EN IMAXES

24 horas cara á vida

1 Novembro de 2006
Img fotorreportajep

24 horas cara á vida

Cada doazón mobiliza, como mínimo, a 100 persoas que afrontan unha carreira contra o reloxo e unha enorme responsabilidade, pero todas elas insisten: “o mérito é do doante e da súa familia”. As 1.546 doazóns rexistradas no 2005, que sitúan a España como líder mundial deste acto de xenerosidade, materializáronse en 3.820 transplantes. Cada un deles supuxo que un home, unha muller ou un neno abandonasen unha lista que supera os 5.000 nomes. É a lista dos que esperan ser algún día os protagonistas desta historia, unha historia con final feliz.

Hai un doante

Domingo, Outubro do 2006. 10.00-11.30 horas

Unha paciente entra en coma cerebral irreversible. O médico da UCI, un neurólogo e un electrocefalografista diagnostican e confirman a morte cerebral. O médico reúnese coa familia e comunícalle o falecemento. Aínda que é unha nova esperada, a familia precisa dun tempo para asimilar a morte do ser querido. Avísase ó coordinador de transplantes do hospital. Xunto ó persoal que tratou á paciente, entrevístase coa familia. Dálle a coñecer a posibilidade de que o seu familiar pode salvar outras vidas. Solicítalles a doazón. A familia acepta.

13.00-15.00 horas

Logo de comprobar con distintas análises a idoneidade dos órganos, neste caso o fígado e os riles, o coordinador chama á Organización Nacional de Transplantes (ONT), que inicia a busca dun paciente compatible en lista de espera. Cando se atopa, avísase ó centro que vai realizar o transplante e á súa coordinadora. Mentres, cítase ás 5 da tarde ó equipo que extraerá os órganos.

15.30 horas

O equipo receptor cita ós pacientes que recibirán os órganos. O coordinador de extracción está á disposición da familia da donante para atender todos os seus requirimentos. Infórmalles da posta en marcha do protocolo e da hora da extracción.

Extracción de órganos

18.00-19.00 horas

Comeza a extracción. O trato ó doante é exquisito en todo momento. O silencio acompaña a un traballo meticuloso en extremo. O cirurxián hepático recoñece o fígado e apróbao. A enfermeira comunícalle á ONT que se pode seguir adiante.

20.15 horas

A extracción chega á súa fin. O órgano introdúcese nunha bolsa estéril, que á súa vez se protexe con outras dúas bolsas, e somérxese nun contedor isotérmico para o transporte. Rodéase cunha solución fría con xeo que permite manter a temperatura.

20.45 horas

O cirurxián renal, que axudou ó hepático na operación, disponse a extraer os riles.

O traslado

21.15 horas

Os bombeiros chegan ó hospital. Hoxe son eles os encargados de trasladar as neveiras cos órganos. Viaxan sempre dous vehículos, por se un sofre un accidente. A entrada ás cidades faise escoltados pola policía. Levan canda eles, ademais, a documentación que demostra a conformidade para a extracción. Este documento dá fe da vontade da doazón, , inclúe a certificación da morte, e fanse constar os datos do equipo que certificou a morte e do que realizou a extracción, que en ningún caso son os mesmos facultativos.

Os transplantes

21.30 horas

A coordinadora do centro cirúrxico recibe os órganos. Comeza o transplante do fígado, xa que o tempo de isquemia dos riles (as horas que poden transcorrer sen que se deterioren) é superior. O equipo fórmano catro cirurxiáns, unha instrumentista, a anestesista e a súa enfermeira e catro enfermeiras. Na sala contigua ó quirófano outros dous cirurxiáns preparan o fígado san.

Luns

01.30-4.00 horas

Os cirurxiáns extraeron o órgano danado. As constantes do paciente están controladas. O equipo suma máis de tres horas sen descansar un segundo. A colocación do órgano san debe ser extremadamente precisa. As veas e as arterias deben estar cosidas de xeito que permitan a irrigación correcta. Ás catro da madrugada, o fígado san acaba de pasar a formar parte do paciente. Os cirurxiáns hepáticos remataron o seu labor.

05.00 horas

De maneira simultánea realízase o transplante de riles a dous enfermos renais. De novo reprodúcese a imaxe: un equipo de 10 profesionais realiza a extracción do órgano enfermo e o transplante do san.

8.00 horas.

Os pacientes están en Coidados Intensivos. Se todo marcha ben, dentro de tres días subirán á planta.

10.00 horas.

A ONT recibe a comunicación do éxito dos transplantes. Bórranse tres nomes da lista de espera.