As vantaxes da xubilación

O lecer non se xubila

Institucións e empresas multiplican os descontos e ofertas para que os maiores poidan gozar do seu tempo libre sen temor a danar os seus magros ingresos
1 Maio de 2008
Img listado informe

O lecer non se xubila

Os xubilados teñen pouco tempo libre. Pode parecer un paradoxo, ou un chiste máis ou menos gracioso, pero o certo é que as transformacións sociais e laborais converteron os avós e avoas nun novo tipo de “auxiliares de familia” cada vez máis imprescindibles. Non obstante, organismos sanitarios, a Administración, ONG e asociacións veciñais de xubilados aconsellan moderar esta dedicación familiar e combinala con outras actividades de carácter lúdico.

Pero para poder gozar do lecer, amais de tempo, fan falta cartos, o outro grande inconveniente de boa parte dos 7,2 millóns de españois, o 17% da poboación, maior de 65 anos. Conscientes de que os 808 euros que cobra de media un xubilado en España non permiten grandes dispendios, a Administración Pública e moitas empresas semipúblicas e privadas despregan toda unha batería de descontos e promocións para este sector da poboación. Xa non hai escusas: a partida de cartas, a televisión ou as viaxes de Benidorm continúan a ser unha boa opción, pero as alternativas de lecer apetecibles e alcanzables son unha realidade. Tan só cómpre ter curiosidade e ganas.

Unha ampla oferta de lecer para todos os petos

Chegada a xubilación son moitas as persoas que, ben sexa por desmotivación ou por descoñecemento da oferta de ocio ao seu alcance, non saben como encher o tempo libre que antes ocupaban co traballo. A práctica dalgunha actividade de recreo nunha etapa da vida que pode durar dez, quince, trinta ou corenta anos é fundamental, non só para manter adestradas certas capacidades cognitivas ou físicas e minimizar o efecto de certas deterioracións psicofísicas, senón tamén para preservar a interacción co contorno e atoparlle sentido a esta etapa da vida.

Segundo datos recollidos no boletín de marzo do 2007 do Observatorio de Persoas Maiores do Imserso, a actividade cultural e de lecer máis común nas persoas maiores é acudir a centros comerciais. Outra alternativa moi espallada é a das excursións ao campo, e cunha baixa porcentaxe de participación, entre o 4% e o 6%, atópanse a visita de museos, acudir ao cine, ir a conferencias e foros e realizar visitas culturais. As actividades culturais e de lecer con menores porcentaxes de participación son ir ao teatro, concertos, bibliotecas e espectáculos folclóricos.

Ver a televisión tamén ocupa unha parte importante do seu tempo cotián: catro horas diarias, segundo un recente estudo da Axencia Catalá de Consumo. As persoas que máis tempo dedican a ver a televisión teñen un perfil característico: baixo nivel educativo e cultural, minguado poder adquisitivo, viven en soidade ou en núcleos pequenos e están fóra do mercado de traballo.

Co obxecto de incentivar o lecer activo, concellos, deputacións, asociacións e clubs de xubilados organizan cursos da máis diversa índole (culturais, artesanais, deportivos) nos que o prezo xa non é un problema. Así, o concello de Murcia organiza unha Semana dourada, que se concreta nun Ciclo Cultural que inclúe actividades formativas, culturais e lúdicas nas que se ofrecen representacións e actuacións que inclúen Teatro, Música Popular, Coplas e Canción Española, Zarzuela e Concertos e Danza, así como Conferencias ou Cinema. Os maiores burgaleses tamén poden gozar de espectáculos, actuacións musicais, obradoiros de expresión dinámica, orquestra e baile, organizados polo concello. O concello leonés pon á disposición dos seus maiores circuítos culturais que inclúen conferencias, aulas didácticas, viaxes, cine, cine foro, teatro, visitas a exposicións, rutas de sendeirismo e mais concertos, mesas debate e audicións. Os xubilados estremeños poden participar no certame literario “Experiencia e Vida”, e os malagueños da “Pasarela de moda Maiores”, mentres que os maños e madrileños teñen a posibilidade de se achegaren á Rede e descubriren as novas tecnoloxías. E estes son só algúns exemplos.

Arte e escena a bo prezo

Segundo datos da Axencia Catalá de Consumo, a asistencia a espectáculos dos xubilados e pensionistas é case nula: un exiguo 1% acode con regularidade. A proporción mellora algo, aínda que non moito, no caso do cine (só un 10% dos xubilados acode ás salas de proxección). En ambos os dous casos, a razón é, ante todo, económica. Por norma xeral, este tipo de consumo queda relegado aos últimos lugares no limitado orzamento mensual do pensionista.

