Instalación de ascensores e plataformas no portal

Unha cuestión de maiorías nada simple

Para aprobar reformas de mellora de acceso a edificios nos que viven persoas con discapacidades físicas ou anciáns, abonda coa maioría simple
1 Novembro de 2005
Img eco domestica listado 129

Unha cuestión de maiorías nada simple

“Vivo no primeiro andar e a comunidade de veciños decidiu instalar un ascensor que non preciso, eu pódome negar?, teño que aboar a mesma cantidade có veciño do sexto?”. “Cómpre que todos os veciños esteamos de acordo na instalación dunha plataforma para salvar as escaleiras que hai ata o ascensor nunha comunidade con persoas con discapacidade física?”

/imgs/20051101/economia1.jpg Estas son dúas das dúbidas máis comúns cando hai que instalar ascensores ou plataformas elevadoras para suprimir barreiras arquitectónicas nas comunidades de veciños. A resposta atópase na Lei de propiedade horizontal (de 1960, pero reformada o 6 de abril de 1999), que especifica que a comunidade non se pode negar a estas reformas a prol da mellora da habitabilidade do inmoble, polo que non é necesaria a unanimidade de votos para proceder á instalación dun ascensor. O que acontece é que cada un dos casos require maiorías de votos ben distintas: cando os veciños do inmoble non sofren ningún tipo de impedimento (idade avanzada, discapacidade…) para accederen á súa vivenda polas escaleiras cumprirán tres quintas partes dos votos. Pola contra, cando se trata dunha reforma para que unha persoa cunha discapacidade física ou un ancián poida acceder ó ascensor e chegar á súa casa, a maioría simple servirá.

O problema radica en determinar se verdadeiramente existe esa ‘necesidade’: os veciños dos andares baixos a miúdo alegan que se trata de melloras non necesarias e, aínda que poden admitir que a obra se realice, non aceptan colaborar no seu financiamento. Vense, ademais, amparados pola ambigüidade dunha norma que recolle no seu artigo 11 que “se a cota de instalación excede do importe de tres mensualidades ordinarias de gastos comúns, o disidente non resultará obrigado, nin se modificará a súa cota, mesmo no caso de que non poida ser privado da mellora ou vantaxe”. Trátase de diferentes interpretacións dunha mesma lei.

Respostas ás dúbidas

Se viven no edificio persoas con algún tipo de discapacidade, a Lei de propiedade horizontal establece que a instalación do ascensor suprime as barreiras arquitectónicas para facilitar a integración destas persoas. Polo tanto, a instalación dunha pequena rampla sobre as escaleiras iniciais que se atopan en tantos portais ata a porta do ascensor, ou dun montacargas eléctrico para favorecer o acceso ás persoas en cadeira de rodas require unicamente o voto favorable da maioría dos propietarios. Este acordo vinculará a todos os veciños e todos (tamén os que se opoñan) deben pagar por igual os gastos que comporte a súa instalación.

/imgs/20051101/economia2.jpg Cómpre xustificar a discapacidade dunha persoa que esixa a instalación dun ascensor ou de calquera outra obra para facilitar o acceso á súa vivenda? Si, pero non é precisa unha incapacidade oficial ou administrativamente recoñecida, aínda que sempre que se poida convén presentar os informes médicos que acreditan as deficiencias de mobilidade ou discapacidade física. No caso das persoas maiores, por exemplo, non é necesario un xustificante médico que certifique as molestias ou as repercusións en cadeiras e pernas motivadas por un esforzo ó subiren as escaleiras… Poden solicitar a instalación do ascensor por acordo maioritario dos veciños.

Sempre que a obra se considere ‘necesaria’ todos os veciños están obrigados a pagar conforme á súa cota ou coeficiente, non sendo que se acorde por unanimidade pagar a partes iguais.

Se a obra se considera ‘non necesaria’ para a adecuada conservación, habitabilidade e seguridade do inmoble e, por exemplo, se demostra que priman as necesidades estéticas por riba das prácticas, de acordo ó artigo 11 da Lei de propiedade horizontal, os veciños disidentes só están obrigados a pagar o novo ascensor ou plataforma cando a derrama estipulada non sexa superior a tres mensualidades ordinarias de gastos comúns. No caso de que a xunta de propietarios obrigue a pagar unha obra cunha derrama que supere as tres mensualidades de gastos pódese impugnar o acordo ante os tribunais.

Para impugnar unha decisión tomada pola xunta de propietarios é necesario que os veciños implicados estean ó día cos pagamentos á comunidade. A acción xudicial débese exercer no prazo de tres meses, salvo que se trate de acordos contrarios á lei ou ós estatutos, caso en que o prazo é de un ano.

Non facer uso do servizo non exime do pagamento. No caso de débedas coa comunidade de propietarios, o presidente ou administrador pode reclamar xudicialmente. O procedemento iníciase pola demanda e, unha vez admitida a trámite, o xuíz requirirá o moroso para que pague no prazo de 20 días ou para que alegue as razóns polas que considera que non debe, en todo ou en parte, as cantidades reclamadas.

Subvencións para a instalación

As diversas comunidades autónomas prevén a concesión de axudas económicas para a instalación de ascensores e a eliminación de barreiras arquitectónicas. Antes de comezar as obras aconséllase consultar co Departamento de Vivenda de cada comunidade autónoma para informarse sobre as posibles subvencións, os documentos que cómpre presentar e os requisitos que hai que cumprir.

Como orientación, aténdase ós seguintes:

  • Hai que solicitar a licenza de obra.
  • Un perito debe asinar a documentación da obra.
  • Cómpre a conformidade da comunidade de veciños.
  • A obra debe garantir a seguridade do ascensor, amais da do conxunto do inmoble.
  • Hai que cumprir os requisitos de instalación do ascensor en materia de seguridade, como os relativos á superficie necesaria para instalar unha cabina e portas automáticas.