GNU-Linux

Programas libres para o ordenador

Linux é unha alternativa libre e gratuíta ós sistemas operativos predominantes como Windows ou MacOS
1 Abril de 2002

Programas libres para o ordenador

“Estou traballando nunha versión libre dun sistema operativo semellante a Minix”. Esta mensaxe enviada a un foro de Internet o 5 de outubro de 1991 por un estudiante finés -Linus Torvalds- prendeu a muxica. Once anos despois, ducias de milleiros de persoas traballan desinteresadamente en todo o mundo arredor do que alí naceu: Linux.

Pero, ¿que é Linux? É a punta do iceberg dun movemento altruísta que altera o xeito en que se crean os programas. A busca do beneficio económico queda relegada polo desexo de proporcionarlle algo útil á comunidade.

Linux é o núcleo dun sistema operativo, é dicir, a nai de tódolos programas. É a aplicación que dirixe o resto, como fan Windows nos PCs ou MacOS nos Macintosh. Pero Linux é libre. Calquera pode copialo, regalalo, distribuílo ou melloralo e ata vendelo, pero sempre coas tripas ó aire para que outros tamén poidan copialo, regalalo, distribuílo ou melloralo. Por iso moitos cren que Linux é gratis, cando o termo correcto é libre. Os programas comerciais véndense selados e o usuario, máis alá da boa fe, non ten ningún medio para comprobar qué fará realmente o programa unha vez instalado.

O código á vista

Linux, e tódolos programas que se crearon seguindo a filosofía do software libre, ten o código fonte (as entrañas) á vista, para que calquera poida comproba-los seus alicerces e, se lle gustan, usalos en todo ou en parte para construír outras aplicacións. Deste xeito, evítase reinventar permanentemente a roda, como acontece coas aplicacións ó uso onde os programadores deben sempre comeza-las súas creacións de cero.

Por ese motivo Linux é un sistema operativo que medra día a día coa achega desinteresada de usuarios de todo o mundo que atoparon en Internet a vía perfecta para traballar en equipo, malia ós milleiros de quilómetros e os fusos horarios que os separan. ¿Por que o fan? A maioría deles polo simple pracer de crear algo útil. É o mesmo espírito que axudou a crear unha Internet aberta e libre-pensante partindo dunha Rede militar que se abría timidamente á comunidade universitaria. Ademais, hoxe por hoxe Linux é, segundo os expertos, a única alternativa sólida á posición hexemónica que o Windows de Microsoft mantén na inmensa maioría de ordenadores persoais.

Pero, Linux, malia a se-la marca máis coñecida do software libre, é só o corazón do sistema. Ó seu redor creáronse moitos outros programas perfectamente equiparables ós de pagamento. Uns exemplos: Abiword é un procesador de textos coma Word, XMMS reproduce música coma Microsoft Media Player, Gimp retoca fotografías coma Photoshop e Evolution é o equivalente a Outlook.

Para a xente común

Durante anos, Linux e os programas que o arrodeaban foron un gueto para gurús da informática. Resultaban complicados de usar e requirían uns coñecementos das entrañas do ordenador que só estaban ó alcance duns poucos. Sen embargo, as cousas están cambiando. Traballar con Linux pode ser tan sinxelo como facelo en Windows ou en Macintosh. Hai anos, o “faino ti mesmo” era a única opción: o usuario debía instala-lo núcleo e tódolos programas necesarios un a un nun labor complicado e tedioso. Para simplificar este proceso, varias empresas crearon o que se coñece como distribucións, como Mandrake ou Red Hat, que empaquetan o núcleo xunto a unha completa serie de aplicacións que se instalan dunha maneira sinxela e máis ou menos automática.

Estas distribucións están á venda, pero poden copiarse libremente. Moitos usuarios deciden mercalas para aforraren deste xeito as molestias de descargar varios CDs de datos de Internet (algo que pode ser exasperante se non se ten unha boa conexión) e ter así os manuais impresos. Ademais, é unha maneira de apoiar un movemento no que cren.

Onde máis se estendeu Linux é nos servidores que ofrecen páxinas web, onde un programa que funciona baixo esta filosofía, Apache, é líder por riba de tódalas alternativas comerciais. Polo demais, hai sistemas Linux en teléfonos móbiles, ordenadores de man e mesmo reloxos. E é que unha das súas maiores virtudes é a modularidade. En cada dispositivo funciona adaptándose para espremer ó máximo o seu potencial. Por iso pode funcionar desde nun vello 386 (o primeiro ordenador para o que foi creado), nun ultimísimo Pentium IV ou nun colosal servidor de varios gigabytes de memoria RAM.

A batalla do escritorio

Linux foi durante anos un sistema operativo que só se podía manexar con ordes textuais. É dicir, o rato non funcionaba e na pantalla non había iconas sobre as que facer clic. Era semellante ó vetusto MS-DOS que precedeu nos ordenadores domésticos ó colorido Windows.

Pero iso xa cambiou. Aínda que os usuarios profesionais poden continuar coa consola (isto é, a introducción de ordes textuais á antiga usanza: un sistema máis complicado pero tamén máis preciso), os usuarios domésticos teñen á súa elección varios contornos de gráficos (escritorios) que elevaron a aparencia de Linux, polo menos ata o nivel da competencia.

Os escritorios máis famosos en Linux son KDE e Gnome, que imitan os sistemas clásicos (o de Macintosh e o de Windows) incorporando novas funcionalidades. Pero non son os únicos: Icewm, por exemplo, consegue un contorno agradable cun uso irrisorio de recursos e Enlightenment incorpora un escenario futurista moi personalizable que incorpora maneiras de interactuar coa máquina inéditas no resto de sistemas. Unha delicia para a quen lle gusta probar cousas novas.

Usenet
www.google.com/googlegroups/archive_announce_20.html

Google reuniu 20 anos de Usenet, é dicir, a colección de foros de debate máis numerosa e antiga da Rede, nun servicio que permite escaravellar na arqueoloxía das comunicacións telemáticas. Inclúe unha relación coas mensaxes que fixeron historia: desde a primeira discusión sobre a SIDA ata o atentado ó World Trade Center.

Carne Fresca
www.freshmeat.com


En Freshmeat aglutínanse case tódolos proxectos de software libre: desde os mastodónticos que contan co apoio de empresas ata os máis modestos que son obras de programadores anónimos e solitarios. Desde as súas páxinas pódense descargar todos estes programas ou informarse de cómo colaborar con eles.

Proxecto Lucas
lucas.hispalinux.es


Lucas é a maior biblioteca en español de documentación sobre software libre. Os textos están moi ben explicados, e permítenlle a calquera usuario (novel ou experimentado) espreme-lo potencial de Linux e dos programas adxacentes cun pouco de paciencia e gañas de aprender.