Valiosa auga subterránea
A auga é un dos recursos naturais máis prezados do planeta. Máis de mil millóns de persoas non dispoñen de auga potable, o que provoca que cada ano morran uns tres millóns e medio de persoas, os máis deles nenos, a causa de enfermidades relacionadas coa falta ou co mal estado da auga. En consecuencia, a distribución equitativa e a explotación sostible deste recurso preséntase como un dos principais retos do século XXI. Na consecución desta meta, os acuíferos poden xogar un papel relevante.
Fundamentais para o abastecemento urbano
Os acuíferos son formacións xeolóxicas subterráneas. Compóñense dunha ou máis capas de rocha ou doutros estratos porosos e permeables que permiten o fluxo e a extracción da auga do subsolo, polo que supoñen unha fonte valiosísima deste líquido elemento. No caso do abastecemento urbano, uns doce millóns de españois utilizan auga subterránea. Barcelona, Xaén, Alacante e Valencia son as provincias que máis consomen e, por concellos, destacan Castellón, que cobre o 100% por subministración a partir de augas subterráneas, e Almería, que o fai ó 80%. Os arquipélagos canario e balear tamén dependen en boa medida das augas subterráneas, aínda que cada vez menos debido ó desalgamento de auga de mar.
Pola súa banda, Madrid conta cun dos acuíferos máis significativos no apoio ó abastecemento urbano dunha gran cidade, xa que nalgúns momentos chegou a depender del ata nun 30%. Así e todo, a cantidade de auga subterránea que se emprega para abastecemento urbano é notablemente inferior á doutros países do noso contorno, que prefiren este tipo de augas porque se atopan menos expostas á contaminación cás augas superficiais e porque o tratamento químico e bacteriolóxico que deben pasar para a súa potabilización é menos custoso.
Auga de boa calidade
Os acuíferos en España ofrecen en xeral auga de boa calidade para tódolos usos. As augas de mellor calidade proveñen das formacións carbonatadas, que predominan na cunca norte e en unidades de cabeceira e da área setentrional do Douro e mais nos bordos da Serra de Guadarrama, no Texo. Tamén están presentes na cunca alta do Guadiana, nalgunhas unidades do Guadalquivir e do sur e nas unidades interiores do Xúcar, do Ebro e nas cuncas internas de Cataluña.
Así e todo, a contaminación, xa existente nalgunhas zonas, vaise estendendo de vagar e de xeito irreversible, debido a varios motivos: o incorrecto uso dos compostos químicos agrícolas nos cultivos intensivos, a vertedura de refugallos urbanos e industriais e a inadecuada ou inexistente xestión nos acuíferos costeiros, que acaban sendo contaminados coa auga salgada do mar, quedando inservibles para o consumo humano. Este problema é especialmente grave na medida en que, unha vez que se contaminou o acuífero, a súa recuperación é de gran complexidade técnica e supón un elevado custo.
Sobreexplotación
Amais da contaminación, a sobreexplotación é outro dos problemas principais que padecen os acuíferos. A sobreexplotación é o resultado do aumento excesivo da extracción da auga, cada vez máis demandada para usos agrícolas, urbanos e industriais, o que produce descensos continuados do nivel de auga no acuífero e unha deterioración da súa calidade. Se se segue con esta práctica por moito tempo, o acuífero é difícil de recuperar, o que levou a que algúns sequen totalmente. Para que non se produza unha sobreexplotación, o bombeo medio anual de auga debe ser inferior á súa recarga media anual, o que permite ademais que nunca se esgote.
Segundo recolle o “Libro Branco da Auga en España”, máis dun 20% dos acuíferos do Sueste, do litoral Mediterráneo e da Mancha estanse utilizando dun xeito non sostible. Pola súa banda, desde o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) asegúrase que en España non hai moitos acuíferos realmente sobreexplotados, aínda que si hai bastantes no Levante e no Sur, especialmente nas provincias de Murcia, Alacante e Almería, nos que se realiza unha explotación relativamente intensiva.
Fronte a estas ameazas, o aproveitamento sostible dos recursos, o aforro ou a contención do crecemento da explotación da auga aparecen como posibles solucións. Doutra banda, a recarga artificial, que consiste en construír sondaxes ou grandes balsas a través das que se introduce auga no acuífero procedente dun río ou encoro próximo con recursos extra, constitúe un xeito plausible de salvar os acuíferos. Con este sistema, conséguese recuperar os niveis de auga e contribúese ademais a un mellor aproveitamento.
En definitiva, a desaparición ou, cando menos, a diminución da calidade e cantidade da auga contida nos acuíferos resulta especialmente preocupante nun país no que máis das tres cuartas partes da auga consumida se emprega para o regadío, e a agricultura máis rendible se dá precisamente na España seca.
Prevención
Se ben hai fórmulas para preservar a calidade e cantidade da auga dos acuíferos, as súas peculiares características fan que resulte un traballo bastante delicado, aínda que preciso. En primeiro lugar, o ritmo de renovación da auga subterránea, que depende das precipitacións e a cantidade de auga arrastrada polos ríos, é moi lento. Ademais, a variedade de situacións é enorme e os datos dos que se dispón non son abondos.
Por todo isto, a conservación das augas débese rexer polo principio de prevención, evitando que se produza a súa contaminación e a súa sobreexplotación, establecendo os medios e normativas que limiten a vertedura incontrolada e a instalación de actividades perigosas sen as debidas medidas de seguridade. Neste sentido, a protección das augas subterráneas constitúe un obxectivo básico da Unión Europea. Mediante unha Directiva declárase como finalidade primordial manter e mellorar o medio acuático da Comunidade, e aínda que se refire fundamentalmente ás augas de superficie, tense en conta tamén que o estado das augas subterráneas repercute nos ecosistemas acuáticos e terrestres a ela asociados e, desde esa perspectiva, esíxese o seu bo estado. Doutra banda, é obxectivo da Directiva acadar a sostibilidade dos usos de auga na Unión, polo que tamén se contempla unha protección das augas subterráneas para a subministración de auga destinada ó consumo humano.
O aproveitamento das augas subterráneas presentes nos acuíferos lévase realizando en España desde hai miles de anos. As primeiras evidencias neste sentido proveñen da Idade de Bronce, en concreto das galerías de Gata e de El Argar e do acueduto dos Millares, en Almería. Os romanos deixaron tamén numerosos testemuños de obras de enxeñería hidráulica, pero foron os árabes os que introduciron en España o aproveitamento da auga do subsolo a maior escala.
Na actualidade, segundo datos do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, existen en España, excluídas as illas Canarias, que constitúen un grande acuífero volcánico, algo máis de mil acuíferos, que ocupan case a metade da superficie do país e que proporcionan entre vinte e trinta mil millóns de metros cúbicos anuais de auga, aínda que a reserva é moitísimo maior. Con esta cantidade de auga subterránea aténdese o 30% dos abastecementos urbanos e industriais e o 27% da superficie de rega, aínda que a súa distribución é bastante desigual, segundo se desprende do “Libro Branco da Auga en España”.