As dores de costas tamén son cousa de nenos
O curso escolar xa comezou e, con el, tamén o risco de que os estudantes padezan dores de costas, debido, entre outros factores, ó transporte dun peso excesivo en carteiras e mochilas, a posturas incorrectas ou ó sedentarismo. Na actualidade, case o 42% dos nenos menores de 11 anos sofre dores de costas. Esta cifra increméntase, ata o 51% nos nenos e ata o 69% nas nenas, entre os 13 e 15 anos. Mochilas menos pesadas, deportes e exercicios que fortalezan a musculatura das costas e unha postura correcta cando estean sentados son algúns dos hábitos que hai que fomentar para manter sas as costas dos máis cativos.
Mochilas: como utilizalas
- Un dos factores que potencian que o peso da mochila produza un risco físico nos escolares é o tempo que cargan con ese peso. Canto máis tempo transcorra, maiores serán as doenzas.
/imgs/20051101/mochila.jpg - O máis aconsellable para transportar o material escolar é utilizar unha mochila con rodas e de altura regulable ou, como segunda opción, unha mochila cómoda, de tirantes anchos e acolchados, de xeito que o peso quede próximo ó corpo e repartido entre os dous ombreiros.
- Se a súa elección é unha mochila con rodas, decídase por un deseño que lle permita axustala á altura do seu fillo ou filla e arrastrala cómoda e ergonomicamente.
- Se se prefire unha mochila de asas, o seu tamaño non debe ser superior ó do torso do neno ou nena, e convén que teña un cinto acolchado á altura do abdome ou do peito para axudar a distribuír o peso entre máis grupos musculares do corpo, amais de múltiples compartimentos para repartir o peso dos distintos obxectos.
- Procure que leve a mochila pegada ó corpo e relativamente baixa (na zona lumbar ou entre as cadeiras, xusto por riba das nádegas).
- Ensíneo a empregar unha técnica axeitada para erguer a carga. Debe dobrar os xeonllos e facer a forza coas pernas cando alce unha carga pesada.
- Ordénelle a mochila, instalando os elementos máis pesados preto das costas, e manténdoa permanentemente ordenada, con cada cousa no seu lugar.
- Procure que transporte o menor peso posible.
Evitar malos costumes
- Non se debe utilizar a mochila como unha carteira de man ou como unha bandoleira. Se só se usa unha asa, prodúcese a asimetría na carga e flexiónase lateralmente a columna.
- Se as asas son estreitas e se chantan nos ombreiros poden interferir coa circulación sanguínea e o sistema nervioso.
- Evite que carguen con máis do 10% do seu propio peso. A carga debe permitirlles camiñar ergueitos, sen se apoiaren nin abanearen.
- Se a mochila é moi pesada, arquearán cara a diante a columna vertebral, ou flexionarán cara a diante a cabeza e o tronco para compensar o peso.
- Evite que transporten nun só día todo o peso da semana: libros, cadernos, roupa de deporte…
Sentarse adecuadamente
- Na clase ou ó faceren os deberes na casa, deben sentar o máis atrás posible na cadeira. A postura é correcta se poden apoiar os pés no chan e manter os xeonllos ó mesmo nivel ou por riba das cadeiras.
/imgs/20051101/sentada.jpg - Deben manter as costas dereitas e os brazos ou cóbados apoiados.
- Convén que cambien a miúdo de postura e que procuren erguerse e andar cada 45-60 minutos.
- Os xiros parciais débense evitar, é preferible virar todo o corpo á vez.
- Hai que lles explicar que se o mobiliario escolar lles impide sentar correctamente, deben dicirllo ó mestre.
- A falta de forza na musculatura dos nenos e nenas provoca que o seu cansazo se produza antes e, con el, tamén a dor.
- Procure que practiquen exercicio regularmente para potenciar a musculatura das súas costas. Diversos estudos demostran que reduce a súa fatiga e que mellora a súa resistencia, o que lle permite afrontar mellor o transporte dunha carga excesiva.
- Anímeos a participar en actividades atléticas e ximnásticas, pero sen abusaren delas.
- Se ó seu fillo ou filla lle doen as costas, non dubide en consultar o médico. Canto antes se tomen as medidas necesarias, mellor.
/imgs/20051101/ordenador.jpg A pantalla debe estar a uns 45 centímetros de distancia, fronte ós ollos, e á súa altura ou lixeiramente por baixo.- O teclado debe estar baixo, para non erguer os ombreiros e para poder apoiar os antebrazos na mesa.
- A elevación do teclado sobre a mesa non debe superar os 25º.
- Os pulsos e os antebrazos deben estar dereitos e aliñados co teclado, co cóbado flexionado uns 90º.
- Se usa prolongadamente o rato, debe alternar cada certo tempo a man coa que o manexa.
- De ser posible, a iluminación debe ser natural e, en todo caso, cómpre evitar os reflexos na pantalla.