O lixo: pouca información e xestión diferente segundo a cidade
A recollida e o posterior tratamento do lixo doméstico, tecnicamente denominado residuos sólidos urbanos (RSU) preocúpalles ás autoridades locais e ós cidadáns. Calcúlase que preto de un euro de cada cinco que xestionan os nosos concellos se destina a esa función que, segundo todos os indicios, seguirá requirindo un investimento cada vez maior: se en 1995 cada español produciu unha media de 378 quilos de refugallos ó ano (pouco máis de un quilo diario), no 2003 a cifra alcanzou os 502 quilos anuais por habitante (1,4 quilos de refugallos ó día por persoa), case un 33% máis, de xeito que nos achegamos ós niveis europeos (1,5 quilos diarios por habitante).
Para paliar esta situación creouse unha armazón legal esixente. E aínda que a lista de normas elaboradas polas distintas administracións (europea, estatal, autonómica e municipal) en materia de residuos é ampla, cómpre destacar a Lei 11/97 de envases e residuos de envases, a Lei 10/98 de residuos e mais o Plan nacional de residuos urbanos (PNRU), aplicable entre os anos 2000 e 2006. Segundo o Plan, para finais do 2006 haberá que compostar (descomposición bioquímica en quente de residuos orgánicos) a metade da materia orgánica e reciclar o 75% do papel, do cartón e do vidro, entre outros obxectivos.
CONSUMER EROSKI estudou os sistemas de recollida e xestión dos residuos urbanos en 17 cidades: Alacante, A Coruña, Barcelona, Bilbao, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. Aínda que Murcia tamén figuraba na lista, a actitude da empresa concesionaria do servizo e do propio Concello (negáronse a facilitar os datos requiridos) fixo imposible que Murcia figure no estudo.
A un ano vista do final da aplicación do Plan nacional sobre residuos urbanos, a situación está lonxe de ser óptima. Cada vez xeramos máis residuos: a media das 17 cidades é de case 1,3 quilos de lixo ó día por habitante, aínda que en Barcelona chegan ata os 1,52 quilos e en Valladolid quedan en 1,03 quilos. As diferenzas danse tamén nas infraestruturas para a recollida selectiva de residuos. Pamplona e Córdoba destacan pola súa ampla dotación de colectores (moi por riba dos mínimos esixidos polo Plan nacional para finais do 2006), mentres que Barcelona, Zaragoza e Madrid son as peor equipadas e teñen moito que mellorar.
Chama tamén a atención que os concellos da metade das cidades afirmen non dispor de datos abondos sobre a cantidade de refugallos que reciclan, polo que o cidadán se pode preguntar se o seu esforzo en separar os distintos tipos de lixo serve para algo. Nos sistemas de recollida hai diferenzas: en case todas as cidades se utilizan colectores, aínda que a miúdo se conta cun recurso complementario: recollida pneumática, a realizada porta a porta…
A modalidade de cobro da taxa que deben pagar os cidadáns polo lixo amosa diferenzas tan importantes entre unhas e outras cidades que dificultan a comparación: nas máis delas cóbrase ó ano (agás en Sevilla e Granada, que o fan ó mes), nunhas a cantidade é fixa e noutras variable, e, no tocante ós criterios aplicados para o cobro, son tan dispares (a categoría fiscal da rúa, o consumo de auga, o tamaño da vivenda….) coma a factura final: desde entre un mínimo de 1,79 euros ó mes de Sevilla (equivale a pouco máis de 21 euros anuais) ata os 148 euros que como máximo cobran ó ano en Bilbao.
Os habitantes das 17 cidades xeran, de media, case 1,3 quilos de refugallos ó día por habitante. En Barcelona, Bilbao, Granada, Alacante e Córdoba cada habitante produce máis de 500 quilos de lixo ó ano, mentres que en Vitoria e Valladolid non chega ós 400 quilos anuais.
Infraestruturas
Aínda que de media corresponde nas 17 cidades un colector de vidro para cada 500 persoas (o mínimo esixido pola normativa de finais do 2006), en Pamplona teñen case dous (1,93), mentres que en Barcelona (0,73), Madrid (0,77) e Zaragoza (0,85) é onde máis se afastan do que fixa a norma. Esta desigualdade mantense co papel-cartón. A media do estudo é de un colector específico para este material por cada 500 habitantes, pero en Pamplona hai máis de 3, mentres que en Barcelona (con 0,72), Zaragoza (0,79) e Madrid (0,80) quedan lonxe do mínimo esixido. Algo semellante acontece cos colectores para envases: de media hai case un colector e medio por cada 500 habitantes, a mellor dotación dentro dos distintos tipos de residuos, pero na Coruña dispoñen de 9 (trátase de colectores que recollen residuos inorgánicos, incluídos envases que despois se separan para seren reciclados), e en Barcelona, Alacante, Valencia, Vitoria e Málaga teñen menos de un. No tocante ós puntos limpos, ecoparques, deixalleries ou garbigunes (instalacións de recollida selectiva ás que os cidadáns poden acudir para depositaren refugallos para os que non existe colector urbano específico), en Valencia non hai ningún, mentres que en Barcelona hai 16 fixos e 4 móbiles, o que podería explicar o menor número de colectores nas rúas da cidade.
