Sobre cárceres non gusta ler e non gusta publicar, pero, así e todo, é unha realidade que afecta á sociedade cada vez en maior medida. Por que ese ostracismo?
Todo o que arrodea o cárcere é escuro. Atravesar o limiar dun centro penitenciario é dar un paso cara a un espazo pechado no que a violencia está moi presente, e iso, indubidablemente, non gusta. Ese sitio, que se supón que serve para que as persoas deixen de seren delincuentes, é un mundo no que a primeira norma que se debe aprender é a desconfianza, porque resulta clave para sobrevivir. E non me estou referindo a que a morte axexa, aínda que os datos de suicidios e asasinatos non son satisfactorios. Refírome a que as persoas teñen que aprender a funcionar nuns parámetros que só serven para a vida no cárcere, pero que non corrixen, enriquecen nin melloran a ninguén.
No noso sistema legal admítese que, aínda con imperfeccións, o cárcere é o xeito de castigar o culpable e resarcir a vítima. Ocórrenselle outros xeitos?
Na actualidade todo está pensado para o culpable. A vítima non é escoitada. O obxectivo é castigar sen analizar o porqué. Dise que é para ofrecerlle xustiza á vítima, pero no 80% dos delitos que se cometen, que son contra a propiedade dun xeito ou doutro, a vítima non atopa compensación no procedemento nin na resolución, e, se o fai, é a un nivel moi baixo e moi tarde, cando xa fixera un grande esforzo por esquecer e aprender a vivir superando aquel episodio. Tal como funciona o sistema xudicial, a vítima ten que pasar polo mal trago de acudir a un xulgado, en ocasións ata compartir sala co agresor, aturar a burocracia que non é precisamente delicada, e poucas veces recuperar o ben subtraído. Así a vítima non ve reparado o dano que se lle fixo.
Tamén é moi crítico co castigo.
O castigo deshumaniza, tanto ten como se mire e aínda que se vexa como inevitable ou como única solución, que se cadra o é. Pero a realidade é que en moitas ocasións por este camiño non se acada o obxectivo, se o que se pretende é ir máis alá do castigo, tal e como proclama o noso Dereito. Ademais, o perigo de pensar que o cárcere é a solución a problemas sociais como a desigualdade, a exclusión e a precariedade, e que endurecendo as penas se vai lograr maior seguridade, é que só consegue que cada vez haxa máis cárceres e máis presos. Isto, sen dúbida, supón un maior gasto, o que obviamente motivará recortes nos orzamentos que repercutirán nun investimento menor en educación, a única vía que realmente pode facer algo para que non haxa máis presos.
Que é o que debemos entender cando a Constitución, os Códigos e as normas xudiciais nos falan de reinserción?
Unha visión algo utópica, non lle parece?
En absoluto, considérome realista. As investigacións e a realidade amosan que os cárceres son espazos nos que se consegue dobregar de xeito transitorio a vontade do recluso para imporlle unha identidade estigmatizada e culpable. O cárcere ensínalle moi ben tácticas de soidade e a esquecer por completo o significado de solidariedade e empatía polo outro. A violencia dun cárcere torna unha persoa, que é un ser social, nun individuo de mercado, solitario e calculador, indiferente a todo o que non teña que ver coa súa propia satisfacción. Se a pena non se basease exclusivamente no cárcere e se usasen outras vías para recompensar á vítima e á sociedade polo delito, reformariamos a persoas e non perpetuariamos delincuentes.
Cada vez hai máis delincuencia, polo que é lóxico que a sociedade reclame máis contundencia en evitala.
Precisamente, a seguridade serve como arma que se arrebolan os políticos nas eleccións, non importa de que cor sexan. Hoxe por hoxe, automaticamente, insístese en que se vai ofrecer máis seguridade nas rúas, o que significa máis presenza policial e máis detencións. Se os delitos aumentan, e están aumentando ó mesmo ritmo que aumentan as inxustizas sociais, non vai haber cárceres abondos. E iso non fala moi ben dun país.
As cifras revelan que cada vez é maior o número de poboación reclusa de procedencia estranxeira. Alcanza o 27,5% das persoas encarceradas, mentres que a comunidade foránea supón o 5,2% da poboación total. Isto evidencia que a probabilidade de acabar no cárcere sendo emigrante é seis veces superior á que ten un cidadán normal. Por que?
Abondaría con lembrarmos a nosa historia para non repetírmola. Na década dos 60 houbo tamén unha forte migración, pero neste caso tratábase do mundo rural e de rexións máis pobres a cidades grandes. Parellas ou persoas soas buscaron futuro nas barriadas, nos arrabaldes, nas zonas máis desfavorecidas. Traballaban de sol a sol para lles procuraren ós seus fillos o que eles non tiveran. Moitos destes fillos engancháronse ás drogas duras e, como consecuencia da adicción, delinquiron. Efectivamente, os seus pais e nais, coa mellor das intencións, traballaron moi duro para poderlles dar cousas, pero no camiño non lles puideron dar ós seus fillos o máis importante: a súa compaña, a súa educación, unhas raíces e uns modelos ós que acudir. Na actualidade, moitos fillos de inmigrantes estanse criando sós ou entre eles porque os seus pais e nais só queren ganar cartos para darlles o mellor que poidan mercar. Cumpriría gastar máis cartos en deseñar atención a estes nenos e mozos, aínda que fora só por unha cuestión egoísta: é moito mellor que se convertan en cidadáns de primeira ca en persoas conflitivas.
Hai algunha razón social, psicolóxica ou de calquera índole que explique por que a proporción de homes delincuentes (92,2%) é inmensamente maior cá de mulleres (7,8%)?
Que eu saiba, ningunha. É un feito, pero non sei dar unha razón exacta de por que é así. Agora ben, oxalá a muller manteña os baixos índices. Non obstante, dáse o paradoxo de que ese baixo índice repercute de xeito negativo na muller que vai ó cárcere, pois os recursos que se destinan ós módulos femininos son os menos cuantiosos, nuns orzamentos limitados. Falamos de amoreamento de persoas ou de escaseza de espazos propios, de falta de garderías e de recursos en xeral.
En que consiste o seu proxecto de desenvolver a xustiza restaurativa?
A xustiza restaurativa humaniza e dignifica, porque axuda a facerse cargo do seu erro á persoa que errou e permítelle reparar o dano causado. Considera innegociable a dignidade de toda persoa á marxe do delito cometido, e procura medidas que permiten restaurar o delito, dun xeito dialogante e pacífico, non vindicativo. Lévase a cabo a través da mediación penitenciaria entre delincuente e vítima, introducindo o diálogo no canto do castigo. Nos casos en que a vítima se prestou á mediación, é dicir, a coñecer a persoa que a converteu en vítima, manifestou a súa satisfacción e recompensa.