O interese mediático que espertou a súa persoa atribúeo á concesión do premio Príncipe de Asturias ou responde á satisfacción de poder contar que hai un físico español referente mundial de algo tan estraño como a física cuántica?
Sen dúbida, o feito de recibir o galardón púxome en primeira liña, pero coido que a propia física cuántica resulta moi atraente. É algo raro, ten un punto esotérico e a súa existencia, sabida pero descoñecida, inspira curiosidade. Que dentro dunhas décadas poida haber un ordenador que funcione por partículas ata é divertido de imaxinar.
Que ten de material a física cuántica?
O 80% da Física Cuántica é experimental. A afirmación de que as propiedades non están definidas por unha única forma responde a fórmulas reais. A partícula parece que está en moitos sitios á vez, que o tempo define propiedades, que esas propiedades aparecen e desaparecen. Isto vese acotío nos laboratorios. É moi real.
Desde a bomba atómica sobre Hiroshima, a poboación pregúntase para que se descobre algo como a enerxía nuclear, se logo o seu uso pode chegar a ser tan perverso.
O mal uso dun avance científico pode ser efectivamente perverso, pero iso non fai o intento perverso. Por seguir co exemplo, a enerxía nuclear pode servir para matar xente, pero tamén serve para salvar vidas. Agora mesmo sándanse tumores aplicando física nuclear, e adivíñase -estase traballando niso- que a fusión nuclear, unha enerxía atómica limpa, diferente á actual, axudará a solucionar a dependencia do petróleo e doutras fontes de enerxía porcas e esgotables.
Segundo un estudo europeo, España é o país co nivel máis baixo de Secundaria en coñecemento de Matemáticas. Vostede era moi listo ou tivo sorte cos profesores?
Tiven moi bos profesores, sobre todo na Universidade, aínda que nunca tiven problemas coas Matemáticas, unha materia da que a miña nai era profesora no Instituto. Non sei cal é a dificultade do sistema educativo español, pero cando os datos estatísticos revelan que hai outros países mellores, a resposta adoita estar nesoutros países onde o nivel é máis alto. Toca ver se se pode copiar o seu programa e a maneira que teñen de ensinar.
Resulta curioso observar que formula as respostas como se se tratase de teoremas, cunha orde e cunha precisión que non deixa nada fóra de lugar. É defecto profesional ou o seu xeito de comunicarse?
É defecto profesional, sen dúbida ningunha. A miña familia tamén mo di, e vai a peor. Os científicos discutimos moito entre nós e estamos en contacto constante, e comunicámonos a través de razoamentos encadeados e sustentados en teoremas e fórmulas, e iso, ó final, fai raza.
Con cantas persoas realmente pode compartir coñecementos sen necesidade de rebaixar a súa linguaxe ou de simplificar as ideas?
No campo da física cuántica, seremos 2000 persoas no mundo. Ampliando o criterio, chegariamos ás 20.000, pero non serán máis. Ás veces eu mesmo penso que os científicos somos un pouco raros.
Este verán tivo lugar en Madrid o Congreso Internacional de Matemáticas e recoñeceuse que o ruso Perelman convertera en teorema a conxectura de Poincaré. Sabe de que se trata?
O problema que resolveu coñézoo porque ten moita relación coa física e porque será útil para a nosa disciplina. En moitas ocasións, a física pregunta, as matemáticas resolven, e a física aplica. Dito doutro xeito, o pensamento abstracto do matemático leva a que o físico poida resolver problemas ou seguir o seu camiño.
Esperta o seu carácter científico cando as películas de Ciencia Ficción cometen erros de vulto ou deixa que o enganen?
Ás veces decátome. Lembro a un profesor que os coleccionaba, e de vez en cando contábanolos. Era divertido, pero cada vez hai menos cazapos. As películas están realmente ben feitas, e sospeito que os guionistas están moi ben asesorados por científicos. Logo hai inventos ou accións que lle escapan á ciencia: a máquina que transporta a un ser descompoñéndoo e de xeito instantáneo o recompón noutro lugar é fantasía.
É cuestión de tempo que se poida facer ou é fisicamente imposible?
É imposible. As leis da natureza non permiten enviar materia de maneira instantánea. Hai teorías como o burato do verme que envía micropartículas, pero a natureza manda.
Nos últimos anos coñecéronse algunhas fraudes nas publicacións científicas de prestixio. Descubrimentos que non eran tales. Falta rigor?
