Telefonía móbil

Coñece-los hábitos de uso, clave para elixi-lo plan máis axeitado

Pódense aforrar moitos cartos atinando co plan de chamadas que mellor se axusta a nós
1 Abril de 2002
Img tema de portada listado

Coñece-los hábitos de uso, clave para elixi-lo plan máis axeitado

Un total de 25 millóns de teléfonos móbiles e unhas ganancias globais de máis de 6.100 millóns de euros (datos do 2001) ilustran sobre un dos sectores económicos que máis beneficios xera no noso país: a telefonía móbil. Máis do 60% da poboación posúe xa un terminal de telefonía móbil, o que nos sitúa por riba da media europea e dentro dos países líderes neste servicio. Hai xa varios anos que o número de liñas móbiles superou en España o das liñas fixas e estímase que no ano 2010 o mercado do móbil europeo alcanzará os 175.000 millóns de euros, dos que o noso país representará unha cota do 10% (por detrás tan só de Alemaña, Reino Unido, Francia e Italia).

Polo de agora, catro empresas, MoviStar (16.793.000 clientes), Vodafone (7.732.148 clientes), Amena (5.300.000 clientes) e Euskaltel (400.000 clientes) repártense en España ese enorme pastel económico e atordan ós consumidores con complexos e inacabables plans de chamadas e tarifas, sempre máis vantaxosas cás da competencia. E aínda que ninguén discute xa a utilidade destes aparellos e a súa continua evolución tecnolóxica -cada vez son máis pequenos, completos e atraentes-, non se pode omiti-la problemática que causa o uso excesivo ou pouco axeitado destes dispositivos, moi especialmente os desgustos que sobreveñen no momento de aboa-la correspondente factura polo uso do móbil, ou cando a tarxeta prepagamento se esgota antes do agardado. Para descubrir cál é a operadora e, dentro delas, o plan de prezos que mellor se adapta ás necesidades de cada tipo de usuario (caracterizado pola hora e días en que efectúa a maioría das súas chamadas), CONSUMER analizou os 22 plans de prezos que ofrecen as catro compañías de telefonía móbil que operan no noso país.

A principal conclusión que se tira do informe é a enorme dificultade que supón para o consumidor comparar tarifas, e non só as dunha mesma compañía, senón as de distintas operadoras, xa que se presentan de xeito confuso e seguindo criterios moi dispares. Ademais, darse de alta (é dicir, asinar un contrato) non sempre equivale a beneficiarse de tarifas máis económicas, malia ó que prometen os operadores de telefonía móbil para captar clientes “de contrato”, aínda que a factura mensual permita facerse con máis información, e deste xeito controlar mellor o gasto.

Outra constatación é que os plans de prezos moi baratos nunha franxa horaria resultan esaxeradamente caros para o resto de horarios: por exemplo, dentro dun plan de prezos (Tarifa Lecer de Amena e Euskaltel), unha chamada dun minuto efectuada antes das catro da tarde custaba ata 0,70 euros máis ca a partir desa hora.

De todo o visto despréndese unha sinxela conclusión: compara-las tarifas e reflexionar sobre os nosos hábitos de consumo, probablemente nos conduza a cambiar de compañía ou a cambiar de plan de chamadas dentro da nosa actual compañía. Pero cambiar non sempre é sinxelo. Se o usuario desexa marchar a outra operadora, terá que solicita-la portabilidade do seu número de móbil (cambiar de operador conservando o número de teléfono) e que liberen a súa terminal (a maioría dos móbiles están bloqueados para que só poidan ser usados cunha operadora de telefonía).

Cómo se fixo o estudio

Estudiáronse catro supostos que representan, na opinión dos especialistas consultados por CONSUMER, os principais patróns (hábitos) de chamadas dos usuarios de teléfonos móbiles. Dentro de cada suposto estableceuse determinado número de chamadas, repartidas a diferentes horas e días da semana. Considerouse tamén que as chamadas se realizan indistintamente (sempre na mesma proporción) a móbiles da mesma compañía, a móbiles do resto de compañías e a teléfonos fixos, xa que en moitos plans de prezos as tarifas se ven condicionadas polo destino das chamadas. Non se tivo en conta o lugar de orixe nin de destino da chamada. E, no caso dos usuarios “de contrato”, estableceuse que o titular da liña o é desde hai máis dun ano. De seguido, calculouse cánto custarían as chamadas de cada suposto, seguindo os 22 plans de tarifas que en total ofrecen as catro empresas.

