Que utilidade ten almacenar 1.300 cerebros a 80 graos baixo cero?
Almacenar cerebros porque si non ten sentido. Temos cerebros destinados á investigación de enfermidades mentais, que son patoloxías humanas que non se poden estudar en modelos animais ou en cultivos celulares.
A quen pertenceron as mostras dos cerebros que conservan?
Temos cerebros de suxeitos con diferentes enfermidades mentais, as máis graves: esquizofrenia, depresión, trastorno bipolar… Pero tamén temos que ter cerebros de suxeitos sen esas enfermidades mentais para saber como é un cerebro normal nos parámetros que nós queremos avaliar. A estes engádense mostras de cerebros provenientes de adictos a drogas ou falecidos por sobredose.
De que cerebro xorde a idea de crear este banco de cerebros?
Non é unha idea xenial. Os bancos de cerebros para o estudo de enfermidades do sistema nervioso, como a de Párkinson, son unha realidade dende hai medio século. O banco de cerebros para investigar enfermidades psiquiátricas xorde máis tarde, entre outras cousas, pola dificultade de captar mostras.
Como as obteñen?
Unha vía é o caso das persoas que se quitaron a vida. Contamos para iso coa grande axuda do Instituto Vasco de Medicina Legal e de Rafael Alcaraz, o seu director durante moitos anos. Ademais, dáse a especial circunstancia de que no País Vasco, e a diferenza doutros moitos lugares, non nos movemos moito. Isto quere dicir que nacemos, medramos, nos reproducimos e morremos en poucos quilómetros á redonda, de tal xeito que cando alguén falece aquí por suicidio é moi doado buscar os seus antecedentes. Isto permítenos ter trazada toda a historia clínica dese suxeito, saber se tivo diagnóstico psiquiátrico, como foi tratado, en que período, quen foi o clínico -nós normalmente coñecémolo ou temos acceso a el-, temos un mapa xeral. Isto non acontece en Nova York, onde temos un dos grupos competidores máis importantes, dende un punto de vista científico, claro.
Pero vostede acaba de comentar que non só contan con cerebros de persoas enfermas, tamén inclúen o de persoas sas. Como captan o destas últimas?
Teñen que ser mortes en principio súbitas, inesperadas, non nos serve alguén que morre tras un proceso longo, unha infección, unha cardiopatía…, senón que ten que ser mortes súbitas inesperadas que ademais non teñan enfermidades mentais. O prototipo é o accidente de tráfico, que por desgraza é o máis frecuente, e ademais o accidente laboral, accidente deportivo…
Non lle parece tétrico todo este proceso?
Non. Ademais non almacenamos toda a masa cerebral. Temos pequenas mostras. De feito, cuns gramos de tecido podemos aclarar moitas cousas. É igual de tétrico que ao que lle sacan un cachiño de fígado cando hai sospeita de cirrose. E no noso caso, ademais, non é un procedemento agresivo para o paciente. O que si é certo é que cos anos aprendemos que ter esa pequena cantidade de tecido -falamos dun gramo de tecido, menos ca unha pelota de golf- é insuficiente e que precisamos ter máis mostras, preparacións de cortes enteiros, e o que puxemos en marcha dende o ano pasado é un programa complementario, un programa de doazón.
Cando se refire ao material co que conta, fala de mostras, pero cando analiza unha mostra, pensa na persoa á que pertenceu?
Primeiro non debo pensar e segundo eu non sei a quen pertenceu esa mostra porque a evolución científica vala facendo ás cegas. Ademais, dende o primeiro momento a nós as mostras subminístransenos por un código no que está blindado o nome.
Esta complexidade explicaría que o 95% do que coñecemos sobre anatomía química e fisioloxía do cerebro se aprendeu nas dúas últimas décadas?
A investigación no sistema nervioso iníciase nos aspectos máis primarios a finais do século XIX. O acceso ao cerebro como fonte desas enfermidades é posterior á metade do século XX. Por que? Primeiro pola propia dificultade do acceso a ese cerebro, á que se engaden as dificultades dende o punto de vista ideolóxico, das crenzas. Este é o motivo deste atraso e, claro, cando un cuantifica iso fronte á medicina científica noutras áreas son 200 anos de atraso aproximadamente. Non obstante, é posible que en 30-40 anos as enfermidades mentais estean ao mesmo nivel ca outras moitas patoloxías.