Afortunadamente foron poucos e relacionados con artigos experimentais. A fraude non se pode producir cando se demostra unha teoría, porque trátase da evidencia do cumprimento de
normas que se pode reproducir seguindo todos os pasos. Agora ben, se un equipo asegura que fixo un experimento e que chegou a unha conclusión e a dá como boa, pode suceder que non haxa ningún outro equipo no mundo que estea traballando niso, polo que leva un tempo comprobar a súa veracidade. Se cadra, o equipo modificou unha gráfica para acadar resultados máis importantes, e hai que chegar a esa gráfica. Pero agás os casos que se coñeceron, non sei de ningún outro. É algo extraordinario.
Vostede é o que se coñece como “cerebro fugado”. Que hai que facer para que os investigadores non marchen de España?
Tamén hai alemáns nos Estados Unidos, estadounidenses en Xapón e xaponeses na Gran Bretaña. É inviable, e nada útil, que en cada país haxa equipos científicos de primeira fila dedicados á investigación de cada disciplina. O importante para España non é recuperar cerebros, senón importalos. Centrarse en unha ou varias disciplinas e ser punteiros, mimar a ese equipo, fichar ó mellor e converterse en referente.
Hai ben pouco saíu publicado un estudo da Unión Europea que sinala que case o 50% dos investigadores europeos son mulleres. Que pasa con aquelas teorías que aseguran que o cerebro feminino ten menos aptitudes para a comprensión matemática có masculino?
Non as creo. Coñezo mulleres intelixentísimas en Matemáticas e en Física. Si que chama a atención a escaseza de mulleres dedicadas á investigación nos países do norte, en Alemaña, nos nórdicos, en Gran Bretaña ou nos Estados Unidos. Isto non é a idea que a priori temos sobre a igualdade neses países. Pola contra, o número de mulleres dos países do sur de Europa e de América dedicado á Ciencia é equiparable ó dos homes.
Cando aínda é difícil de comprender o sistema binario de uns e ceros para transportar información, como podemos entender que no futuro se vaia prescindir del?
Un podería pensar que ó cero e ó un actual lle imos engadir un 2, pero non é iso. Usemos un símil para intentar explicalo. Imaxinemos que estamos xogando ó xadrez e que cambiamos as regras do xogo, e cando se move o rei un cadro, se converte en dous reis; e o alfil cando come unha peza pode saltar á cor inversa. Instáuranse regras distintas. Cos ordenadores pasa algo semellante. No canto de utilizar as actuais leis que os fan funcionar, cambiamos as leis para facer informática. Os uns están en tres sitios á vez, os ceros cambian de lugar e desdóbranse, fanse sumas en paralelo. Formularanse leis e respostas que coas regras do mundo macroscópico son imposibles, non por falta de desenvolvemento, senón porque se trata doutro xogo.
Falta moito?
Falta, aínda que en certa maneira xa se desenvolveu unha aplicación cuántica en sistemas de comunicación vinculados coa criptoloxía. Hai ordenadores cuánticos que fan cálculos, pero están aínda en base embrionaria.
Pero as preguntas están formuladas?
Moitas si, agora é cuestión de mellorar a tecnoloxía e é cousa de tempo e de cartos. Tamén faltan outras preguntas por facer. Se non, acabaríasenos o traballo. Témonos que cuestionar como lograr que o ordenador cuántico sexa máis eficiente, ou como construírmos os repetidores cuánticos.
Cando non está pensando en termos imposibles para o resto dos mortais, a que dedica o seu tempo?
Son moi normaliño. Saio cos amigos a tomar unhas cervexas, estou coas miñas fillas e coa miña dona. Leo.
A primeira palabra sería: superposición ou a posibilidade de ter dúas propiedades distintas, e ó mesmo tempo, nun mesmo obxecto. Algo pode ser de cor amarela e verde á vez en universos distintos ou superpostos. Ou o que é o mesmo, un átomo pode estar en dous sitios á vez, nun estado de superposición. A segunda palabra sería entrelazamento, e para iso precísanse dous sistemas, e o estado deses dous sistemas debe ser unha superposición. Un exemplo: tes dúas moedas. Cada moeda pode estar en cara, en cruz ou en estado de superposición, é dicir, en cara e cruz á vez ou nin en cara nin en cruz. Se tes as dúas moedas en cara, tes un estado entrelazado. Pero ó ollar para unha destas moedas, ela decide se quere estar en cara ou en cruz. A terceira palabra sería medida ou observación, porque cando observas o obxecto, este cambia. Ó miralo modifícalo. Cando o miras velo sempre en cara ou en cruz.