O maletín dos pequenos remedios
Se as ferramentas se empregan periodicamente, os técnicos aconsellan adquirir unha caixa que inclúa poucas ferramentas, pero de calidade, evitando así o seu desgaste prematuro. Pola contra, se se usan pouco, é importante mercar un maletín que non sexa excesivamente grande, que pese pouco e que non “engaiole” pola gran cantidade de pezas, porque estas poden ser moi pequenas e de dubidosa calidade. Os prezos das caixas de ferramentas oscilan entre os 17 euros e os 95 euros. Tamén se poden mercar as caixas baleiras por 15 euros, en función do material, e completala a gusto do usuario con ferramentas, iso si, con mango de plástico, porque illan fronte á corrente eléctrica e protexen ante posibles descargas.
O que non pode faltar
- Chave inglesa. Todas as caixas de ferramentas inclúen un conxunto de entre seis e oito chaves de distintos tamaños ou unha que poida axustarse a varios parafusos. No mercado, unha chave inglesa estándar pódese adquirir a partir de 15 euros, e o conxunto, desde os 10-15 euros, segundo a súa calidade.
- Chave Allen. Como coa chave inglesa, adóitanse atopar en xogos de dúas, catro ou seis, segundo tamaños. Son moi útiles para aparafusar e desaparafusar. Un pack de dous tamaños pódese atopar ben por sete euros.
- MarteloO seu uso é imprescindible, xunto coa chave fixa, para afrouxar as roscas das rodas ante unha picada, por exemplo. O seu prezo anda arredor dos seis euros.
- Alicate Universal. Unha peza determinante e básica que se atopa en todas as caixas de ferramentas, desde as máis simples ás máis especializadas. As súas utilidades son infinitas, desde cambiar fusibles, cortar case calquera material e axustar pezas. Esta ferramenta pódese mercar por 15 euros na súa versión máis simple, aínda que se dispón dunha gran variedade de tipos: alicate de punta de cóbado, de corte, pelacables, plano, de puntas redondas e de tixa cónica.
- Tesoiras. Convén deixar a un ladeo as de plástico e adquirir unhas metálicas, coñecidas como “tesoiras de electricista”. A parte de arriba, pola que se introducen os dedos, non ten por que ser metálica. De feito, o plástico reducirá o seu prezo. Pódense mercar en calquera ferraxería a partir de 16 euros. Tamén é moi importante adquirir unha funda de protección; así resistirá mellor a humidade e as coitelas manteranse afiadas.
- Desaparafusador. Os distintos tipos distínguense polos tipos de cabeza e a súa función. Por iso é importante levar no maleteiro do vehículo un desaparafusador de punta de estrela e outro con cabeza plana. Normalmente, as caixas de ferramentas conteñen un único desaparafusador con cabezal intercambiable. Son fundamentais para cambiar lámpadas. O seu prezo oscila desde os cinco-seis euros ós vinte.
O que non adoitan incluír as caixas de ferramentas e que convén ter
- Lanterna. Soamente as caixas máis sofisticadas e, polo tanto, as máis caras, adoitan incluír unha lanterna. Por iso cómpre adquirir unha lanterna e incorporala ó resto de elementos básicos que inclúen os kits.
- Lanterna común de peto.Os técnicos recomendan levar unha pequena na guanteira para un uso máis cotián, como a busca dunha determinada documentación ou a recollida dalgún obxecto que caera entre os asentos. O seu prezo oscila entre os tres euros e os trinta, segundo o deseño.
- Lanterna de maior luminosidade. Convén que a lanterna non sexa de gran tamaño e que non pese demasiado, deste xeito poderase agarrar a lanterna ó mesmo tempo que se manipula o motor, as rodas do vehículo, etc. É recomendable que proporcione un foco de luz branca e que o seu consumo sexa baixo. Convén levar pilas de reposto.
- Luvas.Aínda que non estea presente nos maletíns de ferramentas, os mecánicos recomendan levar dous tipos de luvas:
Luvas comúns. O seu obxectivo é evitar mancharse de graxa, de aceite ou doutra substancia que se desprenda do vehículo. Convén que sexan resistentes e acolchadas, como as de xardineiro. Entre catro e quince euros.
Luvas de protección con forro. Convén, en primeiro lugar, elixir a talla adecuada, nin máis grandes nin máis pequenas, porque daquela non se garantirán as propiedades illantes e dificultarase a circulación se son moi axustadas. É fundamental que permitan unha manipulación óptima e para iso é importante evitar a suor das mans. Por iso hai que adquirir unhas luvas con forro absorbente, porque impide, ademais, que as propias costuras provoquen rozaduras. É recomendable mercar este tipo de luvas en centros especializados de motor e o seu prezo parte dos 12 euros. - Cinta illante. Non adoita aparecer nas caixas de ferramentas comúns, é dicir, nas que non superan os 55 euros. Agora ben, é moi útil para tapar buratos e para encintar cables. Pódese mercar por un euro.