A cara oculta dos agasallos e dos concursos telefónicos
Acaba de recibir unha mensaxe nova: a súa operadora de telefonía móbil regálalle unha recarga da tarxeta e unha descarga gratuíta de politóns. Este é un dos milleiros de regalos automáticos que lanzan algunhas empresas para engordar as súas bases de datos con fins promocionais. Outras facilitan a través de concursos televisivos números curtos e animan a audiencia a enviar un sms ou a realizar unha chamada. A finalidade é a mesma: conseguir contactos para despois venderllos a outras empresas. Este tipo de regalos, ofertas, sorteos e concursos concíbense como actividades e estratexias de promoción de vendas ou mercadotecnia para captar bases de datos, fidelizar clientes e facer promoción de produtos. A lexislación neste apartado é dispersa, pero o texto refundido da Lei de defensa do consumidor impón que a información sobre produtos e servizos debe ser veraz, eficaz e abonda, amais de clara e comprensible. Pola súa banda, a Lei de ordenación do comercio polo miúdo obriga a especificar a duración e as regras especiais aplicables aos concursos, sorteos e regalos. E esta norma considera enganosa a oferta de produtos con premio ou regalo se o consumidor non recibe de xeito real e efectivo o que razoablemente espera de acordo coa oferta realizada.
Requisitos a cumprir
A oferta debe ser real e efectiva. Dado que o consumidor ten dereito a unha información clara, completa e veraz, debe coñecer o auténtico significado do que se lle ofrece. Para iso, débese indicar a duración, data de comezo e de remate da promoción, a identidade da empresa responsable desta, a concreción do regalo ou o seu valor económico, os requisitos ou pasos que hai que seguir para obtelo e mais o prazo de entrega e os gastos que afecten de xeito directo ao premiado.
Algunhas empresas de venda por catálogo informan de premios que logo non son reais. Pódese denuncialas?
Son xa varias as empresas, moitas delas de venda de catálogo, sancionadas polos organismos competentes de distintas comunidades autónomas por inducir a erro neste capítulo concreto dos premios. Ante este tipo de condutas é necesario realizar unha denuncia ante os servizos de consumo, achegando a documentación recibida. Expresións como: “Certificado oficial de gañador”, “Resultou gañador”, “Notificación oficial de gañador”… non corresponden á realidade porque xamais se chegou a realizar un sorteo na maioría das ocasións. Sempre que se lle comunique a unha persoa a boa noticia de ser agraciada cun premio, debe ser certo, xa que se non pódese incorrer nun caso de fraude, e mesmo conviría facer unha advertencia que non sempre se cumpre: en ningún caso se está condicionado á adquisición de determinados produtos ou servizos para non inducir a erro.
En que prazo deben entregar as empresas os premios gañados?
A lei di que os bens ou servizos nos que se materialicen obsequios ou incentivos promocionais deberanlles ser entregados aos compradores no prazo máximo que determinen as comunidades autónomas, polo que dependerá da regulación de cada unha delas, sen que se superen en calquera caso os tres meses, a contar dende o momento en que o comprador reúna os requisitos esixidos. Se o ofrecemento se realizou nos envases dos produtos, o dereito a obter a prima ofrecida poderase exercer, como mínimo, durante os tres meses seguintes á data de caducidade da promoción.
Que acontece coas ofertas ou regalos “ata esgotar existencias”?
“Información válida salvo erro tipográfico”, “Prezos válidos ata esgotar existencias”… As cláusulas ou mencións similares a estas que acabamos de sinalar impídenlles aos consumidores esixir as condicións e garantías ofrecidas, e limitan a responsabilidade do vendedor en prexuízo do consumidor. Pero esta é unha práctica contraria aos principios de xusto equilibrio e boa fe recollidos no texto refundido da Lei dos consumidores, de xeito que ao esgotarse a oferta ou regalo debería substituírse por outro de igual ou superior valor, ou por un vale cambiable. Como na práctica as empresas non ofrecen tales alternativas, habería que solicitalas e, no seu defecto, esixir a Folla de Reclamacións.
Estanse a tramitar moitas queixas cos concursos televisivos e as liñas 905. Que canles seguen?
