¿Don natural ou producto do esforzo?
A memoria é unha das facultades superiores do ser humano. Así se considera desde tempos inmemoriais, porque lembra-lo acontecido e conservar este compendio de saberes para o seu posterior uso foi case desde sempre un reto para a humanidade. En realidade, somos, en boa parte, herdanza do que os nosos devanceiros foron. E en moitas decisións que adoptamos, consciente ou inconscientemente, empregámo-la nosa memoria, é dicir, o que pensamos, fixemos ou vivimos con anterioridade.
Un individuo sen memoria é un ser á deriva, con grave risco de inadaptación social e illamento. Non lembrar, ou facelo só en moi escasa medida, constitúe un problema, especialmente para quen desexa ou precisa aprender cousas novas. Por outra banda, a falta de memoria recente, do acontecido hai pouco tempo, é un sinal de alarma que provoca preocupación nas persoas maiores.
De tódolos xeitos, a memoria como ben absoluto foi tamén cuestionada, e mesmo se dixo dela que é “a intelixencia dos parvos”. Probablemente este menosprezo estea vinculado a certos comportamentos e métodos de estudio baseados no almacenamento mecánico, case indiscriminado e baseado na repetición, de enormes cantidades de información, sen que a comprensión dos contidos mereza o valor estratéxico que representa entende-lo que se memoriza.
A memoria, ligada á intelixencia e convenientemente estimulada, resulta imprescindible na nosa vida de seres racionais que actúan tomando decisións nas que non só intervén o impulso ou a intuición senón tamén a capacidade de pensar, indisolublemente unida á de reflexionar traendo a colación as lembranzas, tanto as recentes coma as máis arredadas no tempo, precisamente mediante a memoria.
Posuír unha capacidade de memoria abonda devén, polo tanto, esencial para unha vida intelixente.
En dúas palabras, qué é a memoria
A memoria é a capacidade de reter e evoca-los estímulos que tras penetrar axeitadamente no noso cerebro atoparon un oco nel. É a permanencia de partes simbólicas do noso pasado no presente. A intelixencia é algo máis complexo, pero non pode entenderse sen a capacidade de memoria. Agora ben, unha persoa intelixente goza normalmente dunha boa memoria, pero tela non significa necesariamente ser máis intelixente ca un individuo desmemoriado.
Ó parecer, mesmo desde antes do nacemento algunhas sensacións grávanse no cerebro do neno. Durante os primeiros anos de vida a nosa memoria é de carácter sensitivo, grava fundamentalmente sensacións ou emocións. É máis tarde cando aparece a memoria das conductas: ensáianse movementos, repítense e vanse gravando ós poucos. Deste xeito, os nenos van retendo e aprendendo experiencias que permiten que progrese e se adapte ó medio. Para rematar, desenvólvese a memoria do coñecemento, ou capacidade de introducir datos, almacenalos correctamente e evocalos cando cumpra. Estas tres fases son esenciais e explican en boa parte algúns esquecementos e as claves para mellora-la memoria.
Introducción dos datos
É o momento en que os coñecementos, experiencias e acontecementos acceden ó noso cerebro. As circunstancias que arrodean este intre resultan fundamentais para o éxito ou fracaso da memoria. Son imprescindibles a atención e a concentración. Se nese momento conflúen elementos alleos ó que se desexa aprender ou memorizar (por exemplo, conversas, música ou televisión mentres se está estudiando) os datos non chegarán nin se almacenarán de maneira adecuada. Ou se a persoa está vivindo situacións emocionais difíciles, a súa atención estará noutro lado, a distracción vencerá e será difícil a recepción axeitada deses coñecementos ou rexistros. Por todo isto, debemos asegurar que a entrada dos datos sexa axeitada e mediante o máximo número de canles: vista e oído, principalmente, e se é o caso, tacto, olfacto…
O almacenamento da información
É o momento en que os datos introducidos se rexistran ordenadamente no cerebro. Isto require non só unha metodoloxía, tamén esixe estructuras intelectuais que lle axuden ó individuo a clasifica-los datos. Un exemplo: á hora de gardar roupa nun armario podemos clasificala previamente por tipos de prendas, para despois depositala nos correspondentes ocos. A diferencia farase patente cando busquémo-la roupa, porque unha orde coñecida por nós (somos quen a estableceu) rexe na localización de cada prenda.
