Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.
Ruídos molestos : As leis permiten denunciar a quen causa ruídos excesivos
Tanto a vía xudicial como a vía administrativa e mesmo a penal son válidas para canaliza-la reclamación
Xa ninguén pon en dúbida que o exceso de ruído é un problema. As queixas xeradas polas actividades de lecer, nocturno e diúrno, por obras, pola proximidade de estradas, aeroportos ou fábricas ruidosas son continuas por parte dos veciños que ven como o seu lar e a súa intimidade se ven invadidos por unha morea de molestos sons a alto volume que perturban a súa calidade de vida.
A UE estima que o ruído ambiental como efecto das actividades humanas se duplicou os últimos anos en tódolos países membros. Só en España, calcúlase que como mínimo 9 millóns de persoas aturan niveis medios de 65 decibelios, o máximo admitido pola Organización Mundial da Saúde (OMS), ata o punto de que hoxe os expertos consideran a contaminación acústica como unha das máis molestas e das que maior incidencia teñen sobre o benestar humano.
As lexislacións europeas establecen que 65 decibelios diúrnos e 55 decibelios durante a noite son os límites aceptables para o ruído. Medicamente, a capacidade auditiva comeza a deteriorarse a partir dos 75 decibelios, e se se superan os 85 decibelios con frecuencia pódese orixina-lo que se denomina xordeira sensorineural progresiva (falta de excitación nas neuronas). Superados os 125 decibelios aparece a dor, e chégase ó limiar da dor ós 140 decibelios.
No tocante ós decibelios permitidos nunha vivenda, varían dun municipio a outro e dependen do tipo de actividade da que se trate. É máis, algúns consistorios afinan moito os máximos permitidos e clasifícanos incluso por zonas da casa. Xa que logo, o límite de decibelios é distinto para ruídos percibidos nunha habitación ou no salón.
Por iso, antes de comezar calquera trámite para solicita-lo cesamento de ruídos, cómpre informármonos sobre qué estipulan as ordenanzas municipais; é dicir, qué se considera unha actividade molesta e cáles son os límites admisibles (de decibelios e dos horarios en que se emiten) en cada caso.
Paxinación dentro deste contido
- Non hai ningunha páxina anterior
- Estás na páxina: [Páx. 1 de 2]
- Ir á páxina seguinte A futura Lei do Ruído »