Os catro supostos:

  • 1. Chamadas principalmente polas mañás (de 8:00 a 13:00 horas).
  • 2. Chamadas principalmente polas tardes (de 16:00 a 21:00 horas).
  • 3. Chamadas a calquera hora (de 8:00 a 22:00 horas).
  • 4. Chamadas principalmente as fins de semana.

As tarifas máis baratas en cada franxa horaria

Para chamar principalmente polas mañás…

  • Se mantén certa regularidade no seu consumo e este é xeralmente duns 30, 40 ou 60 euros, convenlle o contrato Plan MoviStar Plus 30, 40 ou 60. Estes plans permiten facer chamadas a 0,17 euros, 0,16 euros e 0,15 euros por minuto (IVE incluído), respectivamente, ata alcanza-la tarifa contratada (30, 40 ou 60 euros). Pero se un mes o seu consumo non chega á tarifa contratada, esta seralle cobrada igualmente. As tarifas destes plans MoviStar son as máis baratas, pero só resultan convenientes para usuarios cun consumo moi regular e que se achegue a estas tres cifras.
  • Se o consumo é irregular ou inferior ás anteriores cantidades, o contrato Plan Mañá de Vodafone é o máis axeitado (0,10 euros minuto, IVE incluído), aínda que se a maior parte das chamadas matinais se realizan entre as 11 e as 13 horas, o máis económico é o contrato MoviStar Plus Elección Mañá (0,08 euros minuto, IVE incluído).
  • Outra boa opción: as tarxetas prepagamento Vodafone Única, MoviStar Activa 24 horas e MoviStar Activa Club, se non se superan as dez chamadas mensuais de 2 minutos de duración (aproximadamente).

Para chamar principalmente polas tardes…

  • As tarxetas prepagamento Tarifa Lecer de Amena-Euskaltel e Vodafone Tempo Libre son as máis convenientes (0,14 euros o minuto, IVE incluído). Pero as chamadas fóra das franxas horarias de tarifa reducida teñen un custo moi elevado.

Neste sentido, se o usuario chama principalmente polas tardes, pero realiza chamadas esporádicas fóra do horario vespertino, o máis conveniente é…

  • Se mantén regularidade no seu consumo mensual e este xeralmente se achega ós 30, 40 ou 60 euros, o Plan (contrato) MoviStar Plus 30, 40 ou 60. -Se, pola contra, o consumo mensual non é regular ou é xeralmente inferior ós 30 euros, o Plan Tarde (de contrato) de Vodafone é o máis axeitado, aínda que se a maior parte das chamadas se fan desde as 19 ata as 21 horas a opción máis económica é o (de contrato) MoviStar Plus Elección Tarde.
  • (As chamadas fóra do horario reducido nestes plans de contrato, aínda que caras, son un 35% e un 48% máis económicas cás tarxetas prepagamento Vodafone Tempo Libre e Tarifa Lecer de Amena-Euskaltel respectivamente).

Para quen non quere ataduras de horarios…

O contrato Plan MoviStar Plus Elección en calquera das súas dúas modalidades: Mañá e Tarde. Amais de ser máis económico có resto de plans sen franquía, no horario reducido aplícase a mesma tarifa (0,08 euros) independentemente de cál sexa o destino da chamada. É unha boa opción para quen prefire pagar un chisco máis e non estar mirando a qué horas chama.

Para chama-las fins de semana...
  • Para consumos regulares ou gastos de 30, 40 ou 60 euros, o Plan MoviStar Plus 30, 40 ou 60. Permiten chamadas a 0,17 euros, 0,16 euros e 0,15 euros por minuto (IVE incluído), respectivamente, ata alcanza-la tarifa contratada (30, 40 ou 60 euros). Pero se un mes o consumo non chega á tarifa contratada, esta seralle cobrada igualmente. As tarifas destes plans MoviStar son as máis baratas, pero só convenientes para usuarios cun consumo moi regular e que se achegue a esas tres cifras.
  • Para consumos non regulares ou menores ca esas cantidades: o Plan MoviStar Plus Elección (de contrato) nas súas dúas modalidades (Mañá e Tarde) cun custo por minuto de 0,08 euros, IVE incluído.

Outros servicios das compañías de telefonía móbil

En Amena, Vodafone e Euskaltel os usuarios de tarxetas prepagamento poden agruparse para que as chamadas e as mensaxes de texto (SMS) que envíen entre eles sexan sensiblemente máis económicas cás tarifas habituais. Os sistemas son diversos, pero, en definitiva, permiten a cambio do prezo de activación e sen un custo mensual, que as chamadas e as SMS entre os membros do grupo, que teñen como número máximo entre dous, cinco ou dez integrantes, sexan máis baratas. Nalgúns casos ofrécense servicios adicionais como o envío simultáneo de mensaxes a tódolos membros do grupo por un custo moito menor do que suporía face-los envíos un a un.

