Valor venal

Unha compensación non sempre abonda

As aseguradoras conceden polo sinistro dun automóbil unha cantidade, denominada valor venal, que normalmente non beneficia precisamente ós asegurados
1 Novembro de 2006
Img derechos 01 listado

Unha compensación non sempre abonda

Non perda esta información se:

  • Quere firmar unha póliza para asegurar o seu vehículo
  • Sufriu un accidente e o seu coche quedou en sinistro total
  • A súa aseguradora lle concede un valor venal que non lle permite mercar un automóbil de características similares ó accidentado

/imgs/20061101/img.derechos.01.jpg

A expresión sinistro total converteuse para moitos condutores en sinónimo de desgustos coas aseguradoras. A imposibilidade da reparación dun vehículo accidentado xera, a miúdo, unha diferenza de opinións entre o propietario asegurado e a compañía. De feito, a maioría das aseguradoras ofrecen indemnizacións inferiores ó importe da reparación do coche. Se é este o seu caso, non o dea todo por perdido nin se conforme sen máis cuns cartos cos que non poderá nin arranxar o coche nin mercar outro. Estas cantidades coñécense como o valor venal, unha expresión que, por regra xeral, significa un menoscabo nos intereses do consumidor.

Cal é o valor venal?

Por valor venal identifícase o valor de venda do vehículo no mercado á data do accidente, que é inferior ó valor de mercado de compra. Táxano os peritos das compañías e se resultase ser máis baixo có presuposto da reparación, é habitual que as aseguradoras se neguen a pagar a reparación, por antieconómica, e ofrezan o valor venal.

Se a culpa foi miña, hei de me conformar co valor venal?

Non, non sempre. Por iso lle convén comprobar as condicións da súa póliza. É posible que o seu vehículo estea asegurado nos primeiros anos por valor igual a novo, ou por valor venal mellorado nunha porcentaxe, ou por valor de mercado de compra. Doutra banda, segundo o Tribunal Supremo, para que unha cláusula que limite a indemnización ó valor venal sexa válida, debe estar salientada e ser asinada polo asegurado.

Se a culpa foi doutro coche, que podo reclamar?

Cando o custo da reparación é superior ó valor do vehículo, guíese por estes criterios, aínda que non son fixos nin uniformes:

  • a) O punto de partida é que a reparación marque a pauta da contía indemnizatoria. O prexudicado por culpa doutros ten dereito a que o seu patrimonio quede en idéntico estado a como estaba antes do sinistro, sen que se vexa obrigado a sufrir menoscabo patrimonial ningún.
  • b) O prexudicado tampouco ten que enriquecerse. Ten dereito a ser reparado, a ser restituído no seu patrimonio, pero a nada máis. Por iso, faise unha valoración diferenciada en función de se o vehículo se repara ou o vehículo non se repara:
    • b.1) Cando efectivamente se procedeu á reparación dos danos ou se ten seria intención de reparar, a contía da indemnización virá determinada polo custo efectivo desta reparación (IVE incluído).
      • b.1.1) En ocasións minórase nunha determinada porcentaxe en función do incremento de valor que se estime producido pola substitución de pezas xa usadas por outras novas.
      • b.1.2) Nos supostos en que o valor da reparación do vehículo sexa moi superior ó valor venal, será este último o que sirva para fixar a correspondente indemnización, incrementándoo na cantidade precisa para cubrir os gastos de adquisición doutro semellante se o houbese. Por iso, cómpre estudar as circunstancias de cada caso para a determinación da contía da indemnización.
    • b.2) Se o vehículo sinistrado non se repara, o prexudicado será indemnizado co seu valor venal, máis unha cantidade (20-25%), a fin de que coa cantidade resultante o prexudicado poida adquirir no mercado de segunda man outro vehículo semellante. Se se pagase o hipotético valor total da reparación, sen se producir esta reparación, o prexudicado enriqueceríase inxustamente, pois obtería todo o valor da reparación sen reparar o vehículo, e ademais un valor superior ó do vehículo danado no momento do sinistro.
Consellos:
  • Cando contrate un seguro a todo risco infórmese das condicións por perda total. Se asegura por valor igual a novo, deberano indemnizar polo prezo que pagou.
  • Se a culpa é dun terceiro e lle interesa reparar, fágao e reclame o gasto de reparación e os ocasionados por non dispor de vehículo durante un prazo prudencial. Se vai a xuízo, debe ser consciente de que o tribunal non lle dará a razón de maneira automática. Convén que saiba que se na reparación se produce un notable incremento do valor do vehículo pola calidade da reparación, a cantidade que pode obter nos tribunais redúcese considerablemente. Para diminuír este risco pode realizar parte da reparación con pezas usadas.
  • E cando a reparación supera en moito o valor venal do vehículo, algúns tribunais concederon a indemnización resultante de sumar o valor da reparación e o valor venal e dividir por dous o resultado.
  • Se non pode reparar por insuficiencia de medios económicos e desexa reclamar o custo da reparación, pódeo intentar tamén nos tribunais indicando os seus motivos na demanda, xunto co compromiso de reparar en fase de execución de sentencia.