O son da dor
Moitas persoas padeceron nalgunha ocasión a dolorosa experiencia dunha otite. Detrás deste nome atópase a patoloxía máis común que se produce no oído humano, unha complexa estrutura constituída polo pavillón auricular (a orella), o conduto auditivo externo, o oído medio e o oído interno. A otite, que afecta fundamentalmente ó oído medio e mais ó conduto auditivo externo, incide sobre todo na poboación infantil. De feito, un de cada tres nenos padeceu unha infección de oído nos seus tres primeiros anos de vida.
Otite da piscina
A infección do conduto auditivo externo produce a chamada otite aguda externa ou otite da piscina -chámase así porque nos máis dos casos se relaciona cos baños en piscinas, ríos…-. Dáse máis a miúdo no verán, sobre todo en nenos e adolescentes. A súa aparición vese favorecida pola presenza de cerume, microtraumatismos orixinados ó rañarse, con bastonciños, tapóns, auriculares… que maceran a pel do conduto. Tras o proído inicial nótase unha dor (otalxia) que se agudiza cos movementos mastigatorios ou coa presión sobre o trago (pequena formación que hai diante do burato do oído) e secreción polo oído (otorrea). Nos nenos máis cativos, amais de choro, aparece irritabilidade, inquietude e rexeitamento á comida. A presión sobre o trago desencadea crises de pranto e rexeitamento á manobra movendo a cabeza.
O tratamento da otite externa faise a base de analxésicos (paracetamol, aspirina, ibuprofeno…) e da aplicación de pingas óticas que inclúen un antibiótico e un antiinflamatorio. A resposta ó tratamento adoita ser boa e a infección desaparece, pero as recidivas son moi frecuentes. Para evitalas:
- Convén non se bañar ou polo menos non mollar a cabeza.
- Non usar tapóns nin algodóns nos oídos, pois reteñen a humidade e maceran a pel do conduto.
- Non usar bastonciños, poden lesionar o conduto.
- Non ducharse nin lavar a cabeza sen protección dos oídos.
Otite circunscrita
Outro xeito frecuente de afección do conduto é a otite circunscrita ou furúnculo. Neste caso un furúnculo ocasionado por un estafilococo fórmase na parede do conduto. É como un gran grande cun punto abrancazado na parte superior, que é unha colección de pus moi dolorosa. Se o furúnculo é grande pode chegar a taponar o conduto e producir hipoacusia (perda máis ou menos acusada da audición) por un tempo. A audición recóbrase cando desaparece o furúnculo. O tratamento local adoita ser pouco efectivo, polo que a miúdo se trata con antibióticos por vía xeral.
Otite media aguda
A otite media aguda, infección do oído medio, é moi frecuente en nenos e nenas. Estímase que un terzo dos máis pequenos tiveron máis dunha infección de oído durante os seus primeiros tres anos de vida, amais de supor a causa máis importante de perda auditiva nesa idade. É un proceso ó que cómpre outorgarlle a importancia que ten, pois pode danar partes do oído medio e producir a conseguinte perda de audición.
Prodúcese fundamentalmente durante as primeiras etapas da vida, entre os 6 e 36 meses e entre os 4 e 7 anos, e é máis frecuente polo inverno. A infección sobrevén porque os xermes pasan ó oído medio a través da trompa de Eustaquio, un conduto que comunica o oído medio coas foxas nasais. Os xermes tamén poden chegar ó oído medio a través dunha ferida ou perforación da membrana timpánica.
Os síntomas son dor de oído, febre, sensación de presión no oído, diminución da audición, e se se chega a perforar a membrana timpánica, secreción de pus. O exame mediante otoscopia amosa un tímpano alombado, avermellado e, de existir perforación, saída de pus.
O tratamento consiste na administración de antibióticos asociados a corticoides durante un período que oscila entre 10 e 14 días. Se malia ó tratamento persisten a dor, a febre e o alombamento do tímpano, daquela polo xeral cómpre realizar unha incisión no tímpano, para evitar que se produzan lesións nas estruturas, baleirar o oído medio de pus e acelerar a curación. A incisión, igual ca a perforación espontánea, tende a pecharse soa axiña e non deixa secuelas. Unha vez curado, é aconsellable realizar estudos para comprobar a audición. Cando a infección se repite adoita deberse á existencia de procesos sinusais, adenoideos ou amigdalinos que se deben resolver para evitar as recaídas. Na actualidade, e dada a eficacia dos tratamentos, as complicacións da otite media son pouco frecuentes, pero preséntanse de vez en cando. A máis frecuente é a mastoidite, infección das celas mastoideas -a mastoide é o óso que palpamos detrás do pavillón da orella-.
Otite serosa
Un xeito moi especial de otite media é a chamada otite serosa ou otopatía serosa, unha otite silandeira, pouco sintomática e frecuente na infancia, especialmente entre os 3 e 5 anos, aínda que pode aparecer aínda antes. O neno parece non escoitar, está distraído e non fai caso, cando o que realmente acontece é que non oe. A afección caracterízase pola presenza de líquido no oído medio, unha secreción serosa que ademais flutúa en cantidade durante un mesmo día, aumenta e diminúe, co que a audición é tamén flutuante. O derrame pode ser seroso, mucoso ou hemorráxico. Xérase pola proliferación dunhas células no revestimento do oído, xeralmente consecuencia dunha disfunción da trompa de Eustaquio que produce problemas de aireación do oído medio. É a primeira causa de hipoacusia bilateral nos nenos e motivo de moitos casos de retraso escolar porque o neno non oe ben e parece que ten unha actitude pasiva. Por todo iso, é moi importante diagnosticala canto antes. A otoscopia, a audiometría e a impedanciometría son exploracións necesarias e fundamentais para o seu diagnóstico. Outro dato esencial para o médico é saber canto tempo leva o neno padecendo este tipo de otite. Se o diagnóstico se realiza dentro dos seis meses seguintes á súa aparición, a evolución resulta favorable na maioría dos casos co tratamento médico, pero se se detecta pasados seis meses, o prognóstico pode ser peor e hai que pensar en recorrer á cirurxía.
Tratamento cirúrxico
A cirurxía consiste inicialmente na colocación de tubos de ventilación no oído medio a través do tímpano. Estes tubos permiten a drenaxe do líquido e mais a aireación do oído medio. O tubo hai que levalo durante varios meses. Na actualidade utilízase moito a miringolasertomía como alternativa á colocación de tubos. A través de raios láser perfórase o tímpano e a vaporización producida polo láser deseca os bordos, polo que tarda tempo en pechar, dando tempo para evacuar o líquido e airearse suficientemente. É boa de realizar e ten a vantaxe de que non hai que colocar tubos, que non deixan de ser un corpo estraño que pode ter efectos secundarios sobre o tímpano. Tanto se se colocan tubos como se se fai perforación con láser hai que evitar a toda costa a entrada de auga no oído operado porque podería infectarse. O resultado adoita ser bo, pero se a evolución non se detén ou a otite serosa leva moito tempo, o tímpano e a cadea de ósiños que transmiten as ondas sonoras poden chegar a destruírse pola acción encimática das secrecións. Isto implicaría unha perda auditiva importante e requiriría cirurxía máis complicada para a súa resolución parcial.