Teléfonos móbiles

O aparello das mil funcións

A continua innovación tecnolóxica, o desenvolvemento da sociedade dixital e a converxencia entre lecer e mobilidade están multiplicando as funcións dos teléfonos móbiles
1 Novembro de 2006
Img nntt 02 listado

O aparello das mil funcións

/imgs/20061101/img.internet.02.jpg

A evolución da tecnoloxía doméstica ten nos teléfonos móbiles un dos seus grandes puntais, tanto pola súa constante transformación como por unha, en aparencia, insaciable demanda dos consumidores. As causas da boa saúde desta industria son diversas, pero case todas se deben ó imparable progreso das telecomunicacións e a súa converxencia con outros campos como o lecer ou a transmisión de información (textos, son ou imaxes). Canto máis avanza a sociedade dixital, maior é a percepción entre fabricantes e consumidores de que se fai necesario concentrar o potencial tecnolóxico nun aparello o máis reducido e fácil de manexar posible. E o candidato con máis opcións para aglutinar esta multitude de funcións é o teléfono móbil.

Os últimos modelos xa incorporan moitos dos cometidos que antes monopolizaban outros aparellos. Calquera teléfono cun rango medio de prestacións pode tomar fotografías cunha resolución de un megapixel e ten memoria abonda para gardar varias ducias. Tamén é capaz de sintonizar emisoras de radio e de reproducir arquivos en .mp3, e mais videoclips musicais, ou escribir e gardar textos. Permite enviar mensaxes non só de texto (sms), senón tamén de imaxe (mms). Outras características coas que pode contar son: saídas para descargar fotografías ó ordenador ou para cargar vídeos ó móbil, capacidade para albergar xogos en tecnoloxía JAVA e, por suposto, falar por teléfono con outros usuarios…

Distintas xeracións

/imgs/20061101/img.internet.01.jpg

A telefonía móbil desenvolveuse a través de varias “xeracións”. A primeira, entre 1982 e 1992, era totalmente analóxica. A segunda, utilizada durante os últimos dez anos, caracterizouse polo desenvolvemento da tecnoloxía GSM, a das antenas nos altos dos edificios. Os teléfonos GSM envían continuamente sinais ás antenas, que son as que fixan a súa posición, de xeito que se lles pode transferir unha chamada ou recoller a que fan para enviarlla ó destinatario. Un móbil GSM permite facer chamadas con boa calidade e cunha cobertura bastante ampla nas zonas urbanas, e tamén o envío de mensaxes curtas (SMS).

A seguinte xeración de móbiles non é a terceira, senón a 2.5. Está condicionada pola tecnoloxía GPRS, que é unha mellora da GSM. O resultado: pódese enviar unha maior cantidade de información, como, por exemplo, mensaxes multimedia MMS (fotografías), e é útil para conectarse a Internet, o que se plasma na posibilidade de mandar e de recibir correos electrónicos, aínda que pouco máis.

3G: ordenadores ou móbiles?

Na actualidade, o mercado atópase nun período de transición entre a xeración 2.5 e a terceira (3G), baseada en tecnoloxía UMTS. Esta tecnoloxía acumula bastantes anos de desenvolvemento, pero a súa implantación supón cambios importantes nas antenas GSM, é dicir, un investimento caro, que as operadoras de telefonía tardaron en asumir. Con ela, pódese acceder plenamente a Internet, navegar e realizar buscas, amais de manexar e reproducir todo tipo de información multimedia e de texto, xogar a videoxogos ou ver a televisión (de momento, por Internet). Desde logo, pódese falar por teléfono, e ata se pode facer gratis mediante programas como Skype, se se fala con outra persoa que tamén teña un teléfono 3G conectado á rede.

En última instancia, os teléfonos 3G convértense en pequenos ordenadores nos que escribir documentos, consultar informacións ou enviar correos electrónicos con absoluta independencia do lugar no que se atope o usuario. Trátase dos “smartphones” (teléfonos intelixentes), que dispoñen de sistema operativo propio para organizarse. No mercado hai varios sistemas; Nokia creou Symbian para os seus aparellos, e tivo unha ampla aceptación noutras marcas, pero tamén Microsoft lanzou o Windows Mobile.

Que teléfono mercar?

/imgs/20061101/img.internet.03.jpg

Cada usuario deberá decidir en función das súas necesidades reais. Non se hai que deixar cegar polas capacidades dun aparello se realmente non se van utilizar. Por exemplo, se o que desexa principalmente é un teléfono co que facer chamadas e mandar mensaxes sms, non é necesario gastar máis de 100 euros para ter un teléfono de primeira marca.

Por riba dos 120 euros pódense conseguir teléfonos con cámara de fotos e vídeo, pero case máis importante ca isto é que o aparello teña capacidade para descargar as imaxes tomadas ó ordenador, algo non tan usual a este prezo. Desgraciadamente, o negocio da telefonía móbil está deseñado de xeito que o usuario debe pagar por case cada xestión que realiza.

Así, se toma unha fotografía e llela quere enviar a outros usuarios, xeralmente o seu aparello non lle permite inserir un cable para pasar a imaxe a outro dispositivo desde onde mandala gratis por correo electrónico, senón que se ve obrigado a facelo por MMS a un prezo nada barato (entre 0,5 euros e 1 euro). Por iso, cando se merca un teléfono multimedia hai que comprobar que ten conectividade con outros dispositivos, polo menos do tipo bluetooth. Tamén será útil para cargar arquivos multimedia no móbil sen ter que lle pagar á opreadora. Por pouco máis de 130 euros pódense conseguir aparellos con cámara e conectividade bluetooth.

Outro aspecto ante o que é mellor ter a cabeza fría é a capacidade de conectarse a Internet. Un teléfono con estas capacidades custa desde case 200 euros ata máis de 600 euros. Loxicamente, a maior prezo máis capacidades. Pero os servizos de conexión a Internet e envío de correos electrónicos son bastante caros, tanto que moitos usuarios raramente os utilizan, polo que se amortizan moi pouco as capacidades do teléfono (as tarifas planas, cun límite de subida e baixada de un xigabyte mensual, que ofrecen as operadoras en España andan arredor dos 30 euros ó mes de media).

Con todo, con vistas ó futuro, pode ser un bo investimento ter un teléfono 3G: espérase que unha nova tecnoloxía (UMA) permita chamadas híbridas (que usen alternativamente a rede telefónica e Internet) a prezos máis baixos cós actuais.