Inflamación crónica do intestino, de orixe descoñecida
A enfermidade inflamatoria intestinal é un termo xeral que se lle aplica a unha serie de doenzas de causa descoñecida que afectan o tubo dixestivo, fundamentalmente divididas en dous grupos: a colite ulcerosa crónica e a enfermidade de Crohn, semellantes pero con algunha diferencia importante. A enfermidade de Crohn do intestino delgado denomínase tamén enterite rexional e localízase a miúdo na parte terminal do intestino delgado, no cacho que desemboca no intestino groso ou colon. Pero tamén pode localizarse no colon e daquela coñécese como enfermidade de Crohn do colon, con algúns síntomas distintos. A enfermidade de Crohn caracterízase por unha inflamación crónica dunha porción do intestino con síntomas coma dor abdominal, diarrea en ocasións sanguenta, adelgazamento, perda do apetito, febre, que se presentan por brotes e son dunha evolución crónica e imprevisible. Unha persoa que padece a enfermidade de Crohn pode levar unha vida útil e productiva, xa que os brotes se controlan bastante ben co tratamento e entre brote e brote se pode estar libre de síntomas.
¿É unha enfermidade frecuente?
Non se trata dunha enfermidade moi frecuente, pero tampouco moi rara: hai arredor de 70.000 afectados en España. O preocupante é que a súa incidencia aumentou entre a mocidade española. De feito, no XXVII Congreso da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva deuse a coñecer que o número de enfermos de Crohn se multiplicou por cinco nos últimos quince anos, e que se pasou dunha incidencia anual de 1-1,5 casos por cada cen mil habitantes a case 5,5 casos. Descoñécense as causas deste significativo incremento, pero parece que os cambios ambientais dos países industrializados -polución e contaminación- e os cambios na alimentación -a problemática dos aditivos alimentarios- non son alleos a este aumento. Cómpre non esquecermos que o intestino é o órgano con maior superficie do corpo de contacto co ambiente, xa que a través del é por onde penetran ó interior do organismo os elementos estraños ó mesmo. Algo semellante acontece cos pulmóns e tamén a incidencia do asma aumentou na nosa sociedade. A enfermidade de Crohn maniféstase a idades temperás, entre os 20 e os 30 anos, e mesmo antes, afecta por igual a ámbolos dous sexos e, curiosamente, dáse máis entre xudeus.
¿Como se manifesta o Crohn?
Os primeiros e máis frecuentes síntomas son dores abdominais, coma retorzóns, acompañadas moitas veces do desexo urxente de facer de ventre. Pouco despois ou ó mesmo tempo aparece a diarrea, e a miúdo preséntanse tamén dores nas articulacións, perda do apetito e de peso e febre. A intensidade e gravidade dos síntomas non é igual en tódolos afectados, hai cadros leves e máis graves. Nalgúns casos o proceso inflamatorio vai máis alá da estructura do intestino e aparecen as fístulas que se abren no perineo, nos arredores do ano, ou na parede abdominal. A enfermidade é crónica e evoluciona por brotes, con longos períodos asintomáticos ou con poucos síntomas, e épocas de agudización.
¿Hai un tratamento efectivo para a enfermidade?
O Crohn é controlable, pero non curable. Hai un importante arsenal farmacolóxico que consegue facer aturable a enfermidade aínda que non a sanda: salazopirina, aminosalicílico, corticoides, budesonida, azatiopirina e recentemente o infliximab ou antiTNF. Cada un ten as súas indicacións específicas e os seus efectos secundarios, polo que se deben administrar sempre baixo rigoroso control médico. En determinados casos pode ser precisa a cirurxía, como cando xorden hemorraxias, perforacións, fístulas ou estenose do intestino, complicacións que poden aparecer no curso da afección. Xeralmente, a cirurxía resulta precisa cando o tratamento farmacolóxico é incapaz de controla-los brotes ou cando hai complicacións. Neses casos o segmento de intestino danado extírpase e os dous extremos sans únense (resección e anastomose). Isto podería facer pensar que a enfermidade está eliminada, pero moitas veces a enfermidade de Crohn recidiva no lugar da anastomose (unión) ou moi preto del.
¿Pode a dieta mellora-la enfermidade?
En principio, esta enfermidade non mellora cun réxime alimentario severo ou restrictivo. Pola contra, cómpre non esquecermos que se unha boa nutrición devén fundamental en calquera enfermidade, neste caso éo máis, xa que o Crohn se caracteriza por falta de apetito, adelgazamento, diarrea, malabsorción… o que provoca déficit de nutrientes, vitaminas e minerais, que deben ser escrupulosamente substituídos. A dieta debe ser rica e variada e nos episodios de reagudización cómpre evita-las froitas, verduras e hortalizas frescas, debido a que o seu alto contido en fibra irrita o intestino. É mellor comer en pequenas cantidades varias veces ó día que facer tres grandes comidas. En ocasións pode ser preciso complementa-la dieta con vitaminas e minerais (ácido fólico, vitamina B12, vitamina D, calcio…), dependendo da intensidade e localización da afección, así como do tratamento que se recibe. Na actualidade estúdiase o efecto dos lactobacilos na inflamación intestinal e semella que a resposta é bastante boa. Tamén se está analizando a aplicación dunha dieta específica baseada en aceites vexetais procedentes da oliva e de graxas animais relacionadas co peixe azul; combinando estes ácidos graxos os resultados obtidos foron moi bos e, incluso, nalgúns casos conseguiuse controlar ben a enfermidade. Pero as lagoas que aínda hai arredor desta enfermidade aconsellan que se investigue máis fondamente.
Descoñécense as causas que propician a aparición desta enfermidade, pero tanto na colite ulcerosa coma na enfermidade de Crohn se invocaron unha serie de factores.
Infección. Culpouse da afección a diversos xermes, aínda que non se puido demostrar e non hai evidencias contundentes de que sexan os responsables.
Factores xenéticos, hereditarios. O feito de que esta enfermidade sexa máis frecuente en brancos, especialmente entre xudeus e en familias de orixe xudía, e que se dean varios casos nas mesmas familias fai moi atraente a teoría da transmisión xenética. Ademais, un estudio europeo determinou recentemente que un xene do cromosoma 16 está ligado á afección.
Factores inmunolóxicos. Os enfermos de Crohn e colite ulcerosa presentan a miúdo alteracións do seu sistema inmunitario, pero non hai evidencias de que esta sexa a causa da enfermidade, máis ben semella ser unha consecuencia dela.
Factores psicosomáticos. O estrés non aparece moi ligado á orixe da enfermidade, pero si á súa evolución e progresión: unha situación de estrés mantida empeora sensiblemente a evolución.