Son moitos os afectados e as asociacións de consumidores que denuncian o uso indebido dos 905 en concursos, esixíndolle á Administración que tome cartas no asunto e que os clasifique como números de tarificación adicional coas súas garantías. O primeiro paso para iniciar unha reclamación sobre este servizo é facelo ante a operadora de telefonía e continuar coa queixa na Arbitraxe de Consumo, que é gratuíta pero voluntaria, ou na Secretaría de Estado de Telecomunicacións.
Cando se regularon os prefixos 800 como números de tarificación adicional, impúxose a obriga de proporcionarlles información aos usuarios e a posibilidade de restrinxir as chamadas. Así que moitos concursos televisivos e radiofónicos se pasaron ao 905, cando en realidade son liñas destinadas a outros fins, como a realización de enquisas e sondaxes. Son moitos os usuarios e as asociacións de consumidores que veñen denunciando o uso indebido dos 905 en concursos e os que lle solicitan á Administración que tome cartas no asunto e que os clasifique como números de tarificación adicional, coas súas garantías.
En que consiste o engano?
O usuario sempre que chama a un 905 para participar nun concurso é informado de que para xogar debe colocarse nunha lista de dez persoas. Pero se non se atopa entre eses dez, ten que chamar de novo e, en xeral, volve chamar. Deste xeito, cada vez que chame e o atendan estará a pagar 0,95 euros, dos que 0,80 se destinan á empresa responsable do servizo, 0,12 á compañía telefónica e 0,03 a Facenda en concepto de IVE.
Pero as liñas 905 non están deseñadas de xeito específico para estes concursos, a diferenza dos números de tarificación adicional. Un servizo que se caracteriza, entre outras cuestións, porque debe ofrecer durante uns segundos e de xeito gratuíto información do propietario do número, o custo da chamada e a prohibición do seu uso a menores. O usuario pódelle esixir, pola súa banda, á compañía telefónica que bloquee o prefixo no seu teléfono para que nin el nin ninguén do seu ámbito poida chamar, mentres que os números 905 non se poden bloquear.
Hai que ter en conta que os códigos de conduta, vinculantes, obrigan aos prestadores de servizos que traballen como promotores dun concurso ou sorteo a que este se desenvolva por medio de números de tarificación adicional adscritos ao código 806, salvo que polo seu contido deba ser adscrito aos códigos de acceso telefónico 803.
Que normas se deben cumprir nun concurso a través de números 800?
Amais do devandito, todo concurso ou sorteo que requira poñer a proba a pericia ou coñecementos do usuario ou calquera outra modalidade na que interveña a sorte ou o azar debe contar coas pertinentes bases que regulen o seu funcionamento. E xa que os sorteos se someten á normativa vixente de xogos de azar deberán contar coas autorizacións administrativas apropiadas. Ademais, as bases dos concursos ou sorteos deben estar depositadas ante un notario ou organismo público competente de modo que sexan doadamente accesibles aos usuarios.
O envío de promocións ao móbil é unha práctica legal?
As empresas non teñen dereito a enviar mensaxes publicitarias a móbiles particulares, salvo que o consumidor outorgara o seu consentimento ou sexa cliente da empresa. Aínda así, debe facilitar un procedemento sinxelo e gratuíto para que o usuario curse a súa baixa. Se non se acada ningún resultado, o afectado pode asinar unha denunciar ante a Axencia Española de Protección de Datos, organismo habilitado para impoñer sancións en función da gravidade do asunto.
- Non envíe cartos nin ofreza información de contas bancarias se lle comunican que é o beneficiario dun premio.
- Evite compras impulsivas inducido por regalos e concursos. Se o fai e a compra é a distancia, por correo ou Internet, dispón de sete días para desistir se se arrepinte.
- Os premios obtidos en sorteos e concursos pagan impostos, decláranse como ganancias de patrimonio.
- Trate de evitar a participación en concursos a través dos números 905. Se xa participou e a súa factura é desmesurada, reclámelle á súa operadora telefónica. Solicite a devolución e acuda á Secretaria de Estado de Telecomunicacións ou á Arbitraxe de consumo.
- Se non quere recibir publicidade, solicite a súa inclusión nas listas Robinson que xestiona a Federación Española de Empresas de Mercadotecnia Directa. Funciona dende hai 10 anos e xa son 39.000 as persoas apuntadas: abonda con encher un formulario (www.fecemd.org). Así que o usuario se deu de alta neste servizo transcorrerán entre tres e seis meses ata que se faga efectivo respecto á recepción de publicidade no seu domicilio.