Os clientes de prepagamento de MoviStar non teñen un sistema para agruparse, pero existe un servicio (Números frecuentes) que, a cambio do prezo de activación, lle permite ó usuario chamar e enviar mensaxes de maneira máis barata a cinco números de teléfono. Este sistema, polo tanto, non obriga ó usuario a pórse de acordo coas persoas ás que desexa chamar máis a miúdo.

Portabilidade do número

É a posibilidade que ten o usuario para cambiar de compañía, mantendo o número do seu teléfono móbil.

¿Como se solicita a portabilidade do número de teléfono móbil?
O usuario tenlle que solicita-la portabilidade á compañía á que quere cambiar, e non á empresa da que é cliente. Para iso, ten que acudir a un distribuidor autorizado e solicitar que tramiten a portabilidade do seu número de móbil. Algúns datos que se solicitan para porta-lo número dunha compañía a outra: número/s que se queren portar, número de serie da tarxeta SIM (a que se atopa dentro do teléfono), DNI, e, no caso de tratarse dun aboado con contrato, os datos bancarios.

¿En canto tempo se efectúa a portabilidade?
Na actualidade, un prazo que varía entre mes e medio e dous meses.

Causas para denega-la portabilidade
O operador que o cliente desexa deixar pode denega-la portabilidade. As causas máis habituais son:

  • datos incompletos ou erróneos na solicitude;
  • numeración para a que xa se comezou outro proceso de portabilidade;
  • no contrato multiliña ou con tarxeta SIM múltiple; se o abonado quere portar un número dos que tiña pero non todos debe remata-lo contrato que tiña con tódolos números, e despois formalizar un novo contrato referente ó número que vai portar (todo isto co operador do que se vai dar de baixa) para poder así portar cunha numeración correcta.
  • causas xustificadas de forza maior;
  • suspensión e interrupción do servicio por impagamento.

Entrega da tarxeta SIM polo novo operador ó abonado
Se non se denega a portabilidade, o distribuidor autorizado do operador ó que se vai cambiar (onde se presentou a solicitude) porase en contacto co aboado para que recolla a nova tarxeta SIM coa que poderá chamar como aboado xa do novo operador.

Momento do cambio entre operadores
O novo operador manda unha mensaxe curta ou chama ó móbil do novo cliente comunicándolle o día e a hora en que se producirá o cambio entre operadores.

¿É gratuíta a portabilidade?
De acordo coa lexislación, as operadoras de telefonía móbil poden cobrar por tramita-la portabilidade. A tarifa dependerá do acordo entre o abonado e o operador ó que se queira porta-lo número, aínda que decote é un proceso gratuíto, xa que ás compañías interésalles captar clientes.

¿Hai que mante-lo tipo de servicio ó cambiar de operador?
Non, o abonado pode escoller libremente o tipo de servicio que prefire recibir, sexa de tarxeta prepagamento ou contrato, e acollerse a calquera plan, desconto ou oferta que ofreza o novo operador. O abonado portado é, para todo, un cliente máis do seu novo operador (operador receptor) agás en que este non lle asigna un novo número, xa que conserva o que lle asignou o seu operador orixinal (operador doante).

Modo de facturación

Amena e Euskaltel
O primeiro minuto cóbrase completo, despois tarifícase por segundos. Utilizan 6 decimais para a aplicación das súas tarifas.

Vodafone Cobran completo o primeiro minu
to e o resto en fraccións de 30 segundos (tanto para a modalidade de prepagamento coma contrato). Se a chamada dura 1 minuto e 40 segundos, aplicarase a tarifa correspondente a 2 minutos. A diferencia de operadoras como Amena e Euskaltel, Vodafone realiza o redondeo normal nas súas tarifas utilizando 2 decimais.

MoviStar
Na modalidade prepagamento esta compañía computa as chamadas en fraccións de 30 segundos, cobrando o primeiro minuto de conversa completo. En calquera contrato MoviStar, o primeiro minuto da chamada contabilízase completo; despois deste minuto factúrase o consumo por segundos. MoviStar realiza o redondeo do terceiro decimal á baixa sexa cal sexa este. Por exemplo, se a tarifa é 0, 188 euros, aplicarase unha tarifa de 0,18 euros.

