquirindo a convición persoal de que un é “normaliño”, sen máis. O importante é que esa constatación non sexa unha decepción, senón unha autoaceptación.

A aceptación da propia persoa asegura a serenidade propia das persoas maduras, a daquelas que logran con elegancia e sen preocupación afirmar: “isto é o que hai”, “acéptome co que son e co que teño e quen me queira que me reciba tal cal”.