Declaración da Renda

Cita co fisco cargada de novidades

Este ano aplicaranse por primeira vez os cambios da última reforma fiscal. Destaca o tipo único do 18% para todos os produtos de aforro, accións, depósitos, fondos de investimento, seguros de vida e plans de pensións
1 Maio de 2008
Img listado economia

Cita co fisco cargada de novidades

Como cada ano o pensamento que máis ensombrece ou ilumina os plans de vacacións que comezan a se esbozar durante os meses de maio e xuño é o da cita con Facenda. Do seu resultado dependerá o ánimo co que, en moitos casos, as familias marchen de vacacións e mais o destino elixido. Así e todo, a Renda será este ano un labor algo menos pesado ca noutras ocasións. Cos cambios da nova reforma fiscal que entrou en vigor en xaneiro do 2007 e que se aplicarán por primeira vez na Declaración que se realiza agora, uns 20 millóns de contribuíntes poden notar unha leve rebaixa no pagamento de impostos. Segundo os cálculos do Ministerio de Economía, as novidades fiscais permitirán pagar, de media, un 6% menos en impostos.

Para os que declaren rendas inferiores aos 17.360 euros, o aforro alcanzará, de media, o 17%. Aínda que xa non se pode executar ningunha operación para mellorar o IRPF correspondente ao pasado exercicio, convén coñecer as numerosas modificacións que se aplican no cálculo do pagamento ou da devolución de cartos por parte da Axencia Tributaria.

Novos tipos marxinais

Un dos principais cambios que se apreciarán son os novos tipos marxinais aplicados, é dicir, a porcentaxe que hai que pagar en impostos sobre os ingresos totais do contribuínte. En función das rendas, a cada cidadán aplícaselle un das catro novas porcentaxes de pagamento de impostos: do 24%, 28%, 37% e 43% (ata agora eran cinco os tramos aplicados, dende o 15 ao 45%). No País Vasco, comunidade que, xunto con Navarra, conta cun réxime propio, o tipo mínimo é do 23%, e o máximo, do 43%. En Navarra, o tipo aplicado vai do 13 ao 42%.

Para coñecer a porcentaxe exacta cómpre determinar a base impoñible xeral, que se calcula coa suma dos ingresos obtidos polos rendementos do traballo persoal, de actividades económicas, do capital mobiliario e inmobiliario, de imputacións de renda e das ganancias e perdas patrimoniais xeradas nun ano.

No territorio xeral, a redución do número de tramos da escala a catro permite que o 60% dos contribuíntes tributen a un tipo único do 24% sobre os ingresos. Aos contribuíntes que declaren rendas de ata 17.360 euros aplícaselles un tipo do 24%, aos que obteñan ingresos de ata 32.360 euros, do 28%, ata 52.360 euros, do 37%, e por riba desa cantidade, do 43%.

Produtos de aforro

Amais dos cambios para calcular a base xeral do contribuínte, outra das novidades fiscais máis substanciais é a referida aos produtos de aforro: as ganancias xeradas con depósitos bancarios, seguros, contas de aforros, activos de renda fixa, fondos de investimento, dividendos ou accións tributarán a un tipo único do 18% no territorio xeral e no País Vasco, con independencia do prazo no que se xeraran e do tipo marxinal do contribuínte. Neste caso, non todos os contribuíntes gañan, xa que a fiscalidade anterior era máis beneficiosa nalgúns supostos. En Navarra, non obstante, mantense a proporción do 15%.

Depósitos

Os rendementos xerados co aforro investido en depósitos tributarán a un tipo único do 18%, que se efectuará mediante retención en conta. Neste caso, desapareceu a redución do 40% para investimentos con máis de dous anos de antigüidade. A nova fiscalidade beneficia aos contribuíntes cun tipo marxinal máis elevado e é menos beneficiosa ca antes para os titulares de depósitos a prazos superiores aos dous anos. A partir de agora convén apostar por depósitos a menos prazo.

