Garantía internacional de respecto ós bosques
Aproximadamente o 28% da superficie emerxida do noso planeta cóbrena os bosques. As dúas terceiras partes desa extensión forestal sométense á obtención de madeira para a súa venda, polo que sobre esa superficie recae a ameaza dunha xestión inapropiada ou unha explotación abusiva e mesmo ilegal -especialmente en madeiras tropicais-. Conscientes da urxente necesidade de protexe-las fragas, 25 países ratificaron en 1996 os principios que protexerían o desenvolvemento sostible do sector da madeira. Naceu así o Consello de Administración Forestal (o FSC). Aínda que é de cumprimento voluntario, a certificación forestal triunfou no mercado, segundo recolle un recente estudio encargado polo Banco Mundial, que conclúe que “as empresas que poden demostrar un manexo responsable xeran vantaxes competitivas”. O consumidor é cada vez máis consciente de que, sen resultar significativamente máis caros, os productos acompañados do logotipo da árbore respectan o medio natural e de que a orixe da súa madeira é xusta. Ó mesmo tempo, a FSC intenta evitar confusións xeradas por empresas que promoven os seus productos con frases como “por cada árbore cortada plántanse dúas”: é ben sabido que de 80 afirmacións deste tipo, só tres poderían sustentarse.
FSC, marca rexistrada
A etiqueta ou marca rexistrada do FSC permite identificar claramente a orixe dun producto, garantindo a súa calidade e o bo manexo que tivo no proceso de producción. Ademais, incentiva a conciencia ambiental sobre o sostemento e preservación dos recursos naturais, neste caso, as fragas. O Consello desenvolve rigorosos procedementos de vixilancia e acredita as axencias certificadoras a nivel mundial que, pola súa vez, certifican todo tipo de bosques e plantacións mediante persoal técnico especializado. As empresas que aspiran a posuí-lo Certificado sométense a dez principios, o Decálogo Verde, que comprende bosques tropicais, temperados, boreais e plantacións forestais. Dentro do Decálogo destaca a relevancia dos dereitos dos pobos indíxenas a posuír, usar e organiza-las súas terras, territorios e recursos. Inclúe tamén a obrigatoriedade de manter ou eleva-lo benestar social e económico dos traballadores forestais e das comunidades locais, e a ter en conta os beneficios da propia fraga para asegura-la viabilidade económica. En definitiva, minimízase o impacto ambiental, entendendo que todo desenvolvemento forestal debe conserva-la diversidade biolóxica e os seus valores asociados, recursos de auga, solos e ecosistemas fráxiles e únicos, amais de paisaxes. Para rematar, obrígase a mante-los bosques naturais, é dicir, non talar bosques primarios nin secundarios ben desenvolvidos ou os lugares de grande importancia ambiental, social ou cultural. As plantacións, únicas xeradoras lexítimas de madeira, deben proporcionar beneficios sociais e económicos, ó tempo que reducen a presión sobre os bosques naturais e promoven a súa restauración e conservación.
Certificación voluntaria
Aínda que a FSC non é unha imposición oficial ou barreira arancelaria, cada día máis países e empresas se ven na necesidade de aceptala por esixencia de clientes e consumidores, que prefiren adquirir artigos coa garantía de que proceden de bosques xestionados de maneira axeitada. Así, ata chegar ó mercado, cumpríronse as dúas liñas marcadas polo Consello: a certificación de bosques (comprobando aspectos coma o sistema de manexo e a súa implantación seguindo un conxunto de estándares nacionais e internacionais convidos) e a chamada Cadea de Custodia, proceso polo que se verifica a fonte dun producto. Vén sendo o percorrido que segue a madeira desde o bosque e a través de tódolos pasos do proceso de producción ata a súa chegada ó usuario final. Só cando este seguimento se verificou de maneira independente o producto pode leva-la marca rexistrada FSC.
A árbore, o logo ecoloxista
Ós consumidores resúltanos moi doado recoñece-la madeira ou producto orixinado certificado: está sinalada cun logotipo, un trazo que simula unha pequena árbore sobre as siglas FSC. Este selo pode aparecer impreso no producto, marcado sobre o material ou en etiquetas pegadas ó producto, pero sempre terá que levar un número de rexistro que establece a procedencia do producto. O logo do FSC é na actualidade o garante máis fidedigno de que a xestión das explotacións forestais e a súa transformación foron realizadas conforme a criterios claros e probables de sostibilidade.
Actitudes do consumidor que promoven o selo
En poucas ocasións pode o consumidor exercer unha postura máis activa para promover actitudes ecoloxistas e sostibles, máis aínda cando o mercado se somete ás súas preferencias. Sinxelas esixencias acadaron, e así o confirma o Banco Mundial, que por unha vez resulte rendible investir en ecoloxía. Sinxelos requirimentos coma estes:
- Busque o selo FSC nos productos de madeira e nos seus derivados (mobles, parqués, tarimas).
- Se non o atopa, faga unha recomendación na caixa de suxestións do comercio.
- Antes de mercar un producto de madeira, infórmese sobre o país de orixe e a xestión forestal que alí se realiza.
- Ó adquirir productos de madeira (sobre todo tropical, tan de moda agora), pídalle sempre ó comerciante unha garantía da legalidade da madeira extraída.
- Amais de solicitar madeira FSC, premie coa súa elección mobles e outros derivados que procedan da transformación de madeira de bosques españois onde a xestión forestal sexa correcta.
- Informe ás persoas do seu contorno sobre a problemática dos bosques e a importancia do consumo de productos FSC.
Segundo os datos da ONG ecoloxista Adena, no noso país cada vez hai máis madeira, pero menos fragas. No Segundo Inventario Forestal Nacional realizado entre 1986 e 1996 contabilizouse unha superficie arborada de 10.625.698 hectáreas, aínda que máis da metade dos bosques ten unha densidade de árbores deficiente. Só entre o 10 e o 15% da superficie forestal pode considerarse bosque denso, nin un 3% da superficie xeográfica española. Hai 105 especies diferentes de árbores autóctonas, pero só 80 especies chegan a formar bosques propiamente ditos: bosques de abetos, aciñeiras, sobreiras, piñeiros, sabinas, olmos, salgueiros, etc. Moitas especies de fauna e flora están ligadas exclusivamente a algún destes tipos de bosque e a súa supervivencia depende da continuidade dos bosques. O negocio da madeira (incluído o sector do moble) move en España máis de 1.500 millóns de euros e dálles traballo a unhas 200 mil persoas.