Este mes entréganse os premios APDE, equiparables ós Goya na Danza, pero, a diferencia do que acontece co cine, a repercusión mediática será mínima. ¿Que pasa co ballet para que continúe sendo o ilustre descoñecido das belas artes?
Á danza fáiselle menos caso do que merece, e obtén do seu traballo menos eco do que lle corresponde, se temos en conta a actividade que desenvolve e o número de propostas que lle ofrece ó cidadán.
¿Abondan vintecinco anos para que unha compañía de danza teña a súa propia identidade?
Se nos comparamos con outras compañías nacionais moito máis antigas, a nosa xuventude é patente, pero fixámo-las características propias deste tipo de agrupación e convertémonos no buque insignia da danza no noso país. Ademais, as compañías nacionais de danza son institucións que estudian, manteñen e crean coreografías. Celebra-las vodas de prata é unha bonita circunstancia para reflexionarmos sobre o labor realizado. Hoxe, o Ballet Nacional converteuse na compañía que aglutina a totalidade das linguaxes de diferentes autores. Esta idea comprenderase mellor se se compara coa actividade dunha compañía privada, que persegue transmitir unha linguaxe concreta, a desa compañía ou a do seu creador. Aquí isto non acontece, o Ballet Nacional procura un espacio para tódalas correntes da danza española.
Falamos de danza española, pero ¿a que nos estamos referindo con este termo?
A súa pregunta é reflexo da ignorancia xeral que hai sobre esta expresión artística. É certo que o flamenco vive un momento de popularidade, pero a danza española non é só flamenco. É Fuenteovejuna, onde existe unha mestura de riqueza de cultura recuperada coa danza clásica. É a escola boleira de Medea, con guión de Miguel Narros e coreografía de José Granero; é Danza y tronío de Mariemma, unha obra mestra que só se representa no Ballet Nacional. Recuperar, proxectar e dar a coñecer toda a riqueza da danza española, de toda ela e non só do flamenco, é o noso obxectivo.
Un labor que pasa bastante desapercibido para o cidadán común.
Insisto, os medios de comunicación fannos moi pouco caso. A penas se fan eco a nivel nacional das representacións en cidades que non sexan Madrid ou Barcelona. Ou, a nivel internacional, raras veces se fala de algo que non sexa política, deporte e, como moito, cine. O Ballet Nacional simultanea espectáculos en Alacante, Bilbao e no Teatro Real de Madrid.
¿O foro do teatro require, para a danza, características especiais?
Non, precisa unha dimensión mínima, e son moitos os teatros que a ofrecen. Ademais, estúdiase o escenario e adáptase o programa ás súas dimensións. A danza non traballa só en teatros de ópera.
Nalgúns destes teatros, ó se-lo aforo de abono, vense a miúdo asentos baleiros cando o programa é de danza.
Tristemente, é así. E aínda que a nosa compañía, ó ser pública, non ten o obxectivo prioritario da rendibilidade, debemos cumpri-la misión de mima-la arte con orzamentos máis amplos ca unha privada, pero que deben mante-lo equilibrio. Ademais, incluímos xiras no estranxeiro, precisas para realiza-la nosa misión de embaixadores da arte do noso país.
Unha partitura musical ou un libreto de ópera quedan escritos, polo que anos e mesmo séculos despois, se poden reproducir tal e como o autor os pensou. Pero, ¿como se lles lega ós artistas do futuro unha coreografía?
Conservar, transmitir e reinterpreta-las creacións de ballet foi un problema ó que se fixo fronte coa aparición do vídeo. Algúns coreógrafos desenvolveron o seu propio sistema de apuntamentos, pero a linguaxe da danza non se pode trasladar a un documento escrito. Perdéronse por iso coreografías únicas das que a penas quedan algunhas notas. Hoxe, poder filma-la representación, os ensaios e o proceso de aprendizaxe dos pasos, permíteno-la perdurabilidade. A canda as imaxes, arquívanse as anotacións do coreógrafo.
Cando se fala do ‘duende’ dos bailaríns, ¿faise referencia a un don natural ou a unha maneira de interpretar que se pode aprender?
Vaiamos por partes. O esforzo dun bailarín é enorme e a súa carreira moi longa, como a de calquera persoa dedicada a unha arte na que o sacrificio e o estudio son constantes e moi esixentes, pero tampouco hai que mitificalo. O primeiro requisito para ser bailarín é amar moito a danza e, o segundo, desenvolve-las facultades que precisa esta arte. A danza pon en contra do executor o seu propio corpo, que lle vai posibilitar ou non que sexa bailarín. Para ser un bailarín executante é imprescindible contar con facultades físicas concretas, e unha delas é a forza. Despois, desenvólvese un agudo sentido musical, aínda que non estamos obrigados a saber ler música. Un bailarín segue a música de oído, interprétaa. E despois está o ‘duende’: a capacidade de comunicar a través da danza, de facer arte.
Fala da importancia do corpo. ¿Como afrontan os bailaríns unha lesión?
Os bailaríns son fisicamente moi duros. Aínda que no escenario todo pareza fráxil e os seus movementos transmitan sensibilidade, os bailaríns son case atletas. Mitificáronse as lesións, que poden ser horrorosas, pero con moito esforzo e se a lesión non é irreversible, pódese recupera-la máquina.
¿Como se chega a ser primeiro bailarín?
A pregunta correcta sería cómo se debe chegar, porque ás veces trázanse camiños estraños. O desexable é que o bailarín complete os seus estudios e se integre no corpo de baile, onde despuntan os mellores. Ós poucos, atopa a oportunidade de desenvolve-la súa danza cun cariz individual, o que o pode converter en solista. Dos solistas, o mellor será o primeiro bailarín. E só uns poucos dos primeiros bailaríns chegarán a se converter en estrelas.
Á hora do retiro, algunhas estrelas da danza fanse coreógrafos ou directores dunha compañía, como é o seu caso.
Cando se traballou con moitos coreógrafos, e se interpretaron moitas obras, chégache o momento de querer expresarte e esperta a inquietude de comunicar a través dunha linguaxe creada por ti mesma. Ó primeiro sénte-lo desexo de crear, e ese é o paso anterior a chegar á dirección ou a ser coreógrafa.
A ruptura co ballet clásico acabou co romanticismo e cos tutús e cunha visión algo arcaica e cursi da danza. Nace entón, hai xa décadas, a danza contemporánea. ¿En que momento da evolución nos atopamos agora?
Como aconteceu con outras artes, as vangardas romperon co instaurado e deron unha viraxe. Desde entón, avanzouse nesa liña pero agora non hai vangarda, vivimos unha época de transición e creo que algo vai acontecer porque se están buscando novas linguaxes. Mentres, triúnfa a comercialidade, a mal entendida modernidade, unha corrente que leva a centra-la creatividade nunha marca famosa, nun glamour mal entendido e supeditado a correntes.