7 leites limpadores

O mellor é un dos máis baratos

Desmaquillan, limpan a pel de impurezas, suor e células mortas. E practicamente non irritan a pel nin os ollos
1 Abril de 2003
Img analisis2 listado

O mellor é un dos máis baratos

/imgs/20030401/analisisb02.jpg

Analizáronse sete leites limpadores dun prezo que abarca desde os 13,5 euros/litro de Margaret Astor ata os 23,05 euros/litro de L’Oreal. A mellor relación calidade-prezo é un dos leites máis baratos, Diadermine (14,60 euros/litro), por se-lo terceiro mellor na proba de uso e o único que alcanza en calidade global o ‘moi ben’. Nivea Visage, o mellor na proba de uso, é outra boa opción xa que ten un prezo por baixo da media.

Os leites limpadores eliminan as impurezas que obstrúen os poros da pel, como a maquillaxe, as células mortas, o po e a suor. Empréganse, principalmente, para desmaquilla-la cara e os ollos, e están compostos por unha emulsión de aceite e auga, de pouca viscosidade e con tensioactivos de síntese encargados de elimina-lo lixo existente na superficie da pel.

A esta emulsión engádenselle substancias humectantes (glicerina, sorbitol…) que evitan que se evapore a auga e que se reseque a pel, amais de substancias conservadoras, que preveñen a proliferación dos microorganismos susceptibles de contaminaren un producto tan acuoso. Tamén se engaden outros elementos, que distinguen cada leite limpador: perfumes, colorantes e outras substancias de acción específica, como as hidratantes, calmantes, anti-inflamatorias, revitalizantes…

Proba práctica

CONSUMER someteu os sete leites limpadores a unha proba de uso sobre 56 consumidoras habituais deste tipo de productos, con idades comprendidas entre os 18 e os 65 anos. Nivea Visage obtivo a mellor puntuación nesta proba de uso, con 7,3 puntos nunha escala do 1 ó 9. Vitesse, o segundo mellor, conseguiu 7 puntos. Pond’s (6,1 puntos) e Margaret Astor (6,2 puntos) foron os peor cualificados. Nun nivel medio situáronse Diadermine (6,8), Synergie (6,6) e L’Oreal (6,4).

Nivea Visage conseguiu as puntuacións máis altas en sensación final, cor e arrecendo do leite e cheiro da pel logo da súa aplicación. Os mellores para eliminar maquillaxe na cara foron Vitesse e Synergie: o primeiro foi máis efectivo eliminando a maquillaxe da cara, e Synergie en eliminalo do contorno dos ollos.

A aparencia deste producto debe corresponder á dun leite uniforme, sen grumos, opaco, de cor branca e cheiro agradable. En seis mostras o aspecto da emulsión foi correcto, de cor branca e cheiro perfumado e agradable, pero a cor beixe-laranxa de Synergie de Garnier fixo que este leite fose peor valorado có resto neste apartado.

O pH da pel sa rolda o 5,5, polo que a composición dun leite limpador será mellor canto máis se achegue a esta cifra. A aplicación dun producto excesivamente acedo ou demasiado básico favorecería a aparición de intolerancias na pel. Os mellores leites no tocante ó pH (os situados entre 5 e 5,9) foron Margaret Astor, Diadermine e Garnier Synergie. Algo peores foron Pond’s e Vitesse (6,3 e 6,2 respectivamente) mentres que os máis básicos (peores) foron Nivea Visage e L’Oreal, ámbolos dous con 6,6.

Textura axeitada

/imgs/20030401/analisisb01.jpg
A viscosidade do líquido non debe ser demasiado elevada (dificultaría a saída do envase e a súa dosificación) nin demasiado líquida (complicaría a súa aplicación ó escorregar entre os dedos). A viscosidade axeitada definiuse entre 9.000 e 14.000 centipoises (cps). Nivea Visage, L’Oreal, Pond’s e Synergie foron excesivamente viscosos e chegaron a superar este rango en máis de 3.000 cps.