Cómo libera-lo teléfono móbil

Cando un teléfono móbil se adquire por medio dunha compañía de telefonía, esta subvenciona o aparello e así o cliente evita pagar parte do prezo. Un teléfono móbil sen liña e sen vinculación a unha empresa de telefonía pode custar ata 10 veces máis. Pero optar por un aparello subvencionado comporta gravosas condicións, como a obriga de permanecer un ano coa compañía ou a imposibilidade de utiliza-lo terminal con outra operadora. Transcorrido este ano, tódalas operadoras -non sendo Euskaltel en ámbolos formatos e Vodafone na tarxeta prepagamento- permiten libera-lo terminal gratuitamente. E quen desexe facelo antes de 1 ano, aboará entre 120 e 150 euros (20.000-25.000 pesetas).

Amena
Nas tarxetas prepagamento, o requisito para que a liberalización sexa gratuíta é realizar 120 euros (20.000 pesetas) de recarga. Co contrato, é preciso que transcorra un ano desde que se adquire o terminal vinculado á liña; se non, pódese libera-lo móbil aboando 150,20 euros.

Para a liberalización do terminal cómpre pórse en contacto con atención ó cliente de Amena para comproba-los datos referentes á liña e ó terminal. E facilitar datos (marca do terminal, modelo e número IMEI).

MoviStar
Pasado un ano, o cliente con contrato pode solicitar que lle desbloqueen o terminal gratuitamente, ou antes dese tempo pagando a cantidade estipulada en contrato. No caso das tarxetas prepagamento, o requisito é realizar unha recarga de 120 euros para que a liberalización sexa gratuíta; se non, cumpriría aboar 150,25 euros (25.000 pesetas). O proceso é o seguinte: en primeiro lugar hai que pórse en contacto co servicio de atención ó cliente de MoviStar, para comproba-los datos referentes á liña e ó terminal. De seguido, cómpre enviar un escrito solicitando a liberalización do terminal. No momento no que o código estea en posesión de Telefónica Móbiles España, esta operadora ponse en contacto co cliente que solicitou a liberalización do terminal facilitándolle as instruccións para desbloquealo.

Vodafone
Non se pode libera-lo terminal de tarxeta prepagamento. En canto á modalidade de contrato, o requisito para a liberalización gratuíta é permanecer un ano con el; se non, habería que aboar 150,25 euros (25.000 pesetas). Nese momento cómpre pórse en contacto co persoal de Vodafone, e facilitárlle-la marca, modelo e o número IMEI do terminal (algo así como o DNI do móbil). Este número adoita estar nun adhesivo situado na parte posterior da batería, tamén se pode consultar mediante a inserción dun código. Nun prazo próximo ás dúas semanas informaranlle de cómo desbloquea-la súa terminal.

Euskaltel
Non ofrece esta posibilidade. O servicio de atención ó cliente de Euskaltel non lles explica ós seus clientes o motivo da súa negativa a liberaren os seus móbiles.

Mensaxes curtos a móbiles (SMS)

Tódalas operadoras cobran a mesma tarifa para as SMS: as mensaxes enviadas a móbiles de calquera operador nacional custan a calquera hora do día e calquera día da semana 0,15 euros, e se se mandan a terminais de operadores non españois, 0,60 euros (en ámbolos casos sen IVE). Se as mensaxes se envían desde o estranxeiro, o prezo dependerá do operador local seleccionado. Nos plans nos que chamar á mañá resulta cinco veces máis caro que facelo á tarde, recorrer ós SMS é unha opción interesante, aínda que debemos lembrar que en cada envío só se poden incluír entre 120 e 160 caracteres (algúns terminais permiten enviar varias mensaxes como se fose unha soa; agora ben, debe pagarse relixiosamente cada unha delas).

Pero, ollo, non sempre resulta máis económico mandar mensaxes que realizar unha chamada. Vexámolo con exemplos. No Plan Mañá de Vodafone, modalidade contrato, sae máis rendible enviar ata 3 mensaxes de texto pola mañá que falar durante un minuto, xa que sumando o prezo do establecemento de chamada (0,14 euros, IVE incluído) maila tarifa do minuto (0,44 euros, IVE incluído) o custo final é de 0,58 euros, mentres que as 3 mensaxes de texto custan 0,51 euros (IVE incluído). Na franxa horaria de tarifa reducida de 0,10 euros (IVE incluído) e considerando o custo do establecemento de chamada de 0,14 euros (IVE incluído), a chamada sae a 0,24 euros o primeiro minuto, mentres que escollendo a opción das mensaxes de texto practicamente só se pode enviar un, xa que o envío de 2 mensaxes supón xa 0,34 euros (IVE incluído).