Ante este panorama, cines, teatros e museos tamén achegan o seu gran de area para enriquecer as horas de ocio dos xubilados, e evitar que pasen horas sentados fronte ao televisor. Ir ao cine é para os máis vellos entre un 10% e un 52% máis barato ca para o resto de afeccionados á sétima arte. Son moitas as empresas do sector que ofrecen entradas máis baratas. A lista é ampla: cines ABC, Cinesa, Cines Albatros Babel, UGC Ciné Citei, etc.

Así, os maiores de 65 anos poden ver unha película nalgunha das salas que a cadea Cinebox ten repartidas por España enteira dende 3,90 euros. Algo menos, 3 euros, pagan os xubilados que acudan aos cines Golem. Helmo Cineplex adhírese á iniciativa da Comunidade de Madrid, pola cal, todos os martes non festivos o cinema só lles custa un euro aos maiores de 60 anos. No resto das cidades aplícase un 20% de desconto sobre o prezo habitual da entrada aos maiores de 65 anos. A Comunidade de Madrid tamén posibilita que os maiores de 60 anos poidan ir ao teatro ata o 29 de maio, todos os xoves por só 3 euros.

No caso das artes escénicas, os maiores de 65 anos tamén teñen descontos, entre outros, no Teatro Arriaga de Bilbao e no Teatro Nacional de Cataluña, un 25% en ambos os dous casos, ou no Teatro Principal de Ourense, no Centro Dramático Nacional (que inclúe o Teatro María Guerrero e o Teatro Valle Inclán), un 50%. O Liceu de Barcelona ofrece esta tempada un “paquete” de tres espectáculos cun 70% de desconto sobre a tarifa habitual.

Outra lúdica, e barata, alternativa para encher os momentos de lecer é a visita a un museo. Entre os máis de 1.300 museos que hai en España, son moitos aos que teñen acceso gratuíto os xubilados e os maiores de 65 anos, entre eles podemos citar o Museo do Prado, o Museo Nacional Reina Sofía, o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Arqueolóxico Nacional, o Museo Sorolla ou o IVAM. Entre os que lles cobran entrada aos seus visitantes máis vellos están o Museo Thyssen-Bornemisza, (a visita custa entre 5 e 3,5 euros, cun desconto de entre o 30 e 45% sobre as tarifas normais, segundo a colección exposta), o Museo Guggenheim, que lles ofrece un desconto do 40% aos xubilados, co que deben aboar pola entrada 7,50 euros, ou o Teatro-Museo Dalí que lles cobra aos pensionistas e xubilados 8 euros por contemplaren as obras que alberga, o que supón un desconto do 27% con respecto ao prezo dunha entrada de adulto.

Deportes para ver e practicar

Cumprir os 65 non é un obstáculo para enfundar o chándal e introducirse de cheo na actividade física. É máis, segundo datos do Imserso, a práctica de deportes e actividades ao aire libre está moi espallada entre as persoas maiores (fano de xeito habitual unha de cada dúas). Andar e camiñar son os exercicios máis comúns neste grupo de poboación: practícano un 75% dos varóns e un 62% das mulleres maiores. Por tras vai a ximnasia, pero a unha distancia considerable, xa que é practicada por un 6% de mulleres e por un 4% de homes.

Tanto se se fixo deporte toda a vida coma se se comeza tras a xubilación, só hai que adaptar as actividades deportivas que pode practicar calquera (clases dirixidas, natación, exercicios cardiovasculares, máquinas de tonificación…) ás necesidades e circunstancias da idade. Para evitar o sedentarismo propio da xubilación, os concellos ofrecen cursos e instalacións a prezos inferiores aos que pagan os demais cidadáns.

Así, as escolas deportivas de Castela-A Mancha levan a cabo proxectos e actividades gratuítas dirixidas ás persoas maiores para potenciar a práctica deportiva. Os madrileños maiores de 60 anos que queiran practicar ximnasia de mantemento, ioga ou tai-chi, entre outras modalidades deportivas, teñen unha rebaixa do 50% nas cotas deportivas municipais. O programa Sempre Activos de Valladolid tamén está dirixido aos que superaron os 60. Dende 3,85 euros ao mes, os maiores valisoletanos poden poñerse en forma dous días á semana. Entre outros concellos, os de Murcia, Vitoria e Málaga ofrécenlles aos maiores de 65 anos un desconto do 75%, 50% e 36%, respectivamente, nas cotas anuais dos seus servizos municipais de deportes.