O contido de extracto seco (substancias orgánicas e minerais que quedan tras elimina-la auga e as substancias volátiles, como o perfume) non está relacionado, directamente, coa calidade do producto, se ben un contido elevado se traduce nunha importante cantidade de materias orgánicas e minerais en vez de auga. Synergie de Garnier (6,2%) e Vitesse (6,3) só ofreceron unha cuarta parte do extracto seco de Diadermine (24,2%).

No tocante ós principios activos, o leite limpador Diadermine foi o máis completo por ter na súa fórmula tres activos importantes, mentres que Margaret Astor non presentou ningunha das catro substancias activas analizadas.

Leváronse a cabo tres experimentos para determinar se os leites limpadores eran ou non irritantes: un para garanti-la inocuidade do producto sobre a pel, e outros dous para comprobar cómo afectaban ó contacto cos ollos. A tolerancia cutánea mediuse aplicando 0,2 gramos de producto sobre o lombo de dez voluntarios adultos e sans, nos que se mantivo un parche oclusivo en contacto directo coa pel durante 48 horas.

Un dermatólogo comprobou os efectos provocados polo producto comparándoos cunha referencia negativa, neutra (non irritante) que tamén levaron adherida á pel durante dous días. Os sete leites limpadores demostraron non ser irritantes, pero Pond’s amosouse “moi lixeiramente irritante”.

Para analiza-la tolerancia ocular dos productos sen realizar ensaios sobre animais, leváronse a cabo dous test ‘in vitro’ mediante métodos oficiais. O primeiro deles, o test HET CAM, realízase deixando actua-lo producto sobre unha membrana de ovo de galiña fecundado dez días antes, que ten propiedades semellantes ás do ollo humano.

Unha vez transcorridos vinte segundos desde a aplicación, lávase a membrana do ovo e obsérvase durante cinco minutos se aparecen fenómenos de irritación (hemorraxias, coagulación…), o que indicaría os efectos que ese producto tería en contacto cos ollos.

Irritación ocular

Na outra proba que amosa o efecto do contacto sobre os ollos, aplícase o producto sobre células conxuntivas recheas co colorante vermello neutro. Logo de deixar actua-lo leite limpador sobre este tecido conxuntivo, obsérvase se as células estouparon liberando o colorante do seu interior.

Os resultados de ámbolos ensaios amosan que a capacidade irritante ocular dos sete productos analizados vai de moderada (Diadermine, Margaret Astor e Synergie) a débil (Visage, Pond’s, Vitesse e L’Oreal), polo que tódolos leites foron ben valorados.

Diadermine foi o único leite que acadou a cualificación de “moi ben” en calidade global, gracias ó seu pH próximo ó da pel, á súa viscosidade axeitada, e porque contén tres principios activos importantes (glicerol, pantenol e acetato de vitamina E) e non é irritante.

Margaret Astor, Nivea, L’Oreal, Synergie de Garnier e Vitesse obtiveron un “ben” polas súas composicións non irritantes. Pond’s foi o único que só acadou a valoración de “correcto” pola súa fórmula “moi lixeiramente irritante” en contacto coa pel.