Non resulta estraño que o cerebro, o órgano que polo seu desenvolvemento distingue a especie humana do resto, sexa o que menos se estudou ata agora?
Ben, máis que estraño é o normal. Sempre houbo certa resistencia a utilizar os tecidos humanos e a estas alturas non ten sentido. É absurdo deixar que un organismo apodreza baixo a terra ou que o incineremos, cando dese organismo podemos obter información abonda para axudar a outros pacientes. Isto é clave e coido que a nosa sociedade o asumiu. Se hai 200 anos tivésemos acceso ao cerebro dos suxeitos ou fose unha cousa normal acceder ao cerebro de suxeitos con demencia, probablemente hoxe saberiamos moito máis da enfermidade de Alzhéimer do que sabemos.
En que proporción cifraría o coñecemento que se ten na actualidade do cerebro?
Podería facer demagoxia e dicir que un 10%, un 20%. Pero iso é complicado. Non sabería responder.
Pódense traducir a impulsos eléctricos ou a reaccións químicas as alegrías, penas, sentimentos…?
Si, todo ao final ou é electricidade ou é química. O cerebro é un organismo que funciona a través da transmisión de impulsos eléctricos, e a comunicación desas neuronas funciona por impulsos químicos. De tódolos xeitos, é un órgano que traballa de xeito coordinado. Polo tanto, o cerebro traballa como un todo, e faino en función do que lle vén de fóra. Todo é substrato biolóxico, pero ese substrato biolóxico necesita do ambiente para o seu procesamento e, se non, non ten sentido, porque o cerebro é unha cousa inerte, é unha masa de aproximadamente un quilo que ten transmisión eléctrica, nerviosa e química e punto.
Que é o que permite que os individuos sexamos precisamente iso, individuos.
Si. O feito de que o noso cerebro teña dobras e repregamentos é un modo de tratar de introducir o maior número posible de neuronas nun recinto de espazo limitado como a cavidade cranial. Podemos ter o ordenador máis potente do mundo, pero se non lle metemos información non nos servirá para nada, non nos vai dar respostas por si só. Hai que facerlle preguntas para que xere respostas.
Non resulta deprimente pensar que só somos química e reaccións eléctricas e que todo o que sentimos ao final depende diso?
Non, eu penso que non. Iso non quere dicir que sexamos todos iguais, sómolo no 99% ou no 99,9%. Hai que entendelo así e, por exemplo, o xenoma humano estanos a devolver á nosa propia realidade. Estanos a dicir: vostedes son así, pero con esta pequena variación son capaces de ser así de diferentes e con pequenas variacións dese xenoma somos capaces de facer que vostedes teñan enfermidades, diferentes formas de pensar, actuar ou alteracións na súa bioloxía e, de súpeto, que algúns sexan diabéticos, ou que sexan máis propenso a sufrir depresión cando hai circunstancias ambientais como pode ser o estrés que preman moito.
A OMS prognostica que nos vindeiros anos un dos principais problemas de saúde pública serán os trastornos e enfermidades mentais. Se todo é xenético, como é que nos próximos anos se vai rexistrar unha maior incidencia?
Porque non todo é xenético. Hai base xenética en practicamente todo, pero non abonda, debe haber factores ambientais. Temos que coñecer moi ben cales son eses factores ambientais, xa que na medida en que os coñecemos poderemos previr ou actuar sobre eles para que non incidan na poboación. Un exemplo moi típico é o estrés, que ao aumentar xustifica o incremento das taxas de depresión. A depresión está a aumentar nos países occidentais, pero eu coido que porque se diagnostica máis e mellor.
Estímase que no 2020 será a principal causa de incapacidade laboral.
Estamos a falar xa non só de custos directos de medicación, hospitalización, senón de custos indirectos do que supón repercusión social no ámbito da persoa afectada.
Isto si que é para deprimirse.
Non sei se para deprimirse, pero son os datos de alguén nada sospeitoso, como é a Organización Mundial da Saúde. É dicir, se estes datos os achega unha compañía farmacéutica que vende fármacos antidepresivos, pois…, pero se veñen da OMS é unha chamada de atención.
E as solucións que se poden propor, amais de investigar?
