O tratamento é complicado pero efectivo
Estímase que dúas de cada dez persoas se ven afectadas por unha úlcera péptica algunha vez na súa vida. Trátase dunha lesión da mucosa do estómago ou da do duodeno. Na súa xénese desempeña un papel importante o ácido gástrico e a pepsina, encima segregado pola membrana mucosa do estómago que dixire as proteínas.
As principais e máis frecuentes formas de úlcera péptica son a úlcera gástrica (do estómago) e a úlcera do duodeno.
A úlcera gástrica maniféstase cada ano en 0,5 casos por mil habitantes e aparece preferentemente entre os 55 e os 65 anos de idade -é raro que a sufran persoas menores de 40 anos- e afecta por igual a ámbolos sexos. A duodenal é algo máis frecuente, cunha incidencia anual de 1 caso cada mil habitantes. Xorde maioritariamente unha vez superados os 45 anos, pero non é inusual en xente máis nova. Hai anos afectaba máis ós homes, pero produciuse un descenso entre estes e un aumento entre as mulleres; actualmente ten unha prevalencia semellante en ámbolos dous sexos.
Helicobacter pylori
As dúas enfermidades son crónicas, e están xeradas polo bacilo Helicobacter pylori no 80% dos casos de úlcera gástrica e na totalidade de quen sofre a duodenal. Aínda que os coñecementos científicos sobre as causas da úlcera péptica son aínda incompletos, pénsase que o Helicobacter pylori desempeña un papel central, pero que son precisos tamén o ácido gástrico e a pepsina. O desenvolvemento dunha úlcera depende do equilibrio entre os factores agresivos (principalmente, ácido gástrico e pepsina) e os que participan na defensa da mucosa ou a resistencia á ulceración. O medio gástrico é moi acedo e a maioría das bacterias sucumben nel, pero non o Helicobacter. De feito, este bacilo atópase no 60% dos estómagos dos adultos, pero a maioría das persoas colonizadas nunca padecerán úlceras e permanecerán sen síntomas.
Factores de risco
Os factores de risco asociados á úlcera péptica son:
- Consumo de aspirina e medicamentos AINES (Antiinflamatorios non esteroideos), moi empregados para o tratamento de patoloxías osteomusculares. Estímase que entre un 2% e un 4% dos pacientes que consuman AINE durante un ano presentarán síntomas ulcerosos ou desenvolverán unha complicación aguda. Segundo un estudio da Sociedade Española de Reumatoloxía, dos máis de 6 millóns de persoas que consumen AINE en España cada ano, máis de 123.000 desenvolverán unha úlcera gastrointestinal e nuns 40.000 casos aparecerán hemorraxias dixestivas altas.
- Infección por Helicobacter pylori: o consumo de AINE, a gastrite crónica e ser maior de 50 anos favorecen a infección. Ó parecer, é máis frecuente en persoas con grupo sanguíneo A.
- Consumo de tabaco: o tabaco estimula a secreción aceda, diminúe o fluxo sanguíneo cara á mucosa dixestiva, altera a motilidade do estómago e reduce a secreción de bicarbonatos que protexen á mucosa.
- Non se demostrou que o consumo de alcohol sexa un factor de risco que haxa que ter en conta. O mesmo se pode dicir do estrés e das comidas moi condimentadas.
Síntomas da úlcera
A úlcera deixada á súa libre evolución presenta un curso clínico crónico, con remisións espontáneas e episodios de recidiva decote relacionados cos cambios estacionais: a primavera e o outono son as peores épocas para os ulcerosos. O síntoma máis importante é a dor epigástrica na boca do estómago, que se percibe como dor forte, ardor, dano corrosivo ou sensación dolorosa de fame. Aparece entre unha e tres horas despois de comer e alíviase coa inxestión de alimentos ou a toma de antiácidos.
O 80% dos afectados padecen tamén dores nocturnas. Outros síntomas da úlcera son a perda de apetito e de peso. Máis inespecíficas son outras manifestacións, como náuseas, eructos ou a sensación de distensión abdominal. Unha úlcera pode sufrir complicacións. As máis frecuentes son a hemorraxia dixestiva e a perforación, que se dá máis en homes con úlcera duodenal e produce un cadro de dor moi intenso con síntomas de irritación peritoneal (cadro de abdome agudo), e unha rápida evolución a unha peritonite. Aínda que con menos frecuencia, tamén pode acabar perforada unha víscera veciña, como o páncreas, o fígado ou as vías biliares, e pódese da-la estenose pilórica, unha estreiteza a nivel do píloro (pequena porción do estómago que serve de porta cara ó intestino, pechándose ou abríndose para impedir ou deixar paso ós alimentos) que separa o estómago do duodeno e que ocasiona vómitos alimentarios de retención, dor máis constante, perda de apetito e adelgazamento.
O diagnóstico da úlcera péptica baséase fundamentalmente nos síntomas. A endoscopia utilízase para visualiza-la lesión e tomar mostras que permitan completa-lo exame histolóxico e identifica-lo Helicobacter pylori, pero aínda é escasa a accesibilidade inmediata a esta proba para a maioría da poboación. De tódolos xeitos, a presencia do Helicobacter pódese detectar sen necesidade de proba endoscópica: o test da urea marcada no alento é moi fiable, así como a presencia de anticorpos específicos no sangue dos afectados.
- O obxectivo: alivia-los síntomas, restituí-la integridade da mucosa dixestiva e previr tanto as recaídas coma as complicacións.
- Qué hai que facer: o fundamental é vence-la infección por Helicobacter pylori e neutraliza-la secreción gástrica. No tocante ós hábitos de vida: deixar de fumar, evita-la inxestión de antiinflamatorios, aspirinas e medicamentos que poidan altera-la mucosa.
- Os fármacos: o obxectivo do tratamento consiste en erradica-lo Helicobacter. Sexa cal sexa a intensidade dos síntomas, os pacientes con úlcera péptica deben ser tratados para elimina-lo bacilo. Probáronse numerosos medicamentos, e ningún é eficaz por si só para combate-lo bacilo. Por iso o tratamento consiste na combinación de fármacos máis efectiva. A triple terapia (bismuto, metronidazol e amoxicilina) administrada durante dúas semanas e combinada cun dos antagonistas dos receptores anti H2 (cimetidina, ranitidina, famotildina) é unha das máis eficaces para erradica-lo Helicobacter, cura-la úlcera e evita-las recaídas.
- Os inconvenientes: é un tratamento de dúas semanas no que cómpre inxerir uns 200 comprimidos en catro tomas diarias, e que ten numerosos efectos secundarios. Hai que se mentalizar, solicitar información e non se asustar ante as prescricións médicas.