Moi distintos en liquidez e fiscalidade
O crecente avellentamento da poboación, a cada vez máis cuestionada sostibilidade do sistema de pensións tal e como está hoxe concibido, o atraso co que a mocidade se incorpora ó mercado laboral (e, polo tanto, comeza a cotizar á Seguridade Social) e a actual precariedade dos contratos de traballo configuran unha conxuntura difícil no tocante á posibilidade de cobrar unha pensión de xubilación dentro dalgunhas décadas. Hoxe, oito millóns de persoas cobran puntualmente as súas pensións, pero ¿farao de igual maneira quen ten agora menos de 40 anos?
Esta incerteza, alentada por moitos especialistas en economía e sistemas de pensións e mesmo pola propia Administración pública, fai que moitas persoas (e non só as que desenvolven traballos temporais ou mal pagados, ou quen cotiza pouco á Seguridade Social) se preocupen polo que cobrarán cando se xubilen e comecen a deseña-la xubilación en función das ofertas que lanzan as entidades bancarias e aseguradoras. Noutras palabras, como o sistema público de pensións non asegura unha xubilación tranquila no económico, son moitos os cidadáns que xa comezaron a aforrar para cando chegue o momento da inactividade laboral, porque temen que coa pensión non sexa abondo para manter un nivel de vida non excesivamente inferior ó de cando traballaban.
Os expertos aseguran que os 40 anos é a idade na que máis cidadáns se cuestionan subscribiren un plan de pensións ou de xubilación. Os dous son productos de aforro, pero con diferencias notables. Fundamentalmente, afectan á rendibilidade, ás vantaxes fiscais e á liquidez (posibilidade de recuperación total ou parcial dos cartos a partir do primeiro ano). Mentres que o plan de pensións nace en España como un modelo de previsión complementario ó sistema público -ás pensións que por lei o Estado paga, en realidade devolve, ós cidadáns- o plan de xubilación é independente da Administración. En España, os plans de pensións -máis estendidos cós de xubilación- son un producto financeiro relativamente novo; aparecen no ordenamento xurídico coa promulgación da Lei 8/87 do 8 de xuño de 1987.
Qué ter en conta para subscribir un destes plans
- Idade: hoxe, a maior parte dos subscritores de plans de pensións teñen entre 35 e 55 anos, mentres que os de plans de xubilación teñen entre 30 e 55 anos.
- Ingresos: o investimento en plans de xubilación, segundo os especialistas, resulta especialmente conveniente para os cidadáns con baixo nivel de ingresos, porque lles permite acceder cando o desexen ó diñeiro aforrado, a diferencia do que acontece cos plans de pensións, cunha liquidez moito menor.
- Beneficios fiscais: a quen non goce dunha certa seguridade laboral e a quen non teña entre as súas expectativas prioritarias acceder a beneficios fiscais, convéñenlle máis os plans de xubilación. Quen se subscribe a un plan de pensións beneficiarase dunha fiscalidade moi favorable, pero non poderá recupera-los seus cartos ata o mesmo momento da súa xubilación, salvo excepcións moi concretas.
- É un producto financeiro xestionado principalmente por compañías de seguros.
- A súa principal vantaxe é a liquidez. O subscritor pode saca-lo diñeiro ingresado en calquera momento (aínda que será penalizado cunha comisión bastante alta algo no que poucas veces se incide cando un consumidor contrata este producto financeiro). En principio, as contribucións destes seguros de aforro cóbranse na data acordada entre a aseguradora e o cliente, non ten por qué coincidir coa idade de xubilación. Para evitar malentendidos, cómpre que tódolos prazos se recollan nun documento escrito.
- As compañías de seguros tamén contemplan o chamado “rescate” ou cancelación parcial: a posibilidade de facer unha cancelación parcial sen penalización ningunha, independentemente de que eses cartos se volvan ingresar.
- Ó igual cós plans de pensións, os de xubilación permítenlle ó cliente establecer unha cota fixa mensual, trimestral, semestral ou anual que pode ser reducida ou aumentada.
- Desgravación fiscal: os plans de xubilación, a diferencia dos de pensións, non se benefician de desgravacións fiscais.
- Pagamento de impostos: no tocante ó cobro total do diñeiro neste caso, a diferencia do anterior, o titular xa pagaba os impostos correspondentes ós cartos que achegaba de maneira periódica na súa declaración da Renda, polo que non deberá pagar impostos polo diñeiro recibido, aínda que si dos xuros que lle produciu.
- A rendibilidade dos plans de xubilación é, normalmente, menor cá dos plans de pensións.
- É un producto financeiro de aforro integrado noutros maiores: os Fondos de Pensións. Os plans de pensións, ó investir en Fondos, non garanten unha rendibilidade inicial.
- O seu principal inconveniente é a falta de liquidez. As contribucións dos plans de pensións non se poden recuperar ata que non se chegue á xubilación, ós 65 anos ou anticipada. As excepcións están descritas pola Lei: falecemento, enfermidade grave ou paro de longa duración.
- A cota pode ser mensual, trimestral, semestral ou anual, ó gusto do cliente. E pódense reducir, aumentar e mesmo suspender temporalmente. Tamén se poden facer achegas únicas pola cantidade que se desexe, cunha soa condición: os ingresos desgravables nos plans de pensións teñen un límite anual de 8.000 euros.
- Unha vez que o titular se xubilara pode recupera-los cartos en cotas mensuais ou nun só pagamento.
- Pagamento de impostos: cando se chega á xubilación e un se dispón a recupera-lo aforrado, as cantidades achegadas durante tantos anos enténdeas o fisco como rendas de traballo que desgravaron no seu momento, polo que cando se reciban os cartos cos xuros o titular deberá paga-los impostos que non pagou nas súas sucesivas declaracións da Renda.