Embarazo e saúde laboral, unha relación sen escusas
Para moitos expertos, o principal factor de risco para a muller embarazada no traballo é o propio embarazo. No último informe elaborado pola Fundación Madriña, remitida o pasado mes de marzo á Comisión Europea, denúnciase que nove de cada dez mulleres atendidas por esta organización acaba sufrindo ‘mobbing maternal’ no traballo. Esta fundación atende a máis de 100.000 mulleres en España, o 70% mozas embarazadas. Segundo se recolle no seu informe, o 25% das embarazadas serán despedidas durante o proceso de xestación ou ben logo de se reincorporaren ao traballo, unha vez rematada a baixa maternal ou tras solicitar a redución de xornada.
A Lei ampara á muller embarazada no ámbito laboral e médicos e mais psicólogos insisten na bondade de compatibilizar o tempo de xestación co traballo. Moitos son os estudos que constatan que continuar coa rutina laboral contribúe a manter tanto a forma física como a psicolóxica, pois axuda a enfrontarse mellor ao embarazo e a non estar pendente en exclusiva del. Amais de manter durante este tempo unha ganancia económica regular, o traballo supón unha oportunidade para que a muller se manteña activa.
O primeiro trimestre de xestación, en especial as primeiras semanas, é crucial para o bo desenvolvemento do futuro bebé. Así e todo, son moitas as mulleres que nesta primeira etapa ignoran o seu estado. De aí que se tomen o seu tempo en adoptar medidas protectoras.
Neste primeiro período cómpre extremar as medidas preventivas básicas, xa que o risco de sufrir efectos teratoxénicos (malformacións do feto) ou de aborto é maior. O desenvolvemento de tarefas físicas, os longos períodos de pé, os horarios rotatorios ou nocturnos, os elevados niveis de estrés ou a exposición a substancias potencialmente tóxicas poden constituír factores de risco notables ante os que é preciso reaccionar se se perciben molestias ou perigos importantes. O médico confirmará ou descartará a influencia deses riscos.
No segundo trimestre, os riscos dos primeiros tres meses redúcense, pero non desaparecen. Adoita ser este un período cómodo, salvo en embarazos de risco ou situacións laborais complexas.
Nas últimas doce semanas de embarazo aconséllase interromper a actividade profesional. A miúdo, no último trimestre o esforzo faise insostible para a muller, mesmo para as mulleres que desempeñan o seu traballo en postos de esforzo físico reducido. O habitual é que non teñan a mesma capacidade de aturar longas xornadas laborais, ben sexa polo grao de fatiga física, ben sexa por fatiga emocional.
A lista dos riscos aos que debe enfrontarse a muller embarazada no seu posto de traballo é longa. Algúns son evidentes, pero moitos outros adoitan pasar desapercibidos. De aí que nos últimos tempos se publicaran documentos que detallan polo miúdo os factores de risco durante o embarazo. Entre os máis relevantes atópase a Guía para a prevención de riscos durante o embarazo e a lactación e Orientacións para a valoración do risco laboral e a incapacidade temporal durante o embarazo, da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia (SEGO) impulsada polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS).
Dado que os riscos son amplos e moi diversos convén que cada muller se informe en función do seu posto de traballo. No documento da SEGO especifícase en que semana da xestación se debe interromper a actividade laboral segundo as distintas profesións ou oficios. Pero, ademais, é preciso que a traballadora embarazada consulte tamén o seu médico especialista. O médico non só valorará os riscos laborais a que está sometida a embarazada, senón tamén os riscos clínicos previos á xestación (enfermidades crónicas, problemas respiratorios ou osteoarticulares) que se ven potenciados co embarazo. A clasificación habitual dos riscos é a seguinte:
- FÍSICOS: Choques, vibracións, certos movementos, posturas e desprazamentos, o manexo manual de cargas, o ruído, as radiacións ionizantes e as non ionizantes, o frío e a calor extremas, a fatiga mental e a fatiga física. Odontólogas e traballadoras do sector industrial son os postos que mellor ilustran este tipo de riscos.
- BIOLÓXICOS: Destaca o risco de infección por virus da hepatite B, citomegalovirus, rubéola, toxoplasmose, herpes e sífilis. Os profesionais do sector sanitario e veterinario, ou mulleres que se dedican ao coidado de nenos están expostas a estes riscos.
- QUÍMICOS: Fármacos para o tratamento do cancro e substancias como o arsénico, o benceno, carbarilo, mercurio orgánico, dietilestilbestrol, gases anestésicos, hidrocarburos clorados, monóxido de carbono, praguicidas organofosforados, sulfóxido de dimetilo, así como diversos disolventes, vernices, pinturas, metais e outros tóxicos están recollidos na bibliografía médica como substancias de alto risco para a embarazada. Nas ocupacións agrícolas, profesións sanitarias e artesanais é onde se acumula maior risco.
- AMBIENTAIS: Afecta a quen traballa en ambientes laborais con atmosferas modificadas (como as azafatas) pero sobre todo a quen realiza horarios nocturnos ou rotatorios. Nestes casos, e sempre que sexa posible, trasladarase a embarazada á quenda de día.