Materias activa

No tocante ás materias activas, é dicir, ós axentes con propiedades específicas, analizáronse os contidos en glicerol, bisabol, acetato de vitamina E e pantenol, por seren as substancias con efectos positivos máis comúns nos leites limpadores. O hidratante glicerol ou glicerina é o principio activo máis común. L’Oreal e Garnier Synergie foron os leites con maior cantidade desta substancia e Margaret Astor non a inclúe na súa formulación. O acetato de vitamina E (tocoferil acetato), con virtudes anti-engurras, calmantes, cicatrizantes e hidratantes, estivo presente en tres leites, aínda que en proporción moi distinta (dúas veces máis en Diadermine e Pond’s ca en L’Oreal). O anti-inflamatorio bisabol só o empregou Nivea Visage. No tocante ó pantenol (provitamina B5), con virtudes reparadoras, nutritivas e hidratantes, atopouse nas formulacións de Diadermine, Nivea Visage e Garnier Synergie.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete leites limpadores ou desmaquillantes de prezos ben distintos: desde os 13,50 euros/litro de Margaret Astor ata os 23,05 euros/litro de L’Oreal.
  • Son brancos, non sendo Synergie que é beixe-laranxa. O pH de Nivea Visage e L’Oreal (os dous 6,6) é o que máis se afasta da pel sa. A viscosidade é excesiva en Visage, L’Oreal, Pond’s e Synergie. O máis completo en substancias activas analizadas é Diadermine (tres) e o peor Margaret Astor (ningunha).
  • Pond’s é o único “moi lixeiramente irritante” en contacto coa pel. Os outros, correctos. E os sete foron débil ou moderadamente irritantes cos ollos.
  • Nivea Visage foi o mellor valorado na proba de uso (7,3 sobre 9 puntos posibles). A puntuación máis baixa (pero aceptable) foi para Pond’s: 6,1 puntos.
  • Diadermine foi o único leite cun “moi ben” en calidade global. Margaret Astor, Nivea Visage, L’Oreal, Synergie e Vitesse tiveron un “ben” e Pond’s foi o único só “correcto”.
  • A mellor relación calidade-prezo é Diadermine, o segundo máis barato, o único “moi bo” en calidade global e o terceiro mellor na proba de uso. Nivea Visage, o mellor na proba de uso, é outra opción interesante.
Marca DIADERMINE NIVEA VISAGE MARGARET ASTOR POND’S
Denominación “Leite limpador hidratante todo tipo de pel” “Leite limpador revitalizante pel normal e mixta” “Leite limpador todo tipo de pel” “Leite limpador suave”
Prezo
(euros/ litro)
14,60 16,75 13,50 14,68
Formato (ml) 250 250 200 250
Aspecto visual do producto
Aspecto Correcto Correcto Correcto Correcto
Cor Branca Branca Branca Branca
Cheiro Perfumado Perfumado Perfumado Perfumado
Características físicas e químicas
pH 5,3 6,6 5,0 6,3
Viscosidade1 Correcto Excesivo Correcto Excesivo
Extracto seco (%)2 24,2 12,0 8,2 11,6
Contido de substancias activas
Glicerol
(%) 3
2,2 0,3 Ausencia 2,1
Bisabol
(%) 4
Ausencia 0,1 Ausencia Ausencia
Acetato de
vitamina E (%) 5
0,26 Ausencia Ausencia 0,22
Pantenol
(%) 6
0,5 0,18 Ausencia Ausencia
Tolerancia cutánea Non irritante Non irritante Non irritante Moi lixeiramente irritante
Tolerancia ocular Moderadamente irritante Debilmente irritante Moderadamente irritante Debilmente irritante
Calidad global Moi ben Ben Ben Correcta
Proba de uso (de 1 a 9) 6,8 7,3 6,2 6,1
Marca VITESSE SYNERGIE GARNIER L’OREAL
Denominación “Leite limpador hidratante todo tipo de pel” “Leite limpador revitalizante” “Leite limpador revelé, todo tipo de peles”
Prezo
(euros/ litro)
19,85 19,05 23,05
Formato (ml) 200 200 200
Aspecto visual do producto
Aspecto Correcto Correcto Correcto
Cor Branca Beixe-laranxa Branca
Cheiro Perfumado Perfumado Perfumado
Características físicas e químicas
pH 6,2 5,7 6,6
Viscosidade1 Correcto Excesivo Excesivo
Extracto seco (%)2 6,3 6,2 12,4
Contido de substancias activas
Glicerol
(%) 3
1,3 4,1 4,1
Bisabol
(%) 4
Ausencia Ausencia Ausencia
Acetato de
vitamina E (%) 5
Ausencia Ausencia 0,1
Pantenol
(%) 6
Ausencia 0,11 Ausencia
Tolerancia cutánea Non irritante Non irritante Non irritante
Tolerancia ocular Debilmente irritante Moderadamente irritante Debilmente irritante
Calidad global Ben Ben Ben
Proba de uso (de 1 a 9) 7,0 6,6 6,4

(1). Viscosidad: valores entre 9000 – 14000 se han valorados correctos y >14000 excesivos

(2). Extracto seco: cantidade de materias orgánicas e minerais resultantes logo de elimina-la auga.

(3). Glicerol: substancia hidratante.

(4). Bisabol: substancia con virtudes antiinflamatorias.

(5). Acetato de vitamina E: con virtudes antiengurras, calmantes, cicatrizantes e hidratantes.

(6). Pantenol: con virtudes reparadoras, nutritivas e hidratantes.

Unha por unha

Un por un, sete leites limpadores

DIADERMINE

  • 14,60 euros/litro.
  • Calidade global: Moi ben. A mellor relación calidade-prezo. O segundo máis barato. PH e viscosidade correctos. O de máis extracto seco (24,2%). O de máis substancias activas: glicerol, acetato de vitamina E e pantenol.
  • Irritante de xeito moderado en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel. Na proba de uso, o terceiro mellor: 6,8 puntos.

NIVEA VISAGE

  • 16,75 euros/litro.
  • Calidade global: Ben. Outra boa opción. O pH máis elevado (peor) e viscosidade excesiva. O maior número de substancias activas (3) das analizadas, e o único con bisabol (anti-inflamatorio). Debilmente irritante en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel.
  • A mellor cualificación na proba de uso: 7,3 puntos.

MARGARET ASTOR

  • 13,50 euros/litro.
  • Calidade global: Ben. O máis barato. PH e viscosidade correctos. O único carente das catro substancias activas analizadas (glicerol, bisabol, acetato de vitamina E e pantenol).
  • Irritante de xeito moderado en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel. Na proba de uso, o segundo peor: 6,2 puntos.

POND'S

  • 14,68 euros/litro.
  • Calidade global, a máis baixa: Correcta. Excesivo en viscosidade e pH elevado (6,3, peor). A única mostra que presentou irritabilidade no test cutáneo (“Moi lixeiramente irritante”).
  • Inclúe dúas substancias activas das catro analizadas. A puntuación máis baixa na proba de uso: 6,1 puntos de 9.

VITESSE

  • 19,85 euros/litro.
  • Calidade global: Ben. O segundo máis caro. Viscosidade correcta e pH elevado (6,2, peor). Só contén unha das substancias activas analizadas, glicerol.
  • Debilmente irritante en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel. A segunda mellor puntuación na proba de uso, 7 puntos sobre 9.

SYNERGIE DE GARNIER

  • 19,05 euros/litro.
  • Calidade global: Ben. O único cunha cor diferente á branca (beixe-laranxa). Viscosidade excesiva, pH correcto e o contido en extracto seco máis baixo (6,2%). Inclúe dúas substancias activas das catro analizadas, e o seu contido en glicerol é o máis elevado (4,1%).
  • Irritante de xeito moderado en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel. Na proba de uso, o cuarto: 6,6 puntos.

L'OREAL

  • 23,05 euros/litro.
  • Calidade global: Ben. O máis caro. O seu pH foi o máis elevado (peor) e a súa viscosidade excesiva. Inclúe dúas substancias activas das catro analizadas, e o seu contido en glicerol é o máis elevado (4,1%).
  • Debilmente irritante en contacto cos ollos, pero non en contacto coa pel. Na proba de uso, o terceiro peor: 6,4 puntos sobre 9.