En Burgos, os vellos poden acudir a clases de xerontoximnasia por 50 euros/cuadrimestre, e en Oviedo teñen a oportunidade de xogar ao golf dende 12,41 euros mensuais. Pola súa banda, os maiores de 65 anos sevillanos non teñen escusa para non practicaren a natación, xa que o prezo da entrada ás piscinas municipais sevillanas para este colectivo é de 1 euro. Se antes de acudir á piscina precisa un curso de natación, a cota mensual das piscinas municipais de Sevilla por dúas sesións semanais é de 14,24 euros, un 58% menos ca a tarifa normal de adulto. En Bilbao, estes cursos custan 10,45 euros, cun aforro do 40% con respecto á tarifa básica.

Para quen prefiren gozar do deporte dende a bancada, os clubs de fútbol ofrecen descontos nos abonamentos de tempada que van dende o 25% do Sevilla FC aos seus afeccionados de máis idade, ata o 51% que lles aplica o Racing de Santander aos seus socios máis antigos. Outros equipos como o Betis ofrécenlles aos maiores de 65 anos titulares da Tarxeta Andalucía Junta 65 un desconto sobre o prezo da Tribuna Fondo Bancada Baixa dun 32%, e aos titulares da Tarxeta Andalucía Junta 65 Ouro un desconto do 43%. O Levante, o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña, entre outros clubs, aplícanlles uns descontos aos xubilados do 50%, do 35% e do 31%, respectivamente. Os afeccionados ao baloncesto tamén poden gozar de descontos nos abonamentos de tempada dos seus equipos favoritos, tal é o caso do Ricoh Manresa e da Alta Xestión Fuenlabrada, que lles aplican descontos do 20% e do 33%, respectivamente, aos seus afeccionados de máis idade.

Transporte público

Case todos os concellos e compañías de transporte público, e algunhas privadas, miran polo peto dos seus clientes de maior idade, e ofrécenlles descontos e tarifas especiais. É cuestión de pedir información ao respecto cada vez que se vaia emprender unha viaxe, e así aproveitar as oportunidades de viaxar máis barato.

A “Tarxeta dourada” de RENFE ofrécelles aos maiores de 60 anos a posibilidade de obter descontos do 25% e o 40%, en función do día de viaxe e do modo de obtención do billete, nas viaxes en trens de alta velocidade, incluídos os servizos rexionais, e de longa distancia. En media distancia e proximidades, o desconto é do 40% en todos os trens, días e percorridos. Ferrocarrís de Vía Estreita, FEVE, tamén pon á disposición dos maiores de 60 anos e dos pensionistas a “Tarxeta Azul”, coa que o usuario pode obter un desconto do 50% no seu billete, exceptuando suplementos, trens turísticos e especiais. Nos traslados por estrada, e en determinados percorridos, as empresas de autobuses adoitan realizar descontos do 50%.

Dentro do límite metropolitano, as empresas de transporte urbano tamén ofrecen bonificacións ou viaxes gratis a xubilados, pensionistas e maiores de 60 anos. Abonda citar como exemplo os casos de Alacante, Málaga, Santander e Sevilla, onde os autobuses son gratuítos para os maiores de 65 anos, que cumpran, iso si, cos requisitos fixados polos distintos concellos. En Barcelona e Zaragoza a idade requirida para gozar de viaxes gratis é de 60 anos. Vitorianos e burgaleses poden percorrer as súas cidades polo módico prezo de 0,08 e 0,05 euros, respectivamente. En Bilbao, Pamplona, na Coruña, Almería ou Logroño, entre outras capitais, a viaxe non chega a 0,30 euros, o que supón un desconto de ata o 88% con respecto ás tarifas ordinarias.

Vacacións para todos os petos

Un bo xeito de romper co tedio da xubilación é viaxar, sobre todo se por falta de recursos económicos, ou por obrigas familiares, non se tiveron oportunidades de gozar de vacacións fóra do ámbito habitual. Para lle dar a oportunidade a estas persoas maiores de 65 anos, que as máis das veces non dispoñen de medios para gozaren dunhas vacacións convencionais, a Administración promove un programa social de vacacións destinado a residentes en España que teñan como mínimo 65 anos e que ofrece paquetes turísticos a prezos moi económicos a través do Imserso. Os maiores poden gozar de estancias en zonas costeiras, viaxes culturais, turismo de natureza e intercambios con outros países dende 129 euros.