Fase clave: a evocación
Á hora de lembrar, de extrae-la información gardada, se o almacenado se clasificou ben será máis doado de localizar e utilizar. Pero non todo é atención ó rexistrar e orde ó gardar: outros factores, como a idade, a saúde e as propias circunstancias vitais, interveñen decisivamente na memoria. A preocupación xorde cando aparecen os esquecementos, cando o alumno non é capaz de lembrar no exame o que leva varias semanas estudiando ou cando, xa vellos ou preto de selo, non lembramos ónde deixámo-las chaves, se pechámo-lo gas antes de saír da casa ou o nome daquela persoa que tanto nos chamou a atención cando a coñecemos hai un par de anos.
O porqué dos esquecementos
Os esquecementos poden sobrevir por interferencia, ó mestura-los datos na fase de rexistro, por déficit de atención nesa mesma etapa, por desuso (as lembranzas debilítanse cando non se utilizan), por desmotivación (hai cousas que o noso inconsciente prefire acantoar, non lembrar, porque nos causan sufrimento ou desacougo), e polo paso dos anos. Co discorrer do tempo algunhas facultades, entre elas a memoria, perden vigor: os vellos ven diminuí-la capacidade de lembrar cousas recentes aínda que poden aproveitar unha boa memoria remota. Os esquecementos, eses déficit non patolóxicos de memoria, revelan que non nos aplicamos á hora de rexistra-los datos ou, tamén, que co avellentamento a deterioración das facultades físicas e intelectuais acaba afectando a capacidade de lembrar. Pero ante os esquecementos non convén alarmarse, e, menos aínda, obsesionarse. Fagamos intentos, esforzos serios e metódicos, de extraer da nosa memoria outros datos relacionados, sequera indirectamente, co que desexamos lembrar. E se esta estratexia non funciona, o mellor é despreocuparse. Obsesionármonos só fará que se bloquee aínda máis a nosa memoria. O recordo virá por si só cando menos o agardemos e é daquela cando deberemos exercitar todo o que poidamos a nosa memoria. A amnesia, por outra banda, é un esquecemento grave que, relacionado a miúdo con acontecementos traumáticos (xa sexan físicos ou psicolóxicos), require tratamento médico.
Aínda que hai condicións físicas, aínda non coñecidas abondo, que facilitan a memoria, esta sempre se pode optimizar. Vexamos algunhas suxestións para mellorala:
- Procuremos que no intre de introduci-los datos, interveñan tódolos sentidos posibles: vista, oído, olfacto…
- Rodeémonos de circunstancias favorables e evitémo-las interferencias. Se conflúen estímulos doutra natureza, despistarán a atención que require memoriza-lo que desexamos lembrar.
- Aumentémo-la nosa capacidade de atención e concentración, escoitando en medio do silencio, resolvendo xogos visuais ou os exercicios de percepción de diferencias que aparecen nos xornais.
- Procuremos entender ben, relacionándoo con outros coñecementos, o que pretendemos memorizar.
- A imaxinación é a nosa capacidade de evocar imaxes. O cerebro retén mellor o que é imaxinable. Intentemos asociar con imaxes o que queremos aprender ou lembrar. Esas imaxes non deben ser forzosamente lóxicas, poden ser auténticos disparates que, polo contraste, se poden gravar mellor.
- Unha vez entendido o que se quere asimilar, repitámolo a fartar. A repetición crea o hábito, e a insistencia axuda a gravar mellor os conceptos.
- Comprobemos periodicamente a nosa capacidade de lembrar. De vez en cando, fagamos inventario do que estamos aprendendo e das nosas vivencias. Podemos autoavalia-la nosa memoria, é un exercicio divertido e moi recomendable.
- A medida que avanza a nosa idade, é conveniente estimula-la memoria recente -a memoria remota presenta menos problemas na nosa vida cotiá- mediante unha serie de actividades: segui-la actualidade lendo a cotío os xornais, facer de cando en vez un pequeno resumo escrito ou oral do que lemos ou escoitamos, ollar a miúdo o calendario para manter viva a orientación temporal, aprender de memoria letras de cancións ou versos de poemas, clasifica-las nosas fotografías, miralas e lembra-los momentos que reflicten, coleccionar obxectos, ordenalos e pasalo ben con eles cada certo tempo.
- Para rematar, un consello realmente útil: escribámo-las nosas memorias. De certo, sorprenderémonos do que somos capaces de lembrar.