- PSICOSOCIAIS: Entre estes riscos destaca traballar con moito estrés laboral e durante longas horas ou en soidade.
- ERGONÓMICOS: Traballar sempre de pé, sempre sentada ou en posturas forzadas.
O alcance dos riscos laborais para a saúde materno-fetal é notorio. O risco de aborto espontáneo, de parto pretermo (antes da fin do tempo de xestación), de neonatos con malformacións (labio leporino, padal fendido ou defectos do tubo neural), baixo peso, ou mesmo a morte fetal, son algúns dos perigos que poden supor non asumir nin actuar fronte aos riscos descritos. Así mesmo, a deficiente protección da muller embarazada no traballo non só pode carrexar estas consecuencias inmediatas, senón que tamén comprende un impacto máis alá do período perinatal con perigo de ramificarse ata a infancia co desenvolvemento de tumores cerebrais infantís, cancro e leucemia.
Calquera muller embarazada que sospeite que a súa situación laboral é prexudicial para a súa saúde ou para a do feto debería consultar ao seu médico, que determinará se precisa unha baixa laboral temporal ou incapacidade laboral transitoria durante a xestación.
O médico de familia tomará esta decisión se a causa é médica, como unha lumbalxia ou ciática, molestias habituais durante o embarazo. O xinecólogo determinará unha baixa laboral se observa unha causa obstétrica, como sangrado durante o embarazo ou risco de parto prematuro. O médico do traballo ou da unidade de saúde laboral da empresa -aínda que non adoita ser o médico protagonista na xestación- determinará en mulleres que traballan en profesións de risco, como a industria química ou exposicións a axentes nocivos, se precisan unha baixa laboral ou cambiar de departamento mentres se prolongue a xestación.
A traballadora embarazada debe informar á empresa do seu estado. A organización debe velar pola súa protección mediante a identificación dos riscos e adaptación das condicións ou do tempo de traballo da empregada, ou ben mediante un cambio de posto de traballo. En casos máis extremos, pódese valorar a opción dunha suspensión de contrato por risco durante o embarazo ou lactación natural. Neste caso, a muller poderá tramitar un subsidio. A este respecto, distínguense dous tipos de situacións:
É aquela na que o embarazo amosa unha evolución clínica con problemas, é dicir, trátase dun embarazo de risco de por si ou cun risco xenérico. Nese caso, a traballadora embarazada poderá recibir unha incapacidade temporal por enfermidade común. Deste xeito, a muller cobrará o 75% do último soldo. Adoitan ser subsidios de curta duración que se prolongan ata o momento do parto, tras o cal se inicia a baixa por maternidade, que actualmente é de 16 semanas.
Suspensión de contrato e subsidio por embarazo de risco
Nesta situación, a evolución clínica do embarazo é normal, pero dáse o caso de que a fonte de risco no embarazo ou na lactación natural é a exposición laboral. Ante esta situación, sempre que a empresa non contemple postos de traballo exentos de risco, a traballadora embarazada terá dereito a unha suspensión do contrato e a un subsidio durante o embarazo ou a lactación materna, cobrando o 100% do seu salario.
- Evitar esforzos, movementos repetitivos ou bruscos e erguer pesos.
- Se traballa sentada, cómpre erguerse e camiñar cada certo tempo para activar a circulación.
- Se traballa de pé, hai que sentar de cando en vez para diminuír o grao de fatiga e camiñar para que non se carguen as pernas.
- Beber auga e tomar refrixerios nutritivos sempre que sexa posible.
- Non se saltar comidas por traballo.
- Pedir axudas ergonómicas, como un alzapés, unha cadeira e un teclado axeitados, que axuden a soportar mellor posturas estáticas e movementos repetitivos na oficina.
- Evitar horarios nocturnos e extensos e mais as horas extras.
- Delegar sempre que sexa posible as tarefas estresantes.
- Informar á empresa da necesidade de manter os controis xinecolóxicos.
- Concederse tempo para facer estiramentos, exercicios de relaxación e de respiración.
Varias leis avalan os dereitos da muller embarazada. Entre outras, a Lei xeral de sanidade de 1986, a Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais, a Lei 39/1999 para a conciliación da vida laboral e familiar das persoas que traballan, o Real Decreto 1251/2001 polo que se regulan as prestacións da Seguridade Social por maternidade e risco durante o embarazo e a Lei 3/2007 de igualdade efectiva de mulleres e homes.
A Lei de prevención de riscos laborais establece que, cando sexa posible, se traslade á traballadora embarazada en situación de risco laboral a outro posto dentro da empresa e, en caso de que non sexa posible, que se suspenda o contrato de traballo e que se inicien os trámites de obtención do correspondente subsidio de risco durante o embarazo.
A Lei de igualdade e de conciliación da vida familiar e laboral establece a nulidade dos despedimentos á muller por embarazo ou lactación natural. Así mesmo, recoñece o risco durante o embarazo e a lactación como causa para suspender o traballo e ter dereito a recibir unha prestación de ata o 100% do salario da base reguladora da incapacidade temporal.