Hipocondría

Cando o mal imaxinario é unha enfermidade

Malia ser recoñecida como enfermidade na Grecia clásica, os responsables sanitarios non tomaron en serio a hipocondría ata hai vinte anos
1 Maio de 2008
Img listado psicologia

Cando o mal imaxinario é unha enfermidade

/imgs/20080501/psicologia01.jpg
A hipocondría ou a chamada síndrome do ‘mal escuro’ compórtase como unha planta. Cando se fala da enfermidade que cre padecer unha persoa, é como se se regase a planta cun fertilizante especial que a fai medrar máis e máis, polo que convén establecer un pacto de silencio e limitar así o seu crecemento.

Considerada ata datas recentes pola psicoloxía como unha alteración secundaria e rexeitada por médicos fartos de interminables consultas e queixas de irresolubles -por inexistentes- enfermidades físicas, a hipocondría empezou a recibir a necesaria atención só nos últimos 20 anos. E iso que xa os sabios da Grecia clásica, con Hipócrates á cabeza, describiron, hai máis de 2000 anos, esta enfermidade, que consideraban orgánica.

Se ben adquiriu notoriedade no século XVII grazas a unha das grandes obras de Molière, ‘O Enfermo Imaxinario’, non foi ata o século XIX cando a medicina europea lle prestou algo de atención, aínda que, para desgraza dos afectados, con exiguos resultados.

Na actualidade, a hipocondría defínese como un trastorno mental caracterizado polo medo a ter ou pola convicción de padecer unha grave enfermidade orgánica, a pesar de que as exploracións médicas a descartaran. Dende o punto de vista clínico, diagnostícase cando a súa duración é superior aos seis meses, causa malestar significativo (a modo de angustia e depresión), interfire na normal satisfacción das necesidades sociais e laborais do enfermo, e non se pode explicar por outras patoloxías como o delirio, a ansiedade xeneralizada, o trastorno obsesivo ou a depresión maior.

A enfermidade de preto

En xeral, os suxeitos que padecen este trastorno viviron de preto a enfermidade durante a súa infancia, xa sexa en carne propia ou na dalgunha persoa moi próxima (avós, irmá ou amigo moi querido). É habitual atopar familiares directos que foron hipocondríacos e actuaron como modelos de queixas ou de sobrepreocupación por calquera miudeza como un simple arrefriado, ou que morreron de modo súbito. Estas experiencias lévanos a se sentiren moi vulnerables, a teren conciencia de que, en calquera momento, poden morrer ou sufrir unha enfermidade terminal, e comezan a estar alerta ante calquera sinal no seu corpo que lles indique que iso está a piques de suceder.

Pensamentos negativos

Aquí comeza o problema: a sobrepreocupación por chegar a padecer unha enfermidade mortal lévaos a desenvolver unha atención constante ante calquera cambio fisiolóxico significativo, en especial os relacionados coa súa experiencia: se o avó morreu dunha crise cardíaca, estarán moi atentos aos cambios que se producen no seu propio corazón. Dado que están moi activados e moi atentos, é de esperar que os constantes cambios que se producen no organismo, na súa continua adaptación ao medio, non só sexan percibidos, senón que sexan amplificados grazas á atención selectiva que lles presta.


Emocionalmente activos

Ante o pensamento de que contraeu unha enfermidade grave é inevitable que na persoa se xere unha activación do sistema nervioso que producirá moitos e moi intensos cambios (aínda que normais) na súa fisioloxía: aumento da taxa cardíaca, do ton muscular ou dilatación pupilar. Nos hipocondríacos, tan atentos aos pequenos cambios, estes cambios lévanos a confirmar -sen ningún xénero de dúbidas- que están enfermos.


Resposta motriz ou condutual

Se a visita ao médico adoita ser a primeira das accións que un emprende cando está convencido de que algo no seu organismo non funciona ben (despois de preocupar a familiares e amigos), a súa propia valoración de que está san só tranquiliza aos hipocondríacos durante un momento, que conclúe cando volven sentir unhas sensacións corporais que ‘non son normais’.

Iso lévaos a inferir que o médico non fixo ben o seu traballo, polo que buscan outro “que saiba máis”. Se este os deriva ao psiquiatra ou ao psicólogo, o máis probable é que recorran á medicina alternativa ou, se forma parte da súa cultura, que acudan a menciñeiros de toda índole. Mentres tanto, somérxense en libros ou en Internet para saberen máis e así poderen autoavaliarse, descubrindo mil variantes máis da enfermidade que amplían ata o infinito as posibilidades da súa angustia.

Que todos actuaramos deste xeito nalgunha ocasión non quere dicir que suframos de hipocondría. O que de verdade nos distingue é a actitude ante a enfermidade e a morte. O paciente hipocondríaco confía máis nas súas intuicións ca no saber e na experiencia do médico, non pode deixar de chequearse unha e outra vez, e intenta exercer un posesivo e inútil control sobre a súa propia vida, de tal xeito que non pode evitar extraer de maneira constante dramáticas conclusións sobre o que lle agarda.

Non é de estrañar que, logo dun prolongado estado de estrés mantido polo medo que foi construíndo, de que os que o coidaban xa estean fartos das queixas, de que bote o día pensando en enfermidades e persoas que morreron por causa delas, e da redución de actividades gratificantes que evita custe o que custe, acabe desenvolvendo unha profunda depresión.

Como axudar a un hipocondríaco?

O punto de partida é a aceptación do trastorno e o tratamento cunha atención especializada. Deseguido cómpre que visite un médico da súa confianza, que o remitirá a un especialista en saúde mental (psicólogo ou psiquiatra). Nos casos en que se fai difícil apartalo do convencemento de que padece unha enfermidade orgánica que non saben diagnosticar e en que rexeita sufrir un trastorno psicolóxico, convén que chegue a aceptar que a súa actitude ante a enfermidade non só non o axuda a superala, senón que vai contaxiando de malestar o resto da súa vida: o seu estado de ánimo, as súas relacións sociais, o desempeño laboral e o seu tempo de lecer, e que algo diferente debe de facer, para que algo diferente aconteza. Para acadalo, pode acudir a un especialista psicólogo ‘só’ para que ‘o axude a aturalo’, sen entrar a cuestionarlle as súas conviccións hipocondríacas.

Como deben actuar a familia e os amigos do hipocondríaco

  • Convencer ao resto de familiares e amigos de que deixen de reforzar coa súa atención as continuas queixas e demandas de opinión.
  • Explicarlle que a súa preocupación é como unha planta; cando fala da súa enfermidade é como se a fixese medrar máis e máis, polo que convén establecer un pacto para eliminar este asunto das conversas cotiás.
  • Animalo a que se implique nas súas actividades habituais de lecer e naquelas que lle axuden a mellorar o seu control da activación (sexa meditación ou tai-chí). Cómpre axudalo a valorar con posterioridade se estas fan que se sinta mellor ou peor en termos xenerais para facilitar a súa continuidade.