Alimentación durante a xestación

Embarazo con sabor

A dieta dunha muller en estado non ten por que ser un problema se se seguen unhas pautas moi sinxelas
1 Novembro de 2006

Embarazo con sabor

/imgs/20061101/img.alimentacion.01.jpg

A muller embarazada vive grandes cambios ós que terá que se adaptar coa maior normalidade e naturalidade posibles para gozar, e non padecer, xa desde o comezo, o proceso de xestar un novo ser. Un dos aspectos que máis dúbidas e temores xera é a alimentación. Agora ben, lonxe de ser un problema, pode e debe seguir sendo unha experiencia sa e pracenteira de se seguiren unhas pautas moi sinxelas.

Comer con intelixencia

A información que lle chega á embarazada sobre o que, en teoría, “debe” ou “non debe facer” é ben abondosa. A lista de recomendacións e advertencias é copiosa. Esa avalancha de recomendacións fai que se sinta insegura, especialmente se é nai primípara. O primeiro consello: non hai que se obsesionar coa dieta ou co peso, nin tampouco acabar no polo oposto, é dicir, relaxarse de máis, pasando por alto o consello profesional ou deixándose levar polas cousas que máis nos apetecen ou polos clásicos antollos (fenómeno que non ten maior transcendencia, sempre e cando non sexa a causa dun desequilibrio alimenticio).

Cantas calorías preciso?

As necesidades de enerxía varían ó longo do embarazo. Se o peso da muller no momento de quedar embarazada é o adecuado, abondaría con ter en conta que a partir da segunda metade da xestación aumentan as necesidades enerxéticas a razón de 250-300 calorías “extras” diarias. Xa que os requirimentos de certos nutrientes tamén aumentan nesta etapa, con incrementar a cantidade de lácteos e cereais xa abonda. Por exemplo: 1 requeixo, 1 vaso de leite desnatado e 4 dedos de pan proporciónannos pouco máis de 300 calorías, e os lácteos cobren o 100% das necesidades “extras” de calcio que esixe o embarazo. Esta aclaración axuda a desterrar o mito de que a embarazada deba comer por dous. A nai leva no seu seo un ser moi pequeno, e, polo tanto, non hai razón ningunha para que o alimente como un adulto.

Consellos para alimentarse e sentirse mellor

De 5 a 6 comidas ó día

Convén facer de 5 a 6 comidas ó día. Evita sobrecargar o estómago: as dixestións son máis áxiles e mellora o control da glicosa no sangue, de especial importancia en caso de diabetes de xestación.

Que alimentos deben estar sempre na mesa?

A alimentación ten que ser variada. O que distingue a dieta da embarazada da que non o está afecta fundamentalmente ás racións de lácteos e de alimentos ricos en hidratos de carbono: cereais e os seus derivados -pan, galletas, pasta, etc.-, patacas e legumes.

Exemplo de menú de 1 día

Muller adulta Embarazada
Desdejuni 1 vaso de leite con café, pouco azucre e 4-5 galletas. 1 vaso de leite* con café, pouco azucre e 4-5 galletas
Almorzo Iogur e froita fresca. Iogur e froita fresca.
Xantar Opción A: Verdura con patacas e carne ou peixe con gornición vexetal, 2 dedos de pan e iogur.
Opció B: Ensalada ou puré ou sopa e prato de paella, pasta ou potaxe de legumes e iogur.
Opción A: Verdura con patacas e carne ou peixe con gornición vexetal, 4 dedos de pan e iogur *.
Opció B: Ensalada ou puré ou sopa e prato de paella, pasta ou potaxe de legumes e iogur*.
Berenar Froita fresca Requeixo e froita fresca.
Cea Ensalada ou puré ou sopa, carne ou peixe ou ovo ou derivados cárnicos non moi graxos, 2 dedos de pan e froita. Ensalada ou puré ou sopa, carne ou peixe ou ovo ou derivados cárnicos non moi graxos, 4 dedos de pan e froita.
Recea Infusión (opcional) 1 vaso de leite.*

* Recoméndase que sexan semidesnatados ou desnatados, para non aumentar o consumo de graxas saturadas.

Canta auga hai que beber?

/imgs/20061101/img.alimentacion.02.jpg Ó aumentar durante o embarazo a cantidade de sangue circulante, debe aumentar a inxestión de líquidos. Entre 4 e 8 vasos de auga acotío permiten un mellor funcionamento dos riles e reducen a retención de líquidos. Amais de auga aconséllase tomar zumes de froita, zumes de hortalizas, caldos e infusións suaves e non excitantes.

Máis ácido fólico, calcio e ferro

O embarazo esixe cantidades extras de nutrientes relacionados co crecemento e co desenvolvemento do bebé. O ácido fólico é fundamental nas primeiras semanas, polo que os xinecólogos prescriben complementos cando se confirma o embarazo. Polo xeral non é preciso tomar comprimidos de calcio, xa que a dieta cobre os requirimentos. O déficit de ferro é habitual nos últimos meses, pero o médico determinará, logo de estudar os resultados das análises de sangue da muller embarazada, se cómpre que tome cantidades extras.

Combater as molestias dixestivas

Náuseas e vómitos

Adoitan presentarse ós poucos días de identificarse o retraso menstrual. Se os vómitos son intensos hai que acudir ó médico para asegurarse de que o embarazo progresa con normalidade. Se son moderados, non revisten risco. Ante os vómitos é necesaria a rehidratación con soro oral -1 litro de auga fervida, o zume de 1-2 limóns, 1 cullerada de azucre, un chisco de bicarbonato e outro de sal- ou con bebidas isotónicas. A miúdo toléranse mellor os alimentos máis pastosos como os biscoitos, as galletas, os purés espesos, o arroz, etc. As bebidas de cola desgasificadas tamén axudan a calmar as molestias.

Acidez e dixestións pesadas

Estes síntomas adoitan aparecer no terceiro trimestre. O consello dietético baséase principalmente en distribuír a alimentación en 5 ou máis comidas ó día, comer amodo, inxerir os líquidos fóra das comidas para facilitar a dixestión e evitar deitarse despois de comer, xa que facilita o paso dos ácidos gástricos cara ó esófago.

Estrinximento

Para aliviar ou previr esta molestia convén beber auga abonda, tomar máis fibra -hortalizas e verduras, froitas frescas e secas, froitos secos, cereais integrais e legumes-, un ou dous iogures cada día e, de ser o caso, e só baixo consello profesional, recorrer a complementos de fibra ou laxantes suaves.