A primeira é coñecer que iso está aí e ocorre, investigar e coñecer mellor as causas da enfermidade, as bases biolóxicas, os factores ambientais e comezar a actuar sobre eles. Sobre os factores ambientais pódense cambiar os estilos de vida. Non é doado, xa o sabemos, porque sempre é máis difícil facer iso que tomar medicamentos… As enfermidades mentais non son diferentes.
Un libro que tivo certo éxito non hai moitos anos reclamaba “Máis Platón e menos Prozac”. Ata que punto está na nosa cabeza poder frear ou previr estes trastornos mentais ou afeccións?
En parte si está en nós. Moitos trastornos mentais dos que se denominan menores (chámanse así non porque sexan menos graves senón porque tradicionalmente se denominaron así), como os cadros de ansiedade, os trastornos obsesivo compulsivos… son cadros máis manexables e moito menos incapacitantes, e niso os propios suxeitos, ben adestrados e educados, si que podemos facer moito. Pero sobre as enfermidades psiquiátricas maiores, como a depresión, a esquizofrenia e o trastorno bipolar, hai que entender que son enfermidades graves que precisan a intervención do profesional, dun diagnóstico correcto. O problema é ‘vender’ esa idea. Hai certas tendencias que transmiten que a medicalización das enfermidades mentais é algo erróneo. Pero iso non é verdade. A medicalización das enfermidades mentais está a contribuír a normalizar esas patoloxías, como a insulina o fai coa diabete.
En datas recentes publicouse un estudo que concluía que os antidepresivos só eran útiles para depresións severas e que para depresións leves o efecto placebo era suficiente. A este dato súmase o feito de que para a industria farmacéutica, os fármacos contra as enfermidades mentais xeran millóns e millóns de euros.
As enfermidades mentais, como en xeral calquera enfermidade crónica, son o prato máis apetitoso das compañías farmacéuticas. A estas industrias non lles interesa o tratamento das infeccións que sandan en 15 ou 20 días e liquidado. O que queren é tratamentos sintomáticos para toda a vida e a ser posible con fármacos novos e que sexan moi caros. Cando un le esa metaanálise descobre, primeiro, que no caso das depresións leves non había diferenzas entre os grupos en tratamento e os grupos placebo, pero si nas depresións graves. Pois mira, a primeira sospeita é que as depresións leves probablemente non eran depresións e que os ensaios clínicos se realizaron na época previa ao Prozac, época na que a etiqueta do que era unha depresión e o que non o era tampouco estaba moi clara.
Vostede avoga por un equilibrio.
Precisamos psicólogos e fármacos, necesitamos tempo nas consultas e fármacos, non contrapoñelos. Para os sistemas sanitarios segue a ser máis barato gastar cartos en medicamentos ca en persoal, segue a ser moito máis caro o persoal e este é un dos problemas que na saúde mental está moi agudizado. As compañías farmacéuticas non son irmás da caridade, son empresas, pero nun sector no que tamén xeran resultados, como en calquera outra compañía, e cuns riscos tamén importantes. Sacar un fármaco ao mercado non é unha broma, custa dúas veces e media o que custa o Airbus 380 e custa de dúas a tres veces en tempo o que custou desenvolver ese avión. Claro, iso xustifica por que son multinacionais e por que se concentra tanto o sector. O orzamento dunha destas compañía pode ser superior ao de moitos países.
A ninguén lle gusta que lle diagnostiquen ningunha enfermidade, pero cando se fala de patoloxías mentais parece que hai algo máis…
É certo que se dá unha estigmatización, pero tamén o é que cada vez é menor. O recoñecemento das enfermidades mentais como unha patoloxía máis á que o sistema sanitario debe responder no centro de saúde, onde o médico de familia te ve e te trata, é básico. É o mellor que podemos facer para non estigmatizar. Eu síntome moi orgulloso cando vou a un centro de saúde, a un hospital, á consulta de psiquiatría… e vexo a sala con persoas agardando como se fose a consulta do reumatólogo ou do xinecólogo, como a cousa máis normal do mundo. Xa non se miran de esguello, eu coido que se vive con máis angustia na sala de espera dunha consulta de oncoloxía ca na dunha consulta de saúde mental. Por iso digo que levamos un camiño no que esa estigmatización vai desaparecendo.
Vostede doaríalle o seu cerebro á ciencia?
Claro que si.