Accións

Pasan a tributar ao tipo único do 18% no territorio xeral e País Vasco (en Navarra mantense o 15%). Neste caso, un dos cambios negativos para o contribuínte é a desaparición da posibilidade de compensar perdas con ganancias obtidas noutros rendementos do capital mobiliario (depósitos ou dividendos). Saen perdendo tamén aqueles con plusvalías xeradas en máis dun ano, xa que pasan de tributar do 15% anterior ao 18% actual, tanto no territorio xeral coma no País Vasco. Pola contra, gañan os que realizaran operacións a curto prazo (en períodos inferiores ao ano), xa que tributarán ao devandito 18%, no canto de facelo ao tipo marxinal de cada contribuínte. Neste caso saen favorecidos, sobre todo, os contribuíntes cun tipo marxinal máis alto. No tocante aos dividendos xerados cos valores, unha das vantaxes é que quedarán exentos de tributar os primeiros 1.500 euros. Neste caso, tamén gañan os contribuíntes con tipos marxinais máis altos, xa que todos pagarán agora por un 18% das ganancias, mentres que antes dependía do tipo de cada titular (esta porcentaxe mantense ao vender un fondo de investimento en Navarra).

Fondos de investimento

A nova reforma tributaria mantén a exención do pagamento de impostos por cambiar de fondo de investimento. É dicir, un aforrador poderá traspasar o seu fondo de investimento a outra entidade ou mesmo cambiar de produto sempre que o desexe sen necesidade de darlle contas a Facenda por iso. Non obstante, como sucede co resto de produtos de aforro, cando o contribuínte decida vender as súas participacións en fondos deberalle aboar a Facenda un 18% das ganancias obtidas. É dicir, por cada euro de ganancias, o fisco quedará con 18 céntimos. Neste caso, ao igual que coas accións, saen perdendo os investidores que mantiñan as súas participacións en fondos durante máis de dous anos, xa que coa fiscalidade anterior só había que pagar impostos por un 15% das ganancias.

Plans de pensións

A nova fiscalidade establece novos límites de dedución en plans de pensións, de ata 10.000 euros anuais para contribuíntes de 50 anos como máximo e de 12.500 euros para idades superiores. Estes cambios aplícanse tanto no territorio xeral como en Navarra, pero non no País Vasco, no que continúan os límites vixentes ata agora (8.000 euros para os contribuíntes de ata 50 anos e a partir desa idade íase incrementando en 1.250 euros por ano).

Cos cambios introducidos no territorio xeral e en Navarra benefícianse, sobre todo, os partícipes de ata 53 anos de idade, xa que poderán deducir máis contía polas súas achegas. Ademais, a nova fiscalidade permite o traspaso sen custo fiscal entre produtos de previsión social, o que asegura unha mellor planificación do aforro de cara ao longo prazo.

Non obstante, un dos cambios que prexudica aos que contraten este produto é que desaparece a redución do 40% para as prestacións cobradas a xeito de capital. Ata o ano 2006, se un contribuínte decidía cobrar o aforro xerado co seu plan de pensións nun único pagamento e en diñeiro, sempre que transcorresen máis de dous anos dende que se realizara a última achega, o particular só tiña que pagar impostos polo 60% da cantidade, pois a lei permitía gozar dunha redución do 40%. Pero dende o ano 2007 esta vantaxe quedou suprimida, xa que a reforma quere incentivar os cobramentos a xeito de rendas vitalicias, é dicir, ir rescatando de xeito periódico o capital acumulado no plan de pensións e non rescatalo de vez. Polo tanto, agora saen prexudicados os partícipes que rescaten o plan a xeito de capital. A prestación integrarase como rendemento do traballo e tributará ao tipo marxinal, de modo que o ano do seu cobramento o xubilado podería tributar un máximo do 43%.

Seguros de aforro

No territorio xeral e no País Vasco, os subscritores de seguros, polo xeral, perden coa nova fiscalidade. Isto é así porque desaparecen as reducións do 40% nas percepcións en fondos de capital xeradas en máis de dous anos e do 75% en máis de cinco anos. Co novo IRPF, os xuros das rendas percibidas tributan o 18%. Os máis prexudicados son os contribuíntes que decidan cobrar o seu seguro a xeito de capital, xa que perden a redución do 75% para os rendementos xerados en máis de cinco anos. A partir de agora beneficiaranse os que decidan cobrar os seus seguros e plans de xubilación a xeito de renda vitalicia, xa que en moitos casos quedarán exentos de tributar os rendementos. Isto é posible, por exemplo, cos novos Plans Individuais de Aforro Sistemático, un novo produto creado ao abeiro da nova reforma fiscal.


Vivenda

Coa nova normativa fiscal, no territorio xeral, dende o primeiro ano a dedución por adquisición de vivenda con financiamento alleo sitúase no 15% do importe investido cada ano, ata o máximo de 9.015 euros. O beneficio fiscal, como máximo, será de 1.352 euros. Diminúe, polo tanto, a redución aplicada nos dous primeiros anos, que alcanzaba o 25%. No caso dos minusválidos, a porcentaxe de dedución será do 20%.

O que si respecta a nova norma é os dereitos adquiridos para os que mercaron a súa vivenda antes do 20 de xaneiro de 2006, que poderán seguir aplicando o incremento de dedución por financiamento alleo durante os dous primeiros anos. Neste caso si que poderán deducir na súa Declaración de Facenda do 2007 o 25% das cantidades aboadas.

Se o contribuínte reside no País Vasco e conta cun préstamo destinado á adquisición ou rehabilitación da súa vivenda habitual, poderá deducir anualmente o 18% das cotas pagadas durante o ano (amortización máis xuros) co límite máximo de dedución anual de 2.160 euros. Esa porcentaxe alcanza nesta comunidade o 23% para menores de 35 anos ou titulares de familia numerosa. Neste caso, a dedución máxima anual alcanza os 2.760 euros.

En Navarra, os contribuíntes tamén poden deducir ata un 15% do aboado nos seus préstamos para adquisición de vivenda habitual, co límite anual de 9.015 euros. O límite global de dedución alcanza os 90.150 euros. No suposto de unidades familiares nas que estean integrados dous ou máis fillos a porcentaxe sinalada será do 18%.


Alugueiros

No territorio xeral, os propietarios de terreos alugados poderán deducir, en concepto de obras ou melloras dos inmobles arrendados, importes superiores ao das rendas percibidas polos arrendamentos, a diferenza do que acontecía ata agora, que non se permitían rendementos negativos por este concepto.


Hóldings familiares

No territorio xeral, elimínase o beneficio da exención patrimonial deste tipo de sociedades salvo no caso de que realicen unha actividade económica produtiva. Saen prexudicadas, non obstante, as SICAV, sociedades de mera tenza de bens inmobles e demais patrimoniais que non desenvolvan unha actividade empresarial, xa que non se lles aplicará a exención.

PEQUENO DICIONARIO FISCAL
Ano fiscal
Período de vixencia no que devengar os impostos. En España coincide co ano natural, co que comeza o 1 de xaneiro e finaliza o 31 de decembro. Noutros países as datas son distintas.
Base impoñible
Cantidade que mide a capacidade de pagamento do contribuínte. Calcúlase en función de todos os ingresos obtidos polo contribuínte no ano fiscal.
Base liquidable
Calcúlase ao restar da base impoñible as reducións establecidas na normativa de cada tributo.
Dedución
Cantidade de impostos que se pode reducir da base impoñible xeral, de maior ou menor contía en función do establecido pola normativa.
Desgravación
Dedución fiscal da cota dun tributo.
Exención
Privilexio que lle permite ao contribuínte non pagar de modo total ou en parte un determinado imposto ou tributo.
Xuro de mora
Cartos que a Administración lle solicita ao contribuínte polo atraso no pagamento dos correspondentes impostos.
Mínimo exento
Cantidade de diñeiro obtido no ano fiscal pola que non se pagan impostos, é dicir, que non está suxeita a gravame. Na actualidade, está fixado en 9.000 euros.
Tipo impositivo
Porcentaxe que se aplica á base impoñible para obter a cota tributaria.
Tipo impositivo fixo ou proporcional:
Porcentaxe aplicable á base impoñible que non varía aínda que esta última se incremente.
Tipo impositivo progresivo:
Porcentaxe aplicable á base impoñible que varía cando esta última aumenta.
Tipo impositivo marxinal:
Cada unha das porcentaxes que se aplica en cada un dos tramos dun sistema impositivo progresivo, como o é o español.