Pero, que proporción do lixo recollido nas nosas cidades se recicla? O que máis chama a atención é que a maioría dos concellos non dispoñen dese dato ou prefiren non facilitalo. Así, desde os consistorios de Alacante, Barcelona, Córdoba, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Sevilla e Valladolid indicóuselle a CONSUMER EROSKI que carecían de calquera dato sobre a cantidade de residuos recollidos que se acaban reciclando. Outro aspecto salientable é a diferenza ostensible na proporción de vidro, papel-cartón, envases e pilas que din reciclar as diversas cidades. En San Sebastián recupérase o 58% do vidro, moi por riba do 33% de Valencia. Diferenzas semellantes danse co papel-cartón (en Pamplona recíclase o 48% do recollido, en Valencia só o 20%) e cos envases (o 38% do recollido en Pamplona fronte ó 10% de Valencia). No tocante ás pilas, só Bilbao e Pamplona coñecen a proporción das recollidas en cada urbe que acaban sendo recicladas: o 12% en Bilbao e o 79% en Pamplona. O resto de cidades non dispón dese dato ou non o facilitan.
As tarifas
Danse diferenzas importantes, tanto nos criterios para calcular as tarifas coma nas cantidades que finalmente se cobran. Na maioría dos concellos cóbrase anualmente e, en xeral, o importe é variable (agás en San Sebastián e Oviedo, onde custa a cantidade fixa de 57 e 60 euros, respectivamente). No resto, as oscilacións son case sempre notables: en Logroño custa entre 17 e 109 euros, en Bilbao entre 36 e 148 euros e en Córdoba entre 36 e 126 euros, mentres que na Coruña cobran entre 52 e 59 euros e en Alacante entre 19 e 47 euros. Granada e Sevilla son a excepción: cobran ó mes, e non ó ano: Sevilla, entre 1,79 e 21,73 euros, e Granada, unha cantidade fixa (entre 6,1 e 9,2 euros) máis outra variable (segundo o consumo de auga en ambas as dúas cidades).
A categoría fiscal da rúa é un criterio moi empregado para calcular o recibo do lixo (así se fai na Coruña, Bilbao, Córdoba, Logroño e Zaragoza), aínda que noutras cidades se combinan varios. En Alacante tamén se ten en conta o tamaño da vivenda, e en Granada, amais da categoría fiscal da rúa, considérase tamén o consumo de auga. Sorprende que en Madrid e en Málaga non haxa taxa específica para este concepto, que en Sevilla dependa só da cantidade de auga consumida e en Barcelona do número de puntos de subministración de auga de cada vivenda. En Valencia e en Valladolid inclúese no IBI, e en Pamplona depende do valor catastral da vivenda (a media nesta cidade é de 56 euros ó ano).
Como é a bolsa do lixo?
Os residuos de cartón e papel constitúen de media nas 17 cidades o 10,5% da bolsa, aínda que tamén hai diferenzas: en Oviedo, Valencia, Pamplona e Sevilla a proporción é superior ou próxima ó 20%, mentres que en Alacante, Madrid, Valladolid, Zaragoza, Córdoba, Málaga e A Coruña non chega ó 5,5%.
O vidro e mais os envases supoñen menos dun 4% do total de residuos, e entre as diversas cidades as proporcións son máis similares ca nos doutros tipos de residuos. En vidro, as maiores proporcións de recollida danse en Pamplona e Valencia (preto do 8%), mentres que en Málaga representan menos do 1%. No tocante ós envases e residuos de envases, en Oviedo e en Valencia representan preto do 12% do total de residuos recollidos, e en Alacante e Málaga menos do 1%. Unhas diferenzas, así e todo, e ó igual ca cos outros materiais, dificilmente comprensibles.
