Os grandes esquecidos do corpo
Máis do 80% da poboación sofre algún problema nos pés. E é que, malia a que cargan co peso do corpo durante todo o día e de que, xunto coas mans, son os elementos mecanicamente máis complexos do corpo humano, son unha das partes do mesmo máis esquecidas. En total, 26 ósos, 19 músculos, 33 articulacións e máis de 100 tendóns constitúen o noso principal punto de apoio, e son moi poucas as persoas que lles proporcionan o coidado e a atención que merecen.
Ante todo, hixiene
- Lave os pés a cotío e séqueos moi ben, sobre todo entre os dedos. Cando menos unha vez por semana somérxaos en auga quente con xabón e sal. O baño non debe supera-los 10 minutos, pois a auga quente abranda a pel, o que favorece que se introduzan os fungos. Remate o baño alternando auga fría e quente para estimula-la circulación sanguínea.
- Aproveite para limar calos e asperezas cunha pedra pómez ou cunha lima ancha. Elimine a pel reseca e as calosidades menores cun xel exfoliante.
- Corte as unllas dos dedos dos pés cun cortaúnllas ou cunhas tesoiras especiais. Fágao de forma recta para evitar que se introduzan na carne, e nunca moi curtas. Se padece de diabete ou de problemas circulatorios, extreme os coidados porque é máis propenso á infección.
- Aplique unha crema humectante nos pés e nas cutículas das unllas, ou, se o prefire, esparexa sobre os pés po de talco (use un que sexa antiséptico).
Dedíquelles uns minutos ó día
- Examine os pés regularmente. Repare nos cambios da súa cor ou temperatura. Busque o aumento de grosor ou cambio de cor das unllas (pode ser un sinal do desenvolvemento de fungos), controle as gretas ou cortes da pel. Que a pel da planta do pé ou entre os dedos pele ou se desprenda podería indica-la existencia de fungos (pé de atleta).
- Non ignore a dor de pés, non é normal. Se persiste a dor, consulte a un podólogo ou ó seu médico.
- Evite camiñar descalzo, os seus pés terán máis risco de lesión e de infección. Na praia ou cando estea exposto ó sol, utilice sempre protector solar nos pés coma no resto do seu corpo.
- Se ten espullas, calos, xoanetes ou uñeiros, póñase nas mans dun especialista. Non use locións, ungüentos e remedios caseiros.
- Refregue a cotío a zona traseira da perna, é dicir, o xemelo. Mellorará o retorno venoso da zona e conseguirá que os seus pés teñan maior achega sanguínea.
Elixa calzado axeitado
- O peso corporal débese repartir de xeito equilibrado, e os tacóns demasiado altos impídeno, causando lesións a nivel do Talón de Aquiles, que é o que atura a maior parte do peso. Evíteo utilizando tacóns de dous ou tres centímetros de altura como máximo. Se, ademais, son anchos, o corpo terá maior estabilidade. Non use puntas estreitas, son as responsables dos dolorosos xoanetes.
- Non abuse do calzado deportivo, pois, como o seu nome indica, só é para facer deporte. Elixa o calzado en función da actividade que vai realizar con el (traballar, andar, bailar, correr, etc.).
- As solas deben ser resistentes e flexibles cunha boa superficie absorbente, acolchadas para absorbe-lo impacto que se produce ó camiñar por terreos duros.
- Non agarde a que os zapatos cedan co uso. Cando merque zapatos, fágao sempre á última hora da tarde, cando os pés están máis inchados. Evitará mercar zapatos demasiado estreitos que co tempo lle orixinarán calosidades e durezas.
- O calzado débese axustar perfectamente ós dedos e ós talóns. Nunca debe saí-lo talón por detrás do zapato, nin tampouco debe queda-lo pé solto dentro del, xa que se poderían producir rozaduras e vinchas.
- Os dous pés nunca son do mesmo tamaño, merque sempre o número que se adapte ó meirande dos dous. Se hai moita diferencia entre un pé e outro, coloque unha soleta no que lle quede máis ancho para igualalos.
- Os materiais sintéticos favorecen a producción excesiva de transpiración e o aumento de bacterias causantes do mal cheiro.
- Utilice máis dun par de zapatos e alterne o seu uso, non empregue os mesmos tódolos días. Evitará ter sempre as mesmas rozaduras, calos ou vinchas.
- Desbote os zapatos cando dean moito de si e, sobre todo se o pé tende a saír fóra deles.