Deputacións, Consellarías e Concellos contan tamén con viaxes a prezos bastante alcanzables. O Goberno andaluz ofértalles 12.680 prazas aos pensionistas maiores de 60 anos para participar no Programa de Turismo Social de Persoas Maiores de Andalucía. O Programa de Turismo Social de Castela-A Mancha ten a finalidade de enriquecer o tempo libre e promover o avellentamento activo e saudable das persoas maiores de 65 anos. O custo das viaxes varía entre 40 e 220 euros, segundo sexa o destino elixido. Os maiores de Murcia poden elixir entre 100 destinos por unha serie de Rutas Turísticas e Culturais da Rexión, e o Concello de Málaga ofrece a 600 maiores de 55, xubilados e pensionistas a posibilidade de gozar dunha viaxe sociocultural ao Algarve por 123 euros.

O programa de viaxes do “Club dos 60” de Castela e León ofrécelles aos seus socios un amplo abano de viaxes e destinos que inclúe cruceiros e destinos tan dispares como a Ribeira Maia, Noruega, Romanía, Galicia ou os Parques Naturais de Ávila e Salamanca, a prezos que oscilan entre 100 e 1.145 euros, segundo destino. O concello de Barcelona, as deputacións vascas, e os gobernos autónomos de Estremadura, Madrid e Valencia, entre outros, teñen tamén unha ampla oferta de viaxes para os seus maiores que inclúen estancias en balnearios e programas de termalismo.

Nunca é tarde para aprender

É o momento de retomar as actividades educativas que no pasado non se puideron realizar. Centros de Educación Permanente de Adultos, Aulas de Maiores, Casas de Cultura ou Centros de Servizos Sociais Municipais desenvolven programas tanto para persoas que se atopan case en situación de analfabetismo, como para aqueles que abandonaron os estudos primarios e desexan acadar o título de graduado escolar. Pola súa banda, as chamadas Aulas para Maiores, Aulas da Experiencia ou Universidade dos Maiores, entre outras denominacións, congregan máis de 23.000 alumnos de entre 50 e 85 anos, en programas que duran entre tres e cinco anos, e que contemplan materias como historia, ciencia, medio natural, arte, xeografía, literatura, filosofía, novas tecnoloxías, nutrición, idiomas, ou economía. Na maioría dos cursos, a formación compleméntase con visitas culturais, asistencia a foros, audicións musicais, obras teatrais, actividades deportivas. O prezo? Dende 52 euros por curso.

Unha valiosa axuda para a sociedade

Dende a Unión Democrática de Xubilados e Pensionistas de España (UDP), con máis dun millón de afiliados e 1.800 asociacións espalladas por todo o país, reclaman o apoio aos programas de lecer “produtivo”, ou o que é o mesmo, aos programas de voluntariado social, de promoción de asociacionismo, e outros programas que potencian a participación do maior na sociedade e que lles permiten seguir contribuíndo no seu desenvolvemento.

Estas actividades de voluntariado sitúanse a cabalo entre as actividades non remuneradas (porque poderían constituír un emprego), as de lecer (porque son elixidas de maneira voluntaria e ocupan o tempo libre despois das obrigas) e as actividades sociais (fóra do ámbito familiar).

Na actualidade, cada vez son máis numerosas os vellos que dedican parte do seu tempo libre a labores de voluntariado e participación social. Segundo os datos máis recentes, pertencentes á Enquisa de Emprego do Tempo 2002-2003 (INE, 2004), realizan tarefas de voluntariado unha de cada cinco persoas maiores, cunha dedicación media de 1 hora e 37 minutos ao día. Moitos deles colaboran con Cruz Vermella, Cáritas Española, parroquias e ONG (como as que aparecen recollidas na Guía de ONG de CONSUMER EROSKI, en www.consumer.es), en diversos programas de axuda a colectivos sociais necesitados. Outros ocupan o seu tempo exercendo de “voluntarios culturais”, ensinando museos, catedrais, igrexas, castelos e diferentes espazos e institucións culturais do rico patrimonio histórico-artístico español. E tamén hai os que se dedican ao “voluntariado educativo”, ensinándolles aos seus coetáneos informática, artesanías diversas, idiomas, danza, oficios antigos, como facer encrucillados, etc.