Sistemas de recollida: máis ca outra cousa, colectores
Os modelos de recollida do lixo domiciliario son semellantes nas diversas cidades. Case todas empregan colectores situados nas rúas para que se deposite neles o lixo, agás en Oviedo (cun sistema propio de recollida selectiva nos portais das vivendas) e en Vitoria. Así e todo, moitas cidades usan, amais dos clásicos colectores, outros métodos para recolleren os residuos urbanos. Nalgunhas rúas de Barcelona, Bilbao, Vitoria e Sevilla utilízase a recollida pneumática (caixas nas que os cidadáns depositan os seus refugallos, que son aspirados e conducidos vía subterránea ata un centro onde se almacenan e logo se recollen) e en Vitoria, San Sebastián, Granada, Málaga e Madrid emprégase tamén a recollida de residuos en puntos sinalizados na beirarrúa ou calzada das rúas do concello.
Nos días de recollida do lixo hai poucas cousas en común: na Coruña, Barcelona, Logroño, Málaga, Oviedo, Sevilla e Valencia o lixo recóllese todos os días do ano; en Vitoria e Bilbao non se recolle os sábados á noite; en Granada os domingos non hai recollida, e en Vitoria e mais en Valladolid non se recolle o lixo as vésperas dos días festivos. Amais do devandito, en Alacante, Bilbao, Córdoba, Granada, Madrid, Pamplona, San Sebastián, Valladolid e Zaragoza non hai servizo os días de Nadal e Ano Novo.
Recollida selectiva nas cidades
A maioría das cidades instalou colectores específicos para facilitar a recollida selectiva dos refugallos urbanos, aínda que polo de agora nalgunhas non se alcanzou a cifra requirida polo Plan nacional para finais do 2006, que esixe a colocación dun colector para cada tipo de residuos (papel-cartón, vidro e envases) por cada 500 habitantes.
Só en Pamplona e a súa Mancomunidade, San Sebastián, Córdoba e Sevilla contan coa dotación adecuada. O resto de concellos deberá aumentala durante o ano entrante 2006 para cumprir a normativa vixente. A mellor dotación, con ampla diferenza sobre as demais, é a de Pamplona e os concellos da súa comarca mancomunada, onde contan con preto de dous colectores para vidro por cada 500 persoas, tres para o papel e o cartón e cinco para os envases.
Por tipos de colector, a maior dotación dáse entre os destinados á recollida selectiva de envases (a media do estudo é de un colector por cada 367 habitantes), mentres que para a recollida selectiva de papel-cartón e vidro é moito menor (rozan case os 500 habitantes por colector, é dicir, moi preto da esixencia mínima da normativa).
Os refugallos domésticos perigosos (produtos de pintura, aerosois, produtos de automóbil, etc.) ou especialmente voluminosos (electrodomésticos, mobles, etc.) débense levar a un punto limpo. Destaca que unha cidade como Valencia (a terceira máis grande do país) non conte con ningunha instalación, fixa ou móbil, destinada ós residuos domésticos voluminosos, especiais ou perigosos. Pola contra, en Barcelona contan con 20 instalacións (16 fixas e 4 móbiles), en Madrid con 18 (13 fixas e 5 móbiles) e en Bilbao con 10 (4 fixas e 6 móbiles). Tamén contan cunha boa dotación cidades como Alacante, Pamplona, San Sebastián e Vitoria, xa que todas elas contan tanto con puntos limpos coma móbiles.
Como colaborar na recollida e reciclaxe do lixo
- Empregue caldeiros do lixo divididos en distintos compartimentos para botar en distintas bolsas cada tipo de refugallo.
- Colabore coa recollida selectiva da súa cidade ou zona de residencia.
- Algúns envases pódense comprimir moito: aplane os tetra-brick, comprima as botellas de plástico e as latas de aluminio. Deste xeito ocuparán menos espazo.
- Garde á parte e ordenadamente os residuos de papel e cartón e de vidro.
- Deposite o lixo en bolsas ben pechadas co fin de que non se esparexan refugallos e non escorran líquidos.
- Rompa e esmague as caixas e obxectos grandes antes de os introducir no colector: ocuparán menos espazo. Peche ben o colector cando acabe de utilizalo para que non cheire mal fóra.
- Non deposite nos colectores substancias quentes ou que estean ardendo, xa que, amais de que se pode queimar o recipiente, poden arder os produtos que están dentro e que polo xeral producen gases tóxicos.
- En caso de que na súa localidade haxa recollida de voluminosos, infórmese sobre que días se realiza a recollida ou avise ós servizos de limpeza do concello para evitar que os residuos permanezan na vía pública demasiado tempo.
- Á hora de decidirse entre produtos semellantes, elixa o que teña menos envase e embalaxe. En bebidas e líquidos opte por envases grandes e, cando sexa posible, de vidro, e, se é retornable, mellor. Lembre que, por regra xeral, os envoltorios de papel e cartón e os envases de vidro son os menos daniños para o medio natural.
- Para realizar a compra empregue unha bolsa de lona ou malla. Se pode, reutilice as bolsas que lle dan na tenda.