Non sobrecargalo e empregalo coa temperatura axeitada, as claves
O frigorífico é un electrodoméstico, de custo medio-alto, imprescindible no noso fogar e do que se agarda unha duración media de 10 anos. Aínda que non é o aparello do noso fogar que máis enerxía consome, sempre é conveniente axusta-la súa compra ás necesidades reais da persoa ou persoas que o empregarán -recoméndase unha neveira de 200 litros para unha parella e de entre 300 e 350 litros para unha familia de catro membros-.
Ademais, o emprazamento dos alimentos nos andeis do frigorífico non se debe realizar de calquera maneira: o aire debe circular por dentro para que a neveira cumpra a súa función de arrefriar.
Ó mercar un frigorífico…
- Repare no sistema tradicional de estrelas. Cada estrela equivale a -6 ºC e saberá cánto tempo se poden gardar en boas condicións os alimentos conxelados.
- Os equipos dunha soa estrela poden alcanzar -6 ºC na zona do evaporador, que é onde se xeran os cubos de xeo. Non conxelan alimentos, só serven para conservar durante 24 horas os que se mercan xa conxelados.
- Os de dúas estrelas alcanzan -12 ºC, abondo para conservar durante 2-3 días alimentos conxelados pero non para conxelar.
- Os de tres estrelas chegan ata os -18 ºC, temperatura idónea para conservar durante varios meses alimentos previamente conxelados.
- Para unha persoa é abondo un frigorífico cunha capacidade que oscile entre 100 e 150 litros. Unha parella precisa unha neveira de, polo menos, 200 litros.
- Para catro persoas, decídase por un aparello de entre 300 e 350 litros. A partir de 5 persoas faga un cálculo aproximado de 50 litros por cada unha. De tódolos xeitos, no mercado hai moi poucos frigoríficos de máis de 600 litros.
- Compare o consumo de enerxía entre diferentes equipos da mesma capacidade e escolla o de menor consumo. Repare nas etiquetas enerxéticas.
- Na casa, instale o seu equipo nun lugar ben ventilado e mantéñao arredado da luz solar, fornos e outras fontes xeradoras de calor.
Frigorífico
- Axuste os controis de temperatura á posición que lle permita acada-lo arrefriamento apropiado. Para a neveira a temperatura axeitada é 5 ºC.
- Evite encher en exceso o frigorífico para que o aire circule libremente entre os alimentos e se refrixeren rápida e eficazmente.
- Ábrao só o imprescindible. Colla o que desexa e pécheo axiña para evitar que perda frío. A temperatura interna da neveira sobe de 5 ºC a 10 ºC nunha apertura.
- Comprobe que as portas da súa neveira encaixan perfectamente. Se a goma da porta non pecha hermeticamente, cámbiea.
- Envolva ou garde os alimentos en recipientes ben pechados, limpos e secos, para evitar cheiros, perda de humidade, contaminación ou balor nas paredes.
- Non introduza alimentos quentes: poden dana-lo sistema de arrefriamento.
- Non mesture alimentos crus con cociñados, nin distintos tipos de alimentos: uns poden contamina-los outros polo contacto. Teña especial coidado coas carnes e peixes que derraman o seu zume sobre outros pratos, e coas verduras, que soltan restos de terra.
- Coloque carnes, peixes e pratos preparados na zona máis fría da neveira. Garde a froita e as verduras no caixón inferior, que é a parte menos fría da neveira.
- Limpe periodicamente con auga e xabón as paredes, andeis e caixóns da neveira. Non esqueza os espirais de condensación.
- Desconxele o frigorífico cada tres meses para evitar que o xeo se acumule nas paredes e dificulte o seu funcionamento.
Conxelador
- Os conxeladores que empregan o sistema “No frost” ou conxelación sen carambelo non precisan desconxelación periódica, xa que no seu interior non se forma carambelo nin xeo, pero é recomendable desconxelalos unha vez ó ano.
- Só os conxeladores de catro estrelas teñen potencia para conxelar.
- Se desexa conxelar un alimento, fágao en anacos ben envoltos ou en recipientes pechados sen aire no seu interior.
- Non sobrecargue o conxelador para que circule o aire frío. Coloque ó fondo os alimentos máis recentes e vaia consumindo os que leven almacenados máis tempo. Anote en cada